Máis que proveitosa foi a visita que realizamos ao Monte de Couso, en Gondomar, grazas á convocatoria do colectivo Rexeneración Autóctona do Val Miñor. Os guías da ruta -que partiu dende o miradoiro de San Antoniño- foron o presidente da Comunidade de Montes de Couso, Xosé Antón Araúxo; Xesús Rodríguez, do Instituto de Estudos Miñoráns; e o educador ambiental Afonso Rodríguez.
Os promotores da actividade celebraban así o fin da súa primeira tempada de traballo, que comezou neste pasado outono de 2017. Trátase dun grupo de xente organizada para “axudar á protección e rexeneración das zonas afectadas polos lumes”, mais tamén para “fomentar un cambio de mentalidade” con respecto á xestión dos montes desa bisbarra “baseada en criterios medioambientais e no ben común, na protección do territorio, na recuperación dos ecosistemas, e non tanto na produtividade”, citan entre os seus obxectivos. Nese sentido, apostan polo aproveitamento “racionalizado e consciente” dos recursos forestais.
A primeira parada foi ante o petróglifo do Sobral, cuxa orixe se remonta, como outros gravados rupestres, a 2.500 anos a.C. Neste xacemento catalogáronse figuras xeométricas, coviñas de varios tamaños, liñas e círculos na parte alta e nos laterais do afloramento granítico, destacando a presenza de varios zoomorfos de trazos esquemáticos que representan cola, lombo, pescozo, patas, orellas e cornos de polo menos dous animais. Estas feituras son características da zona costeira do sur da ría de Vigo e do norte de Portugal, segundo explica o panel informativo instalado polo IEM.
Os petróglifos de Real Seco e das Portaxes de Tebra, no Monte Tetón (Tomiño), xunto cos do Outeiro dos Lameiros (Baiona) e a Pedra das Procesións (Gondomar), son outras representacións salientables nas próximidades.
Imaxe do gravado con luz natural, e á dereita, con luz artificial en horario nocturno
Cronoloxía das sucesivas épocas prehistóricas, nun mural presentado polo IEM
Abrótega en flor (Asphodelus albus) nos montes de Couso
Carballo turco (Quercus cerris)
No alto, o Castro do Facho, ao que tamén se accede pola parte superior, onde se atopan o foxo e a muralla do poboado
En Couso atópase un dos maiores soutos da contorna. Nesta visita, o presidente da Comunidade de Montes descubriu con preocupación que numerosos exemplares de castiñeiro están afectados pola avespa chinesa (Dryocosmus kuriphilus), que dana as árbores depositando nelas os seus ovos. Ata este momento non había constancia da presenza desta praga no Val Miñor.
Coa chegada da primavera, fórmanse unhas protuberancias encarnadas, ou agallas, que merman considerablemente a produción de castañas, podendo mesmo chegar a provocar que o castiñeiro seque se o ataque se cronifica no tempo. Para combater a incidencia este insecto foráneo que dende hai anos vén causando estragos noutros países europeos, estase actuando a nivel biolóxico coa solta doutra avespa chinesa, a ‘Torymus sinensis‘, depredadora da anterior.
Distintas tonalidades de verde decoran o bosque autóctono coa chegada da primavera
Flores de carpaza (Cistus psilosepalus) e pereira brava
Sobreira e piñeiro americano
A mámoa de Outeiro da Pipa forma parte dun conxunto de enterramentos megalíticos situados no Monte de Couso, preto do linde co Monte Malvas, pertencente ao concello de Tui. Cunha antigüidade superior aos 6500 anos, estes túmulos estaban formados por unha cámara funeraria feita con lousas de pedra -ortostatos-, cuberta de terra e dunha coiraza exterior a base de pezas de seixo ou cuarzo.
En Galicia hai máis de 4000 mámoas catalogadas; practicamente todas foron ‘violadas’ dende os séculos XVII-XVIII por parte dos buscadores de tesouros para apropiarse dos obxectos valiosos que formaban parte do enxoval co que eran enterrados os defuntos.
Ademais de petróglifos e mámoas, no Monte de Couso tamén hai catalogado un asentamento castrexo, o castro do Facho, que non chegou a ser excavado. Este tipo de poboados comezaron a formarse entre finais da Idade do Bronce e a Idade do Ferro, e a chegada dos romanos.
Sitúase nun enclave privilexiado, con amplas vistas que abranguen dende os montes de Portugal na outra beira do río Miño, ata as serras do Galiñeiro e da Groba, pasando polo arquipélago de Cíes. Todo o Val Miñor -co val do Tebra- está aos nosos pés.
Na última parte da ruta, integrantes de Rexeneración Forestal Autóctona do Val Miñor comprobaron o estado da plantación realizada o pasado mes de outubro na ladeira do Facho: unhas 200 plantas, entre carballos, loureiros, acivros, abeleiras e outras especies. Nesta acción contaron coa colaboración da Comunidade de Montes de Couso, Verdeval e viveiros de Baíña e Chandebrito. De cara a próximas tempadas, contan con ampliar os acordos ás Comunidades de Montes de Camos e de Donas.
“Pensamos que as actuacións das institucións son lentas e ás veces insuficientes ou ineficaces. Que hai moitos intereses polo medio neste sector que fan que as Administracións se perdan en debates políticos e legais que nos arredan dos obxectivos: queremos o monte, queremos reforestalo e recuperar os nosos bosques autóctonos e o que traen con eles: animais, plantas, auga, biodiversidade, cultura propia…
Estamos abertas as proposicións das Comunidades de Montes, propietarios/as forestais e outras partes implicadas, e ofrecemos a nosa colaboración para diversas accións: axuda en accións de protección e rexeneración do solo; recollida, sementeira e plantación de árbores e arbustos autóctonos; presentación de proxectos alternativos de xestión forestal; organización de eventos informativos, educativos, lúdicos, busca de información técnica con persoas expertas”.
Principios de Rexeneración Forestal Autóctona do Val Miñor, expostos no seu grupo aberto en Facebook
Dende Defende o Monte Pituco parabenizamos a directiva da Comunidade de Montes de Couso, cuxo labor vimos seguindo dende hai anos a través da prensa, que se fai eco das súas exemplares iniciativas: posta en valor do patrimonio arqueolóxico (todos os xacementos visitados nesta andaina foran previamente desbrozados), sustitución de eucaliptos e acacias por especies autóctonas frondosas, diversificación dos aproveitamentos forestais coa introdución de cultivos (shiitake, froitos do bosque), rutas de sendeirismo, actividades de educación medioambiental para escolares, xornadas de formación (cursos de inxerto de castiñeiros, de cultivo de cogomelos)…
Dez anos de traxectoria moi frutíferos, sendo un referente en Galicia no desenvolvemento dun monte multifuncional e que contribúe á dinamización da economía local.
Deixar unha resposta