Publicado por: MontePituco | 06/02/2010

A COHERENCIA: 2ª PARTE

“…¡Os ruxidos inhumáns e roucos dos motores

Matáronlle, pouco a pouco, a súa soidá!”

           Manuel María (do poema “Pranto pola Terra Chá“)

A presentación do libro “55 mentiras sobre a lingua galega” que organizaron membros de ProLingua en Marín deparou interesantes reflexións sobre cultura e sociedade. E botando unha ollada entre os presentes, tamén deparou curiosas e chocantes coincidencias. Que fai nun acto a prol do galego un directivo da Comunidade de Montes de San Xulián que subestima e despreza o territorio? Que estraña ideoloxía practica, que mentres aparenta estar comprometido coa nosa identidade lingüística, por outro lado aposta pola destrucción irreversible dun espazo protexido que ademais reúne elementos vitais da nosa paisaxe, da nosa memoria recente, da nosa historia?

Un dos asistentes trataba de argumentar por que os galegos e galegas estamos intimamente ligados á nosa lingua e por que non podiamos renegar dela: polo sentimento de “galeguidade”, dicía. E citaba ao poeta Uxío Novoneyra, a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Procurando contextualizar esta reflexión, atopamos unha entrevista que lle fixo Olga Patiño ao poeta do Courel, na que este afirmaba: “…Somos cousa da Terra i é natural que sintamos esa pertenza e irmandade profunda que a distancia tensa”.

E o profesor Carlos Solla interpelaba esa intervención a ringleiro seguido, facendo referencia a Manuel María. Para o poeta da Terra Cha, “a terra e a fala” van da man. E dicimos máis: son un binomio indivisible que nos alenta. Non podemos separar a lingua que herdamos do lugar ao que pertencemos.

A actitude contraria -que é a que semella exercer este directivo- é incoherencia e traizón, é unha pose interesada, é ausencia flagrante de ética e de principios, é unha pantomima, é pura fachada. E para deixar en evidencia as súas verdadeiras intencións cómpre quitarlle a máscara trala que actúa. Unha máscara de aspecto amable e inocente como a que Xosé Cobas ilustrou maxistralmente para a capa das “55 mentiras sobre a lingua galega”.

“Chove pra que eu soñe…”.

Uxío Novoneyra (do libro “Os eidos“)


Responses

  1. Xa vexo, amig@s do Pituco que estades a ter os vosos primeiros contactos coa “coherencia”.

    Das tres persoas que aparecen nesa fotografía, eu respondo por unha, a muller do medio: Lucía Otero Lino, grandísima persona, que eu sepa non milita en ningún partido político, pero firme defensora da língua e traballadora incansable polos direitos do galego. Aos outros dous non os coñezo.

    Xa vexo que que tí coñeces a algún dos que xogan a dúas bandas, ben porque non teñen nin idea do que fai, ou ben porque é un hipócrita de tomo e lomo.

    Os veciños da Brea tamén sufrimos experiencias semellantes e gustaríame aproveitar este pequeno espacio para contárvolas.
    O noso caso ten que ver co BNG de Marín, cuios representantes van todos os anos a manifestarse contra Celulosas e levan bandeiras coa estrela nacionalista e todo. Manifestanse contra unha empresa contaminante que non debe estar no medio dunha ría nin tan perto das casas. Pero non teñen escrúpulos en defender polígonos industriais no medio das NOSAS casas, aquí, en Marín. Nin teñen o mais mínimo remordemento de defender un polígono no Monte Pituco, mentras saen na prensa acusando ao PP por destragar o porto de Marín con recheos ilegais, e berran ben alto para que o PP pida disculpas e depure responsabilidades.
    Pero eles queren facer algo similar no Pituco!!!
    Eu tiven que ver cómo ó meu carón, na manifestación contra Celulosas estaba a plana maior do Bloque marinense, os mesmos que promoven os polígonos aquí no Pituco.
    O BNG, ese partido político LAICO que ten a un cura nas súas filas. Un cura progre, iso si, deses que teñen a foto do CHE GUEVARA na súa casa (outra incongruencia mais). Un cura con voz e voto no partido, cuia opinión foi das mais importantes para o proxecto de implantación do noso minipolígono.

    Será mellor que vos vaiades acostumando ás incoherencias, porque vos ides atopar con cada cousa…
    Apertas
    Deus nos dea ira, que pacencia temos dabondo

    • Percibimos serias trazas de incoherencia a varias bandas, cruzadas entre si: o concello, a comunidade de montes, a xunta. Por diante aparentan unha cousa que por detrás resulta ser a contraria. E con semellante falta de transparencia os afectados estamos absolutamente desprotexidos. A manipulación e o engano instaláronse irremediablemente no poder político e peor aínda, nos colectivos que os rondan, instrumentalizados interesadamente para confundir a opinión pública e lograr a xustificación artificial que precisan para levaren adiante os proxectos que lles conveñen, auténticos atropelos ao sentido común e á legalidade. E mentres, a sociedade dividida e desorientada. Cando espertaremos!

  2. Breaseixo, as comparacións son odiosas. Non me compares Celulosas co polígono empresarial da Brea.

    Filla, sen punto de comparación.

  3. E por certo, non compares tampouco o Pornedo (mal chamado O Pituco) coa Brea, vamos que non. Que por moito que te empeñes non se trata do mesmo.

    Polígono na Brea Sí.

    • En resposta aos comentarios de Pilar Recamán, DEFENDE O MONTE PITUCO quere replicar o seguinte:
      As comparacións están para calibrar a dimensión das cousas. Os veciños de Lourizán, de Placeres, de Marín, de Pontevedra, de Poio ou de onde sexan, movidos por sensibilidade ambiental, por viviren na zona ou polos motivos nos que cada un crea, teñen dereito a demandar o traslado de Celulosas ou a súa desaparición do actual emprazamento, o mesmo que os habitantes da Brea, ou de Macenlle, ou de Vista Alegre, ou de Ardán, a posicionarse en contra dun proxecto industrial que lles afecta directamente, ben polo impacto que supoña, a contaminación que provoque, porque lles leve por diante a casa ou porque perxudique os recursos patrimoniais da zona. Habendo motivos fundados abondo, como hai en cada caso, tan lexítimos son uns coma outros.
      Falando de Pituco ou de Pornedo, entendémonos igual. En Pena e Caeiro, Casal ou Laxe, Regueiriño ou Lourizán, tanto empregamos un termo coma outro. Se nos referimos a esa zona como Monte Pituco é porque dun tempo a esta parte se lle vén chamando así popularmente. Respetamos o topónimo tradicional de Chan de Pornedo e utilizámolo a cotío para recordar que esa é a denominación orixinal e para que non se perda.
      E dende logo, Brea/Seixo e Pituco/Pornedo estamos no mesmo barco, na defensa dos nosos respectivos territorios, e solidarios mutuamente nas nosas respectivas problemáticas. Comentarios que contribúan á división veciñal para beneficio de certos intereses, é evidente que os houbo antano, os hai no momento presente, e os seguirá habendo.
      Amig@s da Brea, por alusións, ánimo e grazas.

  4. O proxecto empresarial que ultimamente tiña proxectado o bloque para a Brea, non ten nada que ver co primeiro proxecto que sí era INDUSTRIAL con todas as letras.
    Nun polígono industrial pode haber empresas tan contaminantes coma Celulosas.

    Non intestes enganar á xente, Recamán, que aínda anda por ahí circulando a folla do Primeiro PXOM que di ben clariño que o noso primeiro polígono iba ser industrial.
    Xa o terceiro non, ese parece ser que era comercial artesanal museístico, avenida de árbores polo río e incluso paraíso hotelero.

  5. …Mesmamente, Breaseixo. Polígono para emporcallar o medio -con todos os nosos respectos para os postos de traballo- xa vén sendo tal cal o proxectado para o Pituco. Xa se cargaron o mar, agora van a polo monte. Mentres en Meis, da outra banda da ría, os comuneiros rexeitan a instalación de empresas de cantería polos residuos que emiten, perxudiciais para os abundantes recursos forestais e acuíferos da zona, acó aos nosos paisanos non lles doen prendas en encher os petos a costa de vulnerar a legalidade. Ver para crer.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: