Publicado por: MontePituco | 04/04/2010

SOBRE O CHAN INDUSTRIAL

A PENDENTE DO TERREO E A PROTECCIÓN AMBIENTAL DO MONTE PITUCO IMPIDEN A INSTALACIÓN DUN POLÍGONO

Dende o punto de vista topográfico, só o 7% da súa superficie reúniría as condicións para converterse en chan industrial

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vén discrepando dos plantexamentos do Goberno local de Marín e do principal grupo da oposición a respecto da instalación dun polígono industrial neste terreo. Un estudo encargado polo colectivo veciñal revela que dende o punto de vista topográfico, só o 7% dos 737.000 metros cadrados ameazados por este proxecto, reúnen as condicións para converterse en chan empresarial. Ademais, como recoñeceu o grupo municipal do PP, o Monte Pituco pertence ao Espazo Natural Montes do Morrazo, polo que a protección ambiental desta área  impide a súa destrucción.

Cómpre lembrarlle á voceira municipal popular que a Autoridade Portuaria de Marín -da que ela mesma foi presidenta- xa rexeitou hai dez anos o Monte Pituco como posible emprazamento para unha área loxística, en base á forte pendente do terreo: máis do 90% da súa superficie ten un desnivel superior ao 15% -o límite aconsellado pola “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”- e máis das súas 42 hectáreas superan a cota do 35%.

DEFENDE O MONTE PITUCO insta ás Administracións Públicas a estudaren emprazamentos óptimos para que Marín dispoña de terreos adecuados nos que afianzar o seu tecido industrial e atraer novas empresas que xeren riqueza e postos de traballo. Este colectivo social manterá a súa postura a prol da protección do Monte Pituco como espazo para a explotación racional dos seus recursos forestais, para a conservación dos mananciais que fornecen de auga as vivendas e os terreos situados en Pena, Caeiro, A Laxe, Casal, Bouza e outros puntos da parroquia de San Xulián, e para que sexa posible a creación dun Espazo Natural e Arqueolóxico que poña en valor o abundante patrimonio rupestre da zona.

Que o BNG tamén tome nota desta mensaxe. Chama a atención a falta de transparencia e o oportunismo dos concelleiros de Promoción Económica e de Urbanismo por sacar proveito agora da xuntanza que tiveron hai cinco meses coa asociación de empresarios e co xerente de XESTUR. Despois de tres anos mareando e alarmando os veciños con proxectos industriais disparatados, queren xustificarse depresa e correndo, na recta final do mandato, cunha enquisa de dubidosa seriedade na que sosteñen que a curto prazo Marín só precisa un polígono pequeno para unhas cantas pequenas empresas.

Chama a atención a falta de visión de futuro do grupo municipal nacionalista e a falta de valentía por non poñerlle nome a esa área industrial contra a que apuntan. Rexeitando inexplicablemente o estudo doutras alternativas, está claro que o seu punto de mira está no Monte Pituco. Torpes, máis que torpes. Por máis argumentos de peso que evidencian o inadecuado desta ubicación, empéñanse en non rectificar. Agardemos que os cargos políticos e os técnicos na Xunta e mais en Xestur sexan máis intelixentes e correctos no enfoque da súa aposta.

Porque canto esbardalla o BNG son burradas. E se non, como se explica que insten a Autoridade Portuaria a reordenar o seu espazo para dotarse dunha área loxística. A costa de que? A costa de ocupar un espazo moi valioso para empresas do sector naval que se poidan instalar aí nun futuro próximo. A costa de incumplir a sentenza do Tribunal Supremo que declarou ilegais boa parte dos recheos nos que se instalaron naves e infraestruturas cuxa situación urbanística está no aire. E volvendo ao principio, a costa de ignorar que unha boa xestión do porto e unha boa xestión do territorio municipal poden atraer o interese doutros inversores.

Pero é unha mágoa: o Goberno local e os partidos que o gobernan barren equivocadamente para un lado totalmente oposto ao dos xestores da Autoridade Portuaria. O alcalde de Marín está convencido de que, aínda que se “agríen” as relacións entre ámbalas institucións, el non se vai apear da burra. Quen aspire así, dando esta imaxe conflictiva e inflexible, a xerar riqueza para a vila que dirixe, é mellor que non se levante da cama cada mañá para ir ao despacho. Esta clase de política é prescindible.

‘DEFENDE O MONTE PITUCO’ REITÉRALLE AO ALCALDE DE MARÍN O REXEITAMENTO VECIÑAL AO USO INDUSTRIAL DESTE ESPAZO

O colectivo social ‘Defende o Monte Pituco’ volve reiterarlle ao alcalde de Marín que este espazo non é óptimo para acoller ningún polígono industrial nin área loxística por motivos topográficos, ambientais, patrimoniais e sociais. Cómpre lembrarlle ao rexedor local e ao concelleiro de Urbanismo de Marín que máis da metade da posible parcela proxectada para acoller un parque industrial no Monte Pituco supera en máis da metade a pendente recomendada polos informes do Instituto Galego de Vivenda e Solo: O 57,36% do terreo previsto ten unha pendente superior ao 35%, e só o 7,4% do terreo está por debaixo do 15%, que é o límite aconsellado pola “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”.

Este son os contundentes resultados do informe topográfico encargado por DEFENDE O MONTE PITUCO para probar a inviabilidade técnica deste proxecto. Precisamente, a propia Autoridade Portuaria de Marín vén rexeitando dende o ano 2000 esta ubicación polo forte desnivel do terreo. Francisco Veiga parece estar pensando nunha nova atracción turística para a vila: se Cuenca ten as súas ‘Casas Colgantes’, tan colgantes ou máis poden ser as naves industriais do Monte Pituco…

Veiga empéñase en ningunear o rexeitamento veciñal dos habitantes de Pena e Caeiro, que non están sós, senón que contan con apoio nos lugares de Laxe, Casal, Arealonga, Bravos e outros representados pola Asociación de Veciños de San Xulián e diversos colectivos sociais e culturais do resto de Marín. ‘Defende o Monte Pituco’ lamenta que Francisco Veiga caia no localismo e o utilice como arma electoral para enfrontar aos veciños de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Insistindo no Monte Pituco como posible destino para unha zona loxística ou industrial, o alcalde de Marín retende converter unha mentira en verdade, ignorando os informes técnicos nos que se basea a Autoridade Portuaria, vulnerando a normativa ambiental que declara o Monte Pituco como espazo natural protexido incluido nos Montes do Morrazo, e destruindo o valor patrimonial da zona, na que varios colectivos sociais e veciñais están deseñando un proxecto para crear un Espazo Natural e Arqueolóxico que vai xerar riqueza para os concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Xa o advertimos. Os colectivos veciñais de Pontevedra non foran consultados por Telmo Martín no proceso de elaboración da súa proposta para a instalación dunha plataforma loxística que resulta estar entre Salcedo e Tomeza (Pontevedra), Bértola e Figueirido (Vilaboa). E todo por interese mediático, posto que a prensa fora informada hora e media antes que as propias federacións de veciños e organizacións empresariais. Non sabían nada en Lérez, tampouco en Salcedo, nin en Lourizán… É o que ten o xogo da política: sixilo e hermetismo, efecto sorpresa. E para os afectados polas decisións, sálvese quen poida, dividir para vencer.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO non podemos menos que solidarizarnos con estes colectivos que tamén son sensibles á problemática que padecemos en Marín co debate encol do solo industrial. Todos sufrimos dalgún xeito a verborrea de políticos ignorantes e prepotentes: “Que deje tranquilo Marín con sus problemas y su puerto, que nos deje arreglar nuestro futuro que también tenemos nuestras opciones de solucionar el problema del puerto y que se deje de presentar innovaciones que atenten contra el futuro económico de este municipio”, dille Francisco Veiga a Telmo Martín. Bravo, alcalde, localismo a tope. Despois da ridícula estampa pintando unha raia de pintura en Estribela, que será o próximo para deixar ben marcada a fronteira con Pontevedra, un muro, unha valla?

“El puerto tiene solución dentro de su propio terreno como zona logística y cualquier otra necesidad de futuro puede estar en la zona del Pituco que, si la Consellería quiere, puede estar iniciado como zona industrial mañana mismo, por el mismo proceso del Hospital de Monte Carrasco, mediante un plan supramunicipal”, engade Francisco Veiga. Está claro que debeu perder o seu escaso sentido da realidade e da coherencia. Non lle chega con dirixir o Concello de Marín, que tamén pretende gobernar a Autoridade Portuaria e, a pouco máis, dicirlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o que ten que facer. E xa o colmo do cinismo é aludir ao Hospital en Monte Carrasco: se o alcalde de Marín pertence á plataforma que se opón a este proxecto, o exemplo é totalmente desafortunado, a non ser que estea cambiando xa de chaqueta…

“El puerto tiene que reordenar su superficie, eliminando cualquier tipo de área industrial que no deba estar dentro y llevándola al futuro polígono del monte Pituco”, declara tamén o alcalde. A falta de alternativas agobian a Francisco Veiga e á concellería de Urbanismo. O pobre Monte Pituco-Pornedo é a única baza deste Goberno local para salvar a súa incompetencia en materia económica e empresarial. Dálle igual iniciar unha guerra coa Autoridade Portuaria: “…aunque se agríen las relaciones con el puerto…”, ten a ousadía de dicir o alcalde. Tanto lle teñen os inconvenientes topográficos do terreo, a súa protección ambiental, está por riba do patrimonio rupestre da zona e mesmo ignora e despreza aos veciños que rexeitamos esta desfeita.

Irracionalidade, prepotencia e sobredoses de localismo son as penitencias que nos toca sufrir nesta Semana Santa, e de aquí ás próximas eleccións municipais.

Publicado por: MontePituco | 31/03/2010

A VOLTAS CO PORTO SECO: VALORACIÓNS (I)

Así recollen os tres principais medios de comunicación escrita, a nivel local, a información adiantada en DEFENDE O MONTE PITUCO a respecto da proposta do PP de Pontevedra para crear unha área loxística.

Cómpre destacar a valoración precipitada, e non por iso menos esperada, do alcalde de Marín. Diciamos hai uns días que se podía esperar de Francisco Veiga unha reacción pouco elegante, do estilo alcahueto, cacique, acaparador, mercachifle… Non foi para tanto desta vez. Para Veiga, a proposta de Telmo Martín é, simple e llanamente, “unha tremenda tontería”.

…Podía aprender do seu homólogo -tanto en cargo público como en siglas políticas- José Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa. Lonxe de desconsiderar rápida e unilateralmente unha proposta que non coñece polo miudo, o rexedor local de Vilaboa vai recibir este luns ao voceiro do grupo municipal popular de Pontevedra. Pero José Luis Poceiro é unha persoa prudente, educada e amable. Doutros, igual non se pode dicir o mesmo.

Pregúntome quen é Francisco Veiga para inmiscuirse, para meter o nariz na xestión da Autoridade Portuaria, para contradicir o seu presidente, por moito cacho que teña este alcalde no Consello de Administración. Se o responsable da Autoridade Portuaria rexeita -despois de que hai 10 anos o fixera un predecesor seu no cargo- o Monte Pituco como emprazamento para unha posible área loxística, argumentando motivos técnicos tan evidentes como a forte pendente do terreo, a que vén semellante empecinamento.

Tanta mágoa lle dá que Marín non dispoña dun terreo que reúna as condicións para acoller unha plataforma loxística?

Que pasa, que se en Marín non pode ser, non pode ser en ningures?

Acaso hai tanta diferenza entre as infraestruturas necesarias para instalar unha plataforma loxística e as infraestruturas necesarias para a dotación dun polígono industrial?

Por que, segundo a Autoridade Portuaria, o Pituco é inviable para acoller unha plataforma loxística e, sen embargo, o alcalde insiste en poñer aquí un polígono industrial?

Posto que ao alcalde aínda lle dura a euforia pola inauguración do ecoparque de Cadro, onde ceibou adrenalina polos catro costados trepando polas cordas coma un liripio,  igual está pensando xa nunha nova atracción turística -pioneira, por suposto- para a nosa vila: se Cuenca ten as súas casas colgantes, tan colgantes ou máis poden ser as naves industriais do Monte Pituco, pensará Veiga.

Por iso xa non merecen credibilidade arroutadas como a que segue: “La actividad prevista por la Autoridad Portuaria” -en alusión á instalación dunha nave para a construcción de estruturas metálicas destinadas ao sector naval- “es industrial y no precisa estar cerca del mar, por lo tanto debe dirigirse a un polígono industrial que bien podría ser el de O Pituco”. Pero en que quedamos, unha empresa que produce compoñentes para o sector naval, non ten o seu sitio na Autoridade Portuaria? Segundo o Francisco Veiga, non: “Hay empresas en el puerto del sector naval que tienen talleres para la construcción de estructuras metálicas en Bueu”.

De risa, alcalde. As empresas portuarias que non teñen espazo no porto de Marín, en Bueu, e se che soa a frauta, para o Pituco. Así, cando a nave portuaria de turno precisara unha estrutura metálica, o taller non tería máis que baixarlla nunha roldana ou mandarlla a rebolos monte abaixo, que con semellante inercia chegaríalle nun pispás. Que gran “visionario”.

Publicado por: MontePituco | 30/03/2010

A VOLTAS CO PORTO SECO (III)

O PP de Pontevedra vén de propoñer un espazo de 70 hectáreas entre Pontevedra e Vilaboa para a instalación dunha plataforma loxística ou porto seco que poida interconectar os portos de Marín, Vigo e Vilagarcía. Na súa exposición, primeiro ante os xornalistas e máis tarde ante os representantes das federacións veciñais e colectivos empresariais, Telmo Martín explicou que este terreo está ben comunicado coa AP9, a N550 e dotaríase dun enlace ferroviario.

De feito, Telmo Martín non fala da instalación de fábricas, senón de empresas “amables” adicadas ao transporte e distribución de mercancías. Amables, en todo caso, son aquelas empresas que xeran emprego, que respectan o medio ambiente e que, a ser posible, pagan a fin de mes aos seus traballadores. Pero desas, ultimamente, non hai moitas. Segundo o PP de Pontevedra, esta iniciativa xeraría 2.000 postos de traballo nunhas 75 naves. Onde? Entre as parroquias de Tomeza e Bértola. Quen non lembra aquel vello conflicto encol da empacadora frustrada en Vilaboa? Neste caso, o proxecto de Telmo Martín -valorado nuns 151 millóns de euros, dos cales 42 sairían dos orzamentos públicos- contempla a creación dun “corredor verde” de 250 mil metros para protexer o cauce do río dos Gafos que discurre por esa zona.

…Pero antes de vender a pel do oso, haino que cazar.

A título informativo, seguen unhas diapositivas da presentación realizada esta mañá. O documento completo, no blog de Telmo Martín.

Xa empezan a xurdir as primeiras valoracións:

O alcalde de Vilaboa recibirá a Telmo Martín o luns para coñecer a proposta polo miúdo, pero xa recoñece que o PXOM, que está pendente de aprobación inicial, contempla o posible uso industrial dunha parcela situada en Bértola.

Será tamén a próxima semana cando o presidente da Autoridade Portuaria e Telmo Martín se reúnan e, posiblemente, visiten a zona. Suárez Costa, que este mes xa visitou o porto seco de Sevilla, valora diversas localizacións na comarca de Pontevedra para a instalación dun porto seco. O Pituco está descartado, insistimos por enésima vez.

E a Cámara de Comercio de Pontevedra tamén parece estar conforme coa proposta, a falta doutras alternativas que se poidan plantexar máis adiante.

Habería que contar tamén coa opinión dos habitantes da zona, tanto de Tomeza como de Bértola. Por alí discorre o río dos Gafos e, malia que o proxecto parece ser que contemplaría unha franxa de protección, cómpre ter en conta os veciños.

Pero voltando ao retrouso… Antes de vender a pel do oso, haino que cazar.

Publicado por: MontePituco | 29/03/2010

TAMÉN EN SEMANA SANTA

 

Non á ruina do monte comunal”. A respecto do proxecto para instalar calquera dotación industrial no Monte Pornedo (Pituco), ese é o posicionamento claro e rotundo da parroquia de San Xulián de Marín, plasmada a través do seu párroco, D. Jorge Gómez, no seu boletín informativo deste mes de marzo. Posto que estamos en Semana Santa, non está de máis facer unha reflexión en clave espiritual sobre a importancia do equilibrio entre natureza e humanidade.

O teólogo brasileiro Leonardo Boff, un dos fundadores da Teoloxía da Liberación, deu unha conferencia titulada “A ecoloxía como novo espazo do sagrado”, na que apuntaba:

“…Unha comprensión de Deus sen o mundo levounos a un mundo sen Deus; esa foi a constatación do Vaticano II e que nos compromete a nós, cristiáns. Así enténdese a Deus como forza, enerxía; relación de vida, de conciencia, que se reflicte no universo enteiro e fundamentalmente en nós, humanos, que somos ese nó de relacións, e na sociedade como conxunto de relacións dos actores, das persoas, das súas institucións. Redescóbrese a Deus nesa complexa inmensidade de lazos que nos une de tal xeito que a hormiga da rúa ten que ver coa galaxia máis distante, que o pensamento que pasa pola miña mente ten que ver coa materia e cos elementos básicos da realidade, porque todos constituimos un gran sistema. E Deus é o denominador común, o fío que todo o amarra, que todo o une, que todo o unifica, que fai mesmo que o caos sexa xenerativo e cree cada vez máis complexidade, máis brillo, máis beleza no universo…”.

Por eso ímonos encomendar a San Francisco de Asís, o patrón da ecoloxía, como o proclamou Xoán Pablo II en 1979. “San Francisco de Asís ofrécelles aos cristiáns o exemplo dun respecto auténtico e pleno pola integridade da creación”, dixo o pontífice na súa mensaxe con motivo da Xornada Mundial da Paz, en xaneiro de 1990. No seu Cántico das Criaturas (1225), os crentes teñen unha sentida loubanza do medio ambiente.

“…Loubado sexas, Señor, en todas as túas criaturas,

especialmente no irmán sol,

por quen nos das o día e nos iluminas.

E é fermoso e radiante con gran esplendor,

de ti, Altísimo, leva significación.

Loubado sexas, Señor,

pola irmá lúa e as estrelas,

no ceo formáchelas claras e preciosas e belas.

Loubado sexas, Señor, polo irmán vento

e polo aire e a nube e o ceo sereno e todo tempo,

por todos eles ás túas criaturas das sustento.

Loubado sexas, Señor, polo irmán lume,

polo cal iluminas a noite,

e é fermoso e alegre e vigoroso e forte.

Loubado sexas, Señor, pola irmá nosa nai terra,

a cal nos sostén e goberna

e produce diversos froitos de coloridas flores e herbas…”

Grazas á parroquia de San Xulián por velar, dende a súa posición, a prol da conservación do monte, da natureza e da paisaxe da que, durante tantos años, veñen gozando os seus fregueses.

Publicado por: MontePituco | 28/03/2010

A VOLTAS CO PORTO SECO (II)

…Agardando coñecer a proposta do PP de Pontevedra para a dotación dunha plataforma loxística asociada ao porto de Marín. Terá compartido xa Telmo Martín os seus plans con María Ramallo? Serían capaces a presidenta local do PP de Marín e o alcalde marinense de facer fronte común se o proxecto de Telmo Martín se alonxara da vila? Nese caso, que calificativo castizo lle reservaría Francisco Veiga ao candidato popular á alcaldía de Pontevedra? Alcahueto, cacique, acaparador, mercachifle?

…Agardando coñecer a proposta do PP de Pontevedra (bis), lembramos unha información recente de Begoña Márquez no Faro de Vigo, na que se dá por feito que a Autoridade Portuaria de Marín descartou o Monte Pituco para semellante mester. Por coherencia política, Telmo Martín non debera contradicir a José Benito Suárez Costa. Fiando a súa mutua sintonía ideolóxica, o presidente da Autoridade Portuaria debera ser partícipe do proxecto que se argalla no PP de Pontevedra e, unha vez que se faga pública, aplaudila.

Leborei (en Cerponzóns), La Cross (entre Campañó e Lérez) e o contorno de Pontesamapio-Arcade parecen ser as hipotéticas apostas da Autoridade Portuaria. Irán por aí os tiros? Continuará…

Publicado por: MontePituco | 26/03/2010

MAÑÁ SÁBADO ÁS 20:30, A HORA DO PLANETA

BAIXA O INTERRUPTOR, PRENDE UNHA CANDEA.

Prescinde da electricidade e volta ao pasado por un momento. 60 minutos do teu tempo abondan para facerlle un gran ben a este planeta ferido que nos atura malia agredilo sen razón nen compaixón. Colabora e corre a voz. Sensibilízate e contaxia conciencia ambiental.

APAGA A LUZ, ACENDE O PLANETA

Publicado por: MontePituco | 26/03/2010

REQUETECHUVIA

Versos de Novoneyra nesta chuviosa recta final do mes de marzo.

“Chove pausiño pras sombras

chove pra baixo e pra riba.

O aire de soño en soño

a auga pinga que pinga…”

Publicado por: MontePituco | 25/03/2010

A VOLTAS CO PORTO SECO

O PP de Pontevedra non vai soltar prenda ata o martes 30 deste mes. Ese día Telmo Martín vai expoñer onde propón instalar unha plataforma loxística ou porto seco, cuxa actividade asocia claramente ao Porto de Marín. Di o seu gabinete de prensa:

“…En las Rías Baixas tenemos los puertos de Vilagarcía, Marín y Vigo. Si los puertos suman esfuerzos conjuntos, si se mejoran sus comunicaciones por carretera y ferrocarril y se construyen nuevas plataformas logísticas, la provincia de Pontevedra podría convertirse en la gran puerta del sur de Europa en el transporte de mercancías con origen y destino el continente americano”.

E por onde irán os tiros?! Seica van contar con colectivos sociais da cidade e con organizacións de empresarios. Pois hai asociacións veciñais e comunidades de montes que non teñen nin idea…

Irá esta proposta enfiada co Plan de Solo Empresarial de Galicia que contempla a creación da chamada plataforma loxística Pontevedra-Marín? En Lourizán e Salcedo están coa mosca detrás da orella, pero confían na “sensatez” de Telmo Martín e os seus muchachos/as. Cando o propio presidente da Autoridade Portuaria rexeita o Monte Pituco/Pornedo e arredores por motivos tan evidentes como a pendente do terreo, a falta de conexión ferroviaria e a existencia doutras alternativas xeograficamente mellor situadas, non parece razoable que o PP de Pontevedra teime nalgo que, aínda por riba, beneficia os intereses do rival directo de María Ramallo no concello de Marín.

Non cadra. Non ten pés nin cabeza. Mais, quen sabe, peores cousas se viron. Pero que ben o “venden”!

“…La actividad logística es un sector que cada vez tiene más peso en la economía en general. Un sector amable, que no provoca mayores inconvenientes y que, sin embargo, genera un número muy relevante de empleos”.

Menos mal que de aquí ao martes se vai filtrar a noticia e sairemos de dúbidas antes de tempo. Por estas que si, he-he-he.

Publicado por: MontePituco | 24/03/2010

O ‘SUPERCONSELLEIRO’ SABE QUE EXISTIMOS

O de “superconselleiro” non é un apelativo de colleita propia. Así llo champou o alcalde de Pontevedra ao titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta. Pero ás ironías de Miguel Fernández Lores xa estamos afeitos. É un coñero este home, non como o seu homólogo marinense, que debería tomar un pouquiño de all-bran todos os días, para mellorar ese mal humor, esa desazón que o desacouga, ese vocabulario áspero que manexa, do que non se despegan palabras tan fóra de testo como “alcahueta” para referirse á súa directa oponente na Corporación Municipal.

Pois si, Agustín Hernández xa nos coñece persoal e documentalmente. Daquel completo informe de oitentaepico páxinas entregado na Delegación Territorial da Xunta coas nosas consideracións ao Plan de Solo Empresarial que contempla unha Plataforma Loxística entre Marín e Pontevedra, o “superconselleiro” levou un resume de sete paxiniñas: denso pero asequible, o xusto e necesario para que un “superconselleiro” comprenda que o Monte Pituco (Pornedo) non é lugar para semellante infraestrutura.

Unha obra que arruinaría os bens naturais e patrimoniais deste espazo protexido, que provocaría unha transformación brutal da paisaxe e riscos graves para a poboación e as propiedades afectadas pola pendente excesiva do terreo. Agustín Hernández dixo que a Xunta estudaría a instalación dun polígono industrial entre Marín e Moaña. E con respecto á plataforma loxística, que a súa ubicación ía depender do estudo de avaliación ambiental. Por iso o informe de DEFENDE O MONTE PITUCO basea nese aspecto a inviabilidade do proxecto.

Pero chama a atención por que a Xunta valora a instalación dunha plataforma loxística nun emprazamento que xa foi desbotado pola Autoridade Portuaria de Marín. Acaso non comparten criterios técnicos dúas administracións que ademais están dirixidas pola mesma formación política? Ou acaso teñen conceptos diferentes do que é unha plataforma loxística? Será que o que non vale para a Autoridade Portuaria é de proveito para a Consellería? Estanlle buscando trasteiro á rexión metropolitana de Vigo-Pontevedra? Ollo-piollo, “superconselleiro”. O “mini-informe” é rotundo e contundente.

Ah, que xa o esquecía… É que Ana Pastor tamén ten no seu poder outro resume do informe. Por aquelo de que no 2008 presentou unha proposición non de lei ante a Comisión de Vivenda do Congreso para encargarlle ao SEPES o estudo de viabilidade da zona de Pastoriza (Cruz da Maceira) para a ubicación dun polígono. Para que lembre que o Monte Pituco (Pornedo) non é axeitado para albergar chan industrial.

Publicado por: MontePituco | 23/03/2010

+ DA MANI ‘GALIZA NON SE VENDE’

Un traballo do Comité de Emerxencia Cidadá da Ría de Ferrol.

Publicado por: MontePituco | 22/03/2010

O MONTE PITUCO (PORNEDO) TAMPOUCO SE VENDE!!!

Non quixemos faltar, porque O MONTE PITUCO (PORNEDO) NON SE VENDE, porque “Galiza non se vende”. Percorremos asfalto e adoquíns polas rúas de Compostela berrando contra a especulación, contra a xestión irracional do territorio, contra o estrago dos nosos espazos naturais, contra a destrución do noso patrimonio. Estabamos dos catro puntos cardinais, da Galicia costeira e da interior, do rural e do medio urbano. Mesturados nesta causa solidaria, DEFENDE O MONTE PITUCO e outros colectivos marinenses: Colectivo Nacionalista, Asociación Cultural Almuinha, Asociación de Veciños de San Xulián.

…A CONTINUACIÓN, UNS FRAGMENTOS DO MANIFESTO…

“…Un modelo que depreda o territorio, en lugar de ordenalo, coidalo e protexelo. A Ordenación Territorial non existe no País. Galicia carece de Directrices de Ordenación do Territorio despois de catorce anos de tramitación e oito anos de redacción. Mentres tanto, redáctanse, tramítanse e apróbanse multitude de plans e proxectos. Sen Directrices, sen unha Avaliación Ambiental digna de tal nome e sen democracia participativa”.

“…No medio deste caos, o noso litoral vólvese pór a disposición das construtoras para o seu grande negocio especulativo. As nosas rías seguen acumulando recheos, portos deportivos e naves industriais en primeira liña de costa. A contaminación nas rías acada uns niveis alarmantes, como consecuencia do caos urbanístico, da mala xestión dos portos, da mala ou nula depuración das augas residuais e da desidia e o abandono xeral, e isto está acabando coa súa riqueza e a súa biodiversidade”.

“… Courel, a Terra Cha, e tantos outros lugares da nosa xeografía, seguen desangrándose polas empresas louseiras e mineiras e pola política forestal que segue a fomentar os monocultivos de especies alóctonas e invasoras que ano tras ano sementan o país de incendios”.

“…O urbanismo caótico e depredador crea cidades inhabitábeis en función dos intereses económicos e non das necesidades de vivenda. E aínda se pretende espallar ese caos polas comarcas, creando suburbios dormitorio ou de segunda residencia e un exceso de solo industrial desorbitado e inxustificable. Este conxunto de desatinos sobrepasa a capacidade real de habitabilidade e funcionalidade desas localidades, deteriorando o seu territorio, mermando os seus recursos e destruíndo a súa identidade”.

“…E mentres tanto, as nosas vilas languidecen. A maioría delas carecen aínda de plans de ordenación urbana e a rehabilitación dos núcleos históricos segue sendo unha tarefa pendente”.

“…Mentres tanto, asistimos ao desmantelamento programado do marisqueo e da pesca de baixura tradicionais, sistemas que ao longo de miles de anos demostraron a sostibilidade da explotación deses recursos, que foron e son fundamentais para garantir a nosa soberanía alimentaria, que constitúen un tecido económico e social do que viven miles de familias”.

“…Lonxe de buscar a autosuficiencia enerxética ante a inevitable crise final do petróleo, os recursos eólicos e hidráulicos, os montes e os ríos de Galiza, entréganse a empresas foráneas a cambio de nada, e nada se fai por racionalizar e reducir o desorbitado nivel de consumo de enerxía que agrava a nosa dependencia”.

“…O urbanismo disperso fomenta a mobilidade. As vías de alta capacidade, que proliferan irracional e innecesariamente, fragmentan e destrúen o territorio, e acrecentan o beneficio das grandes empresas construtoras. O transporte privado, contaminante e insustentable, agrava a nosa dependencia do petróleo”.

“…É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teña en conta aos colectivos sociais e á cidadanía”.

LIGAZÓNS:

Galiza non se vende: http://galizanonsevende.org

A ría non se vende: http://arianonsevende.nireblog.com

Bouzas Móvete: http://www.bouzasmovete.org

Agrupaçom de Montanha Augas Limpas: http://www.aguaslimpas.blogspot.com

Ceivar: http://www.ceivar.org

Amigos da Terra: http://www.amigosdaterra.net 

Verdegaia: http://www.verdegaia.org

Asociación pola Defensa do Parque Rosalía: http://www.parquerosalia.es

A Gentalha do Pichel: http://agal-gz.org/blogues/index.php/gent

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol: http://comitecidadan.org

Foro Social de Cangas: http://www.cangasnonsevende.org

SOS Courel: http://soscourel.blogspot.com

Salvemos o Salgueirón: http://salvemososalgueiron.blogaliza.org

Salva o Tren: http://salvaotren.netai.net

Sindicato Labrego Galego: http://www.sindicatolabrego.com

Esquerda Unida: http://www.esquerdaunida.org

Defendendo as praias: http://defendendoaspraias.wordpress.com

Publicado por: MontePituco | 21/03/2010

CÓMIC ‘FORESTAL’ EDITADO POLA XUNTA

A Xunta editou un cómic titulado “Os nosos bosques: xestionar para o futuro”, que se distribuiu co gallo do Día da Árbore. Está elaborado por un taller de ilustración de Madrid (anda que non haberá debuxantes galegos para facer este traballo…), co asesoramento dun técnico da Unidade de Xestión Forestal Sostible do Campus de Lugo. En todo caso, trátase de difundir valores asociados á sostibilidade e á conciencia ambiental:

“As árbores reteñen a auga nas súas pólas pero logo escúrrena. Isto axuda a regular os caudales e evitar a erosión”.

“Se cortamos de maneira correcta o bosque, sempre nacerán novas árbores de xeito natural ou, se é necesario, plantaraas o home”.

“Os bosques son o máis solidario investimento tanto para o presente como para o futuro”.

Publicado por: MontePituco | 20/03/2010

AMIGA ÁRBORE

Celebramos a chegada da primavera e o Día Forestal Mundial, este 21 de marzo, dándolle a benvida a un novo habitante do Monte Pornedo/Pituco. Benvida, árbore!

Prantamos o símbolo da nosa RESISTENCIA. Facemos que bote raíces na terra que tanto amamos e pola que loitamos. Queremos que agrome baixo o ceo estrelado e que medre ao noso carón, dándonos sombra, osíxeno e vida. E prometemos solemnemente que ningunha pá mecánica vai crebar a súa pacífica existencia, nen haberá máquina formigoneira que aniquile este seu novo fogar.

Prantamos o símbolo do noso COMPROMISO coa conservación do Monte. E esta árbore é a primeira de moitas máis árbores amigas que han guiarnos no deseño dun monte sostible, dun monte habitable, dun monte do que estar orgullosos.

Facemos un buratiño na Terra Nai para que abrace este novo fillo. Estercamos o seu habitáculo para que atope nutrintes que o fortalezan. Regamos con auga do manancial da Fontenla, que lle dá un empurrón de frescor. Tapamos agarimosamente arredor do talo. Xa somos un veciño máis no Monte Pituco/Pornedo. E farémoslle visitas para parolar dos miñatos e das formigas, para ver como lle van estirando as folliñas, para rir co vento e cantar ao ritmo do regato.

Publicado por: MontePituco | 19/03/2010

AO MEU PAI

Velaí as súas mans, de home currante.

Aprendeu dunha muller forte e valente

canto sabe do traballo nunha aldea:

podar, atar as viñas, esfollar, vendimar;

prantar coles, patacas, pementos, vides;

criar galiñas, porcos, años, becerriñas;

cortar toxo no monte, bimbias e varas no canaval…

Sogra e xenro, cóbado con cóbado.

De urbanita a ruralita, tres décadas mediante,

ata non ser xa de onde foi que nace,

senón de onde pace.

Un máis, como a auga, como as pedras,

como o aire, como a terra moura.

Rosmón e teimudo, recto e impaciente,

mais xeneroso e honrado, mañoso e campechano.

Mans curtidas e delicadas,

mans sabias que tanto levan como traen,

mans que adoran pescar e cociñar,

mans que acariñan, que sandan,

mans quecedoras e tranquilizadoras.

Mans de home bo, de bo pai.

Grazas por ti, polas túas mans.

Publicado por: MontePituco | 18/03/2010

DO ATLÁNTICO A LEVANTE, IDA E VOLTA

Motivos profesionais leváronme ata Orihuela. Deixei atrás o Atlántico, A Canda e o Padornelo para adentrarme nas chairas castelás ata chegar a terras levantinas, onde laranxos, limoeiros e almendros medran ao pé de serras e peñóns que se elevan bruscamente dende a horizontalidade do espazo. Busquei coa mirada o Pornedo-Pituco alicantino-murciano, mais non atopei carballos nen piñeiros, senón palmeiras e ocre. Os seus montes silueteados na paisaxe marcan o carácter da cidade-poema que Miguel Hernández garabateou no seu caderno mentres o gando pastaba:

“En Orihuela, su pueblo y el mío…”

…Cen anos de Miguel Hernández, o poeta do pobo, o poeta da liberdade.

Publicado por: MontePituco | 14/03/2010

FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE

Naceu tal día coma hoxe, 14 de marzo, de 1928, e morreu tamén tal día coma hoxe, 14 de marzo, de 1980. Terrible coincidencia, con tan só 52 anos. Pasaron xa tres décadas da morte de Félix Rodríguez de la Fuente. Outro grande ambientalista e divulgador da natureza que nos deixou prematuramente nun accidente aéreo no momento en que máis estaba contribuindo a dar a coñecer a fauna, a flora, a natureza do país, cando probablemente máis estaban callando na sociedade os valores do ecoloxismo e do respecto ao medio. Con motivo dos 30 anos do seu pasamento e para homenaxear a súa traxectoria, TVE repuxo a serie documental “El hombre y la tierra”. Moitas persoas novas que creceron orfas da súa figura puideron redescubrir o seu carisma e comprender a necesidade de protexer o mundo no que vivimos, actuando a nivel local, pero pensando a nivel global. Na súa ausencia, a Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, creada en 2004, é unha institución sen ánimo de lucro co obxectivo de manter o seu legado, demostrar que a súa mensaxe está máis vixente ca nunca e impulsar proxectos de divulgación científica e medioambiental.

No Monte Pituco/Pornedo non hai lobos; algún raposo que outro, algún coello despistado, algún miñato vixiante. No Monte Pituco non hai especies vexetais asombrosas; máis piñeiros que carballos, eucaliptos uns cantos, algún que outro castiñeiro. Pero ademais de todo esto, que é ben importante, tamén ten manantiais de auga fresca, vistas idílicas e pracenteiras, restos milenarios gravados na pedra… Por todo esto e mais, o Monte Pornedo/Pituco, ao igual que estrana a prosa dócil e certeira de Delibes, tamén lle rende tributo a estoutro gran referente da ecoloxía.

“La cultura tecnológica está obligando al hombre a vivir en cárceles confortables, en inmensos laberintos sin horizontes, hechos de cemento, hierro y cristal”. (Félix Rodríguez de la Fuente)

Publicado por: MontePituco | 12/03/2010

DELIBES

O medio ambiente perdeu un dos seus máis fieis defensores, Miguel Delibes, referente das letras españolas, mestre de xornalistas, espello exemplar de traxectoria humana. Considerábase “un narrador rural apaixonado pola natureza”: dende El camino o Los santos inocentes, pasando por Castilla y su drama, ata La naturaleza amenazada ou La tierra herida, este último en coautoría co seu fillo Miguel, investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas.

No seu discurso de ingreso na Real Academia Española, titulado El sentido del progreso en mi obra, que foi publicado como libro co título Un mundo que agoniza, trazaba cuestións que seguen de plena actualidade: “…Todo cuanto sea conservar el medio es progresar; todo cuanto signifique alterarlo esencialmente, es retroceder” … “El hombre, nos guste o no, tiene sus raíces en la naturaleza y al desarraigarlo con el señuelo de la técnica, lo hemos despojado de su esencia”. No colofón dese relatorio, Delibes denunciaba as consecuencias do interés económico salvaxe e desmedido, capaz de pisotear as persoas e destruir sen escrúpulos o mundo no que vivimos: “Si la aventura del progreso ha de traducirse inexorablemente en un aumento de la violencia y la incomunicación; de la autocracia y la desconfianza; de la injusticia y la prostitución de la Naturaleza; del sentimiento competitivo y del refinamiento de la tortura; de la explotación del hombre por el hombre y la exaltación del dinero, en ese caso, yo gritaría ahora mismo, como una conocida canción americana de los 70: ¡Que paren la Tierra, quiero apearme!”.

Porque hai quen se sinte por riba do ben e do mal, porque hai quen se cre superior, porque hai quen deslexitima os dereitos dos demais… “La ambición de poder y la creencia de que el hombre puede hacer y deshacer sin que se hundan las esferas son las responsables de que el planeta esté tan amenazado”. Esa clase de xente debera ler a un sabio como Delibes. Outro galo nos cantaría. Ata sempre, Miguel, nas páxinas dos teus libros.

Publicado por: MontePituco | 11/03/2010

OS GROMOS DA PRIMAVERA NO MONTE PORNEDO/PITUCO

Un pequeno percorrido polo monte pódese converter nunha abondosa descuberta, na abraiante constatación de como o fenómeno da vida se renova cíclica e permanentemente. Centos, milleiros, millóns de prantas ao unísono entoando a melodía do vento. Unhas están espertando dun merecido letargo, outras permaneceron insomnes ao longo do outono e do inverno. Todas de vez zugando o alimento da Nai Terra para facer unha manifestación colectiva da forza telúrica. Centos, milleiros, millóns de gromos e de flores pequeniñas asoman con timidez entre a herba, entre as pólas espidas.

Un inmenso caudal de savia emerxente está pedindo paso baixo os nosos pés. Sentimos a súa poderosa enerxía. Será consciente a flora deste Monte de que lle quedan poucas primaveras para rexurdir? Chegarán ás orellas do raposo e do coello, ás antenas da formiga e da abella, os ecos do terrible destino que queren trazar sobre o seu fogar salvaxe? Seremos quen de evitar a brutal desfeita? Somos poucos e febles, fronte aos intereses económicos e políticos, as nosas únicas armas son as ideas e os principios. Imos celebrar esta primavera loitando por mil primaveras máis do Monte Pornedo.

Publicado por: MontePituco | 10/03/2010

ESTE MONTE TAMPOUCO SE VENDE

Publicado por: MontePituco | 09/03/2010

PARA ALGO ESTÁN AS HEMEROTECAS

“…Por primeira vez en Galicia, Marín está en el mapa del Plan de Suelo Empresarial de Galicia 2009-2015, donde se planifican una serie de zonas con futuro empresarial e industrial y Marín está con un área en Pituco y otra en Pastoriza con Moaña, aunque a alguno le pese recordando que no aparecíamos en 2004 en el Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariales; no aparecíamos en 2008 en el Galicia Suma y seguíamos sin aparecer en el Elaspo para la provincia de Pontevedra.”

Son palabras de María Ramallo no Faro de Vigo do 7 de marzo. Empezou a pre-campaña electoral, señoras e señores. Non é nada novo, certamente, posto que os nacionalistas tomaron a dianteira hai tempo cando botaron a rodar o seu boletín. Pero os populares non queren quedar rezagados. E lembremos que na política, todo vale, e ningunha formación se salva desta afirmación crúa e realista. A partir de agora, verqueranse moitos ríos de tinta sobre o Pornedo/Pituco, o chan industrial, a economía de Marín (como se Marín fora un Estado en si mesmo alleo ao mundo global), os dimes e os diretes.

De todos modos, porque para algo están as hemerotecas e tampouco é plan de que o BNG nos acuse de parciais, cómpre matizar as declaracións de María Ramallo con outras do grupo municipal nacionalista, publicadas neste mesmo xornal o 3 de maio de 2009: “o 14 de xuño de 2004, cando gobernaba o PP en Galiza e o señor Núñez Feijoó era conselleiro de Política Territorial, e a señora Ramallo era presidenta do Porto, a Dirección Xeral de Urbanismo, publicou unha resolución pola que se facía pública a aprobación definitiva do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda vixente de incidencia supra-municipal que afecta a 41 concellos e prevé 39 parques empresariais dos cales ningún se atopa en Marín e di que “ten como obxecto establecer as condicións xerais para a futura implantación de solos empresariais atendendo ás medidas, que forman parte do Plan de Reactivación de Galicia 2003-2006”.

Cando unha representación dos veciños de Pena e Caeiro fomos recibidos por María Ramallo e algúns concelleiros populares (entre eles o que exerce tamén como presidente da Comunidade de Montes de San Xulián) xa llo expuxemos claramente. Que a postura do PP non nos satisfai en absoluto: son palabras de comprensión que soan baleiras fronte á preocupación dun colectivo que recela da rentabilidade electoral que lle vaia sacar este partido ao espiñoso asunto. Cun actor político na directiva da Casa de Montes, o PP ten a sartén polo mango para orientar a súa aposta en función do que opine unha maioría que, de momento, está interesadamente orientada de xeito favorable á construcción do polígono no Pornedo/Pituco: poderoso cabaleiro é don…

Tampouco está de máis aclarar que outro dos directivos da Comunidade de Montes está aliñado co BNG, cuxa concellería de Urbanismo, obrigada a retirar da súa oferta política os polígonos da Brea e Vista Alegre, voltou sacar do caixón o proxecto no Pornedo/Pituco, por máis que a Autoridade Portuaria desbotara esta ubicación hai dez anos pola súa inviabilidade. Ao goberno local bipartito encabezado polo PSOE tanto lle ten se o Pornedo/Pituco reúne ou non as condicións orográficas oportunas; bástalle calquera argumento á desesperada que, de tanto repetilo, aspiran a disfrazalo de veracidade. En conclusión: os tres principais grupos fanse o xogo mutuamente pero só un aspira a levar o gato á auga e colgar unha medalla que, para nós, está lixada de manipulación e dobre moral.

María Ramallo fachendea do Plan de Solo Empresarial de Galicia que coloca dúas áreas industriais en Marín. Pasamos da nada a ter ración dobre de hormigón. Hormigonados contra Pontevedra e hormigonados contra Moaña. Dende logo, aos veciños de Pena, Caeiro e dos demais núcleos afectados, non se nos explicou que Marín fora contar con dúas áreas industriais, senón que unha era alternativa de outra. Non obstante, e como para algo están as hemerotecas, recordámoslle á voceira municipal popular o que publica sobre ela o Diario de Pontevedra do 1 de decembro de 2009:

“…Marín necesita poner cuanto antes los cimientos básicos para el desarrollo futuro de su capacidad logística, empresarial e industrial… Es necesario aprovechar estas importantes inversiones y planificar un parque-plataforma industrial en Pastoriza, entre los municipios de Marín y Moaña”.

Publicado por: MontePituco | 08/03/2010

HOMENAXE PARA ELAS

 

Un poema, unha homenaxe: palabras de muller para elas, as que sempre levan.

Foron viuvas de mortos e viuvas de vivos, tiveron unha vida precaria de privacións e sacrificios, aforraron cada peso que caeu nas súas mans pensando nun horizonte mellor para os seus fillos e os fillos dos seus fillos. En vez de números e letras aprenderon a cociñar, a coidar do gando e a cultivar a horta, a sacar adiante unha familia. Fixeron da supervivencia unha titulación académica de rango superior.

Tamén colleron as maletas e marcharon polo mundo buscando unha oportunidade, coa lingua presa en terra allea. Sufriron de ausencia e de cansancio, mais nunca abandoaron. Foron valentes, foron solidarias. Bágoas e forza. Soñaron mil primaveras. Peitearon cabelos de prata. Prenderon candeas de recordos para guiarse na escuridade.

As súas historias están na miña retina, na miña memoria. Aínda escoito as súas voces, sinto os seus aloumiños e os seus bicos na miña cara. Corre o seu sangue polas miñas veas. E a terra que sacharon con tanta suor, e o aire fresco que respiraron, e o lume co que coceron o pan, e a auga coa que regaron as colleitas son a miña inspiración. Non busquedes consigna nin amo superior. O meu exemplo son ELAS: “-Estades comigo, pero canto vos estraño”…

Auga leva auga.

Terra leva terra.

Lume leva luma.

Aire leva aire.

Elas escoitan os pedidos elementais…

…Mulleres traballadoras, mulleres sabias, mulleres atesouradoras da tradición, mulleres fillas, nais e avoas, mulleres incansables, mulleres xusticieiras, mulleres críticas e inconformistas, mulleres libres, mulleres do pasado, do presente e do futuro, mulleres lectoras e curiosas, mulleres valentes, mulleres sen fronteiras, mulleres humildes e sinxelas, mulleres loitadoras, mulleres exemplares, mulleres alumnas e mestras, mulleres TODAS E CADA UNHA.

Publicado por: MontePituco | 07/03/2010

NA PRENSA LOCAL

Publicado por: MontePituco | 06/03/2010

SERÁ POR CURVAS!!! (de nivel…)

Cando os números son tan CONTUNDENTES, de pouco serve adornalos con frases. Como a expresión “unha imaxe vale máis que mil palabras”, os datos do informe técnico sobre a viabilidade dun parque industrial ou plataforma loxística no Monte Pituco (Pornedo) FALAN POR SI MESMOS. Tan só precisar que a táboa exposta reflexa a superficie en función do desnivel e que o mapa de pendentes que a complementa corresponde á localización do posible polígono. Non fai falta ser enxeñeiro/a da NASA para interpretar unha realidade tan incuestionable.

Aínda así, por se alguén -nos bandos ‘político’ ou ‘comuneiro’- fora de neurona frouxa, lenta ou resistente a admitir evidencias por comenencia, reproducimos a valoración dun profesional na material. A súa opinión figura no apartado de “comentarios”, pero por se pasara desapercibida, velaquí queda, á vista de todos/as. Moitísimas grazas, Chema.

Lo cierto es que edificar en un monte o en una vaguada es una equivocación desde el punto de vista arquitectónico, constructivo y medioambiental, teniendo en cuenta además que siempre hay alternativas. Un monte es un accidente geográfico con unas características inherentes como tal. La principal es la pendiente natural que posee. La edificación en este tipo de terrenos es compleja y costosa, por no decir la alteración que se produce en el medioambiente. Aparte hay que realizar un estudio del terreno y de la geotecnia exhaustivo para realizar unas construcciones con garantías y no tener patalogías importantes como consecuencia de deslizamientos de terrenos, avenidas de aguas, asentamientos diferenciales…

Publicado por: MontePituco | 05/03/2010

INFORME TOPOGRÁFICO

PRETO DO 60% DO POLÍGONO PROXECTADO NO MONTE PITUCO TEN MÁIS DO DOBRE DA PENDENTE RECOMENDADA POLA XUNTA PARA A INSTALACIÓN DE PARQUES INDUSTRIAIS

Monte Pituco persoouse na fase inicial do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia con argumentos urbanísticos, xeográficos, ambientais e patrimoniais contrarios ao proxecto

O colectivo veciñal DEFENDE O MONTE PITUCO vén de presentar ante a Xunta un completo dossier de consideracións ao documento inicial do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia. Entre os argumentos máis rotundos figura o forte desnivel do terreo que faría “totalmente desaconsellable”, segundo o informe topográfico aportado, a instalación dun polígono industrial ou plataforma loxística como os que o Concello de Marín e a Consellería de Medio Ambiente proxectan nesa ubicación. Máis do 57% do terreo previsto ten unha pendente superior ao 35%.

A “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”, publicada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo en 2009, recolle que:  

“…Os parques de tipo industrial non se poden localizar razoablemente sobre as zonas moi abruptas, entendendo por estas as que superen o 15% de pendente”.

Un recente informe técnico revela que o 92,60% do terreo proxectado como chan industrial no Monte Pituco (Pornedo) supera amplamente esa porcentaxe.

Máis do 11% da superficie prevista excede en dez puntos ese nivel máximo recomendado. Outro 24% do terreo presenta un desnivel entre o 25 e o 35%. O dato máis salientable refírese a que máis de 42 das 73 hectáreas que ocuparía ese suposto polígono sobrepasan o 35% de pendente. Por estes motivos que cómpre lembrarlle ao Goberno local de Marín, xa no ano 2000 a Autoridade Portuaria descartara o Monte Pituco como posible emprazamento para as empresas susceptibles de traslado.

Por unha banda, o movemento de terras necesario para adecuar a superficie do Monte Pituco ás condicións óptimas que require un parque industrial, tería un custe moi elevado. Pola composición rochosa dese territorio, como quedou probado durante as obras da variante de Marín, sería previsible acometer numerosas voaduras que xa naquel entón provocaron importantes fendas nas vivendas de Pena e Caeiro, que a empresa promotora se viu obrigada a reparar. Ademais, o impacto ambiental e paisaxístico derivado da explanación do terreo sería brutal e dunha envergadura irreparable.

Posto que o PSOE foi o único grupo municipal que se negou a recibir aos veciños afectados polo proxecto, DEFENDE O MONTE PITUCO quere replicar con estes datos tan contundentes aos dirixentes socialistas que afirman que esta zona é “a máis chan” de todo Marín para ubicar un polígono industrial. Con máis de 68 hectáreas cuxo desnivel pasa do 15%, a plataforma veciñal discrepa radicalmente do que o Goberno local entende por un emprazamento axeitado para semellante infraestrutura, tendo en conta as indicacións da propia Xunta de Galicia.

Publicado por: MontePituco | 04/03/2010

APOIO DE ‘NON Á FRANXA’

A plataforma veciñal NON Á FRANXA, que rexeita o perímetro de seguridade en torno á Brilat, invadindo propiedades privadas e monte comunal, transmite a súa adhesión a DEFENDE O MONTE PITUCO, coa seguinte mensaxe:

“Dende NON Á FRANXA tamen queremos apoiar esta iniciativa cidadán pola defensa do Monte Pituco. Basta xa de acabar cos nosos montes polo interese capitalista duns poucos”.

Agradecemos moito esta nova adhesión, porque compartimos con este colectivo a defensa a prol do uso social do monte, a volta da veciñanza cara a este espazo que nos últimos anos vén pasando máis desapercibido. O desarraigo, o despoboamento do rural e a perda dos valores tradicionais leváronnos a darlle as costas ao monte: xa non pasta o gando como antano e a vexetación medra sen control, os recursos forestais dos que se fornecían os nosos maiores para uso doméstico pérdense e son un perigoso combustible para os lumes. O monte necesítanos. Mentres o ignoramos, as empresas e os poderes políticos frotan as mans e fomentan ese desuso para apropiarse del e privarnos para sempre desa ligazón histórica coas nosas raíces que nunca debemos perder. NON Á FRANXA e DEFENDE O MONTE PITUCO, xunto con outros colectivos que tamén secundan esta reivindicación, estamos comprometidos e decididos a sacar lustre a cada pedra, a cada árbore, a cada regato, para que o monte recupere o seu esplendor. Fainos ilusión percorrer este camiño. Apúntaste?

Publicado por: MontePituco | 03/03/2010

UNHA LECCIÓN DE HISTORIA

Velaquí parte do legado dos nosos devanceiros. HISTORIA, con maiúsculas. Manantiais que levan preto de 200 anos fornecendo de auga as nosas familias, as nosas leiras. E quérennos privar dese dereito, desa herdanza irrenunciable, agredindo o monte polo que corren eses regueiros de vida. E aínda hai quen ousa renegar deste anaco do pasado para consentir que veñan as empresas a usurpárnolo. Non lles é por aí. Poden dar media volta e gardar as súas gadoupas afiadas, que neste monte non son benvidas. Preferimos ser igual de pobres, a que nos intenten comprar por catro patacos algo que non ten prezo, nin está en venda.

Publicado por: MontePituco | 02/03/2010

EN TEMPO E FORMA

Misión cumprida. Unha delas. DEFENDE O MONTE PITUCO presentou ante a Administración autonómica un amplo informe de consideracións ao documento inicial do Plan de Solo Empresarial de Galicia contra o proxecto de creación da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra. Inclúe un apartado de motivos urbanísticos, un estudo técnico da zona, unha relación de inconvintes dende o punto de vista ambiental, a proposta de creación dun espazo natural e arqueolóxico para pór en valor a riqueza patrimonial do monte, documentos sobre a orixe e o uso dos manantiais que aí abundan, e un número importante de sinaturas a prol da protección e da conservación do Pituco/Pornedo.

É de agradecer o esforzo dos veciños nestas últimas semanas: facendo recollida de adhesións e informando as persoas que aínda descoñecen esta problemática, que son moitas; facendo acopio de papeis, algúns dunha antigüidade e dun valor histórico incalculable; achegando ideas e contribuindo cos seus coñecementos a reforzar as nosas teses. Con este informe, DEFENDE O MONTE PITUCO xa está ao nivel doutros colectivos que, como a Asociación de Veciños de San Xulián, o Colectivo Nacionalista de Marín ou a Federación Ecoloxista Galega, tamén se persoaron como parte interesada neste proceso administrativo.

Mais non agardaremos sentados os próximos acontecementos, a respecto da valoración que a Xunta poida facer das suxerencias presentadas polo colectivos. DEFENDE O MONTE PITUCO segue tecendo redes de colaboración con outras organizacións para revalorizar este espazo, para reivindicar o seu uso social e para rexeitar potenciais agresións. Ás entidades públicas e particulares que agora nos ignoran e mesmo nos descalifican non lles vai quedar máis remedio, antes ou despois, que recoñecer o peso aplastante dos nosos argumentos.

Publicado por: MontePituco | 01/03/2010

AUGA

 

Terra moura das montañas!

Boa terra que dás auga

e teis auga nas entrañas!

                              Uxío Novoneyra, ‘Os Eidos’ (1990)

Publicado por: MontePituco | 28/02/2010

ERRE QUE ERRE (RQR)

Din que “quen a segue, conséguea”. E pode que acabe levando “o gato á auga”, cousas peores se viron. De todos modos, aí están pequenos David -os veciños de Placeres son un exemplo de tantos- para demostrar que Goliat non é invencible. O alcalde Francisco “Erre Que Erre” (RQR) Veiga insiste denodadamente en que o monte Pituco é a ubicación alternativa para as empresas asentadas no porto de Marín. Non debe ter moi boa memoria, pero aí están as hemerotecas para refrescarlla. Salvo que no Pituco houbera un movemento telúrico imperceptible (cousa moi pouco probable, pola dramática e desgraciada trascendencia dos recentes tremores en Chile e Haití) que nos últimos 10 anos rebaixara a cota de desnivel do monte, actualmente as pendentes seguen sendo igual de fortes.

E pouco máis que dicir. A política é un tinglado moi decepcionante. A cidadanía sempre fixo unha valoración moi deficiente dos políticos, en xeral, por algo será: a falta de seriedade, a incongruencia e o empeño persoal en levar adiante proxectos “con calzador”, a golpe de “bemoles”, forzando os informes técnicos ou simplemente obviándoos, está á orde do día. No Pituco porque si, que diría RQR, que minte cando xura e perxura que non houbo alegacións no PXOM a ese proxecto. O que o Goberno local pretende supostamente aforrar artellando -de xeito irracional- un polígo no Pituco, pódeno gastar ben en dinamita, pas excavadoras e formigón, do inmenso movemento de terra que sería necesario facer para achandar o terreo e poñer taludes. Cousa negada…

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías