Publicado por: MontePituco | 04/04/2010

SOBRE O CHAN INDUSTRIAL

A PENDENTE DO TERREO E A PROTECCIÓN AMBIENTAL DO MONTE PITUCO IMPIDEN A INSTALACIÓN DUN POLÍGONO

Dende o punto de vista topográfico, só o 7% da súa superficie reúniría as condicións para converterse en chan industrial

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vén discrepando dos plantexamentos do Goberno local de Marín e do principal grupo da oposición a respecto da instalación dun polígono industrial neste terreo. Un estudo encargado polo colectivo veciñal revela que dende o punto de vista topográfico, só o 7% dos 737.000 metros cadrados ameazados por este proxecto, reúnen as condicións para converterse en chan empresarial. Ademais, como recoñeceu o grupo municipal do PP, o Monte Pituco pertence ao Espazo Natural Montes do Morrazo, polo que a protección ambiental desta área  impide a súa destrucción.

Cómpre lembrarlle á voceira municipal popular que a Autoridade Portuaria de Marín -da que ela mesma foi presidenta- xa rexeitou hai dez anos o Monte Pituco como posible emprazamento para unha área loxística, en base á forte pendente do terreo: máis do 90% da súa superficie ten un desnivel superior ao 15% -o límite aconsellado pola “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”- e máis das súas 42 hectáreas superan a cota do 35%.

DEFENDE O MONTE PITUCO insta ás Administracións Públicas a estudaren emprazamentos óptimos para que Marín dispoña de terreos adecuados nos que afianzar o seu tecido industrial e atraer novas empresas que xeren riqueza e postos de traballo. Este colectivo social manterá a súa postura a prol da protección do Monte Pituco como espazo para a explotación racional dos seus recursos forestais, para a conservación dos mananciais que fornecen de auga as vivendas e os terreos situados en Pena, Caeiro, A Laxe, Casal, Bouza e outros puntos da parroquia de San Xulián, e para que sexa posible a creación dun Espazo Natural e Arqueolóxico que poña en valor o abundante patrimonio rupestre da zona.

Que o BNG tamén tome nota desta mensaxe. Chama a atención a falta de transparencia e o oportunismo dos concelleiros de Promoción Económica e de Urbanismo por sacar proveito agora da xuntanza que tiveron hai cinco meses coa asociación de empresarios e co xerente de XESTUR. Despois de tres anos mareando e alarmando os veciños con proxectos industriais disparatados, queren xustificarse depresa e correndo, na recta final do mandato, cunha enquisa de dubidosa seriedade na que sosteñen que a curto prazo Marín só precisa un polígono pequeno para unhas cantas pequenas empresas.

Chama a atención a falta de visión de futuro do grupo municipal nacionalista e a falta de valentía por non poñerlle nome a esa área industrial contra a que apuntan. Rexeitando inexplicablemente o estudo doutras alternativas, está claro que o seu punto de mira está no Monte Pituco. Torpes, máis que torpes. Por máis argumentos de peso que evidencian o inadecuado desta ubicación, empéñanse en non rectificar. Agardemos que os cargos políticos e os técnicos na Xunta e mais en Xestur sexan máis intelixentes e correctos no enfoque da súa aposta.

Porque canto esbardalla o BNG son burradas. E se non, como se explica que insten a Autoridade Portuaria a reordenar o seu espazo para dotarse dunha área loxística. A costa de que? A costa de ocupar un espazo moi valioso para empresas do sector naval que se poidan instalar aí nun futuro próximo. A costa de incumplir a sentenza do Tribunal Supremo que declarou ilegais boa parte dos recheos nos que se instalaron naves e infraestruturas cuxa situación urbanística está no aire. E volvendo ao principio, a costa de ignorar que unha boa xestión do porto e unha boa xestión do territorio municipal poden atraer o interese doutros inversores.

Pero é unha mágoa: o Goberno local e os partidos que o gobernan barren equivocadamente para un lado totalmente oposto ao dos xestores da Autoridade Portuaria. O alcalde de Marín está convencido de que, aínda que se “agríen” as relacións entre ámbalas institucións, el non se vai apear da burra. Quen aspire así, dando esta imaxe conflictiva e inflexible, a xerar riqueza para a vila que dirixe, é mellor que non se levante da cama cada mañá para ir ao despacho. Esta clase de política é prescindible.


Responses

  1. […] Hai que ter un rostro máis duro que o cemento armado para despacharse tan a gusto con frases deste calado, sito sexa sen ánimo de gabar nin xustificar a política do actual Goberno municipal en materia de protección e conservación do patrimonio. Como se o BNG de Marín puidera arrogarse o título de defensor a ultranza do legado histórico que chegou aos nosos días dende millóns de anos atrás. Quen, durante a anterior lexislatura, á fronte das concellerías de Urbanismo, de Medio Ambiente, e de Cultura, apoiou en primeira liña a instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo, onde se atopan Bens de Interese Cultural tan prezados como os petroglifos de Pornedo e Sete Camiños, e que tamén lle afecta á mámoa de Chan de Lagoa e outros elementos de interese etnográfico? ARTIGO TITULADO “SOBRE O CHAN INDUSTRIAL“ […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: