Publicado por: MontePituco | 14/01/2010

CHARLA SOBRE POLÍGONOS INDUSTRIAIS

Como reunir a enerxía suficiente para inducir cambios na caprichosa xestión política? Canta capacidade temos os cidadáns para mudar o rumbo da realidade que nos vén prácticamente imposta? Cal é o resorte que nos fai mobilizarnos e tomar conciencia dos problemas que nos afectan? Como contaxiar desa inquedanza aos demais suxeitos pasivos?

A clave está na mobilización social. Díxose esta tarde na charla organizada por Almuinha, na que participaron representantes do colectivo veciñal en contra do polígono na Brea, da Asociación de Veciños de San Xulián, do Colectivo Nacionalista de Marín, da Asociación pola Defensa da Ría e de Luita Verde. Defende o Monte Pituco tamén estivo aí para dar a coñecer a súa existencia como colectivo, para aprender da experiencia de movementos pioneiros no rexeitamento dos actuais plans de ordenamento do solo e para procurar a súa adhesión de cara ás próximas accións previstas.

Velaí precisamente unha das conclusións da xornada: a falta absoluta de planificación urbanística por parte dos sucesivos gobernos municipais e os poderes de rango superior. E máis aínda, a falta de transparencia, a presunta existencia de plans que medran alleos ao coñecemento e ao control da sociedade. Eis o que apunta á posibilidade de que este proxecto industrial poida servir de asentamento a empresas da Área Metropolitana, aproveitando infraestructuras xa existentes e outras en vías de realización, como a Variante de Marín.

“Kilómetros de asfalto para facer mazacotes de cemento que dean servizo a Vigo”, advirten dende Luita Verde a respecto do Plan de Mobilidade Vigo Íntegra. É unha hipótese razoable…

Outro horizonte non menos inverosímil o debuxaba a APDR, que alerta contra a proliferación de polígonos “industriais baleiros”, a conta dos concellos que perseguen “chan industrial barato”. Precisamente, un dos aspectos máis criticables é a elección de terreos comunais, que lle evitan á Administración ter que lidiar con propietarios particulares, simplificando enormemente os trámites e as alegacións, ao tratarse dunha única figura xurídica, susceptible de ‘mercar’ cunha oferta económica, por cativa que sexa.

Porque o Goberno local de Marín quere rematar a lexislatura cunha medalla: a dotación de chan industrial. E a sentenza do Tribunal Supremo contra boa parte dos recheos efectuados no Porto é o argumento perfecto para xustificar a urxencia da súa proposta a prol de semellante agresión ao Monte Pituco. Precisamente, hai outra cuestión que non pasou desapercibida nesta charla…

…A preocupación do Concello ante a posibilidade de ter que pagar o “lucro cesante” das empresas asentadas nos terreos declarados ilegais: unha importante suma de euros por concederlles unha licenza que resulta ser irregular, a tenor desta resolución xudicial inapelable. A propia APDR e a Plataforma da Praza dos Praceres van pedir a execución da sentenza e, nun prazo de tempo máis ou menos considerable, o Concello tería que afrontar as indemnizacións correspondentes.

Por eso Defende o Monte Pituco esperta dun ‘letargo’ que non debeu demorar tanto, dada a madurez do proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal. Existen alegacións, non tantas como deberan, pero o rexeitamento veciñal está aí. Aínda que modesto, este movemento non vai deixar de incomodar ao poder político a nivel municipal e autonómico para reivindicar a protección deste espazo e instar ao Concello a estudar e desenvolver a viabilidade doutros proxectos industriais alternativos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: