Publicado por: MontePituco | 14/02/2010

A “POSTA EN VALOR DO MONTE DE MARÍN”

O goberno local presume de contribuir á “posta en valor do monte de Marín”. A súa iniciativa para a creación dun ecoparque de aventura -“único en Galicia!!!”- na finca de Cadro é todo canto sabe -ou quere- facer o Concello polo desenvolvemento do rural. Para o Monte Pituco -territorio inscrito no espazo natural dos Montes do Morrazo que destaca polos seus recursos forestais, hídricos e patrimoniais- o único futuro que lle agarda é un polígono industrial que ocupará a práctica totalidade da súa superficie.

Se o goberno local de Marín, e en particular a sección nacionalista, entende que a instalación dun polígono industrial é sinónimo de desenvolvemento nunha zona que, o que precisa xustamente, é a súa posta en valor, vai moi desencamiñado. Tamén vai desencamiñada a sección socialista cando rexeita taxantemente atender os veciños e veciñas de DEFENDE O MONTE PITUCO, cando a única oportunidade para debater é improvisadamente ao pé dunhas escaleiras.

O Concello de Marín, os políticos que están a prol de destruir a riqueza ambiental desta zona e os partidarios na comunidade de montes de prescindir para sempre dos recursos que fornece este monte, poderán acadar o seu anhelado obxectivo, coa complacencia da Xunta. O Goberno local colgarase unha lustrosa medalla da que sacar rédito electoral, os demais partidos anotaranse ter contribuido tamén a ese logro e os comuneiros poderán ingresar nas súas arcas de dubidosa fidelidade unha xugosa coantía pola cesión ou pola expropiación dos terreos.

Os dirixentes municipais enarbolan a bandeira da “sensibilidade medioambiental” e sosteñen que o ecoparque de Cadro vai facilitar a “diversificación da nosa oferta turística”. No pleno que serviu para concretar a adxudicación deste proxecto, o grupo independente acusou o goberno local de “disparar con pólvora de rei” -unha expresión coa que criticou o despilfarro de fondos públicos- pola xestión dun proxecto que conta con “informes negativos” de Intervención.

E así, co ánimo de “potenciar os recursos naturais, turísticos e culturais” da vila, a sección nacionalista do Concello anuncia a posta en marcha de actividades de sendeirismo e tiro con arco, rutas de bicicleta e sendas micolóxicas… e mesmo a celebración dunha festa da árbore! Pois será a conta de consentir o estrago dun espazo con non menos méritos que a finca de Cadro, o noso nexo natural coa veciña Pontevedra, un fermoso balcón á ría do que gozan numerosos paseantes e visitantes.

Que decepcionante é a estreitez de miras da clase política, a facilidade coa que faltan á verdade para xustificarse e a pouca comprensión coa que reaccionan ante a cidadanía, preocupada unicamente por conservar a súa calidade de vida, por preservar un espazo de gran valor natural e por reivindicar que o desenvolvemento económico de Marín se faga nunha ubicación alternativa. Non no Pituco, de rebote, logo de rexeitar outros emprazamentos non menos lesivos pola forza da lóxica presión veciñal.


Responses

  1. Quedaron moi xeitosas as camisetas.
    …Bonito tendal!

  2. Pois quedan mais bonitas cando os veciños as levan vestidas. No Diario de Pontevedra do sábado 12 de febreiro, nas noticias do Pleno, podemos apreciar este detalle.
    saudiños

    • …Como para gustos hai colores (e nunca mellor dito, falando de partidos), ao alcalde semella que non lle gustaron nada. Outro que tampouco lles puxo boa cara foi o concelleiro de urbanismo. E ao que xa lle deberon resultar horripilantes é ao concelleiro popular que ademais exerce como presidente da comunidade de montes. Que lle imos facer, se non teñen bo gusto.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: