A carón da Ponte da Condesa
Vaipolorío suma outra marca máis no seu meritorio palmarés de logros: unha década organizando charlas divulgativas sobre o amplo repertorio de herbas que conforman o cacho de San Xoán. Unha década de labor pedagóxico que tamén tivo a súa ardua faceta de documentación, visitando cada unha das parroquias regadas polo río Tomeza/Gafos e entrevistando a quen podía achegar información sobre as plantas medicinais e aromáticas empregadas na noite máis máxica do ano para obter unha auga con propiedades beneficiosas coa que lavarse ao amencer, logo de permanecer ao aire libre captando a rosada da madrugada.
Pero non é polo que se poida aprender -que tamén!- sobre as cualidades sandadoras do hipérico, da menta ou da herba luisa, sobre o potente tinte da nogueira, sobre o valor simbólico da folla de viña ou de castiñeiro para o sustento diario en épocas pretéritas, ou sequera sobre o efecto decorativo dos pétalos de rosa, entre outras moitas plantas (as máis repetidas polas informantes suman 23 especies neste abundante cacho proposto por Vaipolorío).
Por riba de todo isto cómpre destacar a relevancia académica e humana de quen imparte esta charla, o profesor de ciencias naturais e educación ambiental Amancio Castro. Ademais dun fondo coñecemento sobre a flora, a fauna e a biodiversidade do Gafos en particular e sobre a natureza de Galicia en xeral, está a súa capacidade para transmitir esa sabedoría de xeito ameno e asequible. Nas súas intervencións mestúranse comentarios sobre a procedencia das plantas, os seus usos tanto no plano doméstico como na farmacopea científica, e a nivel antropolóxico ata as crenzas ou supersticións que se lles foron atribuíndo popularmente.
Todo isto mesturado con entrañables anécdotas dos seus tempos como mestre nas diversas escolas onde a rapazada tivo a sorte de contar cun profesor tan ‘enrollado’.
Nós tamén quereriamos ter un mestre que, dun xeito sutil e efectivo, lograse que o cheiro fedorento da ruda se acabara convertendo en auténtica devoción polo arrecendo da planta, polo simple -que non inocente- xesto de tela presente na aula durante todo o curso. A verdadeira educación, a que perdura para sempre, é a que se cultiva día a día, a lume manso. Como os dez anos que Vaipolorío leva ‘encantando’ adeptas e adeptos da tradición das herbas de San Xoán.
[…] é tradición achegarnos cada 23 de xuño onda Amancio Castro e outros integrantes do colectivo Vaipolorío como Ramón Laxe e Xosé M. […]
By: O CACHO ‘ENMASCARADO’ DE SAN XOÁN, CON VAIPOLORÍO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 23/06/2020
at 23:53