Publicado por: MontePituco | 08/11/2019

TRALA CORTA A MATARRASA, A REFORESTACIÓN

Reforestación trala corta a matarrasa

Non se cumpriron an absoluto as -máis que expectativas- recomendacións do voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, quen na recente Andaina polo Monte Pituco ao solpor, ao comprobar sobre o terreo a desfeita da tala a matarrasa realizada pola Comunidade de Montes de San Xián durante o pasado verán, amosouse partidario de que o solo se rexenerase de forma natural e a matogueira fose ocupando novamente o espazo. Porque así eran antano o Pornedo e a maior parte dos montes da bisbarra, antes de que a praga do eucalipto invadise o país nunha estratexia absolutamente errada dende o punto de vista ecolóxico, mais cargada de intersees económicos.

“…Pasan por ser ecosistemas propios de gran valor ecolóxico debido a súa rica biodiversidade faunística e florística e pola súa función reguladora e rexeneradora dos seus solos pedregosos e ácedos. A interacción destes ecosistemas polas causas citadas, está a provocar erosión do terreo, perda de capa vexetal, soterros, ruídos, contaminación atmosférica, verquidos de lixo, introducción de vexetación alóctona, e nos monocultivos forestais (eucalipto e piñeiro), por engadido, degradación a medio-longo prazo, nun proceso de varios anos donde ás árbores crecen ata cubrir totalmente o terreo, eliminando e modificando a vexetación orixinaria por exceso de competitividade pola luz, auga e nutrientes, pola cantidade de biomasa caída dende os seus talos e ramas sobre o solo que inhiben que o mato poida crecer ao seu abeiro e cabe tamén a posibilidade por causa da utilización de agrotóxicos para acelerar a súa desaparición” (Luita Verde, xullo de 2007 no diario dixital Vieiros)

Centos de regos paralelos furan agora o Pornedo, sen que a Comunidade de Montes teña exposto en asemblea que perspectivas de futuro trazaría hipoteticamente o Plan de Ordenación nesta parte do monte veciñal. A única ocasión na que se falou dese documento nada se dixo sobre o Pornedo, coa suposta excusa de que o PXOM tíñao clasificado como solo industrial. Dende hai dous anos, senllas sentenzas do TSXG obrigan a Xunta e o Concello de Marín a retirar o proxecto urbanístico ilegal que se cernía sobre o ‘balcón da ría’, mais a Comunidade de Montes non presentou neste tempo ningunha medida sobre a xestión deste espazo.

Mais está claro: a directiva quedou sen o suculento botín da especulación; toca expremer o zume do Pornedo para a industria madeireira. A diferenza doutras comunidades próximas onde se practica unha clara aposta polas especies autóctonas que xeran valor engadido -velaí a función multifuncional tan importante- alén da súa madeira, a través da produción de froitos, en San Xián segue imperando a estreitez de miras: máis especies pirófitas, nula defensa do patrimonio cultural, ausencia de sensibilidade polo valor paisaxístico deste enclave privilexiado.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: