Publicado por: MontePituco | 02/02/2010

EN SEIXO

 

Lemos no Blog Polígono na Brea Non:

«Se digo Pituco, non digo Marte, digo Marín.

Se digo pena e caeiro, non falo de marcianos, falo de veciños cos mesmos dereitos que teño eu.

Os veciños da Brea sabemos que hai outros mundos aparte de nós, hai outras vidas. Non podemos andar sempre mirando o noso embigo coma se foramos nós a única barriga que existe no concello.

Os veciños de Monte Pituco levan moitos anos no punto de mira. Tantos que chegou un punto no que xa deixaron de preocuparse. A amenaza de que o polígono industrial de Marín iba estar ubicado alí, xa parecía unha broma de tantas veces que se repetía. Ata tal punto que os veciños deixaron de preocuparse.

Fai un mes mais ou menos que todos nos enteramos de que esta xente empezou unha loita.

Crearon unha páxina web que, por certo, está enlazada con esta e podedes visitala para recibir a información que queirades.

A representante destes veciños estivo onte na casa de Cultura de Seixo. Expuso os seus argumentos. Defendeu os seus dereitos. Non pideu nada. E marchou por onde veu acadando o noso respeto.

Antes estivo en Vista Alegre e alí tivo as súas diferencias cos comuneiros e cos veciños de Macenlle. Eles saberán o que teñen que opinar e o que teñen que reprochar.

Se algo aprendin neste tempo que levo en loita para defender os meus dereitos lexítimos de protexer o aneco de terra no que vivo, é que coma min hai outra moita xente que ten os mesmos dereitos.

Tamén aprendín que un veciño nunca debe ser xuíz nin verdugo de outro veciño. Estamos a loitar para evitar os abusos de poder de algúns políticos que queren pisotearnos, de iso se trata. Ese é o tema e ahí hai que centrarse.

Mentras eu facía o meu camiño, fun atopando xente que se sumaba ó meu paso, e había outra xente que abandonaba a viaxe mentras eu seguía camiñando.

Quén son eu para xuzgalos?

Quén son eu para sentencialos a morte?

Agora sospeito que Ítaca non existe, pero continuarei camiñando na súa busca, e nunca nunca vou despreciar a todas aquelas persoas que queiran facerme compaña nesta longa viaxe.

Os veciños da Brea, unha vez mais, berramos ós catro ventos que non queremos un mini polígono nas nosas terras. Ó mesmo tempo sumámonos a outros colectivos coma o de Macenlle, A Canteira e Moledo, que defenden o seu territorio.

Nunca se nos ocurreu pensar que ningún dos outros colectivos nos quería pisar nin quería quitarse de enriba o polígono para metérnolo a nós, moi ó contrario, a nosa filosofía foi sempre manterse unidos porque a unión fai a forza.

Agora, un pouco mais tarde, súmanse os veciños de Pena e Caeiro, defendendo o Monte Pituco, e eu, dende A Brea, non son Xuíz nin quero ser verdugo. Son, simplemente, compañeira de loita. E dende aquí vos invito a emprender con nós o longo camiño hacia Ítaca. Porque os vosos dereitos son tan lexítimos coma os nosos. Ou mellor dito, os vosos dereitos son os nosos.

Dende A Brea queremos amosar todo o noso respeto á xente de Macenlle, e pedímoslle que non teñan medo. Todos loitamos por a mesma causa. E os nosos enemigos non están entre os veciños do Pituco, senón no concello. Ánimo ós de pena e Caeiro. Que todos estamos no mesmo carro».

 …e DEFENDE O MONTE PITUCO responde:

Só podemos dicir GRAZAS por esta reflexión tan positiva. Por escoitar, por comprender, por dialogar. Atopamos nos veciños da Brea a receptividade que se nos negou de antemán na nosa propia parroquia: porque escoitar “caladiños” -como dixo o presidente da comunidade de montes de San Xulián e concelleiro da Corporación de Marín trala xuntanza do mes pasado- non necesariamente é un síntoma de respeto, acaso de indiferencia.

Os veciños do Pituco non obrigamos a ninguén a acatar o noso punto de vista. Chegamos, fora antes ou despois, nun momento no que estamos a tempo de salvar o noso monte dunha auténtica desfeita. E NON ATACAMOS A NINGÚN OUTRO COLECTIVO. Coa nosa modesta aportación -e retardada, xa o recoñecemos moitas veces- podemos contribuir a que a planificación do noso Concello se faga de xeito racional e sostible, non a costa de crear un dano ao territorio e ás propiedades particulares dos afectados.

Se non creramos firmemente que temos argumentos de peso para declarar inviable ese proxecto industrial por motivos técnicos, legais, ambientais e patrimoniais, seguiriamos tan tranquilos na nosa “cápsula espacial marciana”. Porque en realidade é así: malia a obra da variante, vivimos nun sitio tan tranquilo e tan relativamente afastado, que preferimos a quietude da natureza ao ruido da civilización. E gústanos a nosa calidade de vida, queremos conservala, temos o lexítimo dereito a non padecer as consecuencias irreversibles que vaia acarrear a instalación dun polígono industrial nun espacio protexido e totalmente inadecuado dende o punto de vista da orografía.

Pero insistimos: o noso rexeitamento á destrucción do Pituco a base de palas excavadoras e naves de formigón non implica en absoluto que lle rebotemos o “marrón” aos veciños que nos precederon na loita pola defensa do seu territorio. Non entendemos esa desconfianza coa que nos miran, eses reproches tan duros cos que nos xulgan. En vez de darnos a benvida ao movemento veciñal activo, somos criticados inxustamente, cando o que pretendemos é sumar esforzos.

Respetamos a valoración que fagan outras plataformas sociais ante os nosos plantexamentos. E apostamos por gañar a confianza de quen nos teña recelo. Ao igual que nos deron a palabra en Seixo, estaremos agradecidos de que nola dean en Canteira e Moledo, en Macenlle e Vista Alegre -onde aínda non tivemos a oportunidade de explicarnos- nun clima de serenidade e cordialidade. Ogallá houbera entendemento mutuo e unidade de acción. Moitas grazas.

 

 

 

 

 


Responses

  1. vouche falar a titulo individual e non do noso colectivo,da Canteira, porque estiven desconectado do tema, xa cansa, non temos apoio dos partidos politicos,da asociacion de veciños, nin da Comunidade de montes.
    cada un dos colectivos só mira os seus intereses mais próximos e ao veciño do lado que lle dean. Asi nunca se fará nada.
    e certo que tal como anda a cousa, fai falla chan industrial, calquera sitio pra poñelo vai ser malo, se no medio das casas malo, se no monte malo porque sempre hae restos arqueoloxicos case sempre derruidos, que pena ,e ambientais. Eu non lle vexo solucion a corto plazo. É certo que vos os preocupades polo monte,eu son mais ecoloxista que calqueira, pero creo que chegades tarde,si de verdade, hae que defender o monte pero tamen á xente, e hasta agora ninguen se preocupou de nos. esa zona sempre estuvo no PXOM como industrial, a mesma categoria que na Canteira, de todos era sabido.
    Comprendo a xente que quere o poligono no monte pra que non lle poñan enriba da casa unha nave de lixo e vos comprendo a vos, pero tende claro que a decision ultima vai se da Xunta de Galicia.
    Repito falo a titulo individual.
    na paxina da brea temos un apartado dedicado o noso problema da Canteira, por si queredes botarlle unha ollada.nos xa levamos co tema da nave do lixo moitisimos anos, hasta agora gañamos pero xa empezamos a estar fartos de todo e de todos.
    saudos

    • Gracias por participar neste debate coa túa opinión, moi respetable. Coincido en que os intereses, sempre os INTERESES, están por enriba das persoas, dos veciños que habitamos o territorio e que axudamos a sostelo. Comprendo que a loita por defender os dereitos colectivos é ardua, solitaria e desalentadora. Máis aínda cando existe desunión e falta de transparencia. Desunión FOMENTADA desde colectivos que acapararon certa cuota de poder -dende os partidos políticos ata as comunidades de montes, pasando polas asociacións veciñais, convertidos en satélites ideolóxicos nalgúns casos-.
      Sempre que se nos diga que chegamos tarde, que onde estabamos, que se en Marte, en Venus ou en Saturno, nós imos seguir reiterando a LEXITIMIDADE das nosas reivindicacións. O Monte Pituco, ou Pornedo, como se chama dende antano, sempre estivo no ollo do furacán e os veciños cansamos de que nunca se concretara nada, que non houbera máis información que unha mancha nun mapa, que o polígono industrial ou o parque empresarial fora bailando dun sitio para outro en función da contestación social. Non nos parece serio que un goberno municipal, e autonómico por extensión, planifique o espazo en función da contundencia das protestas veciñais. Ultimamente estamos poñendo o exemplo das dunas de Corrubedo: aínda que nas dunas de Corrubedo non vive ninguén, en que cabeza cabería que houbera un proxecto para instalar nelas un polígono industrial? A quen lle pareza extremo este exemplo direille máis: Cantos espazos protexidos ou singulares hai en Marín? Están o petroglifo de Mogor, o lago de Castiñeiras… e os Montes do Morrazo, aos que pertencen na súa totalidade os Montes de Pornedo, Pituco e Sete Camiños, con toda a riqueza forestal, natural e arqueolóxica que posúen. Se houbera máis amplitude de miras, calquera percibiría que o rendemento que se lle pode sacar a un ben natural como é o monte, a todos eses niveis, supera creces o que poida aportar unha superficie industrial que nos privará para sempre da nosa paisaxe e da nosa calidade de vida.
      Que mágoa que non haxa SOLIDARIEDADE entre veciños dun mesmo concello, e dunha mesma parroquia, enleados en reproches e recelos. Que mágoa que a comunidade de montes de San Xulián reclame o uso social do monte fronte á Brilat (porque llo levaría gratis) e pouco tempo despois, INCOHERENTEMENTE, aplauda coas orellas a instalación dun polígono (porque llo levarían pagando). Que mágoa que o concello de Marín estea disposto a renunciar a unha das poucas áreas protexidas das que dispón para convertela no PATIO TRASEIRO da área metropolitana de Vigo, porque eso é o que hai no fondo. Non é interese polo progreso da nosa vila; é sometemento a plans que veñen de máis arriba.
      Coñecemos a problemática da Canteira, e en diante seguiremos a pista por se houbera novidades. Un saúdo e sorte. Nós seguiremos na brecha, pese a quen lle pese.

  2. dacordo , entendo perfectamemte os teus argumentos e os comparto.
    por desgracia neste mundo en que vivimos as familias pra poder subsistir necesitan ingresos de cartos e casi a única forma de conseguilos é traballar por conta allea ( en empresas) e as empresas necesitan un lugar pra instalarse.
    como dixen, todos os lugares van ser malos, e , ¿ que facemos? quedar sin postos de traballo? ter que desplazarse 20 ou 40 km pra gañar o pan?
    a min personalmente non me gusta que desfagan o Pituco nin Pastoriza , pero sei de moita xente que prefire eses sitios como “un mal menor” pra quitarse o marron que os politicos nos meteron ,de enriba.
    decir que eu non son moito de escribir en internete, hae que ter tempo e tampouco escribo ben.
    saudos a tod@s.

    • Parecemos estar de acordo, Javier, pero non o estamos en realidade. Cito expresións túas como “por desgracia”, “que facemos?”, “mal menor”… Denotan decepción, desánimo e actitude de brazos caídos. Por unha banda dis que estás en contra da posible desfeita dos montes de Pornedo e Pastoriza, pero a renglón seguido aprobas que así se faga. Os postos de traballo? Demagoxia pura e dura. É o argumento que os partidos no poder utilizan para xustificar o inxustificable: enganan, manipulan, crean falsas expectativas. Ningunha empresa que se poida trasladar a ese posible parque industrial vai prescindir da súa actual plantilla para contratar veciños da zona. E menos cando terán que facer fronte á forte inversión que suporía trasladar as súas instalacións. As empresas aparentemente máis potentes que están no porto de Marín, afectadas pola sentencia que declarou ilegais os recheos, están en situación de regulación de emprego. É a realidade, crúa, pero certa.
      Infórmense, veciños e veciñas, non crean nos “contos” e nas “promesas”, lembren que estamos a pouco máis dun ano das eleccións. O monte é de todos: dános auga e recursos forestais de forma inesgotable. Se hormigonamos o monte xamais se poderá recuperar a desfeita. O monte é de todos: cunha planificación axeitada e unha boa xestión pódense explotar racionalmente os seus recursos paisaxísticos e arqueolóxicos, como se fora unha ampliación do espazo natural de Cotorredondo.
      Pero como podemos convencervos os “catro” veciños de Pena, Caeiro, Laxe, Casal, Bravos… (cada día somos máis, por certo). Que podemos facer contra a manipulación da Comunidade de Montes, que está frotando as mans para embolsar uns cartos dos que a saber como se lles renderán contas aos comuneiros. Ou acaso non lembran que as contas de 2008 non contaron coa aprobación da asemblea, o pasado mes de decembro? Ao final resultará que teremos o que merecemos. Pero a nós, os afectados directos, teremos a conciencia tranquila, sabendo que fixemos o que puidemos por defender o monte, que é de todos.

  3. -a cruda realidade é que a cousa está moi fastidiada para os traballadores que non sexan funcionarios públicos.
    non é ser pesimista ,é ser realista. Se hae traballo é un ben pra todos e iso non é demagoxia, e a pura realidade.Noutros concellos fanse parques empresarias, ti aceptas que fan falta, e sodes libres de opoñervos na zona do Pituco, ¿ é no medio das casas, non vos opoñedes?

    -claro que algunha xente ten desanimo,os que ceemos en pedir unha calidade de vida mellor pra todos, despois miras que te enganan. Un cansase de loitar contra todos, e despois a maioria de veciños non o agradecen, o contrario.

    eu preguntoche ¿ prefires unha empacadora-nave de lixo lindante coa tua casa ou a certa distancia ? seguro que a queres lonxe.. e onde? se non se quere no monte , haberá que metela nas casas. ¿ que importa mais , a saude das persoas ou duns petroglifos e toxo? . Petroglifos hai a centos no Concello e monte hae moitísimo, por certo, ambas cousas totalmente abandonadas. A veces hae que tragar anque non che guste. O sinto , e agora estouche a dicir o que me din os meus veciños. Oxala vivisemos no mais de Alicia pero como nosn é así…
    o final farase o que a Xunta decida,como sempre,xa verás….
    saudos.

    • Ti debes pensar que os veciños de Pena, Caeiro, Laxe, Casal, Bravos e outras zonas próximas ao Monte Pituco nadamos na abundancia ou que vivimos todos a conta da Administración. Pois non, somos persoas coma ti, coma calquera; somos autónomos, traballadores por conta allea, pensionistas, estudantes, parados… Temos os mesmos problemas que o resto da cidadanía. Ti debes pensar que por exercer o noso dereito a defender o Monte Pituco estamos a propoñer que o leven para o medio das casas na Canteira, en Macenlle, en Vista Alegre, ou na Brea. Pois non, somos solidarios cos demais colectivos veciñais; coa diferencia de que, salvo contadas excepcións, non recibimos a mesma consideración.
      Ti debes pensar que o noso rexeitamento á construcción dun polígono industrial no Monte Pituco é un capricho para fastidiar os marinenses. Pois non, velamos polos nosos intereses, que son os intereses de todos: e eses petroglifos, e ese toxo, e esa masa forestal, e eses mananciais que ti desprezas resulta que son Espazo Natural, protexido polas Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e polas Directrices de Ordenación do Territorio. Son normativas que non nos inventamos, que existen e que se deben manter. Porque insisto, o Monte Pituco, como parte dos Montes do Morrazo, é das poucas zonas protexidas que ten Marín. E con isto non estamos eludindo a importancia que teña o Monte de Pastoriza pero, dende o noso punto de vista, o Pituco (Pornedo) ten máis inconvintes dende o punto de vista ambiental, social e do impacto paisaxístico. E que hai da protección da franxa litoral?
      O abandono do monte e dos seus recursos naturais e patrimoniais é unha responsabilidade de todos os veciños, da comunidade de montes, do concello. Existen proxectos para recuperar toda esa zona que vai desde Caeiro, ata Sete Camiños, pasando por Salcedo e Lourizán. Estas dúas últimas parroquias, cos seus respectivos colectivos veciñais e comunidades de montes, apoian esas iniciativas. Os únicos que a rexeitan e a silencian son os directivos da comunidade de San Xulián. Por interés, económico e político. Deixárono ben claro publicamente.
      Respetando a vosa opinión, xa que agora dis falar a título xa non individual, senón colectivo, é unha mágoa que non podamos estar de acordo. Eu fago por comprender a vosa desconfianza a que, se prosperara a nosa reivindicación, eso vos perxudicara polo risco que puidera supoñer, pensaredes vós, que as naves foran de rebote para aí, ou para Macenlle, ou para Vista Alegre, ou para Brea. E nada máis lonxe da nosa intención, recalcamos unha vez máis. Estamos apostando polo estudo de viabilidade doutra zona, en Pastoriza, en Cruz da Maceira, en conexión co polígono proxectado en Moaña. Terxiversades os nosos plantexamentos ou non intentades poñervos no noso lugar. Só me queda unha cousa, como fixen cos veciños de Seixo: explicarvos persoalmente en que consiste o que nós estamos a expoñer, para que o coñezades de primeira man, se tedes boa disposición a escoitar e debater nun clima razoable. Grazas.

  4. ben , unhas cousas, entendes moi mal cando dis que eu desprezo os montes ou petroglifos. eu vou case todolos dias ó monte, sempre me gustou, ou a costa e me gustan os petroglifos, de feito na miña casa teño fotos grandes deles colgadas nas paredes e teño na miña coleccion centos de fotos da natureza preciosas, que creo que aindan andan por internete, algunhas hasta premiadas en concursos.
    O que pensan os meus veciños non e un ataque contra vos, a voso colectivo e os vosos veciños, faltaria mais, e cando falo de funcionarios me refiro a xente que como ten a sua vida arreglada e facil defender ideais, pero tamen hae que defender as persoas, que tamen formamos parte do entorno.
    Nos nunca plantexamos, coma outros, onde teria que situarse o poligono, se aqui ou ala ,so decimos que as industrias contaminantes ou molestas esten lonxe dos nucleos habitados . De feito, se na Canteira viñese unha empresa digamos empresarial , nos non estairamos en contra, so estamos en contra,dende o ano 2002, que nos impoñan unha empacadora de lixo, e sempre sen apoio de ninguen, perdendo tempo, viaxes,cartos, creandonos inimigos etc.
    De todolos feitos como che contei no primer comentario eu xa me cansei, eu xa non fun as últimas reunions sobor do tema, estou moi decepcionado con todos,e acabo levando unhas culpas que me sentaron moi mal, coma na ultima reunion da comunidade de Montes de San Xulian, de feito non sei porque estou escribindo isto, so aclararte que nos non somos o inimigo. O inimigo son os nosos gobernantes a todolos niveis de administracion, comunidades de montes e incluso asociacions de veciños , que so buscan redito electoral ou quedar ben cos que nos gobernan.
    Con todo isto dou por rematado este foro, se non te parece mal, é a primeira vez que participo nun e me parece un pouco impersoal iso de andar escribindo, pero chega a un punto que eu non podo dar a cara mais polos veciños,que en realidade, a maioria, pasan de todo.
    o dito , de verdade, personalmente entendo perfectamente a vosa postura pero tamen tendes que entender a nosa. este mundo fainos malos..
    chao.

    • Ante todo, reitéroche o agradecemento por participar neste blog e por molestarte e esforzarte en poñer por escrito a túa opinión. Se o ton do meu anterior comentario foi tan directo, débese a que neste tempo aprendín que non se pode andar con medias tintas e que cómpre amosar unha actitude recta. Vaia para vós a nosa solidariedade, se o problema da empacadora aínda non o tedes arranxado de forma definitiva. Tirar do carro dun colectivo veciñal é un labor arduo e complexo, e máis aínda cando se carece de apoio, cando se sementa a división veciñal por parte doutras entidades interesadas en levar a contraria. Pero neste intre non podemos darnos por vencidos. Comentaba antes que na defensa do monte vai implícita a defensa da calidade de vida dos veciños, vivan nun núcleo amplo e céntrico, ou nun núcleo afastado e disperso, como é o noso caso. As decepcións, as frustracións e os desenganos son cousas da vida: a nós tampouco nos pode ver a comunidade de montes, aínda que si contamos co apoio da asociación de veciños. Se houbera máis cohesión social, máis comunicación entre os diversos lugares da parroquia e máis colaboración mutua, non tiverades estado tan sós. Pero así foron as cousas e o que hai que procurar é non caer nos mesmos erros en caso de que máis adiante volva xurdir outra problemática social. Nós xa estamos aquí, a estas alturas, pero máis vale tarde ca nunca. Un saúdo.

  5. graciñas.
    Pareces unha persona moi intelixente , eu o contrario son mais impulsivo e a verdade estes dias non ando moi ben de humor.
    Na pardavila fai pouco creouse unha asociacion de veciños, mellor dito, de señoritos, que non se queren mollar os seus zapatos, .unha pena.
    o problema da empacadora estaba gañado hasta que ás mentes lucidas do concello pintaron nun mapa a zona como industrial pura e dura, esa mais o Pituco. Alegamos, a alegacion está posta na paxina-blog da Brea, e parece ser que a van quitar, pero a empresa de lixo adicase agora a facer trasvasese de lixo duns camions a outros ficando no solar hasta que se enchan.
    Unha cousa son os materais voluminosos , como levaban facendo sempre, e outra á materia orgánica.
    bueno saudos e se te ofendin,perdoa. Outra cousa , o meu galego escrito supoño que non é bo, non teño estudios.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: