Publicado por: MontePituco | 27/01/2016

O PORNEDO, NA ‘TOPONIMIA DE MARÍN’ DE ELIXIO RIVAS

Elixio Rivas

Esta semana no Museo Manuel Torres celebrouse o acto de doazón ao Concello da tese de doutoramento sobre “Toponimia de Marín” realizada por Elixio Rivas Quintas. O propio autor, aos seus 90 anos, achegouse ata Marín dende Baños de Molgas -onde reside actualmente na congregación dos Padres Paúles, orde relixiosa á que pertence- para participar, ademais, na celebración do aniversario do Colexio San Narciso, que cumpría outros 90 anos. Elixio Rivas chegou ao San Narciso en 1961, procedente de La Habana, de onde foi expulsado logo da Revolución Cubana; previamente estivera destinado na vila inglesa de Dunstable.

Durante a súa estadía en Marín cursou a licenciatura en Filoloxía pola Universidade de Santiago. Son numerosos os artigos que elaborou sobre a illa de Tambo, o Gremio de Mareantes, as tradicións vencelladas a San Miguel… e tal foi o seu interese polo coñecemento, recuperación e difusión da toponimia local que lle dedicou a súa tesiña de licenciatura, ampliada posteriormente e presentada en 1978 como tese de doutoramento.

Dous tomos de considerable grosor recollen o seu labor inxente, do que se publicou un pequeno ‘resume’ de 409 páxinas en formato libro, editado en 1982 pola Universidade de Santiago, como anexo da revista Verba.

O profesor do Colexio San Narciso e membro da Real Academia Galega, Héctor Silveiro, foi quen impulsou a recuperación da “Toponimia de Marín” para poñer a disposición da cidadanía e dos investigadores este valioso traballo que, como lembrou, foi o modelo polo que se guiaron posteriores traballos nesa materia. Velaí o carácter pioneiro de Elixio Rivas, que dende 1978 pertence á Comisión de Toponimia de Galicia, unha sección do Consello da Cultura Galega.

O Ateneo Santa Cecilia recolleu a proposta de Héctor Silveiro e trasladoulla ao Concello de Marín, que aceptou o reto de custodiar a tese, dixitalizala e publicala nun formato acorde aos avances tecnolóxicos para favorecer a súa consulta e a súa divulgación.

Héctor Silveiro falou do carácter débil, fráxil e perecedeiro da palabra oral; do esforzo de Elixio Rivas para recoller por escrito ese patrimonio inmaterial de maneira “meticulosa, case á luz do candil”. O resultado foi un traballo “erudito” que nos permite situar a Elixio Rivas á altura do Padre Sarmiento, como figuras “complementarias” que son entre si.

Escoitar a Elixio Rivas -Premio Otero Pedrayo (1980) e Medalla Castelao (2000)- é un privilexio. Poucas veces temos a oportunidade de estar diante dun erudito dos de antano. Cunha vitalidade envexable, cunha locuacidade xovial e incontible, Elixio Rivas foi debullando recordos das súas andainas con Carlos Paratcha polos montes non só de Marín, senón tamén de Bueu, de Moaña, de Pontecaldelas… Foi contando anécdotas dos seus encontros cos veciños de cada lugar, que lle contaban os nomes cos que se coñecía cada recuncho da contorna, os porqués desas palabras…

Dende a orixe euroafricana de Bouza, que equivale a balsa ou lugar con auga; ata Veiga e Veiguiña, que teñen a mesma procedencia.

Dende Neibó, o nome do río que nace no Gagán, de raíz indoeuropea e que ten que ver con Nabea e Nabia, referidos a un lugar con auga nunha montaña.

Ata Lama e Lameiriña, de carácter céltico. Ou Cidrás, que significa cítrico. Ou Pornedo, de piorno, xesta, que ben lembra Elixio Rivas que queda “subindo ao Lago de Castiñeiras, á esquerda”.

Toponimia de Marín, de Elixio Rivas

[Referencia a O Pornedo no libro “Toponima de Marín”, publicado pola Universidade de Santiago en 1982]

Elixio Rivas contaríanos ao final da presentación que anos atrás subira con Carlos Paratcha ata o Pornedo. Emprazándonos a visitalo na súa residencia de Baños de Molgas para contarnos a historia da “silla do Pornedo” e amosarnos o seu museo etnográfico, despedímonos deste home sabio e encantador, activo e xeneroso. Tomámoslle a palabra!

O Pornedo na "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas.

[Vista dos montes de Marín, debuxada por Elixio Rivas, dende Penizas]

Toponimia de Marín, de Elixio Rivas

O Pornedo na "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: