Publicado por: MontePituco | 31/03/2010

A VOLTAS CO PORTO SECO: VALORACIÓNS (I)

Así recollen os tres principais medios de comunicación escrita, a nivel local, a información adiantada en DEFENDE O MONTE PITUCO a respecto da proposta do PP de Pontevedra para crear unha área loxística.

Cómpre destacar a valoración precipitada, e non por iso menos esperada, do alcalde de Marín. Diciamos hai uns días que se podía esperar de Francisco Veiga unha reacción pouco elegante, do estilo alcahueto, cacique, acaparador, mercachifle… Non foi para tanto desta vez. Para Veiga, a proposta de Telmo Martín é, simple e llanamente, “unha tremenda tontería”.

…Podía aprender do seu homólogo -tanto en cargo público como en siglas políticas- José Luis Poceiro, alcalde de Vilaboa. Lonxe de desconsiderar rápida e unilateralmente unha proposta que non coñece polo miudo, o rexedor local de Vilaboa vai recibir este luns ao voceiro do grupo municipal popular de Pontevedra. Pero José Luis Poceiro é unha persoa prudente, educada e amable. Doutros, igual non se pode dicir o mesmo.

Pregúntome quen é Francisco Veiga para inmiscuirse, para meter o nariz na xestión da Autoridade Portuaria, para contradicir o seu presidente, por moito cacho que teña este alcalde no Consello de Administración. Se o responsable da Autoridade Portuaria rexeita -despois de que hai 10 anos o fixera un predecesor seu no cargo- o Monte Pituco como emprazamento para unha posible área loxística, argumentando motivos técnicos tan evidentes como a forte pendente do terreo, a que vén semellante empecinamento.

Tanta mágoa lle dá que Marín non dispoña dun terreo que reúna as condicións para acoller unha plataforma loxística?

Que pasa, que se en Marín non pode ser, non pode ser en ningures?

Acaso hai tanta diferenza entre as infraestruturas necesarias para instalar unha plataforma loxística e as infraestruturas necesarias para a dotación dun polígono industrial?

Por que, segundo a Autoridade Portuaria, o Pituco é inviable para acoller unha plataforma loxística e, sen embargo, o alcalde insiste en poñer aquí un polígono industrial?

Posto que ao alcalde aínda lle dura a euforia pola inauguración do ecoparque de Cadro, onde ceibou adrenalina polos catro costados trepando polas cordas coma un liripio,  igual está pensando xa nunha nova atracción turística -pioneira, por suposto- para a nosa vila: se Cuenca ten as súas casas colgantes, tan colgantes ou máis poden ser as naves industriais do Monte Pituco, pensará Veiga.

Por iso xa non merecen credibilidade arroutadas como a que segue: “La actividad prevista por la Autoridad Portuaria” -en alusión á instalación dunha nave para a construcción de estruturas metálicas destinadas ao sector naval- “es industrial y no precisa estar cerca del mar, por lo tanto debe dirigirse a un polígono industrial que bien podría ser el de O Pituco”. Pero en que quedamos, unha empresa que produce compoñentes para o sector naval, non ten o seu sitio na Autoridade Portuaria? Segundo o Francisco Veiga, non: “Hay empresas en el puerto del sector naval que tienen talleres para la construcción de estructuras metálicas en Bueu”.

De risa, alcalde. As empresas portuarias que non teñen espazo no porto de Marín, en Bueu, e se che soa a frauta, para o Pituco. Así, cando a nave portuaria de turno precisara unha estrutura metálica, o taller non tería máis que baixarlla nunha roldana ou mandarlla a rebolos monte abaixo, que con semellante inercia chegaríalle nun pispás. Que gran “visionario”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: