Publicado por: MontePituco | 30/10/2015

PENDENTES DAS CATAS ARQUEOLÓXICAS NO MONTE PITUCO

Escrito ao Servizo Provincial de Patrimonio da Xunta

Este venres 30 de outubro a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO presentou un escrito dirixido ao Servizo Provincial de Patrimonio da Xunta, con tres obxectivos:

-Reclamar unha copia do expediente referente ás afeccións arqueolóxicas nas obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga promovidas por ACUAES, que están sendo acometidas pola empresa Construcciones Ortiz. Esta documentación inclúe o informe técnico sobre as eivas observadas no control arqueolóxico do xacemento de Pinal de Caeiro; un informe técnico cuxo resultado lle trasladaremos ao Concello de Marín para probar que a alcaldesa María Ramallo mentiu cando, no Pleno da Corporación Municipal do mes de setembro, afirmou que “a obra está perfectamente vallada”.

-Que se lle traslade á empresa adxudicataria das obras o citado informe de Patrimonio requerindo a corrección das eivas detectadas no control arqueolóxico dos gravados rupestres de Pinal de Caeiro. De nada serve que o salario dun arqueólogo da Xunta -pagado cos impostos dos galegos e galegas- sirva para elaborar un informe que, sospeitosamente, quede aparcado nun caixón…

-Que agora que as obras de ACUAES están a continuar de cheo polo Monte Pituco, atravesando a zona na que se aterrou ilegalmente un petroglifo na época da construcción da Variante de Marín, a Administración cumpra coa súa función de velar pola protección e conservación do patrimonio histórico-cultural; que non se volva repetir aquel grave erro no que, coa connivencia da Comunidade de Montes de San Xulián, e co Servicio Provincial de Patrimonio mirando daquela para outro lado, se volcaron toneladas de terra sobre un gravado rupestre que tería que estar catalogado e clasificado como Ben de Interese Cultural, ao mesmo nivel que a mesmísima catedral de Santiago.

Esta semana a empresa Ortiz ten previsto continuar furando no Monte Pituco para avanzar na instación das tubarías. Sen embargo, non hai ningún signo das catas arqueolóxicas que o Servizo Provincial de Patrimonio lle obrigou a facer para “localizar” o petróglifo soterrado; a empresa, pola súa parte, pretendía restrinxir os sondeos exclusivamente ao trazado da obra.

A ASOCIACIÓN MONTE PITUCO xa advertira nas súas alegacións ao proxecto, presentadas o 19 de novembro de 2014: 

“Para evitar que se pueda consumar la destrucción de este elemento prehistórico al realizar cualquier maniobra inoportuna vinculada a las obras previstas, esta Asociación demanda la realización de una prospección arqueológica previa en la zona afectada para delimitar el perímetro de protección de este yacimiento”.

…Non é un capricho da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO. Na normativa urbanística establécese, de forma xenérica, unha protección de 200 metros en torno ao petróglifo afectado:

“Las áreas de protección para los elementos puntuales (…) estarán constituidas por una franja con una profundidad medida desde el elemento o vestigio más exterior del bien que se protege de: (…) 50 metros cuando se trate de elementos etnográficos (…) 100 metros cuando se trate de elementos de arquitectura religiosa (…), civil (…) y arquitectura militar (…) y 200 metros cuando se trate de restos arqueológicos”.

Ademais, no propio “Proyecto segregado del nuevo abastecimiento de agua a Pontevedra y su ría (margen izquierda) Marín” xa se marcan unhas pautas de actuación no apartado titulado “Medidas de protección del patrimonio cultural”:

“Tras la realización del inventario del patrimonio cultural en las zonas próxinas a la ubicación del proyecto, se produce afección a las zonas de protección de elementos catalogados. Esto conlleva que PREVIAMENTE AL INICIO DE LAS OBRAS, se deberá realizar un PROYECTO DE ACTUACIÓN ARQUEOLÓGICA que deberá ser aprobado y autorizado por parte de la Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

En efecto, existe un proxecto de control arqueolóxico, foi aprobado por Patrimonio e está pendente de execución. Pero que non pase como no control arqueolóxico do treito das obras en Pinal de Caeiro, que as fotos do balizamento e a data do escrito dirixido pola ASOCIACIÓN MONTE PITUCO perante Patrimonio teñen unha data anterior á dos traballos de control arqueolóxico; é dicir, que non se poña o carro antes dos bois; ou o que é o mesmo, que furen primeiro e veñan coas catas arqueolóxicas despois…

A empresa ten previsto retomar os traballos o martes día 3 de novembro para continuar abrindo gabias e introducindo tubarías. A venres 30 de outubro non había ningunha evidencia sobre o terreo de que estiveran actuando arqueológos: ningún sondeo no terreo, ningún movemento de terras á parte do desbroce da zona. Preocupante situación. Veciños e veciñas, ollo avizor. E unha encomenda dende o Servizo Provincial de Patrimonio: estar pendentes das actuacións que se fagan e -no caso de observarse calquera anomalía- avisar de inmediato a Patrimonio, que paralizaría as obras.

Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO co-responsabilizamos a Comunidade de Montes de San Xulián do correcto desenvolvemento dos traballos: porque son coñecedores da obrigatoriedade de realizar un control arqueolóxico previo ás obras, porque visitaron o lugar para ter un coñecemento aproximado do lugar no que se atoparía o petróglifo soterrado, porque teñen o deber de velar pola protección do patrimonio da parroquia e aquí no pasado produciuse un caso flagrante de neglixencia que agora cómpre reparar; ou cando menos, intentalo co maior interés.

Obras de ACUAES no Monte Pituco.

Obras de ACUAES no Monte Pituco.

Obras de ACUAES no Monte Pituco.

Ademais dos tubos depositados ao longo do trazado da gabia que se abriría no terreo, outro cambio recente na fisonomía da zona é o desbroce do tendido de alta tensión… que nesta zona coincide co trazado das obras de ACUAES.

Obras de ACUAES no Monte Pituco.

Obras de ACUAES no Monte Pituco.

…Precisamente, o desbroce da liña de alta tensión apréciase tamén no atallo ata o miradoiro do Pornedo.

Desbroce do tendido de alta tensión.

E outro aspecto no que se aprecia o paso das tubarías de ACUAES polo Monte Pituco é na mellora do firme da pista forestal do Monte Pituco porque a empresa adxudicataria das obras ten a obriga de repoñer os viais que levanta.

Pista do Monte Pituco trala obra de ACUAES.

…Pero a mellora da pista forestal do Pituco era un compromiso da Comunidade de Montes de San Xulián moi anterior ao paso das tubarías da rede de abastecemento de auga. Outra cousa é que a Comunidade de Montes se beneficie dese proxecto para obter melloras que, doutro xeito, tería que financiar cos seus propios recursos económicos. Á ASOCIACIÓN MONTE PITUCO non lle compete xulgar, nin valorar, nin cuestionar se os acordos coa empresa Ortiz son propicios ou viciados.

Pero de ningunha maneira o patrimonio do Monte Pituco é moeda de cambio de ningún acordo. A protección do patrimonio histórico e cultura da parroquia e do monte veciñal é innegociable e irrenunciable. 


Respostas

  1. […] en 2015 ACUAES extendeu polo Monte Pituco as canalizacións da nova Rede de Abastecemento de Auga, aqueles […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: