Dende a Asociación de Defensa dos Polinizadores de Galicia (Depolgal) calculan que a tempada de eliminación de niños de avespa velutina volverá acadar neste ano a cifra do pasado 2018, con arredor de 400 actuacións. No que levamos de 2019 levan erradicado preto de 150, pero o número de avisos ronda xa os 250. Nesta mañá do 17 de agosto achegáronse ata o Monte Pituco (Pornedo) para actuar ante a presenza dun niño a elevada altura, no alto dun eucalipto a carón do nacemento do rego das Presas.
Precisamente, a existencia de mananciais ou regatos é unha condición fundamental na localización destes niños secundarios: as avespas elabóranos mastigando follas e cortizas, que mesturan con auga para formar esas grandes estruturas de celulosa.
Equipados con dous drons, un dos cales transportaba unha carga explosiva que se fixo detonar ao carón do niño, a operación completouse en poucos minutos. Abondou con achegarse ata unha zona con visibilidade suficiente para lanzar o primeiro dron de recoñecemento, que permitiu aos voluntarios facerse unha idea das súas dimensións e ubicación exacta.
Un segundo dron transportaba un potente petardo adosado a unha vara suxeita ao aparello voador cos cables que permitían accionalo a distancia. Coa axuda do visor que recolle as imaxes transmitidas pola cámara, e co apoio duns prismáticos, foi posible axustar o posicionamento do cartucho coa munición o máis preto posible do niño, para garantir que a explosión acabase integramente con el.
O Concello de Marín facilitoulles en setembro de 2018 o primeiro dron e, neste tempo, as necesidades de material van medrando co obxectivo de facer cada actuación máis eficaz. Porque mentres que os niños primarios atópanse na terra, en cobertizos ou espazos abrigados e cálidos, os secundarios -que poden albergar ata 16.000 avespas- soen estar en lugares certamente inaccesibles. Ademais das pértigas e dos drons cos que están equipados, dende Depolgal xa perciben a necesidade de contar cun telescopio terrestre que lles facilite a visión dos niños cando se atopan en arboredas frondosas.
Medra tanto a demanda na retirada de niños que Depolgal recibe avisos mesmo dende fóra de Marín, onde esta organización centra exclusivamente o seu ámbito de actuación. O teléfono de atención á cidadanía 012 da Xunta non atende axeitadamente este tipo de avisos, polo que soen ser apicultores organizados en colectivos os que -coa colaboración dos Concellos- dánlle saída a estas alertas.
As avespas velutinas causan importantes estragos nas colmeas ao atacar as abellas, polo que os apicultores tratan de defender as colonias de melíferas instalando trampas e arpas eléctricas. Nas charlas que imparten periodicamente insisten na importancia de detectar en primavera o maior número posible de raíñas velutinas para evitar a súa propagación, posto que cada unha pode dar lugar a 50.000 individuos máis. Durante o verán e ata ben entrado o outono é a época de maior actividade e cando a entidades como Depolgal se lles acumula o traballo; un labor altruista que tería que continuar tamén no inverno, tendo en conta que os expertos na investigación da vespa velutina advirten que os niños seguen activos mesmo en meses fríos como xaneiro.
Un labor para o que cómpre elaborar tamén algún tipo de regulamento administrativo, como perciben os propios voluntarios, para unha maior seguridade no servizo que prestan.
Dende Monte Pituco agradecemos a atención de Depolgal ao aviso que se lles transmitiu hai apenas unha ducia de días informando da existencia deste niño e das dificultades que presentaba a súa erradicación. Somos conscientes do complexo que resulta realizar unha tarefa voluntaria á marxe das obrigas profesionais e dos compromisos personais; como tamén o somos da amplia extensión dun municipio como Marín, cunha importante extensión rural. Por iso cómpre valorar a dispoñibilidade e a efectividade do traballo realizado. Coa implicación da veciñanza, alertando e colaborando na localización dos niños, será posible irmos avanzando na fronte contra esta especie invasora que, mal que nos pese, chegou para quedar.
Deixar unha resposta