Momentos, lugares, sensacións, experiencias. Mosaico de recordos do 2019, coas súas cousas boas e menos boas… como tamén as terá o ano vindeiro.
Feliz 2020 aos amig@s do ‘balcón da ría’!
Momentos, lugares, sensacións, experiencias. Mosaico de recordos do 2019, coas súas cousas boas e menos boas… como tamén as terá o ano vindeiro.
Feliz 2020 aos amig@s do ‘balcón da ría’!
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Pensamentos
[Animámoste a ler este ‘dobre’ relato: en negro, o texto conmemorativo dos 10 anos desta bitácora; en azul, algúns aspectos da situación actual do monte na perspectiva da década transcorrida]

Tala a matarrasa realizada o pasado verán pola Comunidade de Montes na ladeira do Pornedo e nunha ampla extensión adxacente. Feita unha recente repoboación cunha técnica de regos lonxitudinais que causaron unha gran erosión e escorrentía tralos últimos temporais, como resultado da cal parte dos plantóns de piñeiro quedaron asulagados pola terra.
“O Monte Pituco está en perigo”. É a frase que inaugurou, o 29 de decembro de 2009, o blog Defende o Monte Pituco. As palabras daquel primeiro artigo abrollaron da necesidade, da anguria e da indignación entre as paredes dun pequeno habitáculo marinense, que foi a cociña de centos de publicacións, ducias de solicitudes e laboriosas alegacións administrativas durante os primeiros anos desta lideira. O esforzo físico, mental e económico realizado foi ímprobo; incuantificables os días e as horas dedicados, solitariamente, co único propósito de frear o proxecto de construcción dun polígono empresarial que tería arrasado o ‘balcón da ría’.
E froito dese traballo incansable malia os numerosos atrancos, máis a profesionalidade dun equipo xurídico experto e comprometido, ese obxectivo acadouse oito anos despois, con senllas sentenzas firmes do TSXG contra o Concello de Marín e a Xunta ordeando a anulación daquel despropósito. Quedaron desacreditados aquel alcalde que sistematicamente se negou a recibirnos para evitar dar unhas explicacións das que carecía, aquel edil de Parques e Xardíns segundo o cal o Pituco era o sitio “máis chan” de todo Marín para construír ese equipamento, aquel concelleiro de Urbanismo de dubidosa pelaxe nacionalista disposto a “desafectar” o Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo se tal figura de protección ambiental fose un impedimento na viabilidade do polígono, aquela alcaldesa que presumía de que o Goberno galego o incluía nun plan sectorial autonómico…

Neste recheo realizado durante a construcción da Variante de Marín foi soterrado o petróglifo da Pena que quedou pendente de catalogación. As mesas, os asadores e a fonte que se instalaran como ‘compensación’ foron desmantelados e trasladados parcialmente á arboreda do Pituco, a carón da estrada.
Tamén quedaron en evidencia a Comunidade de Montes de San Xulián que ansiaba cuantiosos ingresos, unha asociación veciñal e varias empresiñas que alegaron “a favor” da construcción do parque industrial, e algún que outro baldreu que -a falta de argumentos reais- utilizaba as redes sociais para intentar desacreditar e calumniar.

Tradicionalmente o Pornedo foi lugar de extracción de pedra para a construcción de vivendas e outros usos vencellados á actividade agrícola. O colectivo Monte Pituco ten elaborado unha proposta de roteiro para poñer en valor as antigas canteiras, contribuíndo así a potenciar o valor histórico e cultural desta área e o uso social do monte.
Mágoa que nestes dez anos perderamos piares comprometidos na defensa do monte: dona Esmeralda Ruibal, Saturno Vidal e Xan Montenegro non puideron celebrar connosco os éxitos desta ardua loita da que foron partícipes.

Durante a loita contra o polígono tamén se denunciou a inadmisible situación na que se atopaba a ladeira do Pornedo, convertida nun circuíto ilegal e contaminante de motorismo. Aínda que na actualidade segue habendo quen circula de xeito irregular, foi posible erradicar esa práctica masiva e recuperar a vexetación e o uso agrogandeiro do espazo para a veciñanza da contorna.
Tamén quedaron polo camiño figuras cuxos intereses -cambadelas incluídas- ían por outros derroteiros; o tempo sempre acaba poñendo a cada quen no seu lugar.
Porque o que cómpre destacar e agradecer nesta década é a bagaxe positiva: os paseos nas fins de semana -con sol e chuvia, vento e néboa, calor e friaxe- e nos poucos momentos de lecer que converteron o Pituco no monte máis fotografado en moitos quilómetros á redonda; todo o aprendido en materia de flora e de fauna grazas aos libros consultados e ás ensinanzas das persoas expertas que nos asesoran; o patrimonio inmaterial, etnográfico e arqueolóxico descuberto malia o precario estado de conservación no que se atopa polo nulo interese da Comunidade de Montes propietaria dos terreos e das Administracións responsables de velar pola protección dos Bens de Interese Cultural catalogados; ter recuperado a conexión coa natureza e coa paisaxe a través do contacto directo e emocional coa terra, co aire, coa luz do sol, co ceo estrelado, cos regatos e mananciais…

O conxunto rupestre do Pornedo é un dos xacementos senlleiros desta paraxe, pertencente ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A Comunidade de Montes de San Xulián, que chegou a adherirse á iniciativa das comunidades veciñas de Salcedo e de Lourizán na súa posta en marcha (impulsada inicialmente por unha comisión técnica da que formou parte o colectivo Monte Pituco), desmarcouse.
E sobre todo, o maior premio desta longa etapa ten sido a oportunidade de coñecer a especialistas en tantas áreas de coñecemento: arqueoloxía, historia, antropoloxía, ciencias naturais, topografía, dereito, literatura… de forxar amizades incondicionais coas que seguir aprendendo e compartindo andainas, inquedanzas, curiosidades, preocupacións… de ternos mirado no espello doutros colectivos que nos precederon en causas semellantes e nos que atopamos simpatía e alento…

O rego das Presas está ameazado pola intención da Comunidade de Montes de construír un depósito de auga contraincendios, malia a cercanía doutras captacións. Unha zona sensible dende o punto de vista do caudal hídrico que abastece a veciñanza, e das especies de fauna e flora que habitan nesta zona, non se debe alterar por capricho.
O Monte Pituco segue en perigo. Non imos ser tan inxenuos crendo que todo está feito e xa podemos dar por pechada esta batalla… porque a guerra segue! As ameazas vense vir no horizonte por parte daqueles que hai dous anos viron cercenada a súa cobiza, daqueles que nos vetan e censuran, daqueles que buscan a vinganza e a represalia arrimándose ao poder político e económico.

Fronte aos que conspiran nas oficinas e nos despachos por reducir a cinzas o labor destes 10 anos só cabe seguir alerta, velando por este territorio con agarimo e constancia, traballando co mesmo rigor e seriedade para prever e combater futuras agresións, dando a coñecer o ‘balcón da ría’ para que un espazo que antano estaba abandonado siga recibindo cada vez máis visitantes que veñen gozar dos seus valores naturais e culturais.
Vémonos no monte!
GRAZAS!

Publicado en Accións, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Pensamentos

Foi un destacado colaborador do Museo de Pontevedra e contribuíu á descuberta de importantes xacementos arqueolóxicos, como recolleron as III Xornadas pola Protección do Patrimonio de San Xián
O colectivo Monte Pituco vén de presentarlle ao Concello de Marín as conclusións das III Xornadas pola protección do patrimonio de San Xián, dedicadas á figura de Carlos Paratcha Vázquez (Marín, 1900 – 1974), nas que insta o Goberno local a recuperar e a poñer en valor o legado cultural e intelectual deste mestre que destacou polo seu labor de investigación, defensa e divulgación do patrimonio prehistórico marinense.
En marzo de 2020 cumpriranse 120 anos do nacemento de Carlos Paratcha e, dende Monte Pituco, instan a Concellería de Cultura a impulsar un recoñecemento público na súa memoria que contribúa a darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos veciños marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte na actualidade cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos.
Así o destacaron os ponentes das III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, o arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña; e o doutor e promotor cultural de Moraña, José Casal, onde Paratcha exerceu a docencia durante dúas décadas, sendo artífice de grandes achegas á historia e á cultura desa localidade.
Asimesmo, testemuñaron o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén padeceu a represión franquista- destacados persoeiros da época, como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; profesores do Instituto Laboral de Marín como Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; e o polígrafo Elixio Rivas, entre outros.
PATRIMONIO MARINENSE
No que respecta a Marín, débeselle que saísen á luz conxuntos rupestres no Pornedo, Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato.
Moitos destes descubrimentos foron documentados polo propio Carlos Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns deles forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín. Para o colectivo Monte Pituco resulta primordial que o Concello de Marín asuma a catalogación destes documentos, que se garantice a súa conservación e poidan estar a disposición tanto dos expertos como da veciñanza en xeral, dando a coñecer a figura e o labor de Paratcha a través de exposicións e xornadas divulgativas.
Os achados de Paratcha foron noticia en xornais como La Noche e El Pueblo Gallego, ademais de quedar recollidos en publicacións especializadas como “Arqueología gallega” e “Adiciones a la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra” editadas polo Museo de Pontevedra, “Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra” publicada pola Fundación Barrié, ou “Cuadernos de Estudios Gallegos” do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Ademais, a dedicación de Carlos Paratcha á cultura marinense tamén quedou plasmada a través da súa pertenza á directiva do Ateneo Santa Cecilia.
Publicado en Accións, Xeral | Etiquetas: Concello de Marín, Cultura, Patrimonio rupestre

Confiando nas posibilidades de traballar arreo por un mundo mellor
Apostando pola infinita xenerosidade da terra
Xerando oportunidades para coñecer a nosa contorna, a nosa historia, a nosa cultura
Alerta para facerlle fronte ás agresións e ás ameazas por parte de quen só mira polo seu interese, pola súa cobiza
Dando grazas por ser e estar aquí, entre natureza, patrimonio, paisaxe privilexiada.
…Boas Festas dende o ‘balcón da ría’ a quen comparte a defensa do país…
Moitas grazas a tod@s os participantes no II Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’, que superaron a cifra do pasado ano e fixeron que o xurado dedicase un gran esforzo a valorar o material gráfico. Finalmente, as imaxes máis valoradas foron as seguintes…

“A Lúa con Saturno, de ANTONIO COSTA, pola complexidade non só da toma, senón porque tamén amosa o coñecemento de astronomía do autor, facendo ver unha vez máis que o Monte Pornedo é, malia a contaminación luminosa, un bo lugar para gozar do ceo nocturno”.

“Russula ‘pituquense’, de MARÍA LÓPEZ. Unha boa toma na que contrasta moi ben ese ton maxenta co fondo ocre e verde. Ademais disto, por ser como di a autora, un capricho da natureza”.
“A Russula sardonia é un cogomelo moi abundante durante o verán e outono nos piñeirais de chans ácedos dos montes de San Xián, cunha cor púrpura violácea no sombreiro e mais no pé, e con láminas amarelas. O exemplar fotografado presenta unha peculiaridade pouco frecuente de ver: o crecemento dun cogomelo sobre outro. Como pode observarse, non é que se desenvolvese un fungo parásito que dese lugar a un cogomelo dunha especie distinta, senón que se desenvolveu o corpo frutífero do fungo encima doutro xa existente, e en consecuencia da mesma especie. As causas poden ser varias, pero o máis probable é que ocorrese algún tipo de mutación, malformación ou teratoxenia nas hifas que conforman o cogomelo que provocase o nacemento doutro fungo no sombreiro do cogomelo principal, o que resulta tremendamente rechamante e curioso. A fotografía está ben enfocada, nítida e encadrada”.

“O que máis sobresae desta fotografía de GLORIA BOUZÓN é a composición do grupo gozando do solpor na ría dende o Monte Pituco. Estas postas de sol teñen a dificultade de que o horizonte ten moita máis luz que o resto do encadre. O sol está xusto por encima do horizonte cunha luminosidade moito maior, creando fortes contrastes de luces na ría, e nitidez de contraluces das persoas que están a observar, o cal resulta moi fermoso”.

“A vista dende o miradoiro de ÁNGEL GONZÁLEZ destaca polo contraste que hai entre o branco producido pola chuvia e a néboa, co verde do propio miradoiro e mais a persoa que está observando. Alén diso, estamos moi acostumados a ver e facer fotos durante o día, nos solpores e sempre en boas condicións climáticas, como se aquí nunca chovese, cando o encanto da nosa terra está precisamente na chuvia e no verde que esta favorece. Esta foto reflicte ese encanto”.
Dende o colectivo MONTE PITUCO, agradecemos o labor de Francisco Currás e Paulo Troitiño na valoración das fotografías, as súas elaboradas argumentacións e a gran colaboración que lle veñen brindando a este colectivo dende hai tanto tempo.
Dámoslle tamén as grazas a Xermán e a Laura, do Obradoiro Alén das Olas Cerámica, de Marín, pola axuda na obtención dos materiais, na cocción e no esmaltado destas pezas realizadas de forma afeccionada por quen teclea estas palabras. Os motivos representados son fragmentos dos conxuntos rupestres do Pornedo e de Sete Camiños, máis unha recreación do petróglifo da Pena, desaparecido como consecuencia da construcción da Variante de Marín. É o noso xeito de reivindicar e de poñer en valor a riqueza cultural e patrimonial do ‘balcón da ría’.
Os destinatarios destes traballos son as autoras e autores das imaxes destacadas no Certame Fotográfico. Agardamos que sexan do seu agrado e que lles sirvan de estímulo para seguir visitando -e retratando coas súas cámaras- esta contorna.


Detalle do conxunto rupestre do Pornedo

Detalle do conxunto rupestre do Pornedo

Detalle dos petróglifos de Sete Camiños

Recreación do petróglifo da Pena
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Cultura, Medio ambiente, Patrimonio rupestre

A Adega A Capeleira quedou pequena para acoller o público que asistiu á barferencia impartida polo doutor de Moraña José Casal e polo arqueólogo Antonio de la Peña
Estas xornadas non serían posibles sen a participación do arqueólogo Antonio de la Peña e do doutor José Casal

Agasallos ás autoras e autores das imaxes máis valoradas no II Certame Fotográfico O balcón da ría. Grazas ao xurado -Francisco Currás e Paulo Troitiño- polo seu esforzo. Parabéns a Antonio Costa, María López, Gloria Bouzón e Ángel González.

Primeira parada no conxunto rupestre do Pornedo, unha das moitas descubertas do mestre Carlos Paratcha nos montes de San Xián

Nos petróglifos da Carrasca

Moitas grazas a tod@s por asistir a estas III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas a Carlos Paratcha Vázquez. Grazas aos representantes de colectivos que se achegaron: Irmandade Illa de Tambo, A Forneiriña, Queremos Galego Marín, Memoria Histórica de Marín, o obradoiro de cerámica Alén das Olas, Vaipolorío , A Rula…
#DiadoPatrimonio #QueSeVexaOPatrimonio
[Continuará…]
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Cultura, Parroquia de San Xulián, Patrimonio rupestre

O Monte de Champás agárdanos coas súas mellores galas de outono para desfrutar dunha agradable andaina este sábado 16 de novembro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio e como colofón ás III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao mestre Carlos Paratcha.
Paratcha descubriu moitos xacementos prehistóricos na parroquia de San Xián: velaí os petróglifos do Pornedo, da Carrasca e de Champás (antano denominados Carballás e Cachada Grande, respectivamente), mais tamén na Moreira e nao bosque de Cadro… É xusto un recoñecemento ao seu labor, tan descoñecido e silenciado. Para botar luz sobre a súa figura e o seu legado, o doutor José Casal e o arqueólogo Antonio de la Peña protagonizarán a primeira sesión das Xornadas, o venres 15 ás 20:30h na Adega A Capeleira (rúa do Forno, Marín).

Champás nº1, coñecido como ‘Silla de Champás’, descubrimento de Paratcha

Champás nº3, antano Cachada Grande, outro achado de Paratcha
Ao día seguinte visitaremos, con saída ás 10h dende a arboreda do Pornedo, algúns deses interesantes petróglifos que Paratcha descubriu. En Champás, precisamente, destacan a famosa ‘silla’ dende a cal, antes da invasión do eucalipto, se divisaba a ría. E na mesma área, unha importante escena de caza con representación de cervos, que coincide coa penedía anterior na súa ubicación privilexiada no alto do monte.
A “Toponimia de Marín“ do filólogo, profesor e investigador Elixio Rivas sitúa a orixe da palabra Champás no latín ‘campus’, de campiña. No tempo que Rivas pasou facendo o inmenso traballo -valla a redundancia- de campo, visitando toda a xeografía marinense e recollendo milleiros de palabras, xa se refería a Champás como un lugar “con mucho tojo y breves retazos de campiña natural”, cita na súa tese de doutoramento, explicando que se trataba dun terreo moi húmido.
Patrimonio cultural e natural van da man. E nunha estación tan vistosa coma o outono, na que abrolla a auga dos mananciais, agroman os cogumelos e o arborado autóctono que aínda perdura agasállanos con cambiantes tonalidades cromáticas, cómpre gozar das belezas da natureza.

Russula

Trametes versicolor

Ramaria

Clathrus
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: f, Flora, Medio ambiente, Parroquia de San Xulián

Non se cumpriron an absoluto as -máis que expectativas- recomendacións do voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, quen na recente Andaina polo Monte Pituco ao solpor, ao comprobar sobre o terreo a desfeita da tala a matarrasa realizada pola Comunidade de Montes de San Xián durante o pasado verán, amosouse partidario de que o solo se rexenerase de forma natural e a matogueira fose ocupando novamente o espazo. Porque así eran antano o Pornedo e a maior parte dos montes da bisbarra, antes de que a praga do eucalipto invadise o país nunha estratexia absolutamente errada dende o punto de vista ecolóxico, mais cargada de intersees económicos.
“…Pasan por ser ecosistemas propios de gran valor ecolóxico debido a súa rica biodiversidade faunística e florística e pola súa función reguladora e rexeneradora dos seus solos pedregosos e ácedos. A interacción destes ecosistemas polas causas citadas, está a provocar erosión do terreo, perda de capa vexetal, soterros, ruídos, contaminación atmosférica, verquidos de lixo, introducción de vexetación alóctona, e nos monocultivos forestais (eucalipto e piñeiro), por engadido, degradación a medio-longo prazo, nun proceso de varios anos donde ás árbores crecen ata cubrir totalmente o terreo, eliminando e modificando a vexetación orixinaria por exceso de competitividade pola luz, auga e nutrientes, pola cantidade de biomasa caída dende os seus talos e ramas sobre o solo que inhiben que o mato poida crecer ao seu abeiro e cabe tamén a posibilidade por causa da utilización de agrotóxicos para acelerar a súa desaparición” (Luita Verde, xullo de 2007 no diario dixital Vieiros)
Centos de regos paralelos furan agora o Pornedo, sen que a Comunidade de Montes teña exposto en asemblea que perspectivas de futuro trazaría hipoteticamente o Plan de Ordenación nesta parte do monte veciñal. A única ocasión na que se falou dese documento nada se dixo sobre o Pornedo, coa suposta excusa de que o PXOM tíñao clasificado como solo industrial. Dende hai dous anos, senllas sentenzas do TSXG obrigan a Xunta e o Concello de Marín a retirar o proxecto urbanístico ilegal que se cernía sobre o ‘balcón da ría’, mais a Comunidade de Montes non presentou neste tempo ningunha medida sobre a xestión deste espazo.
Mais está claro: a directiva quedou sen o suculento botín da especulación; toca expremer o zume do Pornedo para a industria madeireira. A diferenza doutras comunidades próximas onde se practica unha clara aposta polas especies autóctonas que xeran valor engadido -velaí a función multifuncional tan importante- alén da súa madeira, a través da produción de froitos, en San Xián segue imperando a estreitez de miras: máis especies pirófitas, nula defensa do patrimonio cultural, ausencia de sensibilidade polo valor paisaxístico deste enclave privilexiado.
Publicado en Sen clasificar

El colectivo Monte Pituco programa para los días 15 y 16 de noviembre una ‘barferencia y una andaina dedicadas al legado del maestro Carlos Paratcha Vázquez
Publicado en Hemeroteca, Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Parroquia de San Xulián, Patrimonio rupestre, Prensa

Presentaranse as imaxes destacadas no II Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’, no que se pode participar ata o día 10 do vindeiro mes
O colectivo Monte Pituco celebrará os días 15 e 16 de novembro as ‘III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, dedicadas ao legado do mestre marinense -e experto en arqueoloxía- Carlos Paratcha Vázquez. A primeira sesión será o venres 15 ás 20:30 horas na Adega A Capeleira, coa participación do doutor José Casal e do arqueólogo Antonio de la Peña nunha ‘barferencia’ na que se trazará o perfil biográfico de Paratcha. Trala homenaxe, ao día seguinte, sábado 16, co gallo do Día Mundial do Patrimonio Cultural, realizarase unha andaina a partir das 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pituco, para visitar varios xacementos que descubriu, como os conxuntos rupestres do Pornedo, A Carrasca e Champás.
Coetáneo de persoeiros tan relevantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro, os que foran director e secretario do Museo Provincial de Pontevedra, Xosé Filgueira Valderde e Alfredo García Alén, o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e o lingüista e etnógrafo Elixio Rivas, Carlos Paratcha dedicou boa parte da súa vida a investigar e dar a coñecer vestixios prehistóricos non só de Marín, senón tamén de localidades como Campo Lameiro e Moraña.
Malia a súa valiosa e incuestionable achega á historia e á cultura local, fundamentalmente entre os anos 50 e 60 do século pasado, trátase dunha figura inxustamente descoñecida na vila marinense, onde cómpre que as institucións públicas impulsen un merecido recoñecemento ao seu labor.
A posta en marcha destas Xornadas xurdiuen 2017 pola necesidade de animar á veciñanza a coñecer, aprezar e defender o importante patrimonio cultural e arqueolóxico que posúe San Xián, a parroquia coa maior densidade e diversidade de gravados prehistóricos -algúns de recente decubrimento- non só do Concello de Marín, senón da bisbarra do Morrazo. Na primeira edición, o experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa presentou a súa experiencia na posta en práctica da técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián. O pasado ano, os protagonistas foron os letrados do equipo xurídico que logrou dúas sentenzas firmes do TSXG obrigando o Concello de Marín e a Xunta a anular o polígono industrial que proxectaran no Monte Pituco.

CERTAME FOTOGRÁFICO
No marco destas Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, o colectivo Monte Pituco volveu convocar por segundo ano o Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’. A participación consiste en tomar imaxes do Monte Pituco e dos arredores, e compartilas nas redes sociais etiquetando en Instagram o perfil “obalcondaria” ou en Facebook a páxina “Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)”. Admitiranse fotografías da paisaxe, da flora e da fauna, dos mananciais, dos xacementos arqueolóxicos, dos sendeiros e doutros elementos que realcen o valor visual, natural e cultural da zona, acompañándoas cun breve texto descritivo.
O venres 15 de novembro, ao remate da ‘barferencia’ de José Casal e Antonio de la Peña na Adega A Capeleira, entregaranse agasallos ás autoras e autores das imaxes máis valoradas. O prazo para achegar instantáneas permanecerá aberto ata o domingo 10 de novembro.
Publicado en Accións, Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Cultura, Parroquia de San Xulián, Patrimonio rupestre


Dende hai décadas, os lumes forestais veñen sendo unha lacra que cada ano asola os montes e a vexetación da nosa terra. Un tema que preocupa moito a toda a sociedade, tal e como se reflicte no grande interés arredor da película de Oliver Laxe “O que arde” ou nas manifestacións que a mocidade está a protagonizar na defensa do clima e do planeta.
Concibido para abordar a problemática do lume en Galicia, Batefogo é un proxecto de intervención social que pretende compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural. O equipo está formado pola enxeñeira agrónoma Celsa González Ogando, os licenciados en Ciencias Ambientais Paula Lubián Fernández e Miguel Pardellas Santiago, e o asesor especialista en cooperativas Brais Pérez Gómez.
Comezaron traballando nun proxecto piloto desenvolvido en 2016 no Concello de Manzaneda e na Comarca do Barbanza, Porto do Son, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal. Tamén colaboraron na realización de iniciativas puntuais con asociacións e comunidades de montes en Teo, Ponteareas, Lugo, Marín, Chandrexa de Queixa, Chantada e Compostela.
“Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais” xurdiu para dar resposta a algunha das preguntas -e mesmo formular novos interrogantes- que contribúan a implicar cada vez máis persoas, colectivos e entidades na prevención dos lumes forestais; mais tamén abordando esta problemática en clave historia, dende a socioloxía, as ciencias ambientais e a ecoloxía, o urbanismo ou a economía. Todo isto cunha perspectiva de xénero.
[Comunicado do equipo Batefogo]
Publicado en Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Colectivos sociais, Cultura, Medio ambiente

Solidarizándonos en Compostela cos colectivos convocantes da manifestación “Por un monte galego con futuro”, contra a eucaliptización que beneficia a Ence a costa de empobrecer o solo e de contaminar as augas e o aire; solidarizándonos con quen defende os montes de Mos, de Catasós, de Touro… contra os emporios que pretenden arrasar e mercantilizar o territorio.
Fomos quen de frear unha todopoderosa Xunta e opseudopoderoso Concello de Marín que pretendían construir ilegalmente un polígono industrial no ‘balcón da ría’; somos o exemplo de que con argumentos firmes e irrebatibles e con moito tesón, pódese vencer a Goliat.







MANIFESTO:
No actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, mais, non só como reservorios de carbono, tamén como fornecedores de servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar, a loita contra a erosión, etc.
Porén, no recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido. A repoboación con estas especies tamén se ve favorecida polo Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono. Por outra banda, o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período.
Mais, unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa.
Tampouco debemos esquecer que o uso principal do eucalipto cortado no país é o da súa transformación en pasta de papel na fábrica de Lourizán (Pontevedra), un proceso industrial que provoca que todo o CO2 previamente absorbido polas árbores sexa devolto incrementado á atmosfera, dando como resultado un efecto potenciador do proceso da mudanza climática. Malia a todo, o Plano Forestal que se está a tramitar pola Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior.
Consideramos que as Administracións galega e estatal deben apostar por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, pero que non debe utilizar este como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras.
Na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súa titularidade. Recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara a unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. En Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización.
Neste senso, pedimos a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.
A continuación, as entidades asinantes deste documento concretamos algunhas das medidas máis necesarias de cara á planificación do futuro do monte galego:
*Sobre masas forestais de eucaliptos e outras especies exóticas invasoras
● Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos).
● Prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. Erradicación destas na RGEP.
● Programa de Redución Progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc.
● Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.
● Modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais” para: excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración dos proxectos. Sobre aproveitamentosforestais e peche do ciclo produtivo
● Promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza.
● Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.
● Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.
● Apoio á investigación para unha industria forestal integral e sustentable.
● Fomento do aproveitamento da biomasa forestal só residual.
● Fomento da silvicultura con madeiras de calidade.
● Prohibición dos cultivos enerxéticos.
*Sobre biodiversidade
● Realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas, pendente desde 1992, e incentivos para a súa conservación e ampliación.
● Establecer unha reserva ecolóxica do 30% para bosque nativo en plantacións forestais.
● Agardar á publicación do V Inventario Forestal (IFN5) -a piques de ser publicado- para a elaboración dunha nova revisión do Plan Forestal.
● Creación de bancos de xermoplasma ou de sementes das diferentes especies autóctonas, procurando, no posible, unha boa representatividade das especies e da súa variabilidade xenética en cada zona.
● Axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas, a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes.
● Programa de divulgación e educación sobre especies autóctonas e do seu valor ecosistémico, económico e social.
● O cumprimento estrito por parte da Administración pública das funcións de custodia, vixilancia e policía que lle outorga a normativa vixente.
*Sobre lumes forestais
● Creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que favoreza a multifuncionalidade do monte e, por tanto, a súa prevención fronte os incendios forestais.
● Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.
● Recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade.
● A xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico.
● Ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 m por cada 50 ha de eucaliptos, e de 50 m por cada 50 ha de piñeiros.
● Incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc.
● Perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6×6 arredor destes elementos.
● Os Plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptaciónsterritoriais necesarias.
● O PLADIGA será de carácter anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación. Deberá establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.
● Creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.
*Sobre a titularidade, xestión e ordenación do monte
● Nova lei de montes veciñais en man común que reforce o carácter xermánico da titularidade veciñal.
● Devolución da xestión dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados á veciñanza comuneira sen carga económica. De existir esta carga, sería achacábel á Administración forestal dado que foi ela a que xestionou estes montes.
● Potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras, como ferramenta de acceso á terra para o desenvolvemento de actividades agrarias, principalmente por persoas labregas. No caso dos terreos de MVMC, o alugueiro non poderá ter duración nen uso que comprometan a titularidade e recuperación dos mesmos pola veciñanza comuneira.
● Incremento da xestión pública dos montes con fins conservacionistas. Nos MVMC este incremento levarase adiante baixo convenios con comunidades de montes e fórmulas de coxestión. ● Exención, debido ás características do territorio forestal galego, da obriga de contar cun instrumento de ordenación de montes para as parcelas particulares de superficie igual ou inferior a 1 Ha; eliminando, por tanto, a adhesión a modelos silvícolas. En todo caso, estas parcelas deberán adaptarse ás directrices marcadas nos PORF (Plans de Ordenamento dos Recursos Forestais).
● Retirada das comunidades de montes como suxeito pasivo no Imposto sobre Sociedades e elaboración, desde Galiza, dunha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais.
● Pulo a fórmulas que favorezan unha xestión colectiva do monte máis democrática e social
Publicado en Accións | Etiquetas: Monte veciñal, Xunta

Neste 18 de outubro, Día Mundial de Protección da Natureza, reivindicando o noso labor arduo e altruista a prol da conservación do ‘balcón da ría’.
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Medio ambiente

Parada nos petróglifos de Pinal de Caeiro. Foto: C. Martínez

Parada para admirar a paisaxe no camiño cara á Fonte das Pulgas. Foto: M. López
Flora e fauna do outono no Monte Pornedo. Fotos: C. Martínez

Mámoa de Sete Camiños. Foto: C. Martínez
Petróglifos de Sete Camiños

Entre Sete Camiños e O Pornedo: Foto: C. Martínez


Fin da andaina no conxunto rupestre do Pornedo. Fotos: M. López e C. Martínez
Con esta última escolma de imaxes remata o repaso á recente Andaina polo Monte Pituco ao solpor. Dende a Asociación Monte Pituco agradecemos a asistencia respectuosa, o entusiasmo das persoas -pequenos e maiores- que acudiron a este novo encontro arredor da natureza, do patrimonio e da paisaxe, involucrándose intensamente nas dinámicas de participación propostas: a recollida do lixo atopado durante o itinerario, a sementeira de landras ao longo do camiño, e a toma de fotografías coas que nutrir tanto as redes sociais como esta serie de artigos da bitácora do ‘balcón da ría’. Esta nova entrega foi posible grazas ao fermoso material gráfico achegado por María López -un gran apoio deste pequeno colectivo cuxo maior capital son as amizades forxadas neste tempo- e por Cándido Martínez, da entidade ecoloxista Luita Verde e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. Moitas grazas pola vosa valiosa colaboración, así como a Antonio Costa, Gloria BC, Sandra Pesqueira, Andrea Bernárdez, Laura Freire e José Manuel Domínguez, artífices das imaxes precedentes.
O II Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’ continuará recepcionando fotografías ata o venres 8 de novembro. As persoas interesadas poden sumarse a esta iniciativa visitando o Monte Pituco, tomando imaxes do espazo e compartíndoas nas redes sociais: en Facebook etiquetando a páxina ‘Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)‘; en Instagram etiquetando @obalcondaria. Non se trata dun concurso competitivo ni ten dotación económica. Un xurado designado pola organización distinguirá tres imaxes, que recibirán un agasallo no marco das III Xornadas pola protección e defensa do patrimonio de San Xián, os días 15 e 16 de novembro.
O venres 15 pola tarde celebrarase unha charla e o sábado 16 -Día Mundial do Patrimonio- pola mañá haberá un roteiro. Informarase proximamente dos detalles do programa.
Publicado en Colaboracións, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Medio ambiente, Patrimonio rupestre

“Así coida o Concello de Marín as súas áreas de lecer”.
José Manuel Domínguez
A opinión que un dos asistentes á Andaina polo Monte Pituco ao solpor compartiu en redes sociais tralo roteiro era un sentir xeral entre tod@s @s participantes. A arboreda do Pituco, punto de encontro da convocatoria, presenta un estado lamentable. Pero á marxe da responsabilidade que poida ter o Concello de Marín en tanto se trata dun terreo situado no seu ámbito territorial e ademais é utilizado como área recreativa aberta ao público, a entidade á que lle corresponde facerse cargo do seu mantemento é a Comunidade de Montes de San Xulián, propietaria da parcela.
Vexetación medrando de forma descontrolada, árbores con pólas podres e rotas, fontes de dubidosa salubridade que constantemente perden auga pola billa, ausencia de valado de protección para evitar caídas por desnivel, presenza de lixo e verquidos ilegais de colchóns e pantallas de ordenadores… ese é o penoso e vergoñento aspecto deste espazo. De que valen ordenanzas municipais como, por exemplo, a de Protección do Medio Ambiente?

[Fotos de José Manuel Domínguez]
“Gozamos da natureza, do patrimonio e da historia dun lugar ignorado e silenciado polas institucións locais. O antídoto: ir visitalo”.
Sandra Pesqueira
[Fotos de Sandra Pesqueira]

[Foto de Andrea Bernárdez]
“Despois de dez anos de loita, Salvemos o Monte Pituco conseguiu tumbar o proxecto de construcción dun parque empresarial no monte, salvando o seu patrimonio natural e arqueolóxico. Grazas por defendelo e por organizar estas actividades que amosan o gran valor do noso territorio”.
Laura Freire
[Fotos de Laura Freire]


[Fotos de Gloria BC]

Moitas grazas a tod@s por visitarnos, por inmortalizar con estas fotografías a experiencia e por contribuír á difusión dos valores que atesoura o ‘balcón da ría’!
Publicado en Colaboracións, Imaxes, Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Medio ambiente, Patrimonio rupestre
“Onte participei na andaina reivindicativa para denunciar o Concello de Marín e a Comunidade Montes de San Xulián polo seu desprezo os valores naturais e patrimoniais que alberga a parroquia e concretamente o Monte Pornedo (Pituco)”.
#SalvemosOMontePituco
Antonio Costa, 6 de outubro de 2019










A Lúa e Saturno sobre o Monte Pornedo
[Fotos de Antonio Costa]
Publicado en Colaboracións, Imaxes, Xuntanzas | Etiquetas: Medio ambiente, Patrimonio rupestre
Se dedicamos dez longos anos de intenso traballo para defender un pedaciño de terra, o seu patrimonio natural e cultural… Se investimos moitos recursos económicos e personais en salvagardar o ‘balcón da ría’ da depredación urbanística e do enriquecemento ilícito… Se fixemos todo iso -e, por riba, gañamos!- foi para compartir tan gratos momentos como os de onte, con amigas e amigos que se sumaron á ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR.
Con elas e eles quixemos compartir que vimos de presentar unha queixa perante a Valedora do Pobo contra o Concello de Marín e contra a Xunta pola demora no cumprimento das dúas sentenzas firmes e irrevocables que obrigan a estas dúas Administracións a anular a clasificación do Monte Pituco como solo urbanístico no PXOM e a retiralo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.








Moitas grazas a todas e todos por participar nesta ruta. Agardámosvos na próxima convocatoria: as III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, este vindeiro mes de novembro.
Publicado en Imaxes, Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Flora, Medio ambiente, Patrimonio rupestre

Divulgar e poñer en valor os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro -catalogados como Bens de Interese Cultural- e outros xacementos arqueolóxicos do rural marinense, ademais de fomentar a sensibilidade ambiental, gozando da paisaxe dende o ‘balcón da ría’, son os obxectivos da ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’ que se celebrará mañá sábado, a partir das 17:30 horas. O punto de encontro desta ruta circular é a arboreda do Pituco, situada na estrada provincial PO-0019 á altura do desvío ao Regueiriño.
Organizada pola Asociación Monte Pituco, trátase dunha iniciativa experimentada en edicións pasadas con moito interese por parte de público de todas as idades, ademais de contar coa asistencia de especialistas en natureza e de expertos en patrimonio arqueolóxico. Na ruta -de tres horas de duración e cunha dificultade media/baixa- poderanse observar os petróglifos coa luz rasante do atardecer, que favorece a apreciación dos gravados.
Recoméndase ás persoas interesadas que acudan con roupa de abrigo e lanterna para
aproveitar, ao anoitecer, a visita ao conxunto rupestre do Pornedo. Iluminado con luz artificial, poderase distinguir aínda con maior detalle a través das formas dos seus sucos, que representan cazoletas, figuras concéntricas e armas. Estas figuras, precisamente, permiten concretar a datación cronolóxica deste tipo de vestixios na Idade do Bronce.
A diferenza doutros montes comunais da provincia -Salcedo en Pontevedra, Tourón en Ponte Caldelas ou Couso en Gondomar, entre outros- onde se programan actividades divulgativas organizadas dende instancias municipais en colaboración coas comunidades, a ausencia de políticas efectivas de protección do patrimonio cultural no Concello de Marín leva a que colectivos como Monte Pituco impulsen accións en defensa do medio ambiente e dos recursos arqueolóxicos e etnográficos situados, neste caso, no monte veciñal de San Xián.
Trátase da parroquia marinense coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos e, sen embargo, o seu potencial pasa desapercibido pola falta de apoio institucional e de mantemento por parte dos titulares dos terreos. Malia ter formado parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños -canda montes pertencentes a Salcedo e a Lourizán- inaugurado en 2015, na práctica, a sinalización instalada no Pituco é inexistente trala retirada do panel informativo principal e as agresións aos rótulos que identificaban os xacementos.

Neste sentido, para paliar as eivas do Concello e da Comunidade de Montes na atención a esta contorna, a Asociación Monte Pituco apela á implicación da cidadanía a través da posta en marcha de dúas accións canalizadas a través das redes sociais: o ‘Certame Fotográfico O Balcón da Ría’ e a iniciativa ‘Amig@s do Balcón da Ría’.
Ambas reactivaranse durante a ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’. Os asistentes poderán tomar fotografías dos elementos de interese histórico, natural e paisaxístico que se visiten. Posteriormente compartiríanse nas redes sociais, etiquetando a páxina Salvemos o Monte Pituco (Pornedo) en Facebook ou o perfil OBalconDaRia en Instagram. As mellores fotos que se presenten ao certame serán distinguidas cun agasallo que se entregará nas ‘III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, organizadas pola Asociación Monte Pituco a mediados do vindeiro mes de novembro.

Publicado en Sen clasificar

A historia desta bitácora do Monte Pornedo, a loita para defender o ‘balcón da ría’ da ameaza do polígono industrial, o interese polo patrimonio, a natureza e a paisaxe… todo comezou, curiosamente, e sen sermos daquela conscientes do que representaría aquel día, un 27-S… de 2009. Dez anos despois, por unha especie de caprichosa carambola do destino, esa data representa o punto de inflexión no que a cidadanía secunda unha Folga Mundial polo Clima.
Recorremos á hemeroteca para lembrar que un 27 de setembro de 2009 a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra organizou unha ruta de sendeirismo co lema “O Espazo Arqueolóxico dos Sete Camiños” co obxectivo de “enxalzar o espazo etnográfico das parroquias de Pontevedra e Marín”. Acudimos con curiosidade a aquela andaina, que nos revelou aspectos descoñecidos do patrimonio cultural que atesouraban os montes de Salcedo e Lourizán, e particularmente, de San Xulián.
Aínda lembramos as caras dalgúns habitantes d’O Caeiro, abraiados ante o conxunto rupestre do Pornedo, do que descoñecían a súa existencia; ou que tal vez soubesen del, mais ignorando por completo a importancia e a significación dos extraños surcos gravados naquelas pedras, milleiros de anos atrás. A sorpresa chegaría meses despois cando, ao presentarnos diante da súa porta para solicitarlles a adhesión a un humilde escrito contra o polígono industrial, apelando precisamente á conservación daqueles petróglifos que tanto asombro lles causaran, recibimos un inesperado “NON” por resposta.
Pero á marxe das decepcións, se algo actuou como o detonante da convicción necesaria para soster durante os dez anos seguintes esta causa na defensa do Monte Pituco, foi aquela andaina reveladora. Cando meses despois, case rematando o ano, se acentuaron as declaracións do goberno bipartito Psoe-Bng a prol de incluir este espazo como solo industrial no PXOM que se estaba tramitando, aquel roteiro organizado pola APDR saltou repentinamente coma un resorte na nosa mente cunha mensaxe clara: hai motivos para frear o despropósito. E os motivos eran, primeiramente, os Bens de Interese Cultural catalogados, co máximo nivel de protección legal, que verían seriamente afectada a seu ámbito de cautela arqueolóxica.
E por aí comezou todo o demais: o inventariado dos acuíferos susceptibles de desaparecer polo efecto dos movementos de terra, os estudos topográficos determinantes para as actuais sentenzas firmes e inapelables que demostraron que a zona non reunía os requisitos técnicos mínimos, o estudo a fondo do Planeamento Urbanístico e da súa Memoria Ambiental que revelou as enormes contradicións do documento…

Aquel premonitorio 27-S de 2009 foi o noso particular punto de inflexión a prol do clima e do medio ambiente. As dúas sentenzas do TSXG contra o PXOM do Concello de Marín e contra o Plan Sectorial de Áreas Empresariais da Xunta de Galicia son a nosa modesta contribución para que este recuncho do mundo siga sendo verde, non sucumba á contaminación urbanística, sexa máis respectuoso co legado histórico-cultural do pasado e perdure como Xan Montenegro o bautizou: ‘o balcón da ría’.
Con todo, cómpre seguir vixiantes, mantendo o pulso reivindicativo e sumando forzas con outros colectivos sensibles coa natureza. A celebración da Folga Mundial polo Clima contou co apoio da Asociación Monte Pituco na concentración celebrada ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e mais na manifestación que rematou na Praza da Peregrina, organizadas polo Movemento Galego polo Clima e Venres Polo Clima.

Publicado en Accións, Hemeroteca, Imaxes, Xeral | Etiquetas: 7Camiños, Colectivos sociais, Medio ambiente

A Asociación Monte Pituco apoia o Movemento Galego polo Clima e o colectivo estudantil Venres polo Clima ante este 27-S, xornada de Folga Mundial polo Clima. Dende o Monte Pituco apoiamos a convocatoria difundida dende a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, coa que dende hai anos mantemos lazos de colaboración e apoio mutuo a prol dun medio ambiente sustentable e sustentado nas especies autóctonas fronte á proliferación de monocultivos foráneos e invasores como o eucalipto, que degradan o solo, merman os recursos hídricos e favorecen as condicións para que os incendios forestais sexan devastadores.
Modestamente, dende a Asociación Monte Pituco, levamos xa unha década traballando pola protección do ‘balcón da ría’ e da súa contorna, con todos os elementos naturais, culturais e paisaxísticos que o distinguen como Espazo Natural protexido no marco dos Montes do Morrazo. E tras obter dúas sentenzas firmes e irrevogables do TSXG contra o polígono industrial proxectado no PXOM do Concello de Marín e contra o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Xunta que lle daba cobertura autonómica á execución dese parque empresarial, cremos ter feito unha contribución considerable a un mundo -ou cando menos a esta pequena parte do planeta- mellor, máis respectuoso coa fauna, coa flora, co patrimonio arqueolóxico, cos mananciais e regatos, coa calidade do aire que respiramos, librándonos da potencial contaminación acústica, lumínica e dos danos irreversibles que provocaría unha infraestrutura dese calado nun emprazamento que nin sequera reunía os requisitos básicos en termos xeotécnicos e físicos, polo gran desnivel do terreo.
Porque non abonda cos logros acadados e porque cómpre seguir loitando arreo para que esta situación de “Emerxencia Climática” non se agrave, a Asociación Monte Pituco súmase ás accións reivindicativas programadas:
-Praza de España, ante a Subdelegación do Goberno, 12:00 horas. Concentración.
-Praza da Ferrería, 20:00 horas. Manifestación.
MANIFESTO DO MOVEMENTO GALEGO POLO CLIMA:
Estamos diante dunha crise climática que é consecuencia directa do modelo de produción e consumo impulsado por determinadas prácticas do sistema capitalista actual. Estas prácticas depredadoras dos recursos, os territorios, os ecosistemas e mesmo as persoas, afectan de xeito máis negativo ás poboacións máis pobres e vulnerables por todo o planeta, así como ás culturas que as sustentan; todo iso co obxectivo de manter a acumulación de riqueza e o modelo produtivo baseado no crecemento continuo.
Estes comportamentos lonxe de resolver problemas teñen provocado o inicio da sexta extinción masiva de especies, contaminado de plásticos os océanos, arrasado territorios con proxectos de megaminaría, contaminado ríos, desecado lagos, exterminado a biodiversidade e implantado monocultivos entre outros efectos negativos. Mais as prácticas insostíbeis de crecemento continuo teñen, sobre todo, emitido millóns de toneladas de CO2 á atmosfera até provocar o incremento de temperatura global, ao mesmo tempo que se gastaron de xeito absurdo a maioría dos recursos enerxéticos fósiles.
As inxentes emisións que se teñen feito desde o inicio da revolución industrial provocaron que o equilibrio climático e natural do noso planeta se rompese. Así é, que hoxe temos que falar máis de emerxencia climática que de cambio climático. O incremento do nivel do mar non é un prognóstico catastrófico para o futuro e xa unha realidade que ten provocado a desaparición de 5 illas no arquipélago de Salomón no Océano Pacífico. En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas, así como a invasión e proliferación doutras que antes non existían nos nosos ecosistemas; como son o caso da avespa velutina ou o xurelo canario.
Nas nosas rías hai actualmente milleiras de toneladas de auga máis. Isto provoca maior incidencia dos fenómenos negativos asociados ao efecto das mareas e das tormentas. Ademais de non ficar o incremento da temperatura global por baixo dos 1,5 oC o crecemento do nivel do mar asociado a este fenómeno fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.
A humanidade consome cada vez máis cedo os recursos que o planeta é capaz de producir ano a ano. O pasado 29 de Xullo a humanidade consumiu todos os recursos que o planeta é capaz de producir en todo o ano 2019. Este 29 de Xullo é a data máis tempera, desde que se veñen realizando estudos da pegada ecolóxica. Este dato indica que a humanidade precisaría de 1,75 planetas para pode manter o consumo actual en equilibrio co propio planeta. A actitude depredadora dos recursos está moi asociada ao actual concepto de progreso e modernidade instalado en occidente desde o sistema educativo e os medios de comunicación, que non dubidan en tratar como atrasado ou radical ás posturas ecoloxistas e de defensa do territorio.
Cómpre tamén, sinalar que a nosa sociedade occidental pertence ao 20% da humanidade que consume o 80 % dos recursos do planeta. Este consumo desmedido e irracional tradúcese nunha forte insolidariedade norte-sur que ten como consecuencia a emigración masiva por motivos climáticos, alimenticios e da extrema violencia que provoca as consecuencias derivadas do cambio climático e as prácticas insostibles de esquilmación global dos recursos. A situación de emerxencia na que estamos instaladas non é produto dos últimos meses, nin sequera dos últimos anos, senón que o é de décadas. Décadas nas que se ignoraron informes e advertencias de incontables estudos elaborados polo mundo científico e nos que se alertaba sobre as consecuencias irreversibles do cambio climático e o colapso ecolóxico. Hoxe, enfrontámonos a unha emerxencia sen antecedentes na historia da humanidade, está ameazada a continuidade da propia civilización. Cómpre lembrar que no ano 1972 se publicou o estudo: “Os límites do crecemento do Club de Roma”.
Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que é hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma; asumido que non é posible o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados como non o é permanecer impasibles diante da emerxencia climática e ecolóxica na que se atopa sumido o noso planeta. Entendemos que os tempos das ambigüidades e das palabras faltas de contido foron superados polas consecuencias e os datos incuestionables que xa todos e todas percibimos no noso día a día. Esiximos medidas concretas para alcanzar as cero emisións netas de gases efecto invernadoiro antes de que se dea unha situación irreversible. Evitar que a temperatura global se eleve por encima dos 1,5 oC debe ser unha prioridade para a humanidade na que nós, como galegos e galegas, temos que participar, facendo os cambios precisos no noso xeito de vivir e pondo fin ás actividades que contribúen de xeito máis que evidente a manter está situación que pon en perigo a mesma supervivencia da humanidade.
Desde o Movemento Galego polo Clima demandamos aos gobernos e medios de comunicación que se diga a verdade sobre a situación actual, que se admita a diagnose, indicacións e sendas de redución reflectidas no último informe sobre os 1,5oC avalado pola comunidade científica. Faise preciso recoñecer a fenda existente entre os compromisos do estado español e as indicacións científicas.
Desde o Movemento Galego polo Clima esiximos que se declare a emerxencia climática e xunto coa mesma se asuman compromisos reais e vinculantes que permitan a redución a cero neto da emisión de gases de efecto invernadoiro para non superar os 1,5oC.
Desde o Movemento Galego polo Clima defendemos a necesidade de abandonar os combustibles fósiles camiñando cara a unha redución do consumo da enerxía e pasando a usar fontes renovables de produción da mesma, sen que isto signifique a destrución do territorio mediante a implantación de monocultivos ou outras prácticas lesivas co entorno natural.
Desde o Movemento Galego polo Clima esiximos aos gobernos as medidas políticas e económicas necesarias para o mantemento dos postos de traballo das empresas que de xeito directo ou indirecto son as principais causantes das emisións de gases efecto invernadoiro por ser consumidoras masivas de enerxía ou por usar nos seus procesos produtivos recursos fósiles. Para alcanzar os obxectivos perseguidos en Galiza faise urxente o peche da térmica de As Pontes que produce o 25% das emisións totais galegas. O peche non pode supoñer, unha vez máis, que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias, e polo tanto, reclamamos aos gobernos a creación de planos sociais para facer a necesaria transición enerxética de xeito xusto.
Desde o Movemento Galego polo Clima somos conscientes que as consecuencias da mudanza climática tamén teñen un sesgo de xénero. Son as mulleres as que máis pagan as súas consecuencias negativas, como o é a violencia asociada a situacións extremas ou que até o 80% das persoas desprazadas por causas climáticas sexan mulleres. As consecuencias derivadas do cambio climático tamén incrementan as desigualdades por razón de xénero.
Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que se fai imprescindible que na pilotaxe para o cambio de sistema e de paradigma para frear a mudanza climática estean presentes mulleres e se tomen medidas con perspectiva de xénero.
Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que proxectos como a Mina de Touro e de Frades-Mesia, parques eólicos en zonas protexidas como o de Iribio, o monocultivo do eucalipto e a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra, as políticas agrarias que abocan as persoas labregas e gandeiras a modelos industriais de produción e polo tanto á correspondente contaminación por exceso de concentración e explotación, a sobre-explotación das nosas rías e mar e a súa contaminación por todo tipo de elementos nocivos para a vida, os macrovertedoiros semiilegais da Xunta, a contaminación por lindano, a contaminación por plásticos dos nosos territorios e mesmo dos nosos alimentos, os incendios forestais, a especulación urbanística, etc. Son, sen dúbida, exemplos dos despropósitos ambientais a que nos abocan as prácticas insostibles que provocaron a actual emerxencia climática e que, ademais, contribúen a esta.
Desde o Movemento Galego polo clima esiximos ao Goberno Central, a Xunta de Galiza, Deputacións e Concellos que:
1.- Comecen a dicir a verdade e que asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e o mantemento da vida, e non como un novo nicho de oportunidades económico-empresariais.
2.-Se declare a emerxencia climática e se elabore a correspondente lei coa participación activa de ONGs e sociedade civil.
3.- Se tomen medidas reais e efectivas de eliminación de emisións de gases efecto invernadoiro para que as distintas administración sexan un exemplo para o conxunto da sociedade.
4.- Que non se dea por perdida a batalla contra a mudanza climática fomentando propostas de adaptación ao incremento da temperatura por enriba dos 1,5oC.
5.- A toma de acordos e medidas amparadas coas súas correspondentes partidas orzamentarias para loitar de xeito efectivo contra os distintos focos de contaminación dos ecosistemas, maiormente as emisións de CO2.
6.- Cambio na política forestal como medida para previr os incendios que serán mais graves polo cambio climático.
7.- Medidas para unha maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria é (secas).
8.- Política agraria que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis, particularmente vexetais e de horta.
9.- Construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticas e de consumo nulo para adaptación no só ao cambio climático senón tamén escaseza de enerxía.
10.- Educación ambiental e sensibilización da sociedade a través dos colectivos sociais activos e máis concienciados favorecendo a autonomía, capacidade de decisión e co-responsabilidade de cada sociedade.
Publicado en Accións, Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, Medio ambiente

Se hai unha bitácora que ultimamente lle está dando unha volta de campá ao patrimonio arqueolóxico da contorna, poñendo en solfa aspectos dogmáticos que apenas se cuestionaban e achegando un punto de vista novidoso que se sostén en documentación actualizada a partir dos avances tecnolóxicos, é A Cova de Paralaia, de Antonio Costa.
No artigo titulado “A Pedra da Pereira, revisitada“, reivindica os gravados rupestres da Pedra da Pereira -catalogados como Pedrouzos 1 e actualmente situados no monte veciñal de San Tomé de Piñeiro, en Marín- como a segunda estación con representacións de armas máis grande do noroeste ibérico. Asemade, critica o desinterese do Concello de Marín na conservación e na divulgación deste xacemento, que se traduce en situacións tan surrealistas como que o guía do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor cite Auga da Laxe en Gondomar como exemplo desta tipoloxía cando no Concello de Marín -O Pornedo e A Carrasca en monte común de San Xulián, a maiores de Pedrouzos- hai mostras sobradamente representativas.
“Para o Concello de Marín só existen os gravados de Mogor. De feito, cando se fan roteiros, os arqueólogos fan referencia -cando se fala de armas- ao petróglido de Auga da Laxe en Gondomar, cando en Marín tamén os temos”. En este sentido, Antonio Costa señala que conjuntos rupestres que representen armas también existen en A Carrasca y el propio monte Pituco, más allá de A Pedra da Pereira”.
Declaracións de Antonio Costa na edición pontevedresa do Faro de Vigo
Estado da Pedra da Pereira (Pedrouzos nº1) en outubro de 2016, con motivo dunha visita organizada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo


Reconstitución dixital e fotografía de Antonio Costa no grupo nº1 do conxunto rupestre do Pornedo
Publicado en Denuncias, Xeral | Etiquetas: Concello de Marín, Parroquia de San Xulián, Patrimonio rupestre

Ante a previsión meteorolóxica que anuncia moita nubosidade, chuvias xeralizadas e vento de intensidade variable para a xornada do sábado 21 de setembro, adíase a ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR. Cun panorama tan adverso non sería posible gozar da posta de sol dende o ‘balcón da ría’ nin admirar o patrimonio arqueolóxico do Espazo Sete Camiños, como pretende esta actividade. Por tanto, a ruta trasládase provisionalmente ao sábado 5 de outubro, coa expectativa de contar cunha xornada solleira.
O vindeiro sábado 21 de setembro invitámoste a coñecer o Monte Pituco e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: arte rupestre milenaria, patrimonio etnográfico plasmado nas antigas canteiras, natureza e biodiversidade, paisaxe… Gozaremos do solpor dende o ‘balcón da ría’!
Asistencia libre e de balde. Saída ás 17:30h dende a arboreda do Pituco: estrada provincial PO-0019 Marín-Figueirido, no cruce do Regueiriño.
[Evento en Facebook]
Publicado en Accións, Imaxes, Xeral | Etiquetas: 7Camiños, Monte veciñal, Patrimonio rupestre

O pasado 3 de setembro un incendio que comezaba ás 11 da noite -xa hai que ser miserable para prender a mecha a esas horas da noite- queimaba tres hectáreas de monte na parroquia de San Tomé despois de que ata sete brigadas e cinco motobombas traballasen arreo na extinción.
Nesta tarde de domingo, pasadas as 7 e media, ata tres helicópteros sobrevoaban o Pornedo dirixíndose á Pardavila, nas proximidades do novo depósito de auga construído por Acuaes. Os condutores que se dirixían cara a Marín polo viaducto da Variante puideron ser testemuñas de como o fume medraba e se extendía en pleno eucaliptal, non moi lonxe dun grupo de vivendas asentadas na ladeira.
Afortunadamente, a rápida actuación dos medios aéreos e dos equipos de extinción en terra puideron controlar as lapas en aproximadamente unha hora, polo que este lume semella non ter afectado a unha extensión de terreo abondo grande como para que -a falta de datos oficiais- a Consellería do Medio Rural o inclúa na súa listaxe de incidencias; de feito, non hai rastro de cobertura informativa nos diarios dixitais.
Como no caso de San Tomé, este incendio probablemente fose tamén provocado. Os pirómanos da contorna toman mal exemplo dos criminais que, nos últimos días, a nivel galego, aproveitan os refachos de vento do nordés propios deste incipiente outono para facer todo o dano que non deron feito dende que comezou un verán de temperaturas suaves e chuvias escasas. Son pateticamente previsibles, mais non por iso deixan de ser macabros delincuentes!
No Monte Pornedo levamos xa máis dunha década librándonos desta lacra que cada ano deixa un rastro carbonizado no Morrazo, agredindo a natureza e o patrimonio que atesouran os montes da bisbarra, insultando a dignidade dunha parte maioritaria da cidadanía que rexeita esta forma de violencia contra o planeta e contra a propia sociedade.
A solución non é construír máis depósitos de auga ‘improvisados’ por aquí e por acolá, que só benefician puntualmente a quen participa directa ou indirectamente nas obras; a solución non é esquilmar a auga de pequenos e humildes mananciais e regatos (o rego das Presas NON se toca, señores da Comunidade de Montes de San Xulián, esa batalla tamén a imos dar!) que abondo teñen con seguir existindo nun contexto adverso de cambio climático e seca prolongada, que leva ata o límite da supervivencia á flora e á fauna que habita no seu curso e sobrevive a duras penas grazas a ese modesto fluído vital, do que tamén depende que sigan dando froitos as leiras da Pena, da Curxeira, Vilafíns… que se nutren desa auga tan escasa.
A solución está nunha xestión forestal intelixente dos montes, tendo a valentía de mudar o actual modelo produtivo para apostar polas especies autóctonas -resistentes ao lume- en detrimento do monocultivo de eucalipto que só serve para seguir engordando o monstro neoliberal de Ence, que non ten nada de ‘biofábrica’. É unha vergoña que, precisamente, no traxecto da propia Variante de Marín, a presenza desa especie invasora se extenda sen solución de continuidade, perfectamente aliñado en novas plantacións que son o combustible de futuros lumes como o que vén de producirse na Pardavila.
A isto súmase que apenas se move un dedo para limpar onde verdadeiramente é prioritario, nas parcelas onde o eucalipto converte o monte nunha selva impracticable (se predominasen as carballeiras e os soutos o panorama sería totalmente diferente), senón que as desbrozadoras veñen actuando en zonas de cuestionable eficacia que fan ‘chorar’ un gasoil que sería máis útil aplicado noutros espazos susceptibles de ser o branco dos pirómanos.
Por riba, nin unha gota dese gasoil se aplica en menear as desbrozadoras na contorna dos xacementos arqueolóxicos catalogados; a proba máis recente está no conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, onde toda a ladeira foi rozada, a excepción da tupida toxeira que rodea os petróglifos, que acumulan arredor toda a vexetación seca -silvas, fento, pico de piñeiro- que foi medrando ao longo dos anos.
Por iso ver o fume e presentir a presenza das lapas non só preto das vivendas na Pardavila, tamén nos fai temer polo patrimonio natural e cultural do Castelo de Barbudo, tan abandonado como os petróglifos do Pornedo, da Carrasca, de Champás e da inmensa maioría dos xacementos dos que podería presumir a parroquia de San Xulián, pero que se desprezan de forma flagrante e irresponsable.



Publicado en Alertas, Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Comunidade de Montes de San Xulián, Medio ambiente, Parroquia de San Xulián
Entre o final do verán e o preludio do outono, no val do Pornedo van comezando a percibirse os primeiros síntomas desa transición: o máis evidente, que se acurtaron os días e anoitece antes; tamén a temperatura contra o final da tarde avisa do cambio de estación; e a flora silvestre é outro indicador desta mudanza, coa aparición da Scilla autumnalis, a Erica ciliaris, os ourizos dos castiñeiros cada vez máis vizosos… En breve irán agromando tamén os Crocus serotinus e a Merendera montana ou tollemerendas…


Calquera momento é idóneo para aproveitar o paseo pola natureza para apreciar tamén o patrimonio histórico-cultural que atesoura esta contorna, porta de entrada do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A mámoa e os petróglifos de Sete Camiños, en San Xián, danlle nome a esta iniciativa social de posta en valor dun territorio cunhas cualidades extraordinarias. Dende o Monte Pituco nunca deixaremos de erguer a voz contra a desidia da Comunidade de Montes de San Xián, que ten os xacementos nunhas condicións de absoluto abandono malia corresponderlle a obriga de mantelos e coidalos, como propietarios dos terreos.



Do lugar no que se atopan os petróglifos de Sete Camiños, onde hai representadas figuras zoomorfas e un círculo con cazoleta central, destaca tamén a vista panorámica da ría.

E no descenso cara ao miradoiro outra parada ineludible son os petróglifos do Pornedo, que sobresaen pola diversidade de elementos representados: círculos concéntricos con cazoletas e armas, que permitiron a súa datación na Idade do Bronce. Por desgraza, o xacemento tampouco se atopa nas condicións máis idóneas para garantir a protección deste sobranceiro xacemento arqueolóxico.

E dende o xacemento do Pornedo, dous puntos de vista opostos: cara ao interior, o Alto da Encavada, o punto máis elevado do termo municipal marinense, a 434 metros de altitude; cara á ría, o penedo dunha antiga canteira, dos moitos aproveitamentos tradicionais que houbo antano nesta zona de gran riqueza granítica.


Dende este miradoiro, o ‘balcón da ría’, invitámoste a gozar das últimas raiolas de sol do verán na ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR programada para o 21 de setembro, con saída ás 17:30h dende a arboreda situada na Estrada Provincial Marín-Figueirido PO-0019, no cruce do Regueiriño.

Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Flora, Medio ambiente, Patrimonio rupestre

Potas vellas, calzado, botellas rotas, restos de pratos e tazas de cerámica, anacos de bolsas, toalliñas… foron algúns dos residuos que se xuntaron na derradeira xornada da 19ª campaña de limpeza do Gafos, organizada por Vaipolorío. Sempre é un gusto colaborar nas actividades desta organización ecoloxista, tanto se son de carácter divulgativo como se implican unha participación máis activa cunha finalidade tan necesaria e encomiable como mellorar a calidade ambiental desta contorna fluvial, que xa conta coa catalogación de Espazo Natural de Interese Local.
É tamén unha oportunidade estupenda para aprezar o auténtico significado do traballo en equipo; un equipo, ademais, interxeracional, onde coinciden voluntarios mozos e maiores. Mentres uns vadean o río recollendo o que hai depositado no leito, outros traballan na beira, nos arredores do sendeiro ou introducen nas bolsas e nas gabetas o que se extrae da auga. Todo, ademais, perfectamente clasificado para o seu correcto tratamento: plásticos por un lado, vidro por outro.

Pero alén dos voluntarios, outros colectivos implícanse estreitamente na campaña de limpeza, como a Asociación Juan XXIII de persoas con discapacidade, ou a Asociación Arela que atende a rapaces e rapazas en situación vulnerable, ou a Ludoteca Tékere animando as nenas e os nenos a mollarse polo río nas súas vacacións estivais. Toda achega é benvida!
Vaipolorío vai enfilando xa dúas décadas dándolle lustre ao Gafos, dende a súa desembocadura ata practicamente o seu nacemento. Precisamente, neste último domingo de agosto, unha das zonas onde se actuou foi Ponte Rebón, na parroquia de Tomeza.
Moitos peregrinos que fan a ruta do Camiño Portugués a Santiago foron testemuñas do traballo realizado: preguntaban, solidarizábanse, lamentaban a presenza de tantos desperdicios nun espazo natural tan fermoso e cheo de vida.


Porque valorar a biodiversidade é outro dos alicientes desta actividade: a flora e a fauna da ribeira foron abondo analizados e promocionados por Vaipolorío a través das súas publicacións impresas. Así, nun pequeno treito é posible atopar carballos e freixos, maceiras e ameneiros, hedras e fentos, ras e insectos, aves que se fan notar a través do seu canto entre a arboreda, algunha que outra troita que se deixou ver en anteriores xornadas de limpeza… Todos estes elementos evidencia que a calidade da auga vai a mellor.
…Agás polos verquidos que puntualmente estragan o equilibrio, ou pola presenza de plantas invasoras como a irreduntible tradescantia.
Outra exitosa campaña, en cifras: 690 kilos de lixo retirados en seis xornadas de traballo, 100 voluntarios. E moita ilusión depositada na campaña do ano vindeiro, con varias reivindicacións sobre a mesa: que se destape o Gafos ao seu paso por Campolongo; que se poña en valor a Ponte do Couto; que as Administracións actúen canto antes para realoxar o asentamento chabolista situado a carón da estación de autobuses, facilitando a recuperación ecolóxica desa zona, cos seus elementos patrimoniais.
Mostras de feísmo no Camiño, con aparatosa cartelería comercial

En 2020 cumprirán 20 anos traballando arreo polo estudo, protección e divulgación do río en toda a súa extensión e nomenclaturas: Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos. Unha longa traxectoria que se reflicte non só nos premios recibidos e nunha rigorosa bibliografía, senón nunha interesante galería de obxectos recuperados ao longo do tempo durante tantas horas de limpeza altruista. Porque entre o lixo foron xurdindo obxectos sorprendentes e mesmo fermosos; pequenas antigüidades que merecen ser rescatadas e preservadas do esquecemento.
O local de Vaipolorío en Cabanas (Salcedo) acolle un pequeno gran museo de curiosidades: botellas de viños e licores, frascos de perfumes e menciñas, pezas de vaixela e menaxe antigas, mesmo rudimentarios ordenadores e teléfonos móbiles.
…Un paseo pola memoria e a proba palpable de que o río ten fieis valedores e valedoras que o defenden.
Noraboa!

Publicado en Accións, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, Concello de Pontevedra, Medio ambiente

Unha vez máis, e superado xa con creces o límite do inadmisible, o Monte Pituco volveu ser o miserable destino dun verquido de lixo: restos de desbroce do que semella ser herba da Pampa (co risco que conleva de que a semente desta planta invasora arraigue neste espazo natural), pólas secas de salgueiro, plásticos, bolsas de lixo de contido descoñecido, pedazos de algo semellante a moqueta, botes vellos de aerosol, entullos de obra, fragmentos de fibra de vidro contaminante, cartóns, perigosos cristais rotos… ata a mochila dunha mutua sanitaria.
Sabemos cando se produciu: entre o sábado e o domingo pola tarde. 24 horas de diferenza entre un camiño limpo e unha estampa deplorable; por riba, xusto fronte ao sendeiro que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo, ofrecendo unha lamebrable imaxe que se suma ao propio abandono no que se atopa este fermoso xacemento…
Polo traballo que custa chegar ata ben arriba da pista forestal do Pituco, non compensa dirixirse a un punto limpo? Ou triturar a biomasa que resulte dunha poda? Ou solicitar a recollida ao Concello a través do servizo de limpeza?
En que cabeza podre, irresponsable e despreciable cabe semellante acción? Alguén da parroquia, quizais? Non atisban esas persoas -porque posiblemente para desfacerse de semellante volume de desperdicios non abondan unicamente dúas mans- a posibilidade de seren descubertas se a Policía Local ou o Seprona son requeridas para investigar a procedencia do lixo? Non lles cae a cara de vergoña se algún veciño ou veciña verificase que houbo zafarrancho de limpeza e que os restos coinciden cos depositados no monte? Tan ousada, desaprensiva e porca é a xente da contorna?
Nin o Pituco nin ningún outro monte son lugar para sufrir unha agresión destas características, que atenta contra a natureza, que pode supoñer un grave problema para a seguridade de calquera persoa que transite polo monte practicando deporte ou para calquera animal ceibe que pastorea pola zona, que contamina a auga e a terra polos compostos químicos que conteñen os materiais ciscados…
O Pituco ten quen o defenda. E como en todos e cada un dos casos documentados anteriormente, a existencia deste verquido será posta en coñecemento das autoridades. Ogallá non quede impune e, como xa ten sucedido a raíz das denuncias, se lles poña nome e apelidos aos autores desta navallada contra o monte veciñal para que sexan multados de forma exemplar.
Ogallá a Comunidade de Montes de San Xián se digne en repoñer a sinalización que, no principio da pista forestal, advertía meses atrás contra os verquidos de residuos e alertaba das sancións ás que se expoñía quen vulnerase a Lei de Montes. Unha sinalización que abofé non impediría o paso de calquera condutor cun vehículo cargado de inmundicia, pero que cumpriría cando menos unha función informativa e disuasoria.
Secuestrada a sinaléctica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e erradicados os carteis prohibindo tanto a circulación de vehículos a motor non autorizados como os depósitos de lixo, o Pituco caeu en desgraza para a directiva da Comunidade de Montes. Non por iso se priva de arramplar con toda a madeira -os beneficios económicos que reporta foron sustanciosos- nunha corta a matarrasa brutal. Mais ningunha mellora a cambio: nin para devolverlle a dignidade e a identidade coa cartelería dos xacementos arqueolóxicos que atesoura, nin para exercer un mínimo de autoridade fronte a quen ouse violentar o fráxil equilibrio do ‘balcón da ría’.

Publicado en Alertas, Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Comunidade de Montes de San Xulián, Medio ambiente

La Asociación Depolgal ha destruido 150 nidos de esta especie en el área de Marín pero el número de avisos ronda ya los 250
Depolgal, asociación de Defensa dos Polinizadores de Galicia, ha intervenido este fin de semana en el monte Pituco (o Pornedo) de Marín, para eliminar un nido de avispa velutina situado a gran altura. Los voluntarios de la agrupación han utilizado para ellos drones y explosivos, según informa la agrupación Defende o Monte Pituco, agradecida con la intervención de Depolgal (…) La agrupación Defende o Monte Pituco explica que en las últimas horas los voluntarios de Depolgal han actuado en este terreno, ante la presencia de un nido a elevada altura, localizado en lo alto de un eucalipto al lado del nacimiento de Rego das Presas.
Publicado en Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, Fauna, Prensa

Dende a Asociación de Defensa dos Polinizadores de Galicia (Depolgal) calculan que a tempada de eliminación de niños de avespa velutina volverá acadar neste ano a cifra do pasado 2018, con arredor de 400 actuacións. No que levamos de 2019 levan erradicado preto de 150, pero o número de avisos ronda xa os 250. Nesta mañá do 17 de agosto achegáronse ata o Monte Pituco (Pornedo) para actuar ante a presenza dun niño a elevada altura, no alto dun eucalipto a carón do nacemento do rego das Presas.
Precisamente, a existencia de mananciais ou regatos é unha condición fundamental na localización destes niños secundarios: as avespas elabóranos mastigando follas e cortizas, que mesturan con auga para formar esas grandes estruturas de celulosa.
Equipados con dous drons, un dos cales transportaba unha carga explosiva que se fixo detonar ao carón do niño, a operación completouse en poucos minutos. Abondou con achegarse ata unha zona con visibilidade suficiente para lanzar o primeiro dron de recoñecemento, que permitiu aos voluntarios facerse unha idea das súas dimensións e ubicación exacta.

Un segundo dron transportaba un potente petardo adosado a unha vara suxeita ao aparello voador cos cables que permitían accionalo a distancia. Coa axuda do visor que recolle as imaxes transmitidas pola cámara, e co apoio duns prismáticos, foi posible axustar o posicionamento do cartucho coa munición o máis preto posible do niño, para garantir que a explosión acabase integramente con el.
O Concello de Marín facilitoulles en setembro de 2018 o primeiro dron e, neste tempo, as necesidades de material van medrando co obxectivo de facer cada actuación máis eficaz. Porque mentres que os niños primarios atópanse na terra, en cobertizos ou espazos abrigados e cálidos, os secundarios -que poden albergar ata 16.000 avespas- soen estar en lugares certamente inaccesibles. Ademais das pértigas e dos drons cos que están equipados, dende Depolgal xa perciben a necesidade de contar cun telescopio terrestre que lles facilite a visión dos niños cando se atopan en arboredas frondosas.


Medra tanto a demanda na retirada de niños que Depolgal recibe avisos mesmo dende fóra de Marín, onde esta organización centra exclusivamente o seu ámbito de actuación. O teléfono de atención á cidadanía 012 da Xunta non atende axeitadamente este tipo de avisos, polo que soen ser apicultores organizados en colectivos os que -coa colaboración dos Concellos- dánlle saída a estas alertas.
As avespas velutinas causan importantes estragos nas colmeas ao atacar as abellas, polo que os apicultores tratan de defender as colonias de melíferas instalando trampas e arpas eléctricas. Nas charlas que imparten periodicamente insisten na importancia de detectar en primavera o maior número posible de raíñas velutinas para evitar a súa propagación, posto que cada unha pode dar lugar a 50.000 individuos máis. Durante o verán e ata ben entrado o outono é a época de maior actividade e cando a entidades como Depolgal se lles acumula o traballo; un labor altruista que tería que continuar tamén no inverno, tendo en conta que os expertos na investigación da vespa velutina advirten que os niños seguen activos mesmo en meses fríos como xaneiro.
Un labor para o que cómpre elaborar tamén algún tipo de regulamento administrativo, como perciben os propios voluntarios, para unha maior seguridade no servizo que prestan.
Dende Monte Pituco agradecemos a atención de Depolgal ao aviso que se lles transmitiu hai apenas unha ducia de días informando da existencia deste niño e das dificultades que presentaba a súa erradicación. Somos conscientes do complexo que resulta realizar unha tarefa voluntaria á marxe das obrigas profesionais e dos compromisos personais; como tamén o somos da amplia extensión dun municipio como Marín, cunha importante extensión rural. Por iso cómpre valorar a dispoñibilidade e a efectividade do traballo realizado. Coa implicación da veciñanza, alertando e colaborando na localización dos niños, será posible irmos avanzando na fronte contra esta especie invasora que, mal que nos pese, chegou para quedar.

Publicado en Alertas, Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, Fauna

En canto poñamos o punto final a este texto e estea publicado, a Asociación ‘Depolgal’ de Defensa dos Polinizadores de Galicia estará recibindo no seu buzón de correo electrónico a ligazón a este artigo con toda a información necesaria sobre a localización dun niño de vespa velutina no Monte Pituco (Pornedo), en San Xulián, preto do nacemento do rego das Presas.
Advertiunos da presenza deste niño un operario da empresa madeireira que realizou a recente corta do piñeiral na ladeira do Pornedo. Afeitos a atoparse con numerosos avespeiros desta especie invasora orixinaria de Asia, os traballadores forestais semellan ter un ‘ollo’ especial para captalos, pola experiencia acumulada nos últimos anos dende que esta praga chegou ao noroeste peninsular.
Foi en 2015 cando detectamos por primeira vez a presenza de velutina nas leiras do val do Pornedo. Pero trala localización deste niño, o que finalmente nos decidiu a non pospoñer máis a súa notificación é o feito de atopala xa no interior das vivendas próximas, no lugar do Caeiro, introducíndose nelas polas portas e polas ventás abertas. No propio monte é habitual ver vespas velutinas rondando na cortiza dos piñeiros ou nas matas de fiúncho en flor, na procura de alimento.
A dificultade deste niño situado no Pornedo radica na elevada altura á que se atopa, na copa dun dos eucaliptos máis grandes situados nas inmediacións do nacemento do rego das Presas, nun mato privado. A pesar da distancia con respecto do chan, o niño é visible na distancia, o que fai presupoñer que se trata dun avespeiro de gran tamaño.


Hai tan só uns días os especialistas en eliminación de velutina achegáronse ata O Caeiro para erradicar un niño situado nun carballo, aplicando a técnica da explosión cun petardo. No caso do niño situado no alto deste eucalipto, non será tan doado achegarse a el utilizando unha pértiga; en lugares como Mos tense empregado unha escopeta de aire comprimido e mira telescópica que dispara un produto específico para o tratamento desta especie.

Dende a Asociación Monte Pituco poñémonos a disposición de Depolgal -ou dos técnicos nos que se delegue esta misión- para colaborar na localización deste novo niño: montepituco@gmail.com
Asimesmo, nesta época de verán na que se rexistra unha maior proliferación da velutina, facemos un chamamento á veciñanza para que extreme as precaucións durante a realización de tarefas agrícolas como limpeza de fincas ou mantemento nos viñedos, utilizando medios de protección contra posibles picaduras. En caso de atoparse cun avespeiro, pregamos que se lle dea aviso ao 112 ou a Depolgal: depolgal@gmail.com / téléfono 671 379 743.

Publicado en Alertas, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Fauna, Medio ambiente
Comentarios recentes