Publicado por: MontePituco | 23/01/2010

SEGUNDA XUNTANZA POLÍTICA

Segunda xuntanza a nivel político de DEFENDE O MONTE PITUCO. Nesta ocasión coa voceira municipal do PP en Marín, María Ramallo, e varios concelleiros do seu grupo; entre eles, Francisco Casal, que é parte interesada na reunión informativa deste domingo pola súa outra faceta como presidente da Comunidade de Montes de San Xulián. Non poñemos obxección a este detalle e iniciamos o encontro, expoñendo primeiro os motivos polos cales os habitantes de Caeiro e A Pena, co apoio doutros veciños da parroquia e colectivos sociais e ambientais.

Turno de réplica que comeza cunha retrospectiva sobre as distintas fases polas que atravesou o deseño do PXOM e o posicionamento que tivo, a respecto da dotación de chan industrial, este grupo político. Están tamén as hemerotecas para dar conta del: o PP vén apostando inicialmente pola ubicación dun polígono no Pituco pero, ante os posibles reparos que puidera poñer a Xunta á súa materialización, tendo en conta inconvintes de índole ambiental pola inclusión deste espazo nos Montes do Morrazo, os populares propuxeron que se estudara a viabilidade do Monte de Pastoriza. Este último, xunto co Pituco, a Brea e Vista Alegre, eran as catro zonas que o Goberno local barallaba para a posible ubicación de chan industrial. A Brea e Vista Alegre foron desbotados pola presión veciñal, o Goberno local fixo desaparecer Pastoriza do planeamento aducindo que os costes económicos da construcción do polígono serían moi superiores aos que lle atribúen no Pituco, e con este último, e único, quedaron os responsables municipais.

O principal grupo da oposición mantén a súa petición para que Pastoriza se inclúa na memoria do PXOM para o estudo da súa posible viabilidade: argumentan dende o PP que este monte ocuparía o triple de terreo que o Pituco e que para a súa execución se pode optar por desenvolvelo en varias fases para que os custes económicos non sexan tan elevados dunha soa vez. Tamén apostan pola área de Pastoriza pola cercanía con Moaña, onde os empresarios están a planificar tamén unha superficie de uso industrial e empresarial. E sostivo o PP que van seguir insistindo para que a Xunta, independentemente do que xurda a proposta do Concello de Marín, non descarte o estudo de viabilidade en Pastoriza.

Non descartan que os informes ambientais do Monte Pituco por parte da Xunta sexan desfavorables e que, a falta de ofrecer Pastoriza como alternativa ou segunda opción en caso de que falle a anterior, esta localidade quede sen parque industrial. Non cren tampouco na posibilidade de que a Administración autonómica declare a supramunicipalidade do proxecto. E dan por imposible que as empresas ubicadas no porto de Marín -afectadas pola sentenza do Tribunal Supremo que declara ilegais os recheos- se foran instalar no Monte Pituco no hipotético caso de que o polígono se fora construir.

En canto á reunión prevista para este domingo, somos realistas: ante a probable aceptación por parte da maioría dos comuneiros do proxecto industrial no Pituco (poderoso cabaleiro é don diñeiro, porque o monte dá gloria velo, pero a vaquiña polo que vale) os veciños que nos opoñemos a él instamos aos populares a non tomar este factor como referencia dende o punto de vista do rédito electoral. O clima da xuntanza será moi adverso, pero DEFENDE O MONTE PITUCO aspira a petar na conciencia dos comuneiros, a sementar sensibilidade onde só caiban intereses económicos en detrimento de valores que agora desprezan, como medio ambiente, etnografía, desenvolvemento forestal… Hai esperanza?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: