Publicado por: MontePituco | 01/04/2010

REXEITAMOS O USO INDUSTRIAL/LOXÍSTICO DO PITUCO-PORNEDO (actualizado)

‘DEFENDE O MONTE PITUCO’ REITÉRALLE AO ALCALDE DE MARÍN O REXEITAMENTO VECIÑAL AO USO INDUSTRIAL DESTE ESPAZO

O colectivo social ‘Defende o Monte Pituco’ volve reiterarlle ao alcalde de Marín que este espazo non é óptimo para acoller ningún polígono industrial nin área loxística por motivos topográficos, ambientais, patrimoniais e sociais. Cómpre lembrarlle ao rexedor local e ao concelleiro de Urbanismo de Marín que máis da metade da posible parcela proxectada para acoller un parque industrial no Monte Pituco supera en máis da metade a pendente recomendada polos informes do Instituto Galego de Vivenda e Solo: O 57,36% do terreo previsto ten unha pendente superior ao 35%, e só o 7,4% do terreo está por debaixo do 15%, que é o límite aconsellado pola “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”.

Este son os contundentes resultados do informe topográfico encargado por DEFENDE O MONTE PITUCO para probar a inviabilidade técnica deste proxecto. Precisamente, a propia Autoridade Portuaria de Marín vén rexeitando dende o ano 2000 esta ubicación polo forte desnivel do terreo. Francisco Veiga parece estar pensando nunha nova atracción turística para a vila: se Cuenca ten as súas ‘Casas Colgantes’, tan colgantes ou máis poden ser as naves industriais do Monte Pituco…

Veiga empéñase en ningunear o rexeitamento veciñal dos habitantes de Pena e Caeiro, que non están sós, senón que contan con apoio nos lugares de Laxe, Casal, Arealonga, Bravos e outros representados pola Asociación de Veciños de San Xulián e diversos colectivos sociais e culturais do resto de Marín. ‘Defende o Monte Pituco’ lamenta que Francisco Veiga caia no localismo e o utilice como arma electoral para enfrontar aos veciños de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Insistindo no Monte Pituco como posible destino para unha zona loxística ou industrial, o alcalde de Marín retende converter unha mentira en verdade, ignorando os informes técnicos nos que se basea a Autoridade Portuaria, vulnerando a normativa ambiental que declara o Monte Pituco como espazo natural protexido incluido nos Montes do Morrazo, e destruindo o valor patrimonial da zona, na que varios colectivos sociais e veciñais están deseñando un proxecto para crear un Espazo Natural e Arqueolóxico que vai xerar riqueza para os concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Xa o advertimos. Os colectivos veciñais de Pontevedra non foran consultados por Telmo Martín no proceso de elaboración da súa proposta para a instalación dunha plataforma loxística que resulta estar entre Salcedo e Tomeza (Pontevedra), Bértola e Figueirido (Vilaboa). E todo por interese mediático, posto que a prensa fora informada hora e media antes que as propias federacións de veciños e organizacións empresariais. Non sabían nada en Lérez, tampouco en Salcedo, nin en Lourizán… É o que ten o xogo da política: sixilo e hermetismo, efecto sorpresa. E para os afectados polas decisións, sálvese quen poida, dividir para vencer.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO non podemos menos que solidarizarnos con estes colectivos que tamén son sensibles á problemática que padecemos en Marín co debate encol do solo industrial. Todos sufrimos dalgún xeito a verborrea de políticos ignorantes e prepotentes: “Que deje tranquilo Marín con sus problemas y su puerto, que nos deje arreglar nuestro futuro que también tenemos nuestras opciones de solucionar el problema del puerto y que se deje de presentar innovaciones que atenten contra el futuro económico de este municipio”, dille Francisco Veiga a Telmo Martín. Bravo, alcalde, localismo a tope. Despois da ridícula estampa pintando unha raia de pintura en Estribela, que será o próximo para deixar ben marcada a fronteira con Pontevedra, un muro, unha valla?

“El puerto tiene solución dentro de su propio terreno como zona logística y cualquier otra necesidad de futuro puede estar en la zona del Pituco que, si la Consellería quiere, puede estar iniciado como zona industrial mañana mismo, por el mismo proceso del Hospital de Monte Carrasco, mediante un plan supramunicipal”, engade Francisco Veiga. Está claro que debeu perder o seu escaso sentido da realidade e da coherencia. Non lle chega con dirixir o Concello de Marín, que tamén pretende gobernar a Autoridade Portuaria e, a pouco máis, dicirlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o que ten que facer. E xa o colmo do cinismo é aludir ao Hospital en Monte Carrasco: se o alcalde de Marín pertence á plataforma que se opón a este proxecto, o exemplo é totalmente desafortunado, a non ser que estea cambiando xa de chaqueta…

“El puerto tiene que reordenar su superficie, eliminando cualquier tipo de área industrial que no deba estar dentro y llevándola al futuro polígono del monte Pituco”, declara tamén o alcalde. A falta de alternativas agobian a Francisco Veiga e á concellería de Urbanismo. O pobre Monte Pituco-Pornedo é a única baza deste Goberno local para salvar a súa incompetencia en materia económica e empresarial. Dálle igual iniciar unha guerra coa Autoridade Portuaria: “…aunque se agríen las relaciones con el puerto…”, ten a ousadía de dicir o alcalde. Tanto lle teñen os inconvenientes topográficos do terreo, a súa protección ambiental, está por riba do patrimonio rupestre da zona e mesmo ignora e despreza aos veciños que rexeitamos esta desfeita.

Irracionalidade, prepotencia e sobredoses de localismo son as penitencias que nos toca sufrir nesta Semana Santa, e de aquí ás próximas eleccións municipais.


Responses

  1. Mi apoyo para MONTE PITUCO para que no se cometa un barbaridad como la que se pretende en un ESPACIO NATURAL PROTEGIDO por parte de intereses políticos, partidistas y particulares, que solo benefician a unos pocos y nos perjudican a TODOS.

    • Moitas grazas, Chema. Ti que sabes desto e coñeces as famosas curvas de nivel deste lugar, axúdasnos moito coas túas palabras. Unha apertísima.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: