MONTE PITUCO ORGANIZA EN NOVEMBRO AS III XORNADAS POLA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO DE SAN XIÁN
Presentaranse as imaxes destacadas no II Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’, no que se pode participar ata o día 10 do vindeiro mes
O colectivo Monte Pituco celebrará os días 15 e 16 de novembro as ‘III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, dedicadas ao legado do mestre marinense -e experto en arqueoloxía- Carlos Paratcha Vázquez. A primeira sesión será o venres 15 ás 20:30 horas na Adega A Capeleira, coa participación do doutor José Casal e do arqueólogo Antonio de la Peña nunha ‘barferencia’ na que se trazará o perfil biográfico de Paratcha. Trala homenaxe, ao día seguinte, sábado 16, co gallo do Día Mundial do Patrimonio Cultural, realizarase unha andaina a partir das 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pituco, para visitar varios xacementos que descubriu, como os conxuntos rupestres do Pornedo, A Carrasca e Champás.
Coetáneo de persoeiros tan relevantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro, os que foran director e secretario do Museo Provincial de Pontevedra, Xosé Filgueira Valderde e Alfredo García Alén, o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e o lingüista e etnógrafo Elixio Rivas, Carlos Paratcha dedicou boa parte da súa vida a investigar e dar a coñecer vestixios prehistóricos non só de Marín, senón tamén de localidades como Campo Lameiro e Moraña.
Malia a súa valiosa e incuestionable achega á historia e á cultura local, fundamentalmente entre os anos 50 e 60 do século pasado, trátase dunha figura inxustamente descoñecida na vila marinense, onde cómpre que as institucións públicas impulsen un merecido recoñecemento ao seu labor.
A posta en marcha destas Xornadas xurdiuen 2017 pola necesidade de animar á veciñanza a coñecer, aprezar e defender o importante patrimonio cultural e arqueolóxico que posúe San Xián, a parroquia coa maior densidade e diversidade de gravados prehistóricos -algúns de recente decubrimento- non só do Concello de Marín, senón da bisbarra do Morrazo. Na primeira edición, o experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa presentou a súa experiencia na posta en práctica da técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián. O pasado ano, os protagonistas foron os letrados do equipo xurídico que logrou dúas sentenzas firmes do TSXG obrigando o Concello de Marín e a Xunta a anular o polígono industrial que proxectaran no Monte Pituco.
CERTAME FOTOGRÁFICO
No marco destas Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, o colectivo Monte Pituco volveu convocar por segundo ano o Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’. A participación consiste en tomar imaxes do Monte Pituco e dos arredores, e compartilas nas redes sociais etiquetando en Instagram o perfil “obalcondaria” ou en Facebook a páxina “Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)”. Admitiranse fotografías da paisaxe, da flora e da fauna, dos mananciais, dos xacementos arqueolóxicos, dos sendeiros e doutros elementos que realcen o valor visual, natural e cultural da zona, acompañándoas cun breve texto descritivo.
O venres 15 de novembro, ao remate da ‘barferencia’ de José Casal e Antonio de la Peña na Adega A Capeleira, entregaranse agasallos ás autoras e autores das imaxes máis valoradas. O prazo para achegar instantáneas permanecerá aberto ata o domingo 10 de novembro.
[…] andaina o sábado 16 de novembro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio e como colofón ás III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao mestre Carlos […]
By: OUTONO EN CHAMPÁS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/11/2019
at 23:48