Publicado por: MontePituco | 24/07/2018

PETROGLIFO DE PENIZAS

Calco do petróglifo de Penizas (Antonio de la Peña)

Petróglifo de Penizas

O libro “Petroglifos e outras prehistorias” describe o petroglifo de Penizas como un “gravado de pequenas dimensións que presenta un par de combinacións circulares”. Situado no outeiro “máis meriodional” deste monte, en terreos da parroquia de Santa María do Campo, a publicación de Álvaro Arizaga e Xulio Abal xa evidenciaba en 2007 a ausencia de camiños que conduciran a este xacemento.

O Concello de Marín, que tanto presume das súas rutas turísticas, promociona na web municipal e mais na páxina de Terras de Pontevedra que Penizas posúe un roteiro para sendeiristas que tamén conta con seguidores entre os afeccionados á bicicleta de montaña. Sen embargo, en ningures se informa aos visitantes desta paraxe que existe un petróglifo catalogado, e por tanto, inscrito como Ben de Interese Cultural.

Como a inmensa maioría do patrimonio rupestre do municipio atópase en zonas rurais -sendo San Xián a parroquia coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos-, este gravado permanece no máis absoluto abandono, rodeado de vexetación (fento, toxo) e de especies pirófitas (piñeiros, eucaliptos) que o expoñen a ser pasto fácil das lapas e da destrucción segura en caso de producirse un incendio. Xa se ten criticado reiteradamente: o Concello de Marín só ten ollos para os petroglifos de Mogor.

Por moito que estea oficialmente inventariado, a ausencia de interese por parte do Goberno local para dalo a coñecer e por coidalo, como sería a súa obriga, condénao a pasar desapercibido e a non existir a ollos da veciñanza e dos turistas, agás para os entusiastas da cultura e do patrimonio histórico que saben da súa existencia.

Para cando a posta en marcha do Plan de Protección do Patrimonio aprobado no Pleno da Corporación?

Por que os promotores políticos do Plan -máis discreto que potencialmente efectivo en termos teóricos- renunciaron a desenvolver unha estratexia ambiciosa e global para os xacementos arqueolóxicos que temos a sorte de posuír no noso termo municipal?

Que inexplicable motivo ‘xustifica’ que non se teñan en conta os coñecementos dos expertos en patrimonio local/comarcal e dos colectivos de defensa do patrimonio para compensar as eivas das comunidades de montes -as únicas convocadas ás xuntanzas- no que respecta polo menos á localización dos xacementos?

A que agarda o Concello de Marín para actualizar no seu Planeamento Urbanístico a localización, identificación e descrición dos elementos catalogados que están erroneamente recollidos, e para incorporar os novos xacementos descubertos e recoñecidos a nivel oficial polas autoridades de Patrimonio?

Vista do Pornedo e da Encavada dende Penizas

Dende diversos puntos de Penizas divísanse excelentes vistas do Pornedo (Pituco) e do Alto da Encavada. No val situado entre ambos montes exténdese a parroquia de San Xián, que aínda conserva unha importante produción agrícola.

Da capacidade de xestión do Goberno local depende aproveitar os recursos do rural marinense -natureza, cultura, paisaxe- para artellar políticas eficaces que xeren dinamismo e riqueza en termos de sostibilidade e de respecto ao medio.

Vista do Pornedo e da Encavada dende Penizas

Vista do Pornedo e do Alto da Encavada dende o miradoiro natural de Penizas situado sobre un abrigo rochoso cuxa antigüidade se remonta ao Calcolítico

Vista da Encavada dende Penizas

O Alto da Encavada no horizonte dende a aba do Monte Penidas preto do lugar da Moreira, onde recentemente se realizaron traballos de desbroce.

Vista do Pornedo dende Penizas

Silueta do Monte Pituco no horizonte, vista dende a aba do Monte Penizas, preto do lugar da Moreira


Deixar un comentario

Categorías