Parada nos petróglifos de Pinal de Caeiro. Foto: C. Martínez
Parada para admirar a paisaxe no camiño cara á Fonte das Pulgas. Foto: M. López
Flora e fauna do outono no Monte Pornedo. Fotos: C. Martínez
Mámoa de Sete Camiños. Foto: C. Martínez
Petróglifos de Sete Camiños
Entre Sete Camiños e O Pornedo: Foto: C. Martínez
Fin da andaina no conxunto rupestre do Pornedo. Fotos: M. López e C. Martínez
Con esta última escolma de imaxes remata o repaso á recente Andaina polo Monte Pituco ao solpor. Dende a Asociación Monte Pituco agradecemos a asistencia respectuosa, o entusiasmo das persoas -pequenos e maiores- que acudiron a este novo encontro arredor da natureza, do patrimonio e da paisaxe, involucrándose intensamente nas dinámicas de participación propostas: a recollida do lixo atopado durante o itinerario, a sementeira de landras ao longo do camiño, e a toma de fotografías coas que nutrir tanto as redes sociais como esta serie de artigos da bitácora do ‘balcón da ría’. Esta nova entrega foi posible grazas ao fermoso material gráfico achegado por María López -un gran apoio deste pequeno colectivo cuxo maior capital son as amizades forxadas neste tempo- e por Cándido Martínez, da entidade ecoloxista Luita Verde e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. Moitas grazas pola vosa valiosa colaboración, así como a Antonio Costa, Gloria BC, Sandra Pesqueira, Andrea Bernárdez, Laura Freire e José Manuel Domínguez, artífices das imaxes precedentes.
O II Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’ continuará recepcionando fotografías ata o venres 8 de novembro. As persoas interesadas poden sumarse a esta iniciativa visitando o Monte Pituco, tomando imaxes do espazo e compartíndoas nas redes sociais: en Facebook etiquetando a páxina ‘Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)‘; en Instagram etiquetando @obalcondaria. Non se trata dun concurso competitivo ni ten dotación económica. Un xurado designado pola organización distinguirá tres imaxes, que recibirán un agasallo no marco das III Xornadas pola protección e defensa do patrimonio de San Xián, os días 15 e 16 de novembro.
O venres 15 pola tarde celebrarase unha charla e o sábado 16 -Día Mundial do Patrimonio- pola mañá haberá un roteiro. Informarase proximamente dos detalles do programa.
Deixar unha resposta