Publicado por: MontePituco | 27/01/2010

SOBRE A SENTENCIA ENCOL DOS RECHEOS PORTUARIOS

…E a consecuencia desta resolución xudicial firme e inapelable, é cando ao Concello de Marín lle entra unha présa bárbara por axilizar ao máximo a dotación de chan industrial no Monte Pituco, como única posibilidade e sen ningunha outra alternativa. A Plataforma en Defensa de Praceres e a Asociación pola Defensa da Ría están pedindo xa a execución inmediata da sentencia. É moi probable que os representantes veciñais de Praceres comenten na súa intervención o seu rexeitamento a que, para cumprir coa legalidade no Porto de Marín, haxa que incumprila no Pituco.

Se xa se cimentou en exceso a ría, gañándolle espazo ao mar co agravante de non contar co estudo de impacto ambiental pertinente, sería outra aberración hormigonar agora o monte, un espazo protexido que queren desprotexer para xustificar a necesidade de dotar a Marín dunha ubicación para empresas xa existentes en situación alegal e empresas vindeiras. Esta será a mensaxe que lles transmitiremos aos responsables locais do BNG e ao concelleiro de Urbanismo, que nos citaron a un encontro previsto para este sábado ou o luns, a máis tardar. Os voceiros municipais do PSOE aínda non contestaron á solicitude de entrevista que lles formulamos por escrito.

Publicado por: MontePituco | 26/01/2010

RECORD DE VISITAS

O blog DEFENDE O MONTE PITUCO superou onte o seu record de visitas, con máis dun cento de contactos. Para calquera páxina web exitosa, esta cifra resultaría cativa, pero para un colectivo tan modesto e unha causa tan recente, é un síntoma de que existe sensibilidade co respecto ao medio ambiente, á calidade de vida, ao patrimonio…

…Comezamos timidamente, como quen pide permiso para entrar nalgures. Outros colectivos pioneiros na defensa dos seus fogares e das súas propiedades botáronnos de menos antano. Facemos autocrítica. Mentres noutros puntos do concello libraban combates dese fondo calado, en Caeiro e A Pena estabamos terqueando polo noso pequeno terruño, a causa das severas restriccións que implicaba o PXOM na zona rural de Marín. O proxecto industrial no Pituco foi o conto do lobo, que ía vir, ía vir, e nunca viña, ata que dun tempo recente a esta parte, se precipitaron os acontecementos. Ata este momento, o polígono fora bailando dunha punta a outra: A Brea, Macenlle, Vista Alegre, Pastoriza… mais o estudo desta ubicación desapareceu e retiráronse as demais propostas.

O Pituco en realidade non estivo só: contaba con alegacións a prol da súa conservación por parte de colectivos moi representativos como a Asociación de Veciños de San Xulián, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Asociación pola Defensa da Ría… O Concello e os adeptos deste proxecto irracional queren desacreditar o dereito dos veciños a defender o Pituco. E nós reivindicamos: sexa antes ou despois, con 20 queixas ou con 20.000, estamos igual de lexitimados ou máis. Teriamos que resignarnos a convivir cun polígono industrial se non houbera unha base sobre a que asentar esta defensa, pero habendo argumentos de peso a nivel legal, ambiental, patrimonial… Por que tirar a toalla en vez de seguir o ronsel que outros colectivos deixaron, por que non solidarizarnos mutuamente.

Crece a difusión informativa desta problemática nos medios de comunicación. A web Galicia Confidencial publica na sección “anticorrupción” a valoración de DEFENDE O MONTE PITUCO trala xuntanza celebrada na Casa de Montes de San Xulián.

Publicado por: MontePituco | 25/01/2010

MALIA TODO, FOI MELLOR AÍNDA DO QUE ESPERABAMOS

 

No video que encabeza este relato pódese ver un esquema do amplo traballo exposto polos habitantes do Caeiro e A Pena na reunión informativa celebrada na Casa de Montes de San Xulián para explicar o rexeitamento razonable deste colectivo veciñal aos plans do Concello para instalar un parque industrial no Monte Pituco. Unha reunión que transcurreu, como xa era previsible, nun ambiente tenso e hostil. Malia manexar argumentos legais irrefutables, malia intentar sensibilizar sobre o severo impacto ambiental, malia a obligatoriedade de respectar os recursos naturais e etnográficos da zona, quedou en evidencia que unha parte desta parroquia -non necesariamente representativa do sentir xeral- non atende a máis razóns que os intereses particulares e económicos.

Pero imos seguir intentando convencelos, pouco a pouco, de que DEFENDE O MONTE PITUCO ten a razón neste conflicto. Mover conciencias non é doado, pero confiamos en que comprendan a realidade: Marín precisa chan industrial, é unha idea na que todos coincidimos; pero crear un polígono no Monte Pituco sería como pretender encher de naves industriais as dunas de Corrubedo, algo que a ninguén lle cabe na cabeza.

O colectivo veciñal da Brea e Seixo rexeitou o parque empresarial previsto alí; tamén os habitantes de Macenlle se opoñen á expropiación de vivendas e terreos na súa zona. Varios integrantes desta última plataforma asistiron á reunión celebrada en San Xulián para reiterar os seus argumentos; e os veciños do Monte Pituco estamos de acordo con eles. DEFENDE O MONTE PITUCO acaba de xurdir a raíz de precipitarse os acontecementos pola sentencia do Tribunal Supremo que declara ilegais boa parte dos recheos do porto de Marín e que motivou que o Concello acelerara as xestións para crear o polígono a carón das nosas casas, dos nosos manantiais, nun monte protexido e que rebosa Historia.

En absoluto os nosos plantexamentos chocan coa plataforma de Macenlle, nin coa da Brea, que tanto nos anima e nos apoia. Non defendemos causas incompatibles, senón complementarias. Por eso un dos elementos positivos desta reunión foi achegar posturas cos afectados de Macenlle, cos que imos reunirnos moi pronto para aclarar calquera dúbida pola súa parte. E se cumpren co compromiso verbal dos seus representantes, retirarían o Monte Pituco das alternativas que lle estiveron propoñendo ata agora ao Concello.

Outro aspecto moi positivo foi a aportación dunha veciña sensata e comprometida de San Xulián, que propuxo crear unha Plataforma entre todos os colectivos veciñais afectados polos plans industriais do Concello de Marín, para presionar aos responsables municipais para que estuden alternativas que non perxudiquen as vivendas, o medio ambiente e a lexislación vixente. Dende DEFENDE O MONTE PITUCO apostaremos fortemente para levar a cabo esa iniciativa que aglutine os esforzos de todas e todos os implicados.

Na outra cara da moeda está o fomento da división veciñal, a incultura, a ignorancia e mesmo a censura. Deixou moito que desexar a actitude da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián: por unha banda, o seu principal representante recoñece publicamente que a elección do Monte Pituco para a ubicación dun polígono industrial é errónea dende o punto de vista legal e ambiental, aplaude a posta en marcha do colectivo DEFENDE O MONTE PITUCO pero, en vez de apoiarnos, supedita o seu posicionamento ao que diga a maioría…

…E por outra banda, outro integrante da directiva demostra ter unha mente tan obtusa que prefire que antes de que a franxa de seguridade da Brilat lle limite o uso do monte a cambio de nada, prefire que se instale no Pituco un polígono industrial de dubidosas garantías legais (a cambio, obviamente, dunha cantidade económica máis ou menos sustanciosa). O mesmo que este verán pasado compartía pancarta “en defensa dos nosos montes” con veciños de A Pena e Caeiro, apoiando aos comuneiros de Salcedo e Lourizán para que os estamentos militares respecten a propiedade comunal, agora contradise e bota pedras sobre o propio tellado.

E houbo dous feitos lamentables máis graves aínda por parte da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián: negarlle a un veciño de Lourizán, integrante da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, que puidera tomar a palabra para opinar libremente. É triste e deplorable que, para censurar comentarios que non lles convén escoitar, poñan como excusa que esta persoa non é de San Xulián nin comuneiro da parroquia. Mais pertence á parroquia lindante pola parte de Pontevedra e ten tanto dereito coma calquera a expresarse, porque ese posible parque industrial tamén lle afectaría seriamente.

Quen si puido intervir, arriscándose tamén a que o abuchearan, foi un directivo da Comunidade de Montes de Lourizán, topógrafo de profesión. A súa intervención foi moi reveladora; a mágoa é que a maioría dos presentes non foran receptivos á información que aportou: a pendente do Monte Pituco con respecto ao nivel do mar está entre o 50% e o 60%, polo que sería necesario facer desmontes descomunais no Monte Pituco para poder adaptar o terreo a calquera instalación industrial. Sería un impacto paisaxístico brutal e tería repercusión graves: “En caso dunha riada, chegaría a enxurrada á rúa Jaime Janer do centro de Marín”, afirmou. (Ninguén lle debeu contar aínda que o Concello quérelle cambiar o nome a ese vial).

Pois ante datos tan importantes dos que tomaría nota calquera cabeza ben amoblada, ninguén lle deu as grazas (agás DEFENDE O MONTE PITUCO, que fará valer que a cota da pendente é superior ao 25% para reivindicar a nulidade do proxecto). Mais por riba, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián aproveitou o turno de réplica para deixar patentes as malas relacións coa Comunidade de Lourizán e para reprocharlles aos directivos desta parroquia veciña asuntos que non viñan para nada a conto co tema da xuntanza. Deprimente e vergoñento.

E para rematar con impresións esperanzadoras, darlles as grazas, moi encarecidamente, ás persoas que se achegaron aos veciños do Caeiro e A Pena ao remate da reunión para louvar o valor e a valentía que tivemos facendo esta exposición, ante un auditorio maioritariamente predisposto en contra nosa. Grazas pola vosa asistencia e polas vosas sinaturas de apoio. E moitas grazas a outras persoas que, acaso por temor a seren mal vistos, se puxeron en contacto telefónico con DEFENDE O MONTE PITUCO para apoiarnos e asegurarnos que moita xente da parroquia e do resto de Marín simpatiza cos nosos argumentos. Tamén nos enviaron a través de Facebook unha frase que suscribimos plenamente e que nos empurra a non decaer: “A xustiza non só hai que agardala, senón tamén buscala”.

 

Publicado por: MontePituco | 23/01/2010

NA RECTA FINAL DUN DÍA CLAVE

…Espero que lo dejes todo bien clarito y todo el mundo vea lo que tiene que ver, que sería una irresponsabilidad hacerlo en el Monte Pituco y más teniendo en cuenta que hay otra zona que sería mejor pensando incluso en un futuro.

Moitas grazas polos ánimos, Chema. Es un sol!

Publicado por: MontePituco | 23/01/2010

SEGUNDA XUNTANZA POLÍTICA

Segunda xuntanza a nivel político de DEFENDE O MONTE PITUCO. Nesta ocasión coa voceira municipal do PP en Marín, María Ramallo, e varios concelleiros do seu grupo; entre eles, Francisco Casal, que é parte interesada na reunión informativa deste domingo pola súa outra faceta como presidente da Comunidade de Montes de San Xulián. Non poñemos obxección a este detalle e iniciamos o encontro, expoñendo primeiro os motivos polos cales os habitantes de Caeiro e A Pena, co apoio doutros veciños da parroquia e colectivos sociais e ambientais.

Turno de réplica que comeza cunha retrospectiva sobre as distintas fases polas que atravesou o deseño do PXOM e o posicionamento que tivo, a respecto da dotación de chan industrial, este grupo político. Están tamén as hemerotecas para dar conta del: o PP vén apostando inicialmente pola ubicación dun polígono no Pituco pero, ante os posibles reparos que puidera poñer a Xunta á súa materialización, tendo en conta inconvintes de índole ambiental pola inclusión deste espazo nos Montes do Morrazo, os populares propuxeron que se estudara a viabilidade do Monte de Pastoriza. Este último, xunto co Pituco, a Brea e Vista Alegre, eran as catro zonas que o Goberno local barallaba para a posible ubicación de chan industrial. A Brea e Vista Alegre foron desbotados pola presión veciñal, o Goberno local fixo desaparecer Pastoriza do planeamento aducindo que os costes económicos da construcción do polígono serían moi superiores aos que lle atribúen no Pituco, e con este último, e único, quedaron os responsables municipais.

O principal grupo da oposición mantén a súa petición para que Pastoriza se inclúa na memoria do PXOM para o estudo da súa posible viabilidade: argumentan dende o PP que este monte ocuparía o triple de terreo que o Pituco e que para a súa execución se pode optar por desenvolvelo en varias fases para que os custes económicos non sexan tan elevados dunha soa vez. Tamén apostan pola área de Pastoriza pola cercanía con Moaña, onde os empresarios están a planificar tamén unha superficie de uso industrial e empresarial. E sostivo o PP que van seguir insistindo para que a Xunta, independentemente do que xurda a proposta do Concello de Marín, non descarte o estudo de viabilidade en Pastoriza.

Non descartan que os informes ambientais do Monte Pituco por parte da Xunta sexan desfavorables e que, a falta de ofrecer Pastoriza como alternativa ou segunda opción en caso de que falle a anterior, esta localidade quede sen parque industrial. Non cren tampouco na posibilidade de que a Administración autonómica declare a supramunicipalidade do proxecto. E dan por imposible que as empresas ubicadas no porto de Marín -afectadas pola sentenza do Tribunal Supremo que declara ilegais os recheos- se foran instalar no Monte Pituco no hipotético caso de que o polígono se fora construir.

En canto á reunión prevista para este domingo, somos realistas: ante a probable aceptación por parte da maioría dos comuneiros do proxecto industrial no Pituco (poderoso cabaleiro é don diñeiro, porque o monte dá gloria velo, pero a vaquiña polo que vale) os veciños que nos opoñemos a él instamos aos populares a non tomar este factor como referencia dende o punto de vista do rédito electoral. O clima da xuntanza será moi adverso, pero DEFENDE O MONTE PITUCO aspira a petar na conciencia dos comuneiros, a sementar sensibilidade onde só caiban intereses económicos en detrimento de valores que agora desprezan, como medio ambiente, etnografía, desenvolvemento forestal… Hai esperanza?

Publicado por: MontePituco | 22/01/2010

…XA SOMOS NOTICIA

Certamente, temos que recoñecer a nosa posición “rezagada”, como a califican no Diario de Pontevedra, con respecto a outros movementos veciñais xurdidos nos últimos meses para opoñerse á construcción de chan industrial en terreos que perxudicaban aos veciños da zona. Facemos autocrítica; é un sano exercicio recoñecer os erros propios. Os habitantes de Caeiro e da Pena, como os de San Xulián por extensión, e os doutras parroquias do rural marinense, estabamos centrados en alegar por partida dobre contra as restriccións que marcaba o proxecto de PXOM nas propiedades particulares de cada un, que eran moitas e das que aínda se agarda resposta.

E resulta inadmisible que ese sexa o defecto que nos achaca o goberno municipal: a nosa reacción “tardía” e sen terse formulado “a penas” alegacións ao planeamento exposto. Non é de recibo que se nos deslexitime por ter tomado conciencia neste momento, sexa antes ou despois que outros. O noso rexeitamento ao parque industrial no Monte Pituco é tan lexítimo coma calquera, sexa con tres alegacións ou con 3.000. Como veciños e contribuíntes, os representantes municipais non poden facer oídos xordos ás nosas queixas, sexamos 20 persoas ou 20.000.

Grazas aos medios informativos: Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, Radio Voz, Tribuna do Morrazo, TVG… por dárenlle difusión a DEFENDE O MONTE PITUCO.

Publicado por: MontePituco | 21/01/2010

NOTA DE PRENSA: ACTUALIZACIÓN

Con respecto ao comunicado difundido sobre a reunión informativa que se celebrará este domingo na Casa de Montes de San Xulián, DEFENDE O MONTE PITUCO engade un dato de última hora:

En resposta á petición de entrevistas solicitadas polo colectivo veciñal aos grupos municipais do Concello de Marín, o PP recibirá mañá pola tarde aos afectados. O encontro será coa voceira popular, María Ramallo, na sé do seu partido.

Publicado por: MontePituco | 21/01/2010

NOTA DE PRENSA

A continuación, o texto do comunicado enviados aos medios informativos:

Este domingo 24 de xaneiro, a partir das 17:00 horas, a Casa de Montes da Comunidade de Montes de San Xulián acollerá unha xuntanza informativa sobre os plans do Concello de Marín para construir un parque industrial no Monte Pituco. Trátase dun encontro organizado a petición dos habitantes e propietarios de terrenos nos lugares de Caeiro e A Pena, que organizaron un movemento veciñal que rexeita a dotación de chan industrial nesa ubicación.

Os veciños de Caeiro e A Pena, co respaldo da Asociación de Veciños de San Xulián e doutros colectivos sociais e ambientais do municipio e da bisbarra, argumentan que o Monte Pituco forma parte do Espazo Protexido Montes do Morrazo; así o establecen as Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, como Área Estratéxica de Conservación.

Outro argumento de peso é a riqueza forestal da zona, que historicamente vén servindo para fornecer de madeira e doutros recursos naturais aos veciños da zona para usos domésticos e agrogandeiros. Máis importante aínda é o incalculable valor dos restos arqueolóxicos que abundan na zona, incluida nun proxecto para crear o Espazo Arqueolóxico dos Sete Camiños, que abarcaría terreos das Comunidades de Montes de San Xulián, Lourizán e Salcedo.

Con estes motivos a nivel legal, ambiental e cultural, o colectivo Defende o Monte Pituco fai un chamamento aos veciños e comuneiros de San Xulián para que asistan, este domingo 24 de xaneiro a partir das cinco da tarde, á reunión informativa que terá lugar na Casa de Montes da parroquia.

O colectivo Defende o Monte Pituco solicitoulles entrevistas aos grupos municipais do PSOE, do BNG, do PP e de MAR-IN, dos cales só Marinenses Independentes atendeu a petición. Os veciños de Caeiro e A Pena agardan que os demais voceiros políticos reciban tamén, nos próximos días, aos afectados por este polémico proxecto.

Todas as accións impulsadas por Defende o Monte Pituco pódense seguir na páxina web https://montepituco.wordpress.com e través da rede social Facebook, para poñer en coñecemento de toda a sociedade esta ameaza para a paisaxe, o patrimonio e a calidade de vida dos veciños. Neste senso, o colectivo insta ao Goberno Local a estudar outra alternativa menos lesiva.

DESCARGA O DOCUMENTO

Publicado por: MontePituco | 20/01/2010

NON MÁIS LICENZAS NO PORTO

Publicado por: MontePituco | 18/01/2010

SOLICITUDE DE ENTREVISTAS COS VOCEIROS MUNICIPAIS

Solicitamos entrevistas cos grupos municipais do PSOE, do BNG, do PP e de MAR-IN. Este último foi o primeiro en recibirnos e en reiterar o seu posicionamento a respecto do emprazamento de solo industrial neste Concello. A voceira desta agrupación independente, Isabel Martínez, insistiu en que MAR-IN rexeita a ubicación do Monte Pituco pola súa marcada restricción ambiental, pola imposibilidade de ampliación destes terreos e pola existencia doutra alternativa con maior viabilidade e proxección de futuro: o monte de Pastoriza que, adecuadamente dotado de conexións viarias, cumpriría as expectativas emprendedoras a máis longo prazo. Atenderán os demais grupos a petición formulada polos veciños de Caeiro e A Pena?

Publicado por: MontePituco | 15/01/2010

DOMINGO 24 DE XANEIRO, 17:00 HORAS: “REUNIÓN INFORMATIVA”

Soa a tomadura de pelo. Pero é a Comunidade de Montes que hai, a directiva que manda e así toca padecela: Que non se aproban as contas? “Alá vós”, espetaron na asemblea anterior. Que non hai un posicionamento claro encol do proxecto de construcción do polígono industrial no Pituco? “Non hai información”, retrucan. Que se lle pide á directiva que tome a iniciativa e interpele o Concello de Marín a respecto dos plans existentes? “Imposible”, insisten. Por que? “Porque non!”. E punto. É canto hai.

Na asemblea anual do pasado mes de decembro DEFENDE O MONTE PITUCO, que non puido expoñer ante os comuneiros os motivos do seu posicionamento contrario ao parque empresarial porque o asunto non se incluiu na orde do día malia que ese fora o compromiso inicial, só conseguiu que a directiva se comprometera publicamente a convocar una asemblea “monográfica” para abordar esta complexa situación, na que se xoga o futuro de boa parte do monte comunal de San Xulián. A data imposta foi o 24 de xaneiro. Había que agardar un mes. Armámonos de paciencia e seguimos traballando a prol desta causa.

Pero a realidade resulta ser torticeira. Estaba chamada a ser a convocatoria dunha xuntanza formal, con capacidade resolutiva, con argumentos opostos para o debate… Por descontado, tamén contabamos cunha oposición férrea e mesmo agresiva. Mais, finalmente, resulta que será unha simple reunión informativa “a petición” de quen suscribe. Coma quen nos fai un favor; non é un dereito, seica é unha medida de misericordia. E na súa inmensa xenerosidade, a directiva da Comunidade de Montes -un equipo de goberno que nin a mesmísima Cámara británica dos Lores- vaina publicitar. Loubados sexan.

Así pois, DEFENDE O MONTE PITUCO fará un chamamento público para que asista a esa xuntanza “informativa” o maior número posible de comuneir@s e de veciñ@s. Ás 17:00 horas do domingo 24 de xaneiro. E nela daremos conta dos apoios acadados -que non son poucos- a prol da conservación deste espazo ameazado. E tomamos nota do boicot permanente que exerce a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián ao dereito de información e liberdade de expresión: os estatutos que rexen o funcionamento destes organismos guiaranos en próximas cruzadas.

Publicado por: MontePituco | 14/01/2010

CHARLA SOBRE POLÍGONOS INDUSTRIAIS

Como reunir a enerxía suficiente para inducir cambios na caprichosa xestión política? Canta capacidade temos os cidadáns para mudar o rumbo da realidade que nos vén prácticamente imposta? Cal é o resorte que nos fai mobilizarnos e tomar conciencia dos problemas que nos afectan? Como contaxiar desa inquedanza aos demais suxeitos pasivos?

A clave está na mobilización social. Díxose esta tarde na charla organizada por Almuinha, na que participaron representantes do colectivo veciñal en contra do polígono na Brea, da Asociación de Veciños de San Xulián, do Colectivo Nacionalista de Marín, da Asociación pola Defensa da Ría e de Luita Verde. Defende o Monte Pituco tamén estivo aí para dar a coñecer a súa existencia como colectivo, para aprender da experiencia de movementos pioneiros no rexeitamento dos actuais plans de ordenamento do solo e para procurar a súa adhesión de cara ás próximas accións previstas.

Velaí precisamente unha das conclusións da xornada: a falta absoluta de planificación urbanística por parte dos sucesivos gobernos municipais e os poderes de rango superior. E máis aínda, a falta de transparencia, a presunta existencia de plans que medran alleos ao coñecemento e ao control da sociedade. Eis o que apunta á posibilidade de que este proxecto industrial poida servir de asentamento a empresas da Área Metropolitana, aproveitando infraestructuras xa existentes e outras en vías de realización, como a Variante de Marín.

“Kilómetros de asfalto para facer mazacotes de cemento que dean servizo a Vigo”, advirten dende Luita Verde a respecto do Plan de Mobilidade Vigo Íntegra. É unha hipótese razoable…

Outro horizonte non menos inverosímil o debuxaba a APDR, que alerta contra a proliferación de polígonos “industriais baleiros”, a conta dos concellos que perseguen “chan industrial barato”. Precisamente, un dos aspectos máis criticables é a elección de terreos comunais, que lle evitan á Administración ter que lidiar con propietarios particulares, simplificando enormemente os trámites e as alegacións, ao tratarse dunha única figura xurídica, susceptible de ‘mercar’ cunha oferta económica, por cativa que sexa.

Porque o Goberno local de Marín quere rematar a lexislatura cunha medalla: a dotación de chan industrial. E a sentenza do Tribunal Supremo contra boa parte dos recheos efectuados no Porto é o argumento perfecto para xustificar a urxencia da súa proposta a prol de semellante agresión ao Monte Pituco. Precisamente, hai outra cuestión que non pasou desapercibida nesta charla…

…A preocupación do Concello ante a posibilidade de ter que pagar o “lucro cesante” das empresas asentadas nos terreos declarados ilegais: unha importante suma de euros por concederlles unha licenza que resulta ser irregular, a tenor desta resolución xudicial inapelable. A propia APDR e a Plataforma da Praza dos Praceres van pedir a execución da sentenza e, nun prazo de tempo máis ou menos considerable, o Concello tería que afrontar as indemnizacións correspondentes.

Por eso Defende o Monte Pituco esperta dun ‘letargo’ que non debeu demorar tanto, dada a madurez do proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal. Existen alegacións, non tantas como deberan, pero o rexeitamento veciñal está aí. Aínda que modesto, este movemento non vai deixar de incomodar ao poder político a nivel municipal e autonómico para reivindicar a protección deste espazo e instar ao Concello a estudar e desenvolver a viabilidade doutros proxectos industriais alternativos.

Publicado por: MontePituco | 13/01/2010

TOPONIMIA, FAMA E CIRCUNSTANCIAS

Velaí está o Monte Pituco, saudando de fronte a Illa de Tambo e os montes de Combarro, ou o que queda deles, porque a vaga de lumes non tivo piedade nesa paraxe. Imaxinades aí unha chaira fumegante e ruidosa de naves, asfalto e cemento? Que impresión levarían os turistas que visitan a vila de Combarro da paisaxe que adorna a outra banda da ría: o complexo de Ence, e pouco máis aló, o polígono industrial, parque empresarial, porto seco ou eufemismo similar…

…Cómpre situar os lugares no mapa, no espazo, para valoralos no seu conxunto. De aí a fotografía a vista de paxaro: para calibrar o impacto visual do proxecto. “A xente debe concienciarse de que o que marcha, non volve”, di Monte Xalo en Facebook. Sabedes que DEFENDE O MONTE PITUCO está en Facebook? Pois tamén!

Dáme igual Monte Carrasco que Monte Pituco”. Foron palabras do alcalde de Pontevedra falando do novo hospital que a Xunta proxecta construir na zona de Marcón, en vez de ampliar o edificio sanitario de Montecelo. Con tanto Monte, Fernández Lores xa se liaba e dicía Carrasco onde debía dicir –Celo. Total, para dicir que non lle valía en ningún outro sitio que non fora a súa actual ubicación.

Monte Pituco xa non é un topónimo descoñecido, de resonancia pintoresca. A estas alturas, o seu nome está asociado a un proxecto industrial que ameaza paisaxe, patrimonio e calidade de vida. Agardamos invertir a tendencia e que de aquí ao menor tempo posible sexa sinónimo de riqueza forestal, histórica e ambiental.

Publicado por: MontePituco | 13/01/2010

PRESUNTAS IRREGULARIDADES NA COMUNIDADE DE MONTES

Publicado por: MontePituco | 12/01/2010

O GOBERNO LOCAL SOBRE O PXOM

Publicado por: MontePituco | 11/01/2010

CHARLA SOBRE PARQUES INDUSTRIAIS EN MARÍN

O colectivo en defensa do Monte Pituco vai ser un dos participantes na charla que se celebrará este xoves día 14 ás 20:00 no centro social Almuinha (rúa Ezequiel Massoni, 63, baixo) sobre “Polígonos industriais en Marín”. No acto tamén van intervir representantes do colectivo ‘Polígono na Brea non’, da Asociación de Veciños de San Xulián, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, da organización ecoloxista Luita Verde e do Colectivo Nacionalista de Marín.

A charla está organizada pola Asociación Cultural Almuinha que xustifica así a organización desta xornada:

“A posible construcción dun polígono industrial ou de varios minipolígonos na nosa vila está suscitando un importante debate social desde hai bastante tempo. A esta polémica hai que engadir as protestas levadas a cabo en numerosas ocasións por parte dos veciños das zonas afectadas e a oposición de varias entidades sociais. É por isto que consideramos este tema de especial relevancia para o futuro da nosa vila, polo que organizamos esta charla co obxecto de expoñer os puntos de vista das dos colectivos”.

Publicado por: MontePituco | 11/01/2010

INICIATIVA ‘EUCALIPTOS NON’

Atopamos en Facebook unha iniciativa que semella interesante. Cando menos, afonda no debate a respecto da conveniencia do eucalipto como especie produtiva nos montes galegos. E o monte de San Xulián non é alleo a esta problemática. O colectivo Ar Ceive achéganos unha iniciativa denominada “Eucaliptos non”, que conta cunha páxina na Internet.

Promoven unha recollida de sinaturas para declarar o eucalipto como unha “especie non grata” nos concellos galegos. E piden que se regule esta especie invasiva, polo risco de lumes que conleva a abundancia destas árbores, pola sequedade que lle afecta ao terreo no que medran e outros motivos. Mais non rexeitan que haxa zonas acotadas para a produción masiva desta madeira, co obxectivo de manter o sector forestal que se nutre desta economía.

As imaxes que seguen están tomadas do álbum de Ar Ceive: amosan en que estado queda o monte logo dunha tala de eucaliptos e as repercusións deste cultivo. Gustaríanos que foran cada vez máis as comunidades de montes que apostan por unha xestión do monte sostible, baseada no cultivo de especies autóctonas, que lle tiran rendemento ao solo a partir de criterios razonables que combinan de xeito o máis harmónico posible os intereses económicos e o respecto polo medio ambiente.

Publicado por: MontePituco | 11/01/2010

DANOS NO PATRIMONIO RUPESTRE

Publicado por: MontePituco | 10/01/2010

FOLERPAS DE NEVE NO MONTE PITUCO

Ano de neves, ano de bens? O Monte Pituco non se cubriu de branco, pero a mañá do domingo deixou unha fermosa estampa para o recordo, cunha mansa ‘chuvia’ de folerpas de neve. Chegaban ao chan húmido e xa se derretían. Cristaliños de xeo augado, dende o ceo ata a terra, cun frío húmido que o envolvía todo.

Xogamos a cazar folerpas coa man, ao voo. Deixamos que as folerpas se estamparan agarimosamente contra a nosa face. Cada folerpa, un desexo, un soño cazado coa rede máxica das arelas. Un futuro verde para este espazo salvaxe da miña nenez. Un futuro libre da parcelación capitalista. Un futuro para o decorrer da Historia, un museo ao aire libre de pedra e natureza. Cada folerpa, un desexo: que este sexa o ano da victoria, ou o seguinte…

Publicado por: MontePituco | 10/01/2010

A TARDANZA DO PXOM

Publicado por: MontePituco | 10/01/2010

O RETRASO DO PXOM

Publicado por: MontePituco | 10/01/2010

O PP SOBRE O PXOM

Publicado por: MontePituco | 10/01/2010

ENTREVISTA CON X.C. MORGADE

Publicado por: MontePituco | 08/01/2010

XUNTANZA DA COMISIÓN DO PXOM

Publicado por: MontePituco | 03/01/2010

SÚMATE Á DEFENSA DO MONTE PITUCO!

Non estamos sós na defensa do Monte Pituco. Comunidades de montes, colectivos veciñais, organizacións ecoloxistas, asociacións culturais e mesmo movementos políticos rexeitan que o Monte Pituco se convirta en chan industrial. Ata o 24 de xaneiro, data na que se celebrará a asemblea na Comunidade de Montes de San Xulián, iremos sumando todas as adhesións posibles. Para que a súa directiva se decate de que non somos vinte veciños de nada, para que non enganen ao conxunto dos comuneiros con falsas promesas de enriquecemento económico e laboral, para que asuman que o cumprimento da lei é unha obriga de todos, para que a inviabilidade dun proxecto non sexa motivo de discusión coa excusa dunha aparente demostración de práctica democrática.

No documento que segue, figura unha proposta de adhesión que o colectivo ou representante interesado en subscribir, pode adaptar libremente, mantendo os principios de protección para o Monte Pituco. Unha vez cuberto e escaneado, prégase envialo ao enderezo de contacto montepituco@gmail.com. Estamos ao voso dispór, en caso de calquera dúbida sobre esta iniciativa. O día da asemblea dos comuneiros de San Xulián depositarase unha copia das adhesións ante a directiva da Comunidade de Montes. E logo desta primeira “batalla” xa se irán decidindo outros pasos a seguir ante as Administracións oficiais, que se irán comunicando a través desta canle.

DESCARGA O DOCUMENTO DE APOIO

Moitísimas grazas, de corazón.

Publicado por: MontePituco | 01/01/2010

24 DE XANEIRO: ASEMBLEA NA COMUNIDADE DE MONTES

Comeza a conta atrás para a xuntanza que se celebrará o 24 de xaneiro na Casa da Comunidade de Montes de San Xulián. Unha xuntanza que se tiña que celebrar moito antes, dada a premura que require este delicado asunto. O debate sobre o proxecto para a instalación dun parque industrial no Pituco non pode agardar a que a directiva da Comunidade de Montes urda contactos na sombra para ir a ese encontro coa decisión atada e ben atada.

O presidente desta comunidade de montes tiña que ter introducido este tema na orde do día da asemblea celebrada o pasado 27 de decembro, como así quedara en facelo nunha conversa privada que tivo ao remate do pleno do Concello de Marín, do que é concelleiro popular na oposición. Pero quixo adialo máis aínda. E nesta recente asemblea dos comuneiros de San Xulián apenas se abordou o tema, máis aló de forzar á directiva a fixar a data dunha xuntanza monográfica.

Podía terse celebrado o 10 de xaneiro, ou o 17, pero non, unha semana máis de demora para que a Comunidade de Montes de San Xulián se posicione, por máis que xa a súa directiva se pronunciou publicamente ante os comuneiros: a favor da ubicación do polígono no Monte Pituco, por suposto… Porque os petroglifos que alí abundan son unhas pedriñas insignificantes nas que non se ve nada, dixo unha muller ao remate da asemblea; porque os postos de traballo son unha necesidade importante, insinuou outro comuneiro… A verdade? Porque repercutirá nos ingresos da comunidade de montes, porque engordará as súas contas, porque a directiva se colgará unha ‘medalla’ colosal.

Iamos dispostos o pasado 27 de decembro a expoñer un traballo ben fundamentado argumentando a situación real e legal do Monte Pituco, para que ningún comuneiro se leve a engano, para que se conciencien do potencial que agocha esta zona e que alguén se empeña en silenciar en favor dos intereses económicos. Pero pesou a censura: a directiva da comunidade de montes negouse a entrar en profundidade nese tema, e pouco valía a pena na recta final da xuntanza, ao relegar un asunto vital ao apartado de rogos e preguntas.

Comeza a conta atrás para esa xuntanza e DEFENDE O MONTE PITUCO seguirá sumando apoios a esta causa.

Publicado por: MontePituco | 31/12/2009

EMPEZA O ANO SEN PXOM

Publicado por: MontePituco | 29/12/2009

UN REPASO AOS XORNAIS

A seguinte relación de recortes de prensa, extraídos do arquivo do blog Polígono na Brea non, permite facer un certo repaso cronolóxico aos temas que saíron á luz pública nos últimos meses, relacionados coa polémica en torno á posible ubicación dun polígono industrial no Monte Pituco e á demanda para que se estude a viabilidade do Monte da Brea para ese fin.

Publicado por: MontePituco | 29/12/2009

DEFENDE O MONTE PITUCO

O MONTE PITUCO ESTÁ EN PERIGO. Os veciños dos lugares de Pena e Caeiro están dispostos a defender o valor ambiental e patrimonial deste espazo ameazado polos plans do Concello de Marín para instalar nel un parque industrial de 400.000 metros cadrados. A sentenza do Tribunal Supremo -que declara ilegais boa parte dos recheos portuarios e que deixa en precario a situación urbanística das naves asentadas neles- apremia e o municipio carece de chan empresarial. Por mais que o proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal aconsella o monte de Pastoriza para esta actividade, o documento que rexerá o futuro urbanístico da vila parece re-escrito ao gusto do Goberno municipal, que prefire a opción do Monte Pituco por motivos económicos.

Sempre os motivos económicos. Os motivos económicos por riba do valor ambiental dun espazo protexido que pertence aos Montes do Morrazo; por riba da riqueza patrimonial dos xacementos rupestres que abundan na zona e que precisan ser conservados; por riba do potencial forestal dunha área que, cunha xestión axeitada, podería combinar usos sociais, turísticos e aproveitamento dos recursos naturais… O Monte Pituco ocupa un espazo estratéxico. CÓMPRE DEFENDELO: da voracidade do Concello de Marín, da complicidade subrepticia da comunidade de montes de San Xulián, do seguidismo que están dispostos a practicar algúns colectivos veciñais enganchados erroneamente á promesa demagóxica da creación de emprego.

Esta páxina web albergará os argumentos para evitar a instalación dese equipamento industrial, porto seco ou o eufemismo que lle cadre. Será a voz dos veciños e dos colectivos que apoian a defensa do Monte Pituco, a súa posta en valor para o lecer, a cultura, a protección da paisaxe e o uso sostible do bosque. Avecíñase un 2010 de intenso traballo e XUNTOS PODEREMOS PROTEXELO DAS AGRESIÓNS QUE O AMEAZAN.

« Newer Posts

Categorías