Logramos defender e salvar o Monte Pituco (Pornedo) malia de carecer de competencias académicas en materia de fauna e flora, a pesar de non sermos expertos en patrimonio arqueolóxico, nin técnicos en análise de terreos nin curvas de nivel, nin moito menos titulados na farragosa lexislación urbanística, como tampouco houbo ‘masters’ dos que tanta controversia xeran actualmente a conta dos políticos que inflan os seus currículum con estudos que non cursaron.
Pero se algo fixemos ben nos últimos oito anos foi rodearnos de bos ecoloxistas e biólogos, arqueólogos, enxeñeiros, abogados e outros expertos en saberes vencellados á natureza e á paisaxe, á historia e á cultura, á ciencia e ás letras. De todas e todos eles aprendemos e seguimos nutríndonos e abraiándonos ante os novos coñecementos que o Monte Pituco nos vai deparando.
Cos valiosos e xenerosos consellos e informes destes profesionais e especialistas conseguimos convencer os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da imperiosa necesidade de protexer e conservar o ‘balcón da ría’. Ningún polígono industrial -nin do Concello nin da Xunta- conseguirá roubarnos a beleza das súas vistas, os tesouros do seu pasado milenario, a biodiversidade dunha contorna irrigada por numerosos mananciais.
Un novo capítulo nesta inesgotable fonte de sorpresas que é o Monte Pituco e os seus aledaños ten nome propio, con reminiscencias case mitolóxicas: “Saturnia pavonia”. Foi José Rodrigo Dapena, membro da Sociedade Galega de Historia Natural, quen nos axudou a identificar -benditas redes sociais cando se empregan para facer ben!- esta fermosa bolboreta nocturna que, milagreiramente, sobreviviu a un involuntario percance doméstico.
Rescatar esta beleza voadora e darlle a oportunidade de completar o seu ciclo vital cunha abondosa posta de ovos foi unha oportunidade excepcional que nos brindou a providencia. Agora, nas boas mans dun apaixonado dos lepidópteros, quizais teñamos a posibilidade de seguir a evolución das futuras larvas que nazan e de seguir a súa conversión en crisálidas para finalmente despregar as súas ás na fase adulta.
…Así pois, moita atención á bitácora “Volvoretas e eirugas“!
A área xeográfica con presenza da Saturnia pavonia abrangue dende Europa Occidental ata Siberia Oriental. Na Península Ibérica atópase no terzo norte, ademais de Cataluña, Levante, unha boa parte de Aragón e Andalucía, ademais do norte de Portugal.
A Saturnia pavonia ou pavón nocturno é un dos tipos de grandes bolboretas nocturnas, entre as 1.500 especies que hai descritas en todo o mundo, das cales só 5 teñen o seu hábitat no continente europeo.
Os individuos masculinos teñen unha envergadura de 50 a 58 mm, que pode chegar a 75 cm no caso das femias. Mentres que os machos teñen unhas antenas cunha clara forma de peite, un abdome máis menudo e cor amarela-alaranxada na parte posterior das ás, as féminas de Saturnia pavonia son dun aspecto máis grisallo.
Os ovos, cun tamaño non superior aos 2 mm e dunha cor entre branco e gris, tardan uns 10-14 días en eclosionar. Deles sairán unhas larvas ou eirugas de cor negra, con manchas alaranxadas aos lados, e cun tamaño duns 2-3 mm que chegarán a medir uns 60 mm de lonxitude. Logo de alimentarse da parede do propio ovo, irán medrando ata que o seu corpo verdoso se cubra de pelos amarelos, rosados ou alaranxados, ademais de espullas.
A chamada pupación ou ninfose producirase a comezos do outono no interior dun resistente casulo de seda con forma de pera, tecido sobre a planta nutricia, que pode ser carrasco (calluna vulgaris, erica), árbores (salgueiro, endrino, espiño albar) ou arbustos (silveira ou arando).
Os adultos xa estarán voando na primavera seguinte, a partir de marzo, podendo chegar a altitudes de ata 2000 metros. Mentres que o macho é diurno e voa trazando unha liña en zigzag, a femia ten hábitos nocturnos e mantense en repouso durante o día.
Fonte: Asturnatura
Máis información: Saliencia
Creo que hai algún erro na noticia, que pon as medidas en centímetros. Si é así, vaia boitre.
By: julio on 17/04/2018
at 12:10
Pois remitímonos á fonte da información, “Asturnatura”, que indica esas medidas en centímetros: https://www.asturnatura.com/especie/saturnia-pavonia.html
Pero efectivamente atopamos outra referencia que marca unhas dimensións similares, pero en milímetros.
https://saliencia.blogspot.com.es/2012/07/mariposas-saturnia-pavonia.html
Non atopamos moita máis bibliografía ao respecto. Grazas pola apreciación.
By: MontePituco on 18/04/2018
at 07:20