Publicado por: MontePituco | 28/09/2019

27-S… HAI 10 ANOS

La Voz de Galicia, 25 setembro 2009

A historia desta bitácora do Monte Pornedo, a loita para defender o ‘balcón da ría’ da ameaza do polígono industrial, o interese polo patrimonio, a natureza e a paisaxe… todo comezou, curiosamente, e sen sermos daquela conscientes do que representaría aquel día, un 27-S… de 2009. Dez anos despois, por unha especie de caprichosa carambola do destino, esa data representa o punto de inflexión no que a cidadanía secunda unha Folga Mundial polo Clima.

Recorremos á hemeroteca para lembrar que un 27 de setembro de 2009 a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra organizou unha ruta de sendeirismo co lema “O Espazo Arqueolóxico dos Sete Camiños” co obxectivo de “enxalzar o espazo etnográfico das parroquias de Pontevedra e Marín”. Acudimos con curiosidade a aquela andaina, que nos revelou aspectos descoñecidos do patrimonio cultural que atesouraban os montes de Salcedo e Lourizán, e particularmente, de San Xulián.

Aínda lembramos as caras dalgúns habitantes d’O Caeiro, abraiados ante o conxunto rupestre do Pornedo, do que descoñecían a súa existencia; ou que tal vez soubesen del, mais ignorando por completo a importancia e a significación dos extraños surcos gravados naquelas pedras, milleiros de anos atrás. A sorpresa chegaría meses despois cando, ao presentarnos diante da súa porta para solicitarlles a adhesión a un humilde escrito contra o polígono industrial, apelando precisamente á conservación daqueles petróglifos que tanto asombro lles causaran, recibimos un inesperado “NON” por resposta.

Pero á marxe das decepcións, se algo actuou como o detonante da convicción necesaria para soster durante os dez anos seguintes esta causa na defensa do Monte Pituco, foi aquela andaina reveladora. Cando meses despois, case rematando o ano, se acentuaron as declaracións do goberno bipartito Psoe-Bng a prol de incluir este espazo como solo industrial no PXOM que se estaba tramitando, aquel roteiro organizado pola APDR saltou repentinamente coma un resorte na nosa mente cunha mensaxe clara: hai motivos para frear o despropósito. E os motivos eran, primeiramente, os Bens de Interese Cultural catalogados, co máximo nivel de protección legal, que verían seriamente afectada a seu ámbito de cautela arqueolóxica. 

E por aí comezou todo o demais: o inventariado dos acuíferos susceptibles de desaparecer polo efecto dos movementos de terra, os estudos topográficos determinantes para as actuais sentenzas firmes e inapelables que demostraron que a zona non reunía os requisitos técnicos mínimos, o estudo a fondo do Planeamento Urbanístico e da súa Memoria Ambiental que revelou as enormes contradicións do documento…

Ruta Espazo Sete Camiños, 27 setembro 2009

 

Aquel premonitorio 27-S de 2009 foi o noso particular punto de inflexión a prol do clima e do medio ambiente. As dúas sentenzas do TSXG contra o PXOM do Concello de Marín e contra o Plan Sectorial de Áreas Empresariais da Xunta de Galicia son a nosa modesta contribución para que este recuncho do mundo siga sendo verde, non sucumba á contaminación urbanística, sexa máis respectuoso co legado histórico-cultural do pasado e perdure como Xan Montenegro o bautizou: ‘o balcón da ría’.

Con todo, cómpre seguir vixiantes, mantendo o pulso reivindicativo e sumando forzas con outros colectivos sensibles coa natureza. A celebración da Folga Mundial polo Clima contou co apoio da Asociación Monte Pituco na concentración celebrada ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e mais na manifestación que rematou na Praza da Peregrina, organizadas polo Movemento Galego polo Clima e Venres Polo Clima.

Folga Mundial polo Clima, 27 setembro 2019

Folga Mundial polo Clima, 27 setembro 2019


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: