A xornada preséntase co ceo toldado e unha temperatura suave. Semella un tempo óptimo para pasar a mañá nunha ‘illa d’A Illa’, sen arborado nin vexetación que lle ofreza sombra aos visitantes. O itinerario en lancha permite gozar dende a ría da proximidade dos barcos mexiloeiros e das embarcacións a vela que fondean no porto de Xufre.
Unha sorprendente xeografía litoral bordea A Illa: o faro de Punta Cabalo construído en 1852, o Parque Natural de Carreirón na parte sur…
A impoñente xeografía litoral d’A Illa, con enormes formacións graníticas aflorando directamente dende a ría
O abraiante penedo que se sostén en tres puntos de apoio
As bateas, sinónimo de riqueza económica e cultural na ría de Arousa
O sector mexilloeiro é unha das bases da economía local, xunto co marisqueo a pé e a flote, e as artes menores de pesca.
O illote Areoso recíbenos con moita serenidade nas súas solitarias praias de area fina. O público que accede a este espazo faino en embarcación privada ou canoa. Polo carácter especialmente sensible deste pequeno hábitat, sería comprensible que houbese un cupo diario de visitas. En todo caso, a presenza desta pequena excursión conta co visto e prace das autoridades de Patrimonio e Medio ambiente, polo control que fan dos accesos organizados dende as empresas turísticas.
Malia que varios carteles advirten da presenza de aves nidificando, incubando os seus ovos e criando os polos, algúns visitantes actúan de xeito irresponsable internándose na área restrinxida a risco de esmagar as postas e as propias aves, cuxo color e pequeno tamaño é moi difícil de distinguir entre a area.
Precisamente, a gavita é unha das especies protexidas que aniña preto da mámoa número 4, un dos túmulos que se conservan en Areoso, coñecida como ‘a illa dos mortos’ pola presenza de restos megalíticos que foron excavados en sucesivas campañas e reforzado algún deles con muros de contención para protexelos da forza das mareas, que vai arrebatando aos poucos estes pedazos de prehistoria.
A mámoa nº4, en espazo restrinxido, fotografada con zoom dende a zona de penedos na baixamar
Á espera de que pase o 15 de agosto para que a parte da illa con maior presenza de restos arqueolóxicos se poida volver visitar, outras pedras -nun sentido máis rústico- admiten unha demorada contemplación, polas curiosas formas que lles foi imprimindo a erosión no transcurso do tempo.
Variada e valiosa representación da biodiversidade, tanto de flora como de fauna mariña…
Unha illa que é un pequeno paraíso que cómpre protexer e conservar…
Logo dunha experiencia tan enriquecedora, chega o momento de retornar. O tempo pasou voando, nunca mellor dito, entre gaivotas, cons de caprichosa fisonomía, patrimonio milenario, e moita riqueza animal e vexetal.
Coa silueta do Monte da Curota no horizonte
Xa de volta á ‘civilización’, paga a pena visitar o Faro, as praias e outros recursos naturais que ofrece A Illa. Malia que pequena, merece un tempo para coñecela a fondo…
[…] Diversos carteis prohiben acceder a este espazo ata pasada a primeira quincena, malia que na primeira visita comprobamos con indignación que varios usuarios facían caso omiso da […]
By: VISITA AO ILLOTE AREOSO (II) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 28/08/2018
at 22:55