Publicado por: MontePituco | 04/10/2019

SÁBADO 5, ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR

No miradoiro do Pornedo, o 'balcón da ría'.

Mañá sábado celébrase unha “Andaina polo Monte Pituco ao solpor” para divulgar o patrimonio e a paisaxe dende o ‘balcón da ría’

Divulgar e poñer en valor os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro -catalogados como Bens de Interese Cultural- e outros xacementos arqueolóxicos do rural marinense, ademais de fomentar a sensibilidade ambiental, gozando da paisaxe dende o ‘balcón da ría’, son os obxectivos da ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’ que se celebrará mañá sábado, a partir das 17:30 horas. O punto de encontro desta ruta circular é a arboreda do Pituco, situada na estrada provincial PO-0019 á altura do desvío ao Regueiriño.

Organizada pola Asociación Monte Pituco, trátase dunha iniciativa experimentada en edicións pasadas con moito interese por parte de público de todas as idades, ademais de contar coa asistencia de especialistas en natureza e de expertos en patrimonio arqueolóxico. Na ruta -de tres horas de duración e cunha dificultade media/baixa- poderanse observar os petróglifos coa luz rasante do atardecer, que favorece a apreciación dos gravados.

Recoméndase ás persoas interesadas que acudan con roupa de abrigo e lanterna para
aproveitar, ao anoitecer, a visita ao conxunto rupestre do Pornedo. Iluminado con luz artificial, poderase distinguir aínda con maior detalle a través das formas dos seus sucos, que representan cazoletas, figuras concéntricas e armas. Estas figuras, precisamente, permiten concretar a datación cronolóxica deste tipo de vestixios na Idade do Bronce.

A diferenza doutros montes comunais da provincia -Salcedo en Pontevedra, Tourón en Ponte Caldelas ou Couso en Gondomar, entre outros- onde se programan actividades divulgativas organizadas dende instancias municipais en colaboración coas comunidades, a ausencia de políticas efectivas de protección do patrimonio cultural no Concello de Marín leva a que colectivos como Monte Pituco impulsen accións en defensa do medio ambiente e dos recursos arqueolóxicos e etnográficos situados, neste caso, no monte veciñal de San Xián.

Trátase da parroquia marinense coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos e, sen embargo, o seu potencial pasa desapercibido pola falta de apoio institucional e de mantemento por parte dos titulares dos terreos. Malia ter formado parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños -canda montes pertencentes a Salcedo e a Lourizán- inaugurado en 2015, na práctica, a sinalización instalada no Pituco é inexistente trala retirada do panel informativo principal e as agresións aos rótulos que identificaban os xacementos.

II Certame O Balcón da Ría 2019

Neste sentido, para paliar as eivas do Concello e da Comunidade de Montes na atención a esta contorna, a Asociación Monte Pituco apela á implicación da cidadanía a través da posta en marcha de dúas accións canalizadas a través das redes sociais: o ‘Certame Fotográfico O Balcón da Ría’ e a iniciativa ‘Amig@s do Balcón da Ría’.

Ambas reactivaranse durante a ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’. Os asistentes poderán tomar fotografías dos elementos de interese histórico, natural e paisaxístico que se visiten. Posteriormente compartiríanse nas redes sociais, etiquetando a páxina Salvemos o Monte Pituco (Pornedo) en Facebook ou o perfil OBalconDaRia en Instagram. As mellores fotos que se presenten ao certame serán distinguidas cun agasallo que se entregará nas ‘III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, organizadas pola Asociación Monte Pituco a mediados do vindeiro mes de novembro.

Amig@s do Balcón da Ría


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: