Publicado por: MontePituco | 25/02/2010

ALMUINHA: MANIFESTO DE APOIO

Almuinha enviounos hoxe un manifesto de apoio á causa que promove DEFENDE O MONTE PITUCO. Reproducímolo a continuación na súa totalidade e dámoslle as grazas a este colectivo por expresar publicamente a opinión das persoas que representa. Dicir que DEFENDE O MONTE PITUCO é máis que un grupo de veciños que neste momento se opón á destrucción deste espazo natural ante a posible instalación dun polígono industrial ou dunha plataforma loxística; que o labor de DEFENDE O MONTE PITUCO irá máis alá impulsando accións para a recuperación ambiental deste terreo, a posta en valor dos seus recursos e a súa correcta xestión. Que DEFENDE O MONTE PITUCO non será flor dun día e que, coa colaboración da veciñanza, levaremos adiante propostas útiles para o conxunto dos marinenses e do resto da bisbarra. Grazas, Almuinha.

“MANIFESTO EN DEFENSA DO MONTE PITUCO”

A Asociación Cultural ALMUINHA de Marín manifesta o seu apoio ao colectivo de veciños “Defende o Pituco”, constituido para oporse ao proxecto de localización dun polígono industrial no monte Pornedo. O noso posicionamento baséase nas análises sobre a implementación de políticas semellantes noutros emprazamentos, das que se conclúe a focalización de movementos especulativos interesados en sementar o noso territorio de infraestruturas carentes dunha planificación acaída aos intereses reais da nosa economÍa, potenciando un modelo de desenvolvemento voraz e depredador dos nosos recursos. (Preme Ler Máis para continuar)

A oferta de solo industrial en Marín debe ser estudada con rigor. Tense probado que a venda de parcelas para o asentamento industrial noutras comarcas non se corresponde en absoluto coa ocupación efectiva dos mesmos, o que nos induce a pensar que a especulación está a xerar efectos perniciosos, como a presión á alza dos prezos do solo de uso industrial, provocando a expulsión do investimento produtivo autóctono e a entrega dos nosos recursos a axentes foráneos.

Un polígono no contorno do Couto de Pornedo, incluido no Espazo Protexido de “Montes do Morrazo”, establecido nas Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia como Área Estratéxica de Conservación, tería un forte impacto ambiental e deterioraría a saúde da poboación de Marín, como xa teñen posto de manifesto os ecoloxistas, por constituir este un verdadeiro pulmón da nosa vila.

Tanto o propio asentamento, como o transporte derivado da actividade industrial no entorno, perxudicarían o patrimonio natural, medio ambiente, ríos, solo de interese agrícola e formacións xeolóxicas de enorme interese, a riqueza forestal e a fauna, ao romper o seu hábitat de asentamento. Modificaría o entorno paisaxístico, destruindo o noso patrimonio etnográfico e arqueolóxico, que reúne nesta área sete xacementos xa afectados nos últimos anos pola construción da Variante de Marín e da Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas, que provocaron, por exemplo, a desaparición dun importante petroglifo.

A nosa cultura natural e histórica é tamén susceptible de valoración económica, e pode fornecer de riqueza e de postos de traballo a todo un pobo. Mais, debido á visión curto-pracista de obtención de lucro rápido e sen escrúpulos, e á ignorancia sobre a riqueza que atesouran os nosos montes e o noso patrimonio arqueolóxico, non se chega a comprender que os pobos máis desenvolvidos, social e economicamente, tiran rédito da súa cultura e non a destrúen. Estes pobos prefiren asentar as bases dunha economía autosostible, respetuosa co medio e perdurable, que repercuta no presente e nas xeracións vindeiras, e non pan para hoxe e fame para mañá.

Atrás dos cantos de serea que anuncian o aluvión de postos de traballo que se poden xerar, sempre se agocha a voz do monstro do desenvolvemento irracional que engule todo o que se lle pon por diante, provocando máis dano que proveito. Tampouco aceptamos (nomeadamente despois da sentencia que declara ilegais os recheos de Praceres) a pretensión da Administración de localizar en solo gañado ao mar de xeito ilícito, o asentamento de industrias alleas á explotación dos recursos mariños.

En canto ás alternativas, e segundo datos que fornece Xestur (a sociedade pública responsable para a xestión do solo industrial) existen aínda parcelas dispoñibles noutros parques, como na Reigosa, ou en Redondela-Mos.

E para alén da procura de maior superficie para dispoñibilidade industrial, facémonos unha serie de preguntas pertinentes: está finiquitada pola nova Xunta a función de estudo, análise e planificación que o anterior goberno autonómico encomendaba ao novo órgano publico “Galiza SUMA”? Que tipo de industria se pretende asentar? Sería non contaminante? Trátase de investimentos creadores de emprego neto ou apenas naves de almacenamento que prescinden da contratación importante de man de obra? Todas estas incógnitas estarían pendentes de contestar.

Marín está necesitado dunha planificación en serio en función dos intereses e características do seu mercado laboral. Reclamamos un plan de fomento do emprego para os colectivos máis desfavorecidos, como os parados de longa duración, as mulleres, a mocidade, os incapacitados, os colectivos en risco de exclusión social, os inmigrantes; a adecuación da formación profesional ao mercado laboral da zona; o desenvolvemento sustentable do entorno do Pornedo, para o que xa existe a proposta de creación do “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, que pretende a valorización dos recursos do lugar.

Por último, manifestamos o noso posicionamento en contra da actitude errática do goberno municipal, en canto aos seus cambios de postura a respecto da ubicación dos polígonos, e tamén e principalmente, a posición do Partido Popular, que vendo gañar as próximas eleccións locais, opta polo tacticismo máis detestable para tirar réditos deste conflicto, mesmo explicitando a ameaza real de paralizar, desde o goberno da Xunta de Galicia, a aprobación definitiva do PXOM.

Ademais, alertamos do intento de crear división entre os veciños para poder instrumentalizar electoralmente estes colectivos. Demasiadas veces na historia política recente do noso país, moitos movementos sociais foran asimilados e disoltos cando xa non se lles tiraba rendemento, sen resolver os conflictos que estaban na súa orixe, e obviando tomar as decisións no interese da maioría, contando co imprescindible concurso da participación cidadá.

ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA DE MARÍN

Marín, 25 de Febreiro de 2010. Joám J. Romero Durám

(Para ler o manifesto na súa versión orixinal, preme o arquivo PDF)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: