Este exemplar de Vespa velutina foi localizado este xoves 15 pola tarde nunha finca do lugar de Caeiro, na parroquia marinense de San Xulián, preto do Monte Pituco.
As fontes que nos confirmaron a súa identificación puxéronnos na pista dun video elaborado pola Asociación Naturalista do Baixo Miño ANABAM no que se observa Vespa velutina alimentándose no mesmo tipo de planta, calistemon, que o que figura na imaxe que encabeza o artigo.
Posteriormente, a través das fichas incluidas no Programa de Vixiancia e Control da Vespa Velutina elaborado pola Xunta, verificamos que o exemplar localizado coincide coas características da denominada ‘vespa asiática’.
Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO xa nos diriximos por correo electrónico ao contacto que figura no protocolo da Xunta para informar sobre a localización deste insecto invasor tan perxudicial para a apicultura e tan negativo para a función polinizadora que realizan as abellas, cuxas colmeas son atacadas con resultados nefastos para a especie autóctona.
O Protocolo da Xunta establece que calquera persoa que vexa Vespa velutina pode comunicalo ao número 012.
O pasado 18 de setembro a Agrupación Apícola de Galicia organizou en Marín unha xornada informativa á que asistimos. Malamente podiamos imaxinar que ía pasar menos dun mes ata que atoparamos os primeiros exemplares de Vespa velutina preto do Monte Pituco.
Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO seguiremos con atención a información que nos traslade TRAGSA sobre este achado, para trasladarlla á Comunidade de Montes de San Xulián e ao Concello de Marín.
[…] en 2015 cando detectamos por primeira vez a presenza de velutina nas leiras do val do Pornedo. Pero trala localización deste niño, o que finalmente nos decidiu a non pospoñer máis a súa […]
By: NIÑO DE VELUTINA NO PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 04/08/2019
at 22:39