Publicado por: MontePituco | 25/01/2010

MALIA TODO, FOI MELLOR AÍNDA DO QUE ESPERABAMOS

 

No video que encabeza este relato pódese ver un esquema do amplo traballo exposto polos habitantes do Caeiro e A Pena na reunión informativa celebrada na Casa de Montes de San Xulián para explicar o rexeitamento razonable deste colectivo veciñal aos plans do Concello para instalar un parque industrial no Monte Pituco. Unha reunión que transcurreu, como xa era previsible, nun ambiente tenso e hostil. Malia manexar argumentos legais irrefutables, malia intentar sensibilizar sobre o severo impacto ambiental, malia a obligatoriedade de respectar os recursos naturais e etnográficos da zona, quedou en evidencia que unha parte desta parroquia -non necesariamente representativa do sentir xeral- non atende a máis razóns que os intereses particulares e económicos.

Pero imos seguir intentando convencelos, pouco a pouco, de que DEFENDE O MONTE PITUCO ten a razón neste conflicto. Mover conciencias non é doado, pero confiamos en que comprendan a realidade: Marín precisa chan industrial, é unha idea na que todos coincidimos; pero crear un polígono no Monte Pituco sería como pretender encher de naves industriais as dunas de Corrubedo, algo que a ninguén lle cabe na cabeza.

O colectivo veciñal da Brea e Seixo rexeitou o parque empresarial previsto alí; tamén os habitantes de Macenlle se opoñen á expropiación de vivendas e terreos na súa zona. Varios integrantes desta última plataforma asistiron á reunión celebrada en San Xulián para reiterar os seus argumentos; e os veciños do Monte Pituco estamos de acordo con eles. DEFENDE O MONTE PITUCO acaba de xurdir a raíz de precipitarse os acontecementos pola sentencia do Tribunal Supremo que declara ilegais boa parte dos recheos do porto de Marín e que motivou que o Concello acelerara as xestións para crear o polígono a carón das nosas casas, dos nosos manantiais, nun monte protexido e que rebosa Historia.

En absoluto os nosos plantexamentos chocan coa plataforma de Macenlle, nin coa da Brea, que tanto nos anima e nos apoia. Non defendemos causas incompatibles, senón complementarias. Por eso un dos elementos positivos desta reunión foi achegar posturas cos afectados de Macenlle, cos que imos reunirnos moi pronto para aclarar calquera dúbida pola súa parte. E se cumpren co compromiso verbal dos seus representantes, retirarían o Monte Pituco das alternativas que lle estiveron propoñendo ata agora ao Concello.

Outro aspecto moi positivo foi a aportación dunha veciña sensata e comprometida de San Xulián, que propuxo crear unha Plataforma entre todos os colectivos veciñais afectados polos plans industriais do Concello de Marín, para presionar aos responsables municipais para que estuden alternativas que non perxudiquen as vivendas, o medio ambiente e a lexislación vixente. Dende DEFENDE O MONTE PITUCO apostaremos fortemente para levar a cabo esa iniciativa que aglutine os esforzos de todas e todos os implicados.

Na outra cara da moeda está o fomento da división veciñal, a incultura, a ignorancia e mesmo a censura. Deixou moito que desexar a actitude da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián: por unha banda, o seu principal representante recoñece publicamente que a elección do Monte Pituco para a ubicación dun polígono industrial é errónea dende o punto de vista legal e ambiental, aplaude a posta en marcha do colectivo DEFENDE O MONTE PITUCO pero, en vez de apoiarnos, supedita o seu posicionamento ao que diga a maioría…

…E por outra banda, outro integrante da directiva demostra ter unha mente tan obtusa que prefire que antes de que a franxa de seguridade da Brilat lle limite o uso do monte a cambio de nada, prefire que se instale no Pituco un polígono industrial de dubidosas garantías legais (a cambio, obviamente, dunha cantidade económica máis ou menos sustanciosa). O mesmo que este verán pasado compartía pancarta “en defensa dos nosos montes” con veciños de A Pena e Caeiro, apoiando aos comuneiros de Salcedo e Lourizán para que os estamentos militares respecten a propiedade comunal, agora contradise e bota pedras sobre o propio tellado.

E houbo dous feitos lamentables máis graves aínda por parte da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián: negarlle a un veciño de Lourizán, integrante da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, que puidera tomar a palabra para opinar libremente. É triste e deplorable que, para censurar comentarios que non lles convén escoitar, poñan como excusa que esta persoa non é de San Xulián nin comuneiro da parroquia. Mais pertence á parroquia lindante pola parte de Pontevedra e ten tanto dereito coma calquera a expresarse, porque ese posible parque industrial tamén lle afectaría seriamente.

Quen si puido intervir, arriscándose tamén a que o abuchearan, foi un directivo da Comunidade de Montes de Lourizán, topógrafo de profesión. A súa intervención foi moi reveladora; a mágoa é que a maioría dos presentes non foran receptivos á información que aportou: a pendente do Monte Pituco con respecto ao nivel do mar está entre o 50% e o 60%, polo que sería necesario facer desmontes descomunais no Monte Pituco para poder adaptar o terreo a calquera instalación industrial. Sería un impacto paisaxístico brutal e tería repercusión graves: “En caso dunha riada, chegaría a enxurrada á rúa Jaime Janer do centro de Marín”, afirmou. (Ninguén lle debeu contar aínda que o Concello quérelle cambiar o nome a ese vial).

Pois ante datos tan importantes dos que tomaría nota calquera cabeza ben amoblada, ninguén lle deu as grazas (agás DEFENDE O MONTE PITUCO, que fará valer que a cota da pendente é superior ao 25% para reivindicar a nulidade do proxecto). Mais por riba, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián aproveitou o turno de réplica para deixar patentes as malas relacións coa Comunidade de Lourizán e para reprocharlles aos directivos desta parroquia veciña asuntos que non viñan para nada a conto co tema da xuntanza. Deprimente e vergoñento.

E para rematar con impresións esperanzadoras, darlles as grazas, moi encarecidamente, ás persoas que se achegaron aos veciños do Caeiro e A Pena ao remate da reunión para louvar o valor e a valentía que tivemos facendo esta exposición, ante un auditorio maioritariamente predisposto en contra nosa. Grazas pola vosa asistencia e polas vosas sinaturas de apoio. E moitas grazas a outras persoas que, acaso por temor a seren mal vistos, se puxeron en contacto telefónico con DEFENDE O MONTE PITUCO para apoiarnos e asegurarnos que moita xente da parroquia e do resto de Marín simpatiza cos nosos argumentos. Tamén nos enviaron a través de Facebook unha frase que suscribimos plenamente e que nos empurra a non decaer: “A xustiza non só hai que agardala, senón tamén buscala”.

 


Responses

  1. […] o Monte Pituco, 24 de xaneiro de 2010, na reunión informativa celebrada na Casa de Montes de San Xulián para expoñer os argumentos técnicos, patrimoniais e […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: