Lemos no Blog Polígono na Brea Non:
«Se digo Pituco, non digo Marte, digo Marín.
Se digo pena e caeiro, non falo de marcianos, falo de veciños cos mesmos dereitos que teño eu.
Os veciños da Brea sabemos que hai outros mundos aparte de nós, hai outras vidas. Non podemos andar sempre mirando o noso embigo coma se foramos nós a única barriga que existe no concello.
Os veciños de Monte Pituco levan moitos anos no punto de mira. Tantos que chegou un punto no que xa deixaron de preocuparse. A amenaza de que o polígono industrial de Marín iba estar ubicado alí, xa parecía unha broma de tantas veces que se repetía. Ata tal punto que os veciños deixaron de preocuparse.
Fai un mes mais ou menos que todos nos enteramos de que esta xente empezou unha loita.
Crearon unha páxina web que, por certo, está enlazada con esta e podedes visitala para recibir a información que queirades.
A representante destes veciños estivo onte na casa de Cultura de Seixo. Expuso os seus argumentos. Defendeu os seus dereitos. Non pideu nada. E marchou por onde veu acadando o noso respeto.
Antes estivo en Vista Alegre e alí tivo as súas diferencias cos comuneiros e cos veciños de Macenlle. Eles saberán o que teñen que opinar e o que teñen que reprochar.
Se algo aprendin neste tempo que levo en loita para defender os meus dereitos lexítimos de protexer o aneco de terra no que vivo, é que coma min hai outra moita xente que ten os mesmos dereitos.
Tamén aprendín que un veciño nunca debe ser xuíz nin verdugo de outro veciño. Estamos a loitar para evitar os abusos de poder de algúns políticos que queren pisotearnos, de iso se trata. Ese é o tema e ahí hai que centrarse.
Mentras eu facía o meu camiño, fun atopando xente que se sumaba ó meu paso, e había outra xente que abandonaba a viaxe mentras eu seguía camiñando.
Quén son eu para xuzgalos?
Quén son eu para sentencialos a morte?
Agora sospeito que Ítaca non existe, pero continuarei camiñando na súa busca, e nunca nunca vou despreciar a todas aquelas persoas que queiran facerme compaña nesta longa viaxe.
Os veciños da Brea, unha vez mais, berramos ós catro ventos que non queremos un mini polígono nas nosas terras. Ó mesmo tempo sumámonos a outros colectivos coma o de Macenlle, A Canteira e Moledo, que defenden o seu territorio.
Nunca se nos ocurreu pensar que ningún dos outros colectivos nos quería pisar nin quería quitarse de enriba o polígono para metérnolo a nós, moi ó contrario, a nosa filosofía foi sempre manterse unidos porque a unión fai a forza.
Agora, un pouco mais tarde, súmanse os veciños de Pena e Caeiro, defendendo o Monte Pituco, e eu, dende A Brea, non son Xuíz nin quero ser verdugo. Son, simplemente, compañeira de loita. E dende aquí vos invito a emprender con nós o longo camiño hacia Ítaca. Porque os vosos dereitos son tan lexítimos coma os nosos. Ou mellor dito, os vosos dereitos son os nosos.
Dende A Brea queremos amosar todo o noso respeto á xente de Macenlle, e pedímoslle que non teñan medo. Todos loitamos por a mesma causa. E os nosos enemigos non están entre os veciños do Pituco, senón no concello. Ánimo ós de pena e Caeiro. Que todos estamos no mesmo carro».
…e DEFENDE O MONTE PITUCO responde:
Só podemos dicir GRAZAS por esta reflexión tan positiva. Por escoitar, por comprender, por dialogar. Atopamos nos veciños da Brea a receptividade que se nos negou de antemán na nosa propia parroquia: porque escoitar “caladiños” -como dixo o presidente da comunidade de montes de San Xulián e concelleiro da Corporación de Marín trala xuntanza do mes pasado- non necesariamente é un síntoma de respeto, acaso de indiferencia.
Os veciños do Pituco non obrigamos a ninguén a acatar o noso punto de vista. Chegamos, fora antes ou despois, nun momento no que estamos a tempo de salvar o noso monte dunha auténtica desfeita. E NON ATACAMOS A NINGÚN OUTRO COLECTIVO. Coa nosa modesta aportación -e retardada, xa o recoñecemos moitas veces- podemos contribuir a que a planificación do noso Concello se faga de xeito racional e sostible, non a costa de crear un dano ao territorio e ás propiedades particulares dos afectados.
Se non creramos firmemente que temos argumentos de peso para declarar inviable ese proxecto industrial por motivos técnicos, legais, ambientais e patrimoniais, seguiriamos tan tranquilos na nosa “cápsula espacial marciana”. Porque en realidade é así: malia a obra da variante, vivimos nun sitio tan tranquilo e tan relativamente afastado, que preferimos a quietude da natureza ao ruido da civilización. E gústanos a nosa calidade de vida, queremos conservala, temos o lexítimo dereito a non padecer as consecuencias irreversibles que vaia acarrear a instalación dun polígono industrial nun espacio protexido e totalmente inadecuado dende o punto de vista da orografía.
Pero insistimos: o noso rexeitamento á destrucción do Pituco a base de palas excavadoras e naves de formigón non implica en absoluto que lle rebotemos o “marrón” aos veciños que nos precederon na loita pola defensa do seu territorio. Non entendemos esa desconfianza coa que nos miran, eses reproches tan duros cos que nos xulgan. En vez de darnos a benvida ao movemento veciñal activo, somos criticados inxustamente, cando o que pretendemos é sumar esforzos.
Respetamos a valoración que fagan outras plataformas sociais ante os nosos plantexamentos. E apostamos por gañar a confianza de quen nos teña recelo. Ao igual que nos deron a palabra en Seixo, estaremos agradecidos de que nola dean en Canteira e Moledo, en Macenlle e Vista Alegre -onde aínda non tivemos a oportunidade de explicarnos- nun clima de serenidade e cordialidade. Ogallá houbera entendemento mutuo e unidade de acción. Moitas grazas.
Comentarios recentes