Publicado por: MontePituco | 10/11/2019

OUTONO EN CHAMPÁS

Sendeiros de Champás

O Monte de Champás agárdanos coas súas mellores galas de outono para desfrutar dunha agradable andaina este sábado 16 de novembro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio e como colofón ás III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao mestre Carlos Paratcha. 

Paratcha descubriu moitos xacementos prehistóricos na parroquia de San Xián: velaí os petróglifos do Pornedo, da Carrasca e de Champás (antano denominados Carballás e Cachada Grande, respectivamente), mais tamén na Moreira e nao bosque de Cadro… É xusto un recoñecemento ao seu labor, tan descoñecido e silenciado. Para botar luz sobre a súa figura e o seu legado, o doutor José Casal e o arqueólogo Antonio de la Peña protagonizarán a primeira sesión das Xornadas, o venres 15 ás 20:30h na Adega A Capeleira (rúa do Forno, Marín).

Silla de Champás, anos 50-60, descubrimento de Carlos Paratcha

Champás nº1, coñecido como ‘Silla de Champás’, descubrimento de Paratcha

Petróglifos de Champás, descubertos por Carlos Paratcha

Champás nº3, antano Cachada Grande, outro achado de Paratcha

Ao día seguinte visitaremos, con saída ás 10h dende a arboreda do Pornedo, algúns deses interesantes petróglifos que Paratcha descubriu. En Champás, precisamente, destacan a famosa ‘silla’ dende a cal, antes da invasión do eucalipto, se divisaba a ría. E na mesma área, unha importante escena de caza con representación de cervos, que coincide coa penedía anterior na súa ubicación privilexiada no alto do monte.

A Toponimia de Marín do filólogo, profesor e investigador Elixio Rivas sitúa a orixe da palabra Champás no latín ‘campus’, de campiña. No tempo que Rivas pasou facendo o inmenso traballo -valla a redundancia- de campo, visitando toda a xeografía marinense e recollendo milleiros de palabras, xa se refería a Champás como un lugar “con mucho tojo y breves retazos de campiña natural”, cita na súa tese de doutoramento, explicando que se trataba dun terreo moi húmido.

Patrimonio cultural e natural van da man. E nunha estación tan vistosa coma o outono, na que abrolla a auga dos mananciais, agroman os cogumelos e o arborado autóctono que aínda perdura agasállanos con cambiantes tonalidades cromáticas, cómpre gozar das belezas da natureza. 

Russula en Champás

Russula

Trametes versicolor en Champás

Trametes versicolor

Ramaria en Champás

Ramaria

Clathrus en Champás

Clathrus

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: