Publicado por: MontePituco | 09/02/2010

ALERTA: SEREMOS O PATIO DE ATRÁS

DEFENDE O MONTE PITUCO faise eco do comunicado elaborado polo Colectivo Nacionalista de Marín:

Recentemente a Xunta de Galiza presentou o documento de inicio do Plan de Solo Empresarial de Galiza para a súa avaliación ambiental estratéxica, que se porá en coñecemento dos organismos e institucións afectadas para que expoñan as súas suxestións.

No mesmo recóllese a previsión de solo industrial e empresarial previsto e que se desenvolverá até o 2015. Para o concello de Marín aparecen dúas zonas denominadas Parque Empresarial Marín-Moaña e a Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, que afectaría a estes concellos. Non se determina a situación concreta nin dan moitos máis detalles sobre os mesmos, só que se desenvolverán no período 2012-2015 polo Instituto Galego da Vivenda e o Solo. Define a estes parques como “estratéxicos” e, o que é mais preocupante, inclúeos no que denomina “Rexión Metropolitana de Vigo-Pontevedra”.

A Xunta non só pretende fusionar as caixas, está deixando en evidencia a intención de constituír un ente supramunicipal onde Vigo se trague os concellos próximos. Un organismo onde se decidirán as infraestruturas ou os servizos públicos, transformando os municipios en sucursais e desaparecendo na práctica mancomunidades e comarcas.

Temos que destacar deste plano, que segundo a argumentación que nel expón a Xunta, ten como obxectivo a mellora ambiental e paisaxística. Isto parécenos unha brincadeira dos redactores xa que a longa enumeración dos efectos da execución do plan deixa en evidencia esta afirmación tan politicamente correcta.

Como se recolle no propio documento os efectos deste plano van ser, entre outros, a alteración da calidade do aire e as augas, destrución de recursos, alteración da rede hidrográfica e sistemas acuíferos, afectación á fauna e á vexetación, á paisaxe, ao patrimonio cultural e, o que é moi sintomático, a alteración das formas e modos de vida da poboación.

En cando a Marín, temos que manifestar que a elaboración dun plano destas características leva bastante tempo, polo tanto mentres no concello os grupos municipais discutían se eran “galgos ou podencos”, se en Pastoriza ou no Pituco, a Xunta decidía por eles impoñéndose de xeito unilateral. Así deixa en evidencia que os políticos locais non teñen capacidade ou estiveron xogando con nós, coñecedores da proposta definitiva.

Está claro que as zonas elixidas son o Pituco (Plataforma Loxística Marín-Pontevedra) e a Pastoriza (Parque Empresarial Marín-Moaña), sen ter en conta que estas zonas están nunha zona protexida polas NN CC e SS de Planeamento provinciais de Pontevedra.

A zona da Pastoriza e de gran valor agroforestal, onde afecta por engadido ao nacemento do rego das Gorgadas, ao Sendeiro Catalogado de Grande Percorrido do Morrazo (G.R.59) e ao núcleo rural e poboado de Pastoriza pola súa inmediata proximidade.

A zona do Pituco tamén ten un gran valor paisaxístico e arqueolóxico, ademais de ser de interese para a rede hidrolóxica do municipio, e tamén vai afectar ás vivendas próximas de Pena e O Caeiro.

En caso de levarse adiante esta proposta, e tal e como se recolle nas Directrices de Ordenación do Territorio, estes parques industriais terán vías de comunicación “axeitadas” entre eles e saída ás vías de alta capacidade. Polo tanto está claro que a Xunta do PP vai retomar o Plan Vigo-Integra, con ese ou outro nome, para comunicar Pastoriza e o Pituco coa autoestrada e con Vigo, que é en definitiva para quen se van construír estes parques, transformando a estrada de Marín Moaña nun circuito de alta competición.

Preguntámonos que empresas se van localizar nestes parques industriais, as de Marín, as que fecharon (Tecode, Galfrío, Indeport), as que están en regulación de emprego (Gonvarri), as que se están deslocalizando a Marrocos ou Portugal onde a man de obra é mais barata. Un dos argumentos para xustificar os parques industriais é a creación de emprego e o crecemento económico, pero onde estaban os responsábeis políticos cando fechaban estas empresas, ou que fan para deter a agonía do sector pesqueiro e a desaparición desta actividade no porto de Marín.

Por último pedimos un pouco de seriedade e responsabilidade e que localización de polígonos industriais non se faga en función de intereses alleos, que se estude se realmente en Marín e posíbel unha instalación destas características sen pensar só en beneficios económicos a curto prazo e tendo en conta as condicións físicas do medio.

E ante o panorama que nos afecta, DEFENDE O MONTE PITUCO valora o seguinte: Presentaremos ante os organismos competentes da Xunta as alegacións oportunas a este Plan de Solo Empresarial, con todos os argumentos no noso haber, dende o punto de vista da orografía, do impacto ambiental, do dano irreversible sobre os abundantes recursos patrimoniais da zona, sobre a riqueza forestal, sobre os recursos hidrolóxicos e sobre a calidade de vida dos veciños non só de Pena e Caeiro, senón tamén de Casal, Laxe.

Reiterarémoslle unha vez máis, ao grupo municipal socialista, a petición de entrevista que xa atenderon os demais partidos políticos representados na Corporación Municipal; e demandaremos novos contactos cos representantes populares para pedir explicacións e información a respecto destes proxectos.

E apoiaremos as alternativas que se están deseñando, co apoio de varios colectivos sociais e profesionais, para a posta en valor do Monte Pituco/Pornedo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: