Un pequeno percorrido polo monte pódese converter nunha abondosa descuberta, na abraiante constatación de como o fenómeno da vida se renova cíclica e permanentemente. Centos, milleiros, millóns de prantas ao unísono entoando a melodía do vento. Unhas están espertando dun merecido letargo, outras permaneceron insomnes ao longo do outono e do inverno. Todas de vez zugando o alimento da Nai Terra para facer unha manifestación colectiva da forza telúrica. Centos, milleiros, millóns de gromos e de flores pequeniñas asoman con timidez entre a herba, entre as pólas espidas.
Un inmenso caudal de savia emerxente está pedindo paso baixo os nosos pés. Sentimos a súa poderosa enerxía. Será consciente a flora deste Monte de que lle quedan poucas primaveras para rexurdir? Chegarán ás orellas do raposo e do coello, ás antenas da formiga e da abella, os ecos do terrible destino que queren trazar sobre o seu fogar salvaxe? Seremos quen de evitar a brutal desfeita? Somos poucos e febles, fronte aos intereses económicos e políticos, as nosas únicas armas son as ideas e os principios. Imos celebrar esta primavera loitando por mil primaveras máis do Monte Pornedo.
Deixar unha resposta