MANIFESTO:
No actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, mais, non só como reservorios de carbono, tamén como fornecedores de servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar, a loita contra a erosión, etc.
Porén, no recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido. A repoboación con estas especies tamén se ve favorecida polo Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono. Por outra banda, o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período.
Mais, unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa.
Tampouco debemos esquecer que o uso principal do eucalipto cortado no país é o da súa transformación en pasta de papel na fábrica de Lourizán (Pontevedra), un proceso industrial que provoca que todo o CO2 previamente absorbido polas árbores sexa devolto incrementado á atmosfera, dando como resultado un efecto potenciador do proceso da mudanza climática. Malia a todo, o Plano Forestal que se está a tramitar pola Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior.
Consideramos que as Administracións galega e estatal deben apostar por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, pero que non debe utilizar este como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras.
Na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súa titularidade. Recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara a unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. En Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización.
Neste senso, pedimos a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.
A continuación, as entidades asinantes deste documento concretamos algunhas das medidas máis necesarias de cara á planificación do futuro do monte galego:
*Sobre masas forestais de eucaliptos e outras especies exóticas invasoras
● Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos).
● Prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. Erradicación destas na RGEP.
● Programa de Redución Progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc.
● Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.
● Modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais” para: excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración dos proxectos. Sobre aproveitamentosforestais e peche do ciclo produtivo
● Promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza.
● Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.
● Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.
● Apoio á investigación para unha industria forestal integral e sustentable.
● Fomento do aproveitamento da biomasa forestal só residual.
● Fomento da silvicultura con madeiras de calidade.
● Prohibición dos cultivos enerxéticos.
*Sobre biodiversidade
● Realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas, pendente desde 1992, e incentivos para a súa conservación e ampliación.
● Establecer unha reserva ecolóxica do 30% para bosque nativo en plantacións forestais.
● Agardar á publicación do V Inventario Forestal (IFN5) -a piques de ser publicado- para a elaboración dunha nova revisión do Plan Forestal.
● Creación de bancos de xermoplasma ou de sementes das diferentes especies autóctonas, procurando, no posible, unha boa representatividade das especies e da súa variabilidade xenética en cada zona.
● Axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas, a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes.
● Programa de divulgación e educación sobre especies autóctonas e do seu valor ecosistémico, económico e social.
● O cumprimento estrito por parte da Administración pública das funcións de custodia, vixilancia e policía que lle outorga a normativa vixente.
*Sobre lumes forestais
● Creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que favoreza a multifuncionalidade do monte e, por tanto, a súa prevención fronte os incendios forestais.
● Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.
● Recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade.
● A xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico.
● Ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 m por cada 50 ha de eucaliptos, e de 50 m por cada 50 ha de piñeiros.
● Incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc.
● Perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6×6 arredor destes elementos.
● Os Plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptaciónsterritoriais necesarias.
● O PLADIGA será de carácter anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación. Deberá establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.
● Creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.
*Sobre a titularidade, xestión e ordenación do monte
● Nova lei de montes veciñais en man común que reforce o carácter xermánico da titularidade veciñal.
● Devolución da xestión dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados á veciñanza comuneira sen carga económica. De existir esta carga, sería achacábel á Administración forestal dado que foi ela a que xestionou estes montes.
● Potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras, como ferramenta de acceso á terra para o desenvolvemento de actividades agrarias, principalmente por persoas labregas. No caso dos terreos de MVMC, o alugueiro non poderá ter duración nen uso que comprometan a titularidade e recuperación dos mesmos pola veciñanza comuneira.
● Incremento da xestión pública dos montes con fins conservacionistas. Nos MVMC este incremento levarase adiante baixo convenios con comunidades de montes e fórmulas de coxestión. ● Exención, debido ás características do territorio forestal galego, da obriga de contar cun instrumento de ordenación de montes para as parcelas particulares de superficie igual ou inferior a 1 Ha; eliminando, por tanto, a adhesión a modelos silvícolas. En todo caso, estas parcelas deberán adaptarse ás directrices marcadas nos PORF (Plans de Ordenamento dos Recursos Forestais).
● Retirada das comunidades de montes como suxeito pasivo no Imposto sobre Sociedades e elaboración, desde Galiza, dunha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais.
● Pulo a fórmulas que favorezan unha xestión colectiva do monte máis democrática e social
Deixar unha resposta