A próxima semana remata o prazo para presentar consideracións ao proceso de iniciación do documento para a aprobación inicial do Plan de Solo Empresarial de Galicia. DEFENDE O MONTE PITUCO presentará un amplo documento con información de tipo urbanístico, datos topográficos, argumentos ambientais e patrimoniais, xunto cunha ampla relación de adhesións veciñais. Con estas consideracións ao documento de inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia transmitirémoslle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o noso rexeitamento ao proxecto para instalar a denominada Plataforma Loxística Marín-Pontevedra por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo, no periodo 2012-2015.
Outros colectivos xa formalizaron as súas propias observacións ao Plan, como o Colectivo Nacionalista de Marín e a Asociación de Veciños de San Xulián. Esta última precisa, no seu escrito, que:
“A zona do Pornedo é un dos grandes miradores da ría de Pontevedra, protexida pola Lei da Paisaxe de Galicia. Por tanto, sería absurdo e contrario ás leis instalar un polígono industrial, con empresas nocivas e perigosas, que ocuparia 300.000 metros cadrados. Esto implicaría impermeabilizar de cemento e naves ese espazo, o que provocaría que Marin e San Xulián resultarían anegadas polo aumento das augas do río Lameiriña”.
Galiza Non Se Vende tamén fixo a súa contribución, presentando suxestións á totalidade do Plan. Para este colectivo, o PSSEG precisa necesariamente de someterse a Avaliación Ambiental Estratéxica:
“Polos efectos de destrución ambiental, paisaxística, patrimonial e identitaria que supoñen os Centros de Produción Industrial, que teñen efectos tan destrutivos como o urbanismo, as infraestruturas (transporte -estradas, portos, aeroportos-, enerxía, etc), a mineiría, os cultivos forestais…
Pola cadea de consecuencias que traen os CPI consigo: infraestruturas, urbanismo, transporte…
Porque é preciso avaliar os efectos ambientais, sociais e económicos conxuntos de toda a infraestrutura industrial sobre o conxunto do territorio”.
Tralo Documento de Inicio virá o Documento de Referencia, que tamén será público. DEFENDE O MONTE PITUCO non vai deixar pasar esta oportunidade para protexer este espazo natural e reivindicar a súa posta en valor. Próxima parada, a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; unha iniciativa marabillosa e ben artellada que imos apoiar decididamente para que se faga realidade.
Deixar unha resposta