Publicado por: MontePituco | 08/02/2010

A COHERENCIA: PARTE 3ª!!!

Velaquí unha proba máis de que non hai dúas sen tres. E podiamos seguir adicándolle capítulos ‘ad infinitum’ ao concepto de “coherencia” grazas aos elocuentes directivos da comunidade de montes de San Xulián. Que nadan nun pozo de ideas consecuentes. Uns máis que outros.

…Falando de pozos. Vimos de recibir a visita de dous amables e pacientes técnicos de Augas de Galicia. Amables e pacientes porque ademais de seren incuestionables profesionais en materia acuática e administrativa, teñen que recibir un intenso adestramento para facer entrar en razón a veciños revirados e insolidarios que só interpretan a lei para o que lles convén. Que está moi ben eso de ter todo o tempo do mundo para furar no DOGA, no BOP, no BOE e na folla parroquial á procura de subvencións para sufragar as obras de mellora do depósito que serve para regaren as súas leiras. Quen puidera ter esa vida tan ociosa. Pero o que lle viñeron dicir ao ilustre dirixente desta comunidade de regantes é que de paso que cubre a instancia para satisfacer “a súa parte”, que vaia mirando a próxima convocatoria de axudas para satisfacer tamén a parte contraria. Que xa se sabe: o que parte e reparte, sempre leva a mellor parte.

…Falando de pozos (bis). Está moi preocupado o ecuánime dirixente da comunidade de regantes das Presas porque as obras da variante de Marín mermaron considerablemente a capacidade do manancial da Fontenla. Que antano a zona era un verxel e que a auga rezumaba por todos os poros da terra. Pero que chegou o progreso viario e que a auga escorrega por outro lado por culpa de tanta pala, tanta excavadora e tanta voadura a golpe de dinamita.

Pode que tal vez fora a escaseza de líquido elemento a que aguzara a súa avispada intelixencia: posto que a nova lexislación reparte a auga proporcionalmente entre os regantes en función do terreo, alguén debeu pensar que co caudal actual non tiña abondo. E así defendía a capa e espada o antigo criterio de reparto equitativo entre dúas zonas, das cales a máis numerosa en extensión e propietarios saía perdendo claramente. Tiveron que vir dous amables e pacientes técnicos para aplaudirlle a incorporación de novos beneficiarios para equilibrar a balanza de poder. Benvidos sexan. Mais, na zona “rebelde” tamén falta por sumar xente co mesmo dereito. Polo de pronto, non lles queda máis remedio que ampliar o proxecto que tan axilmente tiñan deseñado, obviando a sabendas a uns veciños que se negaron a acatar unha imposición.

…Falando de pozos (re-bis). E de coherencia, por suposto. Admitindo que foron as obras de construcción da variante as que perxudicaron irremediablemente un manancial que ao longo de décadas e acaso séculos fora tan xeneroso, que estragos provocaría a instalación dun polígono industrial nos abundantes acuíferos do Monte Pituco: que será da auga que beben os veciños da Laxe e do Casal, da Pena e do Caeiro, que será da auga que rega as súas leiras e as da Bouza. Que desaparecerán. Ou quedarán contaminadas polos residuos desas supostas empresas que nos van premiar con postos de traballo a esgalla.

Falando de pozos e de coherencia. É inevitable non rememorar a imaxe que simboliza o ataque contra esta “política” de dobre raseiro, contra esta “xestión” de argumentos febles, contra este “discurso” de bases insostibles. Que non repitan máis, por favor, o lema que lucían tan afoutados na anterior pancarta, “San Xulián en defensa dos nosos montes”. Á vista dos desafortunados acontecementos recentes, o próximo lema, por favor, que poña en letras ben grandes e rechamantes: “SAN XULIÁN, OS NOSOS MONTES, AO MELLOR POSTOR”. Por coherencia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: