Publicado por: MontePituco | 01/02/2010

…A CINCO COLUMNAS!

 

Nunca se me pasou pola cabeza que un modesto articuliño de opinión que non ocupa máis que folio e medio a dobre espazo fora dar para unha réplica de media páxina de xornal a cinco columnas, con foto e despece. Perda medo o correspondente deste medio de comunicación, que non vou contestar; entre outras cousas porque a sección local dun diario ten asuntos máis importantes dos que informar en vez de converterse nunha especie de cancha de tenis onde os rivais lle pegan cada vez máis duro á bola. Pero neste blog vanse matizar algunhas Mentiras que se relatan nese comunicado. (Preme LER MÁIS para continuar)

 

Reafirmo que existen intereses económicos e particulares -e por que non engadir tamén electorais e políticos- na construcción dun polígono industrial no Pituco en base precisamente á reacción dos comuneiros que apoian ese proxecto: porque despois dunha hora argumentándolles os motivos legais, ambientais, orográficos e patrimoniais que farían inviable esa instalación, parecen non ter entendido nada: por unha orella lles entrou e por outra lles saiu. Estaríalles a falar nalgunha lingua inintelixible? Xa que tanto lles ofendeu que criticara a incultura, e a insensibilidade, e a irresponsabilidade por desprezar petroglifos, medio ambiente e normativas urbanísticas, irei máis aló: acaso o meu nivel de galego era demasiado elevado para os que se deron por aludidos.

Resulta chamativo que, logo de máis de 20 anos con este ruxe-ruxe, se estrañen de que non houbera oposición veciñal aparente a ese proxecto. Será porque a Comunidade de Montes de San Xulián, independentemente de quen a gobernara nestas dúas décadas, endexamais convocou ningunha xuntanza informativa, endexamais fixo ademán de dirixirse ao Concello de Marín para pedir datos concretos sobre o hipotético polígono. Cero mobilización. Pasividade suprema. Na asemblea de decembro de 2009 os habitantes máis próximos ao Pituco preguntamos que había realmente e a xunta reitora encolleuse de ombros: “Non hai nada”, responderon.

Que o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián faga negación das súas propias palabras a respecto da inviabilidade do proxecto nesa ubicación, é unha falta de seriedade. Será a súa versión contra a nosa, porque non só o dixo en privado, senón que tamén o repetiu publicamente ante os comuneiros. Se onde dixo “digo” agora pretende facernos crer que dixo “diego”, será porque debe pensar que estamos xordos ou que non entendemos o significado das súas palabras. Outro que tamén debe falar cun nivel de expresión máis elevado aínda que o meu.

Estamos nun país no que se exerce a liberdade de expresión. E as persoas que ostentan algunha responsabilidade -caso dos membros da xunta rectora da comunidade de montes- deberan estar acostumbrados a que fiscalicen a súa xestión, a que lles pidan responsabilidades e a asumir as críticas. E máis aínda tratándose dunha persoa que ten un cargo público como concelleiro da Corporación municipal de Marín. E así, na Comunidade de Montes de San Xulián acontecen cousas tan pintorescas como que non se aprobe o balance económico dunha anualidade e a reacción da presidencia sexa: “Non aprobades as contas? Alá vós!”.

Para información de todos e todas, DEFENDE O MONTE PITUCO non convocou expresamente a ningunha persoa nin colectivo alleo á parroquia á reunión celebrada na Casa de Montes. Dita convocatoria foi anunciada na prensa local para que a asistencia fora o máis ampla posible e a xunta rectora mesmo tivo a ben poñer anuncios nos tablóns informativos; anuncios nos que, por certo, en absoluto se limitaba ou prohibía a asistencia de calquera persoa interesada no tema, independentemente da súa procedencia (ver fotografía do anuncio). Os integrantes da Plataforma Os Praceres e os directivos da Comunidade de Montes de Lourizán asistiron por vontade propia e DEFENDE O MONTE PITUCO non pode menos que agradecerlles a súa asistencia, a súa solidariedade e o seu interese nun tema que tamén lles afecta directamente, como lindantes que serían dese posible polígono.

E para rematar: o comunicado da xunta rectora dirixido a DEFENDE O MONTE PITUCO e a quen escribe estas liñas ten claras trazas ameazantes. A reunión celebrada na Casa de Montes non foi convocada por este colectivo. O presidente da comunidade dixo na asemblea de comuneiros de decembro que quería organizar unha reunión “monográfica” sobre o proxecto de polígono industrial e o único que se lle pediu foi que nese mesmo momento quedara fixada a “data” do encontro, para o que houbo que agardar aínda un mes máis. E a esa xuntanza asistimos os veciños de Caeiro e a A Pena para exercer o noso dereito a opinar libremente.

Actualmente as sinaturas de apoio a DEFENDE O MONTE PITUCO igualan en número ás persoas que asistiron á reunión e que, segundo a xunta rectora, representan ese 95% que aprobaría a instalación do polígono. A miña valoración da reunión en absoluto é irrespetuosa nin insultante: critico a incultura e a insensibilidade co medio ambiente e co patrimonio histórico e cultural, critico a irresponsabilidade dunha xunta rectora que ten a obriga de posicionarse a prol da legalidade en vez de actuar de cara á galería para quedar ben. E o problema é ese: criticar, discrepar, rebelarse, argumentar, molestar. Alguén atopou a horma do seu zapato e parecen estar dispostos a manipular e amedrentar con expresións do tipo “no debería ir insultando por ahí a nadie porque le será mejor” ou “desde nuestra junta rectora hemos cumplido y usted no, por lo que a partir de ahora, que cada palo aguante su vela”.

Non teño medo. Non son ningunha maleducada, como pretenden insinuar. E terán poder e influencias, pero non me van silenciar.

Moitas grazas.


Responses

  1. Caminante, no hay camino
    Se hace camino al andar
    A. Machado

    Se vas emprender a viaxe a Ítaca
    procura que a tua viaxe sea longa, rica en experiencias…
    Kavafis

    Se algo aprendin neste tempo que levo en loita para defender os meus dereitos lexítimos de protexer o aneco de terra no que vivo, é que coma min hai outra moita xente que ten os mesmos dereitos.
    Tamén aprendín que un veciño nunca debe ser xuíz nin verdugo de outro veciño. Estamos a loitar para evitar os abusos de poder de algúns políticos que queren pisotearnos, de iso se trata. Ese é o tema e ahí hai que centrarse.

    Mentras eu facía o meu camiño, fun atopando xente que se sumaba ó meu paso, e había outra xente que abandonaba a viaxe mentras eu seguía camiñando.
    Quén son eu para xuzgalos?
    Quén son eu para sentencialos a morte?
    Agora sospeito que Ítaca non existe, pero continuarei camiñando na súa busca, e nunca nunca vou despreciar a todas aquelas persoas que queiran facerme compaña nesta longa viaxe.

    Os veciños da Brea, unha vez mais, berramos ós catro ventos que non queremos un mini polígono nas nosas terras. Ó mesmo tempo sumámonos a outros colectivos coma o de Macenlle, A Canteira e Moledo, que defenden o seu territorio.
    Nunca se nos ocurreu pensar que ningún dos outros colectivos nos quería pisar nin quería quitarse de enriba o polígono para metérnolo a nós, moi ó contrario, a nosa filosofía foi sempre manterse unidos porque a unión fai a forza.
    Agora, un pouco mais tarde, súmanse os veciños de Pena e Caeiro, defendendo o Monte Pituco, e eu, dende A Brea, non son Xuíz nin quero ser verdugo. Son, simplemente, compañeira de loita. E dende aquí vos invito a emprender con nós o longo camiño hacia Ítaca. Porque os vosos dereitos son tan lexítimos coma os nosos. Ou mellor dito, os vosos dereitos son os nosos.

    Dende A Brea queremos amosar todo o noso respeto á xente de Macenlle, e pedímoslle que non teñan medo. Todos loitamos por a mesma causa. E os nosos enemigos non están entre os veciños do lado, senón no concello.
    Apertas para tod@s dende A Brea, parroquia de Seixo


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: