

Dende hai décadas, os lumes forestais veñen sendo unha lacra que cada ano asola os montes e a vexetación da nosa terra. Un tema que preocupa moito a toda a sociedade, tal e como se reflicte no grande interés arredor da película de Oliver Laxe “O que arde” ou nas manifestacións que a mocidade está a protagonizar na defensa do clima e do planeta.
Concibido para abordar a problemática do lume en Galicia, Batefogo é un proxecto de intervención social que pretende compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural. O equipo está formado pola enxeñeira agrónoma Celsa González Ogando, os licenciados en Ciencias Ambientais Paula Lubián Fernández e Miguel Pardellas Santiago, e o asesor especialista en cooperativas Brais Pérez Gómez.
Comezaron traballando nun proxecto piloto desenvolvido en 2016 no Concello de Manzaneda e na Comarca do Barbanza, Porto do Son, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal. Tamén colaboraron na realización de iniciativas puntuais con asociacións e comunidades de montes en Teo, Ponteareas, Lugo, Marín, Chandrexa de Queixa, Chantada e Compostela.
“Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais” xurdiu para dar resposta a algunha das preguntas -e mesmo formular novos interrogantes- que contribúan a implicar cada vez máis persoas, colectivos e entidades na prevención dos lumes forestais; mais tamén abordando esta problemática en clave historia, dende a socioloxía, as ciencias ambientais e a ecoloxía, o urbanismo ou a economía. Todo isto cunha perspectiva de xénero.
[Comunicado do equipo Batefogo]
Deixar unha resposta