Publicado por: MontePituco | 20/08/2013

CURSO SOBRE A EXPLOTACIÓN MULTIFUNCIONAL DO MONTE

Curso sobre "A explotación multifuncional do monte", en Gondomar.

O lecer, a paisaxe, a conservación da biodiversidade, o equilibrio climático, a obtención de materias primas, a explotación enerxética (eólica, fotovoltaica, biomasa…), a explotación forestal e gandeira, a explotación de mananciais… son algúns dos factores que poñen de plena actualidade e sitúan os montes como unha fonte de recursos a explotar nun futuro moi próximo para o que se fan imprescindibles. (Fragmento da introdución ao programa do curso)

Por terceiro ano, a Universidad Internacional Ménendez Pelayo (UIMP), en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos, organiza un curso de verán en Gondomar. Nesta ocasión o tema das sesións céntrase na sustentabilidade, a xestión e a multiplicidade de funcións dos nosos montes.

“A explotación multifuncional do monte” está dirixido a comuneiros, propietarios, técnicos, profesionais, estudantes ou público en xeral, ante o desafío que se lle presenta á sociedade actual e aos cidadáns do futuro. Os ponentes farán por achegarlle aos asistentes unha visión global das diversas facetas que integran a xestión do monte, a súa evolución histórica, as diversas posibilidades produtivas así como as actuais liñas de investigación na materia.

O curso realizarase os días 3, 4 e 5 de outubro na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira 10, baixo, sede do Instituto de Estudos Miñoranos), en Gondomar.

* Inscricións:

Para inscribirse é necesario achegar un escrito ao correo electrónico oficina@minhor.org, indicando: nome e apelidos, DNI, enderezo, código postal, teléfono e estudos ou profesión.

O custe da matrícula é de 61,50 euros para as persoas que o fagan a través do Instituto de Estudos Miñoranos (este prezo equivale a un 50% do valor real da matrícula do curso, estipulada en 163 euros). Posteriormente achegarase, por e-mail, o número de conta onde as persoas interesadas deben ingresar o importe. Información no teléfono 986360575, de luns a venres de 18 a 22 horas ou no correo oficina@minhor.org

* Bolsas:

Tanto a Deputación de Pontevedra como a UIMP dispoñen dunha liña de bolsas para matrícula gratuíta ou redución da mesma. Estas axudas deben xestionarse ante estas institucións. Os prazos de solicitude das bolsas xa están abertos.

* Créditos:

O curso está recoñecido cun crédito pola USC e a UVigo e dous pola U. da Coruña. Tendo tamén recoñecemento en diversos procesos de selección.

PROGRAMA (premer na ligazón para consultar o PDF)

Xoves, 3 de outubro de 2013

17.00h – 17.15h. Recollida de material

17.15h – 18.45h. Conferencia inaugural: “A posesión do monte ao longo da historia”, de Ofelia Rei Castelao (Profesora da USC).

18.45h – 20.00h. Conferencia: “A xestión dos montes veciñais na Galicia contemporánea: ¿quen e para que?”, de Xesús Balboa (Profesor da USC, Facultade de Xeografía e Historia, Departamento de Historia Contemporánea e de América).

20.00h – 21.30h. Conferencia coloquio: “Reorientación da silvicultura do piñeiro do país á produción conxunta de madeira e bioenerxía”, de Roque Rodríguez Soalleiro (Profesor da USC, Catedrático de Universidade, Departamento de Produción Vexetal, Escola Politécnica Superior de Lugo).

Venres, 4 de outubro de 2013

17.00h – 18.30h. Conferencia coloquio: “Investigación forestal: novas perspectivas”, de Gabriel Toval Hernández (Centro de Investigación Forestal de Lourizán)

18.30h – 20.00h. Conferencia coloquio: “A certificación da xestión forestal sostible”, de Alberto Rojo Alboreca (Dr. Enxeñeiro de Montes, Secretario do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Coordinador da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) Escola Politécnica Superior de Lugo, Profesor da USC)

20.15h – 22.15h. Visita guiada ao monte da MVMC de Couso. Un modelo de aproveitamento multifuncional. Monitor guía: Xilberte Manso de la Torre e Xosé Ramón García (Instituto de Estudos Miñoranos).

Sábado, 5 de outubro de 2013

9.00h – 10.30h. Experiencia: “Economía e sustentabilidade no rural galego. Algunhas experiencias innovadoras”, de Xavier Simón (Profesor da UVIGO)

10.30h – 11.30h. Conferencia coloquio: “Produtos e industrias forestais. Novos usos do eucalipto como madeira sólida de elevado valor”, de Manuel Touza Vázquez (Dr. Enxeñeiro de Montes. Xefe Área Innovación e Tecnoloxía Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).

11.30h – 12.00h. Descanso – café

12.00h – 13.30h. Mesa redonda: “A ordenación dos montes: cara a un modelo integral de explotación”, con Alberto Rojo, Xabier Simón, Manuel Touza, Xosé Alfredo Pereira. Moderador: Igor Ferro Fernández

13.30h. Clausura e entrega de diplomas.


Publicado por: MontePituco | 19/08/2013

PLENO DE AGOSTO DE 2013 (I)

1. Aprobouse por unanimidade a acta do pleno do mes pasado.

2. Ditame da comisión informativa de Turismo e Comercio sobre a modificación puntual do Regulamento de venda ambulante:

A concelleira Cristina Acuña explicou que a infracción que máis se repetía entre os vendedores era sobre a obrigatoriedade de poñer a tarxeta identificativa nun lugar visible para facilitar o labor de control. Non houbo máis intervencións neste punto, que se aprobou cos votos de PP, Psoe e Mar-In. O Bng abstívose.

3. Proposta do concelleiro delegado de Urbanismo e Facenda para a remisión ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente da “Documentación para a modificación do texto refundido do PXOM de Marín nos núcleos costeiros” para a adaptación e aplicación da D.T. 1ª da Lei 2/2013, de 29 de maio de protección e uso sostible do litoral e modificación da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, recabando o informe previsto na mesma.

A alcaldesa pediu o apoio dos outros tres grupos para aproveitar o que calificou como unha “oportunidade” e explicou que coa entrada en vigor da Lei de Costas o pasado mes de xuño, máis a aprobación do PXOM que catalogaba como solo urbano os núcleos do litoral, o Concello estaba en disposición de solicitarlle ao Ministerio o informe que acreditaba a consolidación dos servizos existentes.

Cenizo coma el solo, Francisco ‘arrastra-vogais’ Veiga queixouse de que co anterior Goberno central dérase un “paso de xigante” para solucionar este problema e que o Concello de Marín tiña “traballo adiantado”. Veiga criticou que antes eran os políticos os que “podían decidir” na reglamentación, mentres que “agora está en mans dos técnicos de Costas do Estado”, que poden tomar unha decisión no prazo de 18 meses. O concelleiro do Psoe acusou o Goberno local de que “non quixo seguir ese camiño e agora outros concellos como Moaña adiantáronnos”. Veiga insistiu en que o problema podía terse resolto facendo un anexo na Lei de Costas no que figurase unha relación destes núcleos do litoral marinense, algo que non foi posible pola “negativa total” do Pp de Marín, segundo dixo, e fixo constar que o seu partido non compartía “o método” seguido polo equipo de María Ramallo.

É o que ten a diferenza entre gañar as eleccións e gobernar, e perdelas e deixar de dirixir a batuta: que o partido que manda aplica os seus criterios que, por definición, non van ser os que marca a oposición.

A pesar de todo, Veiga rematou a súa primeira quenda dicindo que o Psoe apoiaría tanto a proposta como aos veciños dos núcleos, o traballo de Ramón Lueje, de Ignacio de Cabo e de Consultora Gallega.

Por contra, Vilaboa calificou de “retroceso” a situación actual, argumentando que “imos ter que volver xustificar a preexistencia dos núcleos” e que “no Pxom non se conseguiu todo o que se quería”. O concelleiro nacionalista ‘ilustrounos’ cunha das súas peroratas sacadas da Internet ou das hemerotecas; neste caso, da web do Ministerio, sobre os obxectivos da Lei de Costas. Despois de poñer moita énfase na lectura do texto, advertiu que o futuro dos núcleos marinenses non era “nada halagüeña” e augurou que “moitas vivendas non se van poder legalizar”.

Logo deu en trucar contra o “xogo político” do PP, a presentación da modificación da Lei de Costas, a presenza do senador Enrique López Veiga en varios concellos dando explicacións. “O Bng alegou o que estaba incluido dentro da Lei de Vivenda no Parlamento galego e o PP non quixo saber desa alegación”, criticou Vilaboa. “Pero máis tarde mandaron unha alegación que nunca chegou e se chegou non serviu para nada”, engadiu. Tamén coincidiu con Veiga en que “non se di por que a Moaña a meteron pola porta de atrás e Marín quedou fóra”. Para rematar a súa intervención instou á alcaldesa a que “os responsables políticos temos que ir a Madrid para explicarlles aos técnicos e a Costas” o caso dos núcleos “e a esperar que digan o que vai pasar”.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio lembrou que o Concello e os afectados dos núcleos levan 10 anos turrando con este tema que “nos ten cansos” e confiou en que sexa nesta lexislatura cando quede definitivamente solucionado. Aínda así, amosou a súa decepción porque a estas alturas “volvemos topar con Madrid, a lei marca uns prazos que hai que cumprur, e non sabemos como nos van tratar porque as persoas que terán que informar o documento non saben do tema”.

Na ronda de réplica, María Ramallo destacou que “estamos nesta situación porque houbo unha modificación da Lei de Costas” e insistiu en que “Moaña non é o noso problema, non é a nosa situación” porque, a diferenza de Marín, Moaña os propietarios de vivendas do litoral “non teñen título de propiedade, senón concesión”. E con respecto á crítica sobre a consolidación de Ence, argumentou que hai “milleiros de empresas” situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre ás que lles caducaba a concesión.

“É a primeira vez que se asimila a solo urbán os núcleos”, expuxo a alcaldesa, que rexeitou o “espirito do medo” que a oposición trataba de espallar. “O urbanismo non se acaba nunca, hai que adaptarse a novas normativas, é dinámico”, díxolle á voceira de Mar-In.

Para María Ramallo, “conseguiuse o máximo posible co planeamento e agora dannos a oportunidade porque cumprimos uns criterios”. E con respecto ás protestas da oposición, respostou que “se alguén tiña a variña máxica e puido arranxalo antes, non se fixo”. Apelou á seriedade e á coherencia e asegurou que “o que temos, témolo” no Pxom e que o que se fai trala modificación da Lei de Costas “é a maiores”. Por tanto, “medo, ningún; crítica política, non”, engadiu Ramallo.

Por parte de Veiga e Vilaboa, todo canto dixeron despois foi manido e redundante. O concelleiro socialista, deu en poñer un exemplo de parvulario: “Se teño que ir a Vigo, hai dous camiños: a autopista ou a estrada nacional. Vostede vai pola nacional”, criticou Veiga. “E se hai un problema na autopista, se hai que ir, vaise”. Porque ir p’a ná es tontería, faltoulle dicir, parafraseando a certo humorista.

Seguindo cos paralelismos insólitos e fóra de contexto, Veiga empeñouse en seguir comparando os casos de Moaña e de Marín, e de aí a establecer outra comparanza entre “leis feitas para ricos e para pobres”. E coma os cativos perrenchudos que se encaprichan do caramelo doutro neno, insistiu en que María Ramallo “negárase a presionar para que Marín fora incluida no anexo”, tal e como lle propuxera o Psoe. Cando caerá Veiga da burra e deixará de torturarnos coas súas quimeras: o PP non lle vai dar ningún chance. Principalmente por disparates como o que dixo para rematar a súa exposición: “Que é mellor, ter unha concesión ou que che tiren a casa, ou casas que non teñen a habilitabilidade necesaria”. Veiga, en estado puro.

Vilaboa xa quixo desmarcarse do que pedía o seu ex-socio do Psoe: “Nós non lle pediamos que Marín estivera nese anexo. Podía haber otro anexo onde estivera recoñecido Marín”, precisou o concelleiro do Bloque, que volveu repetir que “imos para atrás, que hai que volver presentar o informe, que o Ministerio ten dúbidas e por iso fai esperar a Marín… A ver se temos a sorte de que non nos contestan e se aproba por silencio administrativo”, engadiu Vilaboa.

Isabel Martínez xustificou o “medo” da oposición: porque Costas do Estado foi un dos atrancos -xunto con Patrimonio da Xunta- para avanzar na tramitación do Pxom. “Estamos esperando as ocorrencias de Costas e 18 meses é moito tempo”, lamentou a voceira de Mar-In, que fixo fincapé en acudir a Madrid “para explicar que somos diferentes ao Mediterráneo e ao resto de Galicia”.

Para finalizar o debate, María Ramallo repetiu por terceira vez que “Moaña non ten nada que ver con Marín, que é un erro insistir” nesa comparación. Tamén afirmou que “se non se modificara a lei, seguiriamos agardando” e, fronte ás críticas da oposición, concluiu que “a demagoxia e a elasticidade agárrano todo, pero eu prefiro ser coherente”. E, dirixíndose a Veiga, dixo: “Non entendo que sexa a solución da estrada nacional; é a solución de que temos os deberes feitos e podemos entrar nesa opción” do Ministerio.

Como a proposta carecía de dictame, houbo que ratificar a súa inclusión na orde do día e despois volver votar. En ambos casos, aprobouse por unanimidade.

Publicado por: MontePituco | 17/08/2013

VISITA AO MUSEO MASSÓ DE BUEU

Museo Massó (foto, Concello de Bueu).

No concello veciño de Bueu o Museo Massó é unha interesante proposta de lecer para visitantes e tamén para veciños do Morrazo, moitos dos cales aínda descoñecen os seus contidos: nas súas tres salas atópanse pezas moi importantes vencelladas ao pasado mariñeiro da vila. Todo comezou a finais do XIX cando a familia Massó chegou dende Cataluña para transformar unha antiga salazón nunha moderna fábrica conserveira que, malia acabar sucumbindo ás transformacións e ás circunstancias do século pasado, deixou en Bueu un legado histórico e cultural de gran valor.

Na primeira sala pódense admirar vestixios romanos: moedas dos séculos I e II, un coitelo de metal co mango de óso, restos pétreos, cerámicas. Tamén hai materiais -bocois de madeira, pesos- que serven para recrear o proceso de transformación tradicional do peixe antes de comezara a aplicarse o proceso industrial. E moitos utensilios orixinais rescatados da vella fábrica: máquinas, grandes recipientes para a elaboración de salsas, láminas estampadas de latón coas que se facían as latas e os troqueis que se utilizaban para cortar as chapas, deseños gráficos das diferentes marcas comerciais de Massó, fotografías, recordos da participación da empresa nas feiras internacionais… mesmo materiais do consultorio médico que atendía o cadro de persoal -fundamentalmente feminino- da fábrica.

Museo Massó.

Nunha prolongación desta sala tamén se pode ver outra faceta de Massó: a que se adicaba á captura de baleas para producir aceite, para aproveitar as súas barbas na confección de varillas para paraugas, para vender moi caras as pedras dos seus riles que se utilizaban na industria cosmética francesa, para converter os seus cairos -colmillos- en pequenas esculturas e gravados coa habilidade do artista da familia: Antonio Massó.

Na sala da primeira planta o público atopará un patrimonio abraiante: unha biblioteca con exemplares incunables, obxectos de navegación antigos, maquetas de barcos de dimensións considerables, documentos históricos que para si quixeran os principais museos marítimos… todo este material, adquirido polos Massó, que tamén foron coleccionistas. Foi precisamente Marconi, o inventor da radio, quen lles suxeriu crear un museo que, nos seus inicios, só podían admirar as visitas ilustres.

Museo Massó (foto, Concello de Bueu).

Porque outra das curiosidades desta familia afincada en Bueu foi a súa relación con intelectuais e creadores da época, como o pintor Urbano Lugrís, que lles deseñou cartelería e murais.

Na última sala, na planta baixa, pódese ver o único exemplar de lancha xeiteira que se conserva, recuperada polo persoal da Escola de Carpintería ‘A Aixola’ de Marín. A partir desta embarcación, que se atopou afundida en augas de Carnota, púidose elaborar unha réplica. E canda ella, outros navíos de pesca tradicional: unha dorna e un bote polbeiro.

Museo Massó.

 

Esta visita vespertina ao Museo Massó, guiada por Francisco Alonso, rematou fóra das instalacións da antiga conserveira, no vello astaleiro de Purro, cando xa era noitiña. Hai un par de anos contabamos neste mesmo blogue o perigo que corría a conservación desta estrutura polo afán dalgúns veciños e dirixentes municipais por derrubala; algo que finalmente non conseguiron porque a Xunta decidiu incluilo no Inventario de Patrimonio Cultural. Os integrantes da Asociación Os Galos, impulsores da cultura marítima e dos encontros de embarcacións tradicionais, loitaron durante moito tempo para que se protexera e se rehabilitara. Precisamente, o noso veciño Xan Montenegro era un dos colaboradores deste colectivo.

O caso de Purro e o esforzo de Os Galos é o exemplo de que se pode mudar o destino dun patrimonio que estaba condenado a desaparecer inxustamente. Na actualidade, un equipo de técnicos está estudando os proxectos presentados a un concurso de ideas convocado polo Concello de Bueu para preservar este espazo e poñelo en valor. Entre os asistentes a esta interesante visita guiada, varias persoas de fóra de Galicia que amosaban o seu desexo de voltar a Bueu o ano próximo para ver o astaleiro de Purro convertido nun novo elemento da oferta turística da vila.

No astaleiro de Purro, pola noitiña.

 

FARODEVIGO

Medio Ambiente promete que el polígono Moaña-Marín estará en el plan sectorial

Los informes ambientales y patrimoniales retrasan un documento que debe estar listo este mismo año – Luego lo desarrollarán los empresarios

Fran G. Sas 13.08.2013

Los empresarios que promueven la construcción de un polígono industrial en el monte de Cruz da Maceira, en Moaña, tienen garantizado el apoyo de la Xunta para desarrollar, al menos, un parque empresarial de carácter supramunicipal en los montes de la parte alta de Moaña y de Marín, según apuntó la pasada semana el conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras, Agustín Hernández durante su visita a Samertolaméu. El representante de la Xunta prometió que este ámbito con finalidad industrial aparecerá reflejado en el Plan Sectorial de Áreas Empresariais que está redactando la Xunta y que lleva bastantes meses de retraso.

“Temos ese espazo recollido no Plan. Esperamos que o poidamos ter aprobado definitivamente antes de que remate o ano“, estimó. Asimismo, Hernández atribuyó el retraso en la tramitación que se realiza a través del Instituto Galego de Vivenda e Solo a las dificultades que surgen al tratarse de un Plan complejo, que contempla espacios industriales en toda Galicia.

“Estamos tendo dificultades cos informes sectoriais de Medio Ambiente e Patrimonio. Trátase de expedientes de moita envergadura, pero en calquera caso cónstame que se está avanzando”, indicó.

Esta vía para construir el polígono se reabrió para los empresarios moañeses hace un año, cuando el propio Hernández aseguraba que se tendrían en cuenta sus alegaciones a un dictamen de Vivenda que calificó el proyecto como “inviable”. Los promotores del polígono exigieron un estudio de detalle sobre el terreno y aseguraron que la línea de alta tensión que pasa por los terrenos no interferirá en el espacio destinado para las naves. Ahora les toca esperar a que se apruebe el Plan de ámbito autonómico.

Las condiciones de la Xunta a este respecto también son claras: serán los propios empresarios interesados los que paguen la construcción del parque empresarial.

Tamaño

Las dimensiones previstas inicialmente para este ámbito supramunicipal hablaban de 1,5 millones de metros cuadrados de suelo entre A Cruz da Maceira (Moaña) y A Paradela (Marín). De momento no ha trascendido si los empresarios de Moaña se han puesto en contacto con sus homólogos de Marín, que no han constituido una organización de ningún tipo con el objetivo de obtener suelo industrial en la parte alta del municipio.

Además del acuerdo con los comuneros para la cesión de monte comunal, los empresarios de Moaña han comprado ya al menos unos 200.000 metros cuadrados de terreno para hacer realidad una dotación en la que trabajan desde el año 2003, hace ya una década. En cualquier caso, no se descarta que vuelvan a buscar una salida de forma individual si no existe compromiso por parte de Marín.

No obstante, otro de los frentes abiertos que tiene la agrupación de promotores del polígono es su desacuerdo con la Xunta de Montes de Moaña para disponer de terrenos comunales necesarios para sacar adelante el ámbito.

 

Publicado por: MontePituco | 15/08/2013

SATURNO VIDAL, IN MEMORIAM

Saturno Vidal, in memoriam.

…residimos no ceo

na tona do mundo

desta verde escultura

na xanela dos ollos.

morremos vivindo

paseniño

asediados na loucura

dese mirar cego

dunha sinxela flor…

fermosa e pura.

nesta terra das cores

nai fachendosa

da chaira encantada

prado dos prados

-fada-

corazón do mundo

no chover das horas

desta vila namorada

que chora en orballo

un mar de bágoas…

Fragmento de “En ausencia”: Óscar de Souto.

Boa persoa, un home íntegro, un nacionalista con templanza e un veciño comprometido, solidario e colaborador, querido e aprezado. Sentimos moito a perda de Saturno Vidal, que tanto nos ten axudado na loita a prol da conservación do Monte. Xa lle está facendo compaña a Xan Montenegro, nalgures; dous compañeiros de batallas, inesquecibles, irrepetibles. Dende o Alto do Pornedo mandámoslles unha aperta agradecida. Estrañaremos a Saturno, como estrañamos a Xan. O seu legado humano estará sempre vivo, connosco. D.E.P.

Publicado por: MontePituco | 15/08/2013

INCENDIO EN SALCEDO

O fume detrás do Alto da Encavada, no monte veciñal de Salcedo.

Sobre as 8 menos vinte da tarde foi cando quedou controlado o incendio forestal que se declarou tres horas antes no monte veciñal de Salcedo, nunha zona onde o pasado inverno se fixera unha tala de eucaliptos para o acondicionamento dun campo de manobras para a Brilat. Despois da corta, aínda quedaran restos de madeira que estaban pendentes de triturar, polo que a Comunidade de Montes aínda non lle devolvera a fianza ao madeireiro.

O caso é que o lume calcinou un tractor e os primeiros indicios apuntan, de feito, a que a orixe do lume puido deberse a unha chispa dunha máquina que traballaba na zona.

A falta de poder estar preto do Monte Pituco para seguir dende o máis preto posible a evolución das lapas que, a causa do vento, ameazaban con traspasar os lindes coas comunidades de montes de Lourizán e de San Xulián, seguimos dende a distancia, e con moita preocupación, as novas que se ían coñecendo sobre o incendio.

Grazas a que houbo un amplo despregue de medios por parte da Xunta -3 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas, 3 avións e 4 helicópteros- as labaradas quedaron controladas con relativa prontitude. Cando a iso das 9 e media subiamos pola estrada de San Xulián, non quedaba no horizonte -detrás do Alto da Encavada- máis que unha leve cortina de fume onde ata uns momentos antes houbera unha espectacular fumareda que se puido ver a moita distancia, dende moitos puntos das bisbarras de Pontevedra e do Morrazo.

Quedou nun susto. Pero un susto que nos debe facer reflexionar a todos sobre a importancia de manter os montes o máis limpos posible, sobre o acatamento das instruccións da Administración en épocas de alto risco de incendios, sobre a necesidade de ir apostando por repoboar con especies frondosas e autóctonas en sustitución do pirófito eucalipto, sobre a perda ambiental e económica que provoca o lume nos nosos bosques.

Quedou nun susto, pero haberá que extremar as precaucións e seguir cos ollos ben abertos para que na nosa contorna non volvamos padecer esta lacra destrutiva.

…………………………………………………

Fotos cedidas por Paulo Troitiño Iglesias:

Vista do incendio en Salcedo dende Coirados (Marín). Foto de PauloTroitiño.

Collendo auga na lagoa de Castiñeiras. Foto de Paulo Troitiño.

Foto de PauloTroitiño.

Publicado por: MontePituco | 14/08/2013

OS VERQUIDOS ILEGAIS DE RODAS, NA PRENSA LOCAL

Diario de Pontevedra, 13 de agosto de 2013.

La Voz de Galicia, 13 de agosto de 2013.

La Voz, 14 de agosto de 2013.

La Voz, foto de Mónica Irago, 14 de agosto 2013.

Abandonan unas 300 ruedas en el entorno del Pituco en un mes“. unha reportaxe de Marcos Gago publicada en La Voz de Galicia, con fotos de Mónica Irago.

O Concello de Marín vén de ordenar a retirada do centenar de rodas que foran abandonadas nunha finca particular, a carón do antigo campo de fútbol do Pituco. Dende que esta agresión ambiental fora denunciada por unha veciña, publicada en DEFENDE O MONTE PITUCO, reiterada a incidencia ante a concelleira de Medio Ambiente, e difundida pola prensa local, os responsables municipais foron dilixentes na recollida dos neumáticos.

Mais parece que esa rapidez e comprensión non atopa réplica no Concello de Pontevedra con respecto aos dous macro-verquidos de rodas lozalizados no monte veciñal de Lourizán: un na pista de servizo da Variante localizado a principios de mes e outro no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, do que se deu conta esta mesma semana.

O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán di que depende da Concellería de Medio Ambiente. A concelleira de Medio Ambiente di que é cousa do departamento de Disciplina Urbanística. Do Bloque ao Psoe. E o concelleiro de Urbanismo ata hai un par de días, polo menos, non tiña nin idea da existencia deses verquidos.

Por riba, os edís do Bloque entenden que a quen lle corresponde retirar as rodas é á Comunidade de Montes de Lourizán, que en todo caso é unha vítima desta agresión ambiental. Pero culpan desta situación ao PP, que non tiña vela neste enterro, por mudar a Lei de Montes e obrigar os propietarios dos terreos a telos en boas condicións.

E así -de oca a oca e tiro porque me toca- está a situación dos verquidos en Lourizán. Solidariedade, pois, coa Comunidade de Montes Veciña, que non tivo a “sorte” que houbo en Marín ante a colaboración do Concello-

Publicado por: MontePituco | 13/08/2013

MARTES 13: MEIG@S FÓRA!

Martes 13: Meig@s fóra do Monte Pituco!

Faláronme as cálidas e rústicas rutas dos poboados cercanos,

Pedras encantadas e meigas douradas,

Misterio que envolve o aire.

Aire que che atrapa,

Aire que che invita

A un mundo auténtico completo de matices, lendas e tradicións antigas.

O diamante do noso sol que nos acompaña nesta imaxe da terra encantada,

Descansa entre as nubes do ceo estrelado que conta os despreocupados minutos do serán.

Fragmento de “As reliquias da miña terra”, de Ana María Pérez Cerviño.

Publicado por: MontePituco | 13/08/2013

…CENTO E PICO RODAS MENOS

Retiradas as rodas a carón do antigo campo do Pituco.

Neste martes 13 tivemos a boa nova da retirada do verquido ilegal de rodas que foran ciscadas nun mato particular a carón do antigo campo de fútbol do Pituco. As denuncias dos veciños e as xestións ante a Concellería de Medio Ambiente deron os seus froitos. Grazas, a quen corresponda, por erradicar ese foco de contaminación. Ogallá non se volvan repetir agresións ambientais desa gravidade.

Publicado por: MontePituco | 12/08/2013

TERCEIRO VERQUIDO NO QUE VAI DE MES

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

A través da Comunidade de Montes de Lourizán vimos de ter coñecemento doutro verquido ilegal de rodas. O terceiro no que levamos deste mes de agosto nun reducido ámbito xeográfico: o primeiro, na pista de servizo da Variante na parte de Lourizán, a carón do límite con Marín; o segundo, nunha cachada privada ao lado do antigo campo de fútbol do Pituco, en dirección a Arealonga; e o terceiro, no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos da Comunidade de Montes de Lourizán.

Subindo pola pista que conduce ao campo de fútbol hai un primeiro verquido dunha ducia de rodas vellas. Pero hai un segundo verquido ao fondo do aparcadoiro, onde se ciscaron máis dun cento de neumáticos gastados de diferentes tamaños. Moi similares, por certo, aos dos verquidos precedentes.

Sería redundante condear este tipo de agresións tan graves ao medio ambiente. Mais cómpre facer unha reflexión dende o punto de vista práctico.

Se resultase que os autores destes verquidos pertenceran a algún taller, o delicto sería dobre: por unha parte, o propio dano ambiental, e por outro, a fraude ao clientes deses establecementos, que pagan un “canon de reciclaxe” para que os neumáticos que retiran da circulación reciban o tratamento axeitado á normativa. Este procedemento está regulado no Real Decreto 1619/2005, de 30 de Diciembre, sobre a xestión de neumáticos fóra de uso. O artigo 9 sobre “Financiación dos sistemas integrados de xestión” precisa que:

“Os sistemas integrados de xestión de neumáticos fóra de uso financiaranse mediante a aportación polos produtores de neumáticos dunha cantidade acordada pola entidade á que se lle asigne a xestión do sistema, por cada neumático de reposición posto por primeira vez no mercado nacional”.

E ademais, o artigo 7 sobre “Almacenamento e eliminación de neumáticos fóra de uso” establece que:

“De conformidade co artigo 12.2 da Lei 10/1998, de 21 de abril, queda prohibido o abandono, verquido ou eliminación incontrolada de neumáticos fóra de uso en todo o territorio nacional. Asimesmo, de conformidade coa lexislación vixente prohíbese o depósito en vertedoiro de neumáticos enteiros, con exclusión dos neumáticos utilizados como elementos de protección nos propios vertedoiros”.

Deberíase investigar a autoría destes verquidos tan reiterados, avaliar se están vinculados uns cos outros, e sancionar duramente estas accións antiprofesionais, incívicas e vergoñentas.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas no aparcadoiro do campo de fútbol de Salcedo, en terreos de Lourizán.

Mapa dos verquidos ilegais de rodas: 1, pista da variante; 2, explanada do Pituco; 3, aparcadoiro de Lourizán.

Publicado por: MontePituco | 09/08/2013

MÁIS RODAS, AGORA NUNHA CACHADA PARTICULAR NA ZONA DO PITUCO

Outro verquido ilegal de rodas, nunha cachada particular, a carón do antigo campo do Pituco.

Trala denuncia dun veciño de Marín da que nos fixemos eco no blog DEFENDE O MONTE PITUCO, dando conta dun verquido ilegal de neumáticos na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán, moi cerca do límite con Marín, hoxe volvemos dar conta doutra agresión ambiental das mesmas características, esta vez dentro do termo municipal marinense.

Nesta ocasión, unha veciña infórmanos de que hai un par de noites alguén botou unhas 50 rodas nunha cachada particular, situada en fronte do antigo campo de fútbol do Pituco, no lugar onde confluen as pistas da Laxe e da Arealonga.

A denunciante explicounos que xa lle notificaron o caso ao Concello de Marín, pero lamentou que os responsables municipais “non fan nada”.

Semella que neste punto xa se verqueron máis rodas con anterioridade, o que converte a zona nun auténtico punto negro de contaminación. Malia que se trata dun lugar con certo tránsito de vehículos durante o día, tanto de veciños da zona como de persoas que atallan por estas pistas para ir ao centro de Marín ou para enlzar coa estrada de Figueirido ou coa Variante, é durante a noite cando os desaprensivos aproveitan a ausencia de tráfico e a nula visibilidade para achegarse con vehículos de certo porte e bascular os neumáticos no medio da vexetación, de maneira que pasan desapercibidas agás para os propietarios dos terreos e os habitantes da zona.

Foron precisamente os veciños os que quitaron as rodas desta cachada e as apilaron na beira da pista. Á vista das imaxes e do aspecto que presentan os neumáticos, algúns deles levaban tempo tirados porque acumulan restos de terra e mesmo ferruxe no caso dos que non foron desprendidos da llanta. Outros, como nos explicou esta veciña, foron depositados esta mesma semana.

En total, a cantidade aproxímase ao centenar de rodas.

As concellerías de Medio Ambiente ou de Medio Rural deberían colaborar co traslado destes materiais a un punto limpo e investigar a autoría, que tal vez garde relación co verquido descuberto a semana pasada en Lourizán.

No lugar onde están corren o perigo de que alguén poida cometer unha falcatruada prendéndolles lume, ou ciscándoas polo medio da pista co conseguinte risco de que algún condutor teña un percance nun punto que carece de iluminación durante a noite. E ademais, nas proximidades hai un depósito de auga, co correspondente problema de salubridade que conleva a presenza deste material.

Este espazo virtual non só está para expoñer os motivos polos que DEFENDE O MONTE PITUCO se opón ao polígono industrial, ou para promocionar os valores naturais e culturais deste Espazo Natural Protexido; senón tamén para axudar aos veciños e veciñas de Marín ou da nosa contorna que teñan algunha preocupación relacionada co medio ambiente, co patrimonio, coas necesidades da comunidade local.

Agardamos que a plasmación desta queixa contribúa á pronta resolución deste problema, que o Goberno local e as autoridades a nivel autonómico actúen no ámbito das súas competencias. E que non se repitan estes sucesos. Sen dúbida, denuncialos, visibilizalos, é un paso para que os autores destes delictos ambientais non dean en pensar que as súas accións van quedar impunes. A concienciación social, unha vez máis, ten que ser o motor para erradicar estas prácticas vergoñentas.

Outro verquido ilegal de rodas, nunha cachada particular, a carón do antigo campo do Pituco.

Publicado por: MontePituco | 08/08/2013

PLENO DE XULLO (III)

Mañá celébrase o pleno municipal de agosto e aínda faltaba dar conta de como rematou a sesión da corporación do mes pasado.

Eran as 22:30 horas cando se debateu unha moción do Psoe, Bng e Mar-In pedindo a retirada da reforma educativa que prepara Wert, ese ministro “un poco rarito”, como o calificou a socialista Luz Santiago, que criticou o Goberno local porque “había un acuerdo tácito conforme lo que se apoyaba en los Consellos da Muller y de Educación se apoyaba en los plenos, y lo han roto”.

Cando se tratan estes temas de ámbito estatal, a veciñanza que asiste aos plenos ten a sensación de estar asistindo a un debate no Congreso dos Deputados. Xa lle gustaría a máis dun/dunha, pero mal que lles pese, están nun humilde Concello de pouco menos que 30 mil habitantes. A cidadanía quedaríalle máis agradecida se, en vez de ler uns discursos farragosos que lles chegan por email dende a federación provincial, autonómica ou nacional do partido de turno, fixeran o esforzo de aplicar a repercusión desas políticas que eloxian ou critican á vida cotiá do veciño/a co que se cruzan pola rúa.

Na súa intervención, Pilar Blanco acusou o PP de ir “en contra do que pensa a sociedade”, insistindo tamén en que no Consello Educativo votouse en contra da Lei Wer.

A esas alturas do Pleno, o ambiente de dispersión mental dos concelleiros de todos os grupos era esaxerado, como mostra do aburrimento que eles mesmos experimentan despois de dúas horas e media de sesión: uns miraban o teito, otro rañaba nun brazo…

Isabel Martínez criticou que no Consello Escolar do 25 de xuño, cando se presentara a moción que agora se debatía no pleno, a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, dixera que “non tiña coñecemento da lei, algo que di moito dela”, engadiu a edil de Mar-In nun ton irónico. Entre as desvantaxes que enumerou se prospera a reforma educativa, Isabel Martínez advertiu que os consellos escolares perderían competencias, que pasarían ás direccións dos centros, nomeadas pola Consellería; que o ensino público quedaría desprotexido fronte ao ensino privado-concertado; que se subvencionaría a separación por sexos… E con estes datos, instou a Marian Sanmartín a mollarse, argumentando que agora “a disculpa non pode ser que non hai un anteproxecto, porque o hai”.

A réplica da concelleira de Educación foi tan penosa que debería pasar ao rexistro de infortunios argumentais. Unha concelleira con dedicación exclusiva -aínda non tendo experiencia previa no cargo- non pode pasar dous anos nunha Corporación e chegar ao pleno con respostas improvisadas e desafortunadas como as que deu, chegando ao extremo, por riba, de “pelexarse”, no sentido dialéctico da palabra, con outra edil da oposición por cuestións de índole persoal ou familiar.

Marián Santiago xustificouse dicindo que cando se celebrara o Consello descoñecía o tema, pero que agora que xa se informara, chegara á conclusión de que o actual modelo educativo parecíalle fracasado e por iso o PP cambiaba a lei “para probar, probar e probar…”

Con afirmacións deste calibre, non é de estrañar que a oposición se tronche de risa e que a cidadanía se enfade: as persoas non somos ratiños de laboratorio para que os políticos experimenten ao seu antollo con medidas que se lles ocorren peregrinamente.

E seguiu a concelleira de Educación, que cada vez metía a pata máis a fondo: “Nós non queremos queremos quitar o castelán das aulas, este cambio da lei pretende atallar o fracaso escolar, queremos garantir o ensino en todas as linguas cooficiais, deixen traballar no anteproxecto”.

“No se puede ser tan falsa”, espetoulle Luz Santiago no seu segundo turno. “En galego”, interrumpiuna Marián Santiago de xeito totalmente inoportuno, fóra de lugar e con ánimo provocador. “Yo le hablo como me da la gana, no sé gallego porque no lo protegieron cuando yo estudié”, contestoulle a concelleira socialista, visiblemente nerviosa polo tono da súa voz. O argumento podía ter certo cariz demagóxico, pero non paga a pena entrar máis a fondo, porque a esas alturas Luz Santiago xa non daba moito pé con bola, tiña os esquemas rotos o máis que conseguiu dicir foi unha serie de reproches que tampouco viñan a conto: “Usted será millonaria pero yo no” ou “ya puede estudiar uno que sea un ceporro con tal de ser rico”.

“A súa intervención defínea”, contestoulle Pilar Blanco, a quen a nova lei do PP non lle estraña porque “responde a implantar a súa ideoloxía: católica, recentralizar o poder, eliminar as linguas do Estado que son diferentes”.

Isabel Martínez intentou reconducir o debate en termos racionais, reiterando as ideas que xa comentara no seu primeiro turno e engadindo un dato interesante que cómpre ter en conta: “os centros vanse especializar e o rapaz que queira estudar outra cousa terá que ir a outro concello”. Iso é, precisamente, achegar a política ao cidadán, falarlle de como lle van afectar as decisións que toman os gobernantes. Outra cousa é filosofar sobre o divino e o humano, con argumentos de corta-pega.

Antes de que se votara a moción, aínda houbo uns segundos para otro rifi-rafe Marián-Luz. A do PP díxolle á do Psoe: “Os meus fillos van aos mesmo centro que os de vostede”. E a do Psoe contestoulle: “Igual que me expreso como me da la gana, también meto a mis hijos a estudiar donde me da la gana, igual que usted”.

Nunha palabra, patético.

A moción non foi aprobada porque o PP, votando en contra, aplastou os votos a favor de Psoe, Bng e Mar-In.

………………………………………….

O seguinte punto foi unha moción do Bng para rexeitar a creación das brigadas municipais contra incendios.

Pilar Blanco dirixiuse ao Goberno local para que facilitase información, xa que o Bng non tiña costancia de que Marín firmara o convenio coa Xunta. “Moitos concellos de todas as cores políticas rexeitaron o convenio porque as competencias son da Xunta e os concellos terían que sufragar o servizo”, explicou a voceira nacionalista, que puxo como exemplo que “ningún concello do Morrazo subscribira aínda” ese acordo, co cal os montes da bisbarra estaban desprotexidos e estas alturas do verán os traballos de prevención estaban “sen facer”. Pilar Blanco falou de “caos”, de “retroceso”, e criticou que había alcaldes que utilizaban eses convenios para “contratar a dedo” e tecer unha rede “clientelar”.

Marián Sanmartín explicou que o PP votaría en contra da moción e argumentou que este Marín non se ía adherir ao convenio porque “non se dispoñía dos informes necesarios e non temos experiencia previa con Grumires”. Puxo como exemplo o concello de Poio, gobernado polo Bng e o Psoe, onde curiosamente pediran máis dotación: “Veremos como mete o persoal, con dedo ou sen dedo”, chimpoulle Marían Sanmartín.

Dende o Psoe, Pazos Lamoso amosou a súa sorpresa porque había dous meses que preguntara por esta cuestión e non lle contestaran “e agora entérome pola moción do Bng”. Pois volvera ter preguntado, señor Lamoso, e así o Bng non lle tería pisado o tema, ou si llo pisaría de todos modos, habida conta da afección do Bng a presentar re-mocións das mocións que presentan os demais grupos da oposición.

“Deste tema sei un pouco”, dixo o concelleiro que en certa ocasión chegou a afirmar que o Monte Pituco era o sitio máis chan de todo Marín para instalar un polígono industrial. Como para fiarse da súa contrastada experiencia

Pazos Lamoso pensou que lles descubría aos demais a fórmula da coca-cola cando afirmou que con este convenio os concellos librábanse de pagarlle o 21% de IVE á empresa pública Seaga. Ou algo así, porque o edil socialista non se caracteriza precisamente por ser claro abondo nas súas explicacións. O que si se preguntou é que, no caso de que o convenio se asinara, tiña que vir a pleno. Na súa inmensa clarividencia, tamén deu por sentado que “caerán centos de demandas” no colectivo dos traballadores deste sector, e que á larga adherirse a este convenio era “caro” para os concellos porque se metían en competencias que non lles correspondían.

Lamoso recomendoulle á concelleira de Medio Ambiente que para o próximo ano non asine o convenio, porque no fondo traía como consecuencia “máis risco para o monte, os veciños e os traballadores”. E ante as críticas de alcaldes como os de Moaña e Cangas, o delegado territorial da Xunta tivera que “presionar para que contrataran, porque se non o plan caíalle”.

Isabel Martínez reprochoulle á concelleira de Medio Ambiente que la comisión dixera que estaba “esperando un borrador” pero coincidou co seu homólogo do Psoe en que firmar o convenio non era boa idea porque a xente que entraba a traballar nesas brigadas non tiña formación específica, nin medios e metíanse ao monte “mal ordenados”. “Cando hai mortos, é xente que non ten experiencia do que hai que facer no monte”, engadiu a concelleira de Mar-In, que tamén criticou que “se publicite que se queira adelgazar a Administración e pola porta de atrás se meta máis xente” con medidas deste tipo.

En canto ao exemplo de Poio, Isabel Martínez afirmou que o concello veciño fixera “ben” a selección do persoal, a diferenza de Forcarei, “que publicitou pero non asignou ben”. En definitiva, amosouse satisfeita de que Marín non asinara o convenio e pediulle ao Goberno local que o ano próximo tampouco o asine. “Poden ser vostedes do PP pero non teñen que dicir amén a todo”, concluiu.

Volveu tomar a palabra Pilar Blanco, facendo alarde de que ela tampouco ía ser menos que os demais interesándose polas brigadas e polo convenio moito antes que os outros partidos: “A secretaria é testemuña de que preguntei este tema e vostede dixo que non había nada; e agora di que non se vai asinar o convenio pero vai votar en contra da moción; e aínda por riba critica o concello de Poio…”

Sacou peito a voceira do Bng para afirmar que o alcalde de Poio “sabe bastante máis que vostede de selección de persoal”, tendo en cota que nos lumes de 2006 fora un dos municipios máis castigados, e pediulle “máis prudencia” á hora de criticar os demais.

Pero como do que se trataba era de deixar o PP en evidencia, botoulle en cara que mentres o Goberno local gasta 24.000 euros para instalar hinchables nas praias, os montes do Morrazo estaban en mans de 15 persoas de Seaga e non había cartos para contratar brigadas contra incendios.

Esta crítica non tiña sentido ningún porque se a moción precisamente era para rexeitar a contratación desas brigadas, non viña a conto reprocharlle ao Concello que non as contratara, precisamente. Así de enrevesadas son as lideiras do Bloque de Marín, capaz de criticar unha cousa e a contraria.

Marián Sanmartín aclaroulle á oposición que o Concello aínda estaba en prazo para asinar o convenio, se o tivera considerado oportuno. Pero tendo en conta que non había persoal municipal capacitado para ese traballo e que o orzamento que se lle pedira a Tragsa “íase de prezo”, porque a idea do Goberno local era “externalizar” ese servizo, finalmente optárase por non subscribir o convenio e agardar a coñecer a experiencia dos concellos veciños que si se adheriran.

“Se teñen dúbida en algo do que sei, axúdolles”, engadiu Pazos Lamoso, que aínda debe ter nostalxia do cargo que tiña na anterior lexislatura. O concelleiro que sitúa o Monte Pituco entre as maiores planicies de Marín e se acaso do mundo enteiro, non quixo quedar sen dar unha pequena charla sobre a orientación xeográfica de Marín, que se é distinta á de Poio, Cangas ou Honolulú. E que cando ardía en Marín tiñamos a inmensa sorte que os lumes eran máis suaves; que o bosque podía quedar chamuscado, pero con suavidade. Insistiu en que era un convenio “caro” e advertiulle ao Goberno local que como o ano próximo o asinen, “terédesme en contra”. Que medo!

A oposición votou a favor, pero a moción quedou rexeitada cos votos do PP.

…………………………………………………….

Ás 23:30 comezou o turno de rogos e preguntas.

No seu perfecto castelán, o exalcalde Francisco Veiga comezou a súa retórica:

“Los convenios tienen que venir a pleno”.

Preguntou polo expediente das festas, criticando que o Goberno local só informaba a través da prensa.

Preguntou se o Concello podía garantirlle aos veciños que as atraccións eran seguras, se houbera unha empresa supervisando que se cumprían as normas.

Aludiu ao tema de Acuanorte, que a financiación dos fondos Feder abarcaba os anos 2007-2013, pero como había un retraso e os fondos europeos cubrían o 43% do custe das obras, preguntou se o concello podía pedir unha prórroga porque, se non se podía xustificar, o concello tería que asumir todo o importe. “Están tomando alguna medida? Cuándo se va a conocer el nuevo trazado?”.

María Ramallo contestoulle en galego:

Sobre os convenios, que non facía falta levalos a pleno se non implicaban custe económico.

Sobre as atraccións, que se contratara unha inspección técnica previa á montaxe.

Sobre Acuanorte, que os fondos europeos cubrían o 70% das obras, non o 40. E que era Acuanorte a que tiña que pedir a prórroga, pero que aínda que estaban xustos de tempo, estaban en prazo.

Tamén lle trasladou información dunha pregunta pendente dun pleno anterior, referente a unha comunión que ao parecer se celebrara no pabillón da Cañota: non había solicitude previa, que se contactara coa familia a través do teléfono que figuraba no papel facilitado por Veiga, que contestaran que soamente quedaran para xogar un partido de fútbole e merendar, e que o pabillón fora o punto de encontro e xogaran alí.

Muradas preguntou polas sinais de tráfico na entrada das zonas peonís, se se presentara reclamación contra a empresa das obras en Ezequiel Massoni. Tamén insistiu na situación do caso Antalsis e criticou o “tufo a inseguridade xurídica” que apreciaba: “Le voy a preguntar en todos los plenos, no consiento que esa empresa intentara estafar al ayuntamiento de Marín”. Daquela comezou a botar un discurso, facendo constar que xa consumira os 3 minutos que lle correspondían polo novo regulamento do pleno.

E seguiu con máis rogos, preguntas e consideracións variopintas: o Arela, a liquidación do orzamento do que tiñan que “haber dado cuenta”, as carpas da alameda, a falta de sombra e un longo etc.

A alcaldesa contestoulle que as sinais chegaran onte. Sobre Ezequiel Massoni, que o prazo “pasouse”, que había que cuantificar a obra que había que realizar para reclamar ese importe no xulgado. En canto a Antalsis, replicou que o argumento de Muradas “non era exacto”: que o concello incautaría a fianza, que o expediente iniciárase en xaneiro, cando rematara a obra, e que dende entón emitíranse informes técnicos e xurídicos.

Para non variar, Muradas interrumpía as explicacións de María Ramallo, que nun momento dado, freou o concelleiro do Psoe: “Son as 12 menos cinco e aínda faltan máis da metade por preguntar”. Para rematar de replicar a Muradas, volveu botar man da retranca: “E aprenderemos a non podar”.

Lamoso, que sempre ten máis que dicir, quedou tan ancho ao afirmar que nos seus catro anos como concelleiro non lle pasara nada semellante ao da poda das árbores da alameda. Tamén se amosou contrariado porque as atraccións das festas ían taladrar unha superficie recén asfaltada, preguntou polo servizo de limpeza, e criticou que Ramallo comparara o que calificou como un “vicio oculto” dunha construcción, no caso da rúa Ezequiel Massoni, que se executara co Goberno anterior, e un “timo en toda regra”, no caso de Antalsis.

E por último, cometeu a gran metedura de zoca que deixou en evidencia o apampamento que abunda no Psoe: “Quiero felicitar a Enmacosa por el trabajo serio de inspección de las atracciones de las fiestas”… A risotada de María Ramallo foi inmediata. Apenas uns minutos antes, Francisco Veiga acababa de preguntar se o concello podía garantir a seguridade das atraccións. A Pazos Lamoso non lle pareceu nada ben que o deixara en cueiros: “A estas horas, los chascarrillos…”

Carmen Villanueva preguntou se a gardería do Colexio San Narciso tiña licenza, e queixouse de que Marín estaba “invadido de cagadas de cans”. A alcaldesa contestoulle que non tiña constancia da gardería e confirmou que, efectivamente, recibiran queixas sobre os excrementos dos cadelos nas vías públicas.

Pilar Blanco pediu que se limpara o manancial da fonte da Grela, preguntou polo prezo público para a ocupación da alameda, pola resolución de ocupación da alameda para as actividades de Mar-Marín. Tamén preguntou pola rampa da praia do Santo e por que se encarecera o proxecto de Acuanorte.

María Ramallo contestou que o prezo público da Alameda era o mesmo que en calquera outra zona e que se aplicaba a ordenanza. Que as carpas instaladas na Alameda tiñan autorización e non era necesaria resolucíón. Que non tiña coñecemento sobre a rampa da praia, que o baño na finca do Santo non se podía facer porque a propiedade do espazo non era municipal. E sobre o orzamento de Acuanorte, que o encarecemento se debía á ocupación de viais e á reposición dos mesmos.

Tamén na súa liña, Pilar Blanco quixo volver intervir para aclarar “nonsesabequé” dunha denuncia sobre o tema da praia e como María Ramallo non lle daba oportunidade para falar de novo, fixo coma sempre: acusar a alcaldesa de querer tapar e non querer dar explicacións.

Xosé María Vilaboa preguntou se estaban licitadas as obras do centro de saúde, sobre a sentenza do Tribunal Supremo que ordenaba levantar os recheos: “O plan especial legaliza os recheos?”. Pediu que se adecentara unha beirarrúa na esquina da Cañota, a carón dun edificio antigo que quedou a medio construir. Sobre ese mesmo caso, canto custarían eses traballos e se podían reclamarlle o importe ao promotor.

Tamén fixo unha batería de preguntas sobre a cafetería da praza de abastos, da que dixo que “non existe expediente”, que o que hai é un “cambio de titularidade”: se tiña licenza de actividade, licanza de obras, permiso de Patrimonio, cal era o horario da cafetería, se pagaba pola terraza… E tamén meteu baza no tema de Antalsis, acusando a alcaldesa de mentir: “Os papeis cantan, o técnico tardou 51 días en informar, e quen asumía a responsabilidade política pola caducidade”.

Sobre o centro de saúde, María Ramallo comentou que está adxudicada a redacción dos proxectos, e que agardaba que a finais deste ano houbera unha empresa asignada. Que non había ningún informe sobre o tema do porto, que consultaría co abogado do Estado. Sobre o edificio da Cañota, dixo que era unha desgraza que caducara a licenza e houbera veciños implicados que mercaran pisos nese inmoble; o concello estaba calculando o custe das obras para ver se cubrían coa fianza.

Que non tiña información nese momento sobre o tema da cafetería da praza. E sobre Antalsis rexeitou as acusacións de mentira: “Ao mellor vostede sabe de expedentes que lle caducaron a vostede”.

A intervención de Esther Crespo non valeu nin para espichala nun pau, con tres cuestións sen sustancia ningunha, tratándose dunha concelleira de San Xulián que nunca pregunta polas moitas cousas que habería que mellorar na súa parroquia: Que as actas da xunta de goberno estaban incompletas e faltaban follas, que os arcos do alumeado das festas na rúa Jaime Janer “parece que os foron buscar a unha chatarrería”, e cal fora o criterio para non permitir a venta ambulante aos ecuatorianos na avenida de Ourense.

A alcaldesa contestoulle que o concello quedara descontento da empresa que se fixera cargo do alumeado do Nadal e que cambiaran a outra; e sobre os postos ambulantes, que o Concello decidira non ocupar o paseo porque os vendedores ocupaban moitas prazas de aparcamento, que montaban as tendas contra a reixa do porto e que a imaxe non era favorecedora na entrada de Marín. Que lles ofreceran instalarse no parque Eguren ou no paseo Alcalde Blanco.

Por último, Isabel Martínez preguntou por que as luces do campo de fútbol estaban acesas de madrugada, que había baldosas levantadas en varias beirarrúas de Seixo, que había farolas avariadas en Ezequiel Massoni, que había un camiño en Loira intransitable e con ratas, que os veciños de Seixo se queixaban de que non pasaba a máquina barredora, que había veciños de Marín que se queixaban de que a vila estaba “chea de merda”, coas beirarrúas “asquerosas”, que as caravanas instaladas en República Argentina ocuparan a zona de calquera maneira…

A alcaldesa explicoulle que houbera un torneo de fúbol-7 de madrugada, que se avisaría a brigada para que se pasara por Seixo. Sobre a limpeza, recoñeceu que había queixas, malia que as brigadas estiveran limpando en distintas zonas; que se revisarían os problemas de salubridade na zona das caravanas; e que as lousetas levantaran nalgúns puntos polo calor de días pasados. A outra pregunta sobre as horas extra, María Ramallo admitiu que se estaban facendo máis horas extra porque se facían máis obras coas brigadas municipais para non contratar unha empresa.

A sesión rematou pasadas ás 00:35 da madrugada.

…………………………………………

A orde do día no pleno deste venres correspondente ao mes de agosto é o seguinte:

1.- Aprobación, se procede, do borrador da acta da sesión ordinaria celebrada o 12 de xullo.

2.- Expte.: 323/12 – Ditame da Comisión Informativa de Turismo e Comercio en relación coa modificación puntual do Regulamento de venda ambulante do Concello de Marín.

3.- Expte.: 385/13 – Proposta do concelleiro delegado de Urbanismo e Facenda para a remisión ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente da “Documentación para a modificación do texto refundido do PXOM de Marín nos núcleos costeiros” para a adaptación e aplicación da D.T. 1ª da Lei 2/2013, de 29 de maio de protección e uso sostible do litoral e modificación da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, recabando o informe previsto na mesma.

4.- Expte.: 461/08 – Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda en relación coa Addenda nº 1 ao Convenio subscrito para a construción e explotación da actuación “Nuevo abastecemento de agua a Pontevedra y su ría”.

5.- Expte.: 356/13- Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda en relación coa moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE, instando ao Concello a renunciar á solicitude de cambio de titularidade do trazado da estrada PO-11, no termo municipal de Marín, feita ao Ministerio de Fomento, o 17 de outubro de 2007.

6.- Posta en coñecemento das resolucións ditadas no mes de xullo.

7.- Posta en coñecemento da Corporación da Resolución da Alcaldía, de 12 de xuño de 2013, de aprobación da liquidación do orzamento do exercicio 2012.

8.- Expte.: 411/12 – Posta en coñecemento da Corporación da Orde do 19 de xullo de 2013 de aprobación definitiva do Plan Especial de Ordenación do Porto de Marín e Ría de Pontevedra.

9.- Expte.: 201/13 – Posta en coñecemento da Corporación da Resolución da Alcaldía, de 30 de xullo de 2013, de aprobación do Convenio de colaboración entre o IGVS e o Concello de Marín para o financiamento, en 2013, dos gastos de mantemento do ARI en Marín.

10.- Interpelacións, rogos e preguntas.

Publicado por: MontePituco | 07/08/2013

SEGUNDA REUNIÓN SOBRE ACUAES (ANTIGA ACUANORTE)

Diario de Pontevedra, 7 de agosto de 2013.

La Voz de Galicia, 7 de agosto de 2013.

O director do proxecto da nova rede de abastecemento de auga que proxecta Acuaes -anterior Acuanorte- estivo na Casa de Montes de San Xulián para explicarlle aos veciños o proxecto alternativo no que están traballando. César Prieto comezou precisando que a Sociedade Estatal aceptara a alegación do Concello de Marín e que el mesmo atendera a moitos afectados que demandaran información. Tamén explicou que o proxecto orixinal redactárase en 2010, cando o PXOM aínda non estaba aprobado e que agora, habendo un planeamento urbanístico, parecíalle “razoable e lóxico” que os técnicos do proxecto se adecuaran aos novos condicionantes.

O novo trazado aproveitaría viais existentes: os de titularidade municipal habería que anchealos “temporalmente” para que as máquinas puideran traballar, pero que, ao remate da “cesión temporal”, os terreos reverterían nos seus propietarios.

“As afeccións van ser mínimas, agás para o novo depósito”, aclarou César Prieto, que precisou que se están barallando alternativas para a súa ubicación. Apuntou ao lugar do Casal, na zona de Cadro. Se no primeiro proxecto o depósito se localizaba próximo ao xa existente, César Prieto sinalou que a decisión respondía ao criterio de “agrupar infraestruturas para evitar ir poñendo cousas por todo o concello”.

En todo caso, e a falta dunha proposta definitiva, Prieto indicou que dependerá da presión e da cota, e que para unha obra desas características precisan unha zona “chan e despexada”. Tamén xustificou a necesidade da instalación dese segundo depósito porque “Marín abastécese dun só punto en Pontevedra”. E habendo o que calificou de “puntos de consumo fortes”, como o centro urbán e o porto, estaba probado que “no verán hai problemas de presión e non chega a auga en boas condiciósns”. A iso engadiu ademais que con dúas fontes de abastecemento “paralelas”, en caso de que unha fallara, o servizo estaba garantido coa outra.

Despois desta introdución, botou man do ordenador para amosar nunha pantalla, a través dun mapa de Google, por onde discorrería o novo trazado. Partindo do Pituco, baixaría pola estrada e, ao chegar á “cascada” que hai na curva entre A Pena e O Caeiro, subiría pola costa que xa enlaza coa pista de servizo da Variante de Marín, polo lado de abaixo.

A "cascada" pola que baixa a auga con forza dende o Pituco.

Chegando á parte de arriba de Macenlle, César Prieto sinalou que intentarían “non chegar ás casas”. Xa en Pardavila, cruzaría polos pilares da ponte. Continuaría na zona de Fixón, por camiños veciñais “moi estreitos”. O director do proxecto expuxo que habería algúns puntos nos que, malia que o camiño trazara unha gran curva, optarían por acurtar en liña recta, polo que lle solicitou aos veciños dos terreos afectados que foran “razoables”. Finalmente, a tubaría volvería ás proximidades da Variante, engancharía coa estrada provincial e, tras pasar pola Brea, chegaría ao final na estrada de Bueu.

O representante de Acuaes calcula que aínda tardarán uns 5 meses en ter un proxecto definitivo cunha relación de afectados. Que ao, rematalo, o proxecto sairía a concurso para as empresas interesadas en executar as obras. Someteríase a información pública e os veciños terían un prazo para presentar alegacións.

Para intervir nos viais, Acuaes xa lle solicitou permiso formal ás Administracións provincial e autonómica que, “en principio están a favor”, coa única condición de “non tocar a Variante”.

Unha veciña tomou a palabra para reiterar a súa oposición ao depósito previsto inicialmente no lugar de O Pozo, argumentando que os veciños non estaban contentos co depósito existente na actualidade, que perde auga. César Prieto explicoulle que o depósito podíase empermeabilizar e que as fugas “non van en contra da estabilidade estrutural do depósito”.

Otro veciño propuxo que se aproveitara a posta en marcha destas obras para “levar unha tubaría a cada parroquia”, aínda que despois foran o Concello ou a Xunta os que acometeran o resto da actuación para completar o trazado ata as vivendas.

O concelleiro Ramiro Gestido explicou que o proxecto que redacta Acuaes é “unha estrutura principal” dende a que logo podería ser posible subministrar a outros lugares. Pero Gestido, que dentro do Goberno local é o que coordina o proxecto, xa se pronunciou cunha frase un tanto lapidaria: “o que haxa que expropiar, expropiarase”.

Planos de Acuanorte coa tubería orientada ao Monte Pituco.

En canto ás alegacións que presentara DEFENDE O MONTE PITUCO no mes de abril e que non recibiran resposta, César Prieto anunciounos que Acuaes ACEPTARA a nosa alegación, de xeito que NON se construirá a conducción para o colector previsto no proxecto inicial.

Consultado o Concello por parte de Acuaes, o Goberno local de Marín indicoulle á Sociedade Estatal que a construcción do polígono industrial previsto no Pxom “non era unha prioridade”, polo que os técnicos optaron por non meterse en camisas de once varas e renunciar a esa canalización que subía polo Monte Pituco arriba ata máis o menos o acceso a onde estaba a área recreativa no recheo da Variante.

Non obstante, esta boa noticia ten un “pero”. Aténdose ás indicacións municipais ou ao propio Pxom, César Prieto díxonos que instalarían unha “T” que o día de mañá podíase utilizar ou non. Dende logo, en DEFENDE O MONTE PITUCO seguiremos loitando para que esa “T” nunca se use e que a tubería quede tal e como está polo tempo que dure esta infraestrutura.

Depósitos do manancial de Fontenla, pertencente aos veciños do Caeiro.

Outro aspecto sobre o que chamamos a atención do director do proxecto foi sobre a existencia dun depósito de auga que abastece aos veciños do Caeiro, tendo en conta que xusto no inicio da pista de servizo da Variante hai unha serie de tubarías que, dende o depósito, chegan ás vivendas. César Prieto explicounos que antes de que comecen as obras os técnicos contactarán cos habitantes de cada zona en xeral e da Pena e Caeiro en particular, para que detallen calquera observación que os operarios teñan que ter en conta antes de iniciar os traballos, evitando así desperfectos nas conduccións da auga do manancial do Pornedo e molestias para os usuarios.

E por último, fixemos moito fincapé nun aspecto patrimonial que tamén se puxo en coñecemento do concelleiro Gestido. Na pista de servizo da Variante, por riba das casas do Caeiro hai un conxunto rupestre catalogado, o petroglifo de Piñeiral de Caeiro, que cómpre que se “respecte”. E entrecomillamos o verbo “respecte” porque no seu día, cando se trazou o itinerario da Variante e dos seus viais de servizo, NON se respectou.

Petroglifos de Piñeiral de Caeiro (foto, Lukas Santiago)

Os gravados rupestres son Bens de Interese Cultural, contan coa máxima protección e hai unha Lei de Patrimonio que detalla cal debe ser o seu tratamento e conservación. As obras da Variante demostraron que, ante os intereses políticos ou económicos, non hai Lei de Patrimonio que valga, e que se a área de cautela dun petroglifo é de polo menos 200 metros, o de Pinal de Caeiro é a proba de que incumpriu flagrantemente. Aínda polo menos tiveron a “sensibilidade” -dixo sexa tamén entre aspas- de non levalo por diante cando as máquinas entraron no monte coma o exército de Pancho Villa.

O caso é que a pista de servizo da Variante pasa a poucos metros dese petroglifo catalogado e tanto o Concello como Acuaes van ser informados por DEFENDE O MONTE PITUCO da súa localización exacta para que os técnicos e os responsables da obra garantan que as obras NON van perxudicar este vestixio prehistórico. Como o propio César Prieto sinalou -sendo de agradecer a súa boa disposición- non sería lóxico que o Ministerio de Medio Ambiente faga unha obra que dane un elemento que o propio Ministerio debería protexer.

Posto que esta rede de abastecemento de auga é unha obra de interese xeral, e que a pista de servizo xa existe aínda que pase a carón do petroglifo catalogado, pensamos que o máis prudente é compatibilizar a instalación da tubaría coa preservación inexcusable do gravado rupestre. Seguramente vaia ser un traballo complexo e delicado, posto que o terreo ocupado para acometer as obras sería duns 15 metros de ancho, pero nesta reunión César Prieto asegurou que sería posible coidar do xacemento arqueolóxico dispoñendo ao seu redor dun valado de protección, ou algunha medida análoga. A propia Xunta, a través do Servizo de Patrimonio, debería ser a primeira en facer esta observación tan elemental en canto os técnicos de Acuaes lle remitan o proxecto para informalo e emitir o seu dictame.

En conclusión, DEFENDE O MONTE PITUCO agardará ao periodo de exposición do proxecto definitivo correspondente ao termo municipal de Marín, coa confianza de que o colector previsto anteriormente no Monte Pituco desaparecerá. E no periodo de presentación de alegacións formularemos por escrito as medidas que cómpre tomar para non danar a tubaría que conecta os tanques do depósito do Monte Pituco coas vivendas dos veciños, ademais de alertar sobre a presenza do petróglifo de Piñeiral de Caeiro.

Publicado por: MontePituco | 06/08/2013

ENCHENDO O ‘REFUGAFOS’

Na derradeira xornada da campaña de limpeza do río Gafos, organizada por Vaipolorío.

Esta pasada fin de semana rematou a campaña de limpeza do Gafos que vén organizando, dende hai trece anos, a asociación Vaipolorío. Na derradeira xornada quitáronse do leito do río e das súas beiras moitos restos de bolsas de plástico, fragmentos de cristal e algunhas botellas, potas de cociña e, entre os voluminosos, una caixa de cervexas, tubos e “pouco” máis. Uns cantos centos de quilos menos de lixo, entre esta xornada e as precedentes, que contaron coa participación de membros da asociación e voluntarios.

Colaborar na limpeza do río Gafos é tomar conciencia do desamparados que están os espazos naturais; é comprobar ata que punto hai xente sen escrúpulos nen principios que bota no río -ou no monte- o que lle estorba, habendo contenedores e puntos limpos onde ese lixo recibiría o tratamento oportuno; é atopar persoas que senten respecto polo medio ambiente e deciden adicar un pouco do seu tempo a actuar de xeito voluntario na súa mellora aínda que outros pasen de longo pensando no tolos que están e no tempo que perden.

Cando habitualmente percorremos o Monte Pituco bolsa en ristre, botando nela as latas, botellas, paquetes de tabaco ou envoltorios de plástico que atopamos polo camiño, mudamos de escenario por unhas horas para solidarizarnos con Vaipolorío e apoiar a súa causa a prol da defensa do Gafos e da promoción dos seus valores ecolóxicos.

Porque ademais de achegar un minúsculo gran de area na recuperación deste contorno fluvial, a visita ao Gafos serviu para aprender moitísimos sobre fauna e flora: atopar a “camisa” dunha libeliña, aprender a diferenza entre as libeliñas e os cabaliños do demo -que en portugués chaman cabaliños de deus, curiosamente-, saber da existencia duns minúsculos fungos que medran ao abeiro da humidade e que Vaipolorío está estudando coa axuda dos biólogos, coñecer a existencia da “tritonia”, unha planta de ribeira invasiva que foi arrincada para evitar a súa expansión…

E inspeccionar espazos tan interesantes como o Muíño do Toxal, coa súa presa, co seu pequeno paso de pedra; ou apreciar o traballo de recuperación da microtoponimia, que se plasmou nos numerosos postes sinalizadores que van bordeando o río.

Vaipolorío, que xa ten ás súas costas unha longa traxectoria e que por sorte conta cun amplo e merecido recoñecemento social, ten aínda moito traballo por diante: lidar coas Administracións -sen descartar a vía xudicial- para que se resolvan canto os graves problemas de saneamento do Gafos. Un río que, segundo vai chegando á zona (in)civilizada, vaise rodeando de naves industriais, arquetas da rede de sumidoiro que rebordan cando se atascan, provocando contaminación e mortandade na fauna fluvial.

Unhas Administracións -cos responsables políticos de turno- que non deberían ser insensibles nen culparse mutuamente para deixar correr o tempo. O “refugafos” estará sempre para lembrarlles que Vaipolorío está facendo o traballo que a eles lles corresponde.

Camisa de libeliña, no cauce do Gafos.

Fungos minúsculos que están estudando os biólogos do Gafos.

Flora do Gafos.

Plantas invasivas que foron arrincadas: tritonia.

Flora do Gafos.

Nave industrial a carón do río Gafos.

Postes sinalizadores coa toponimia do Gafos: Fonte Eiriña.

Poste sinalizador da toponimia do Gafos: Muíño do Toxal.

Presa do Muíño do Toxal, no río Gafos.

Negativamente sorprendente: a cantidade de arquetas de sumidoiro que hai ao longo do cauce do Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

Ameneiro do Gafos.

Publicado por: MontePituco | 05/08/2013

O VERQUIDO ILEGAL DE RODAS, EN VÍAS DE SOLUCIÓN

La Voz de Galicia, 4 de agosto de 2013.

A proxección mediática do verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante fixo que os Concellos de Marín e de Pontevedra tiveran coñecemento desta lamentable incidencia. Será este último o que finalmente se faga cargo das xestións para a súa retirada e da investigación para determinar a orixe e as consecuencias que se deriven desta grave neglixencia. Houbo certa confusión na información publicada sobre a identificación do lugar no que se localizaba o verquido; probablemente porque Defende o Monte Pituco é un colectivo de San Xulián, aínda que non todos os feitos e situacións dos que se dan conta neste blogue teñan que ver exclusivamente con esta parroquia ou con Marín. Unha vez máis, cómpre felicitar o veciño que deu a voz de alarma sobre a existencia desta agresión ambiental. Defende o Monte Pituco simplemente actuou como plataforma de difusión da súa queixa e seguirá estando a disposición das persoas e colectivos interesados e preocupados pola conservación do medio ambiente, do patrimonio natural e cultural, dos nosos montes e polas cuestións de interese social. Afortunadamente, o caso dos neumáticos está en vías de solución. Velaremos para que así sexa e, cunha sociedade comprometida e vixiante, agardemos que os desaprensivos se manteñan afastados desta zona cando teimen en desfacerse das súas “vergoñas”.

La Voz, 5 de agosto de 2013.

Publicado por: MontePituco | 02/08/2013

VERQUIDO DE RODAS NA VARIANTE (II)

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán.

Hoxe estivemos na escena do “delicto”, en Lourizán, vendo o regueiro de rodas que os desaprensivos ciscaron pola conducción da auga e contra o valado metálico que separa a pista de servizo da Variante. Uns veciños que pasaban por alí comentáronnos que o verquido ilegal leva unha semana nese lugar e que non é a primeira vez que se producen feitos similares no contorno. Na anterior ocasión, descubriuse quen fora o (ir)responsable, que foi obrigado a reparar a súa acción retirando o material que deixara tirado.

Mañá sairá na prensa local, debido a que un xornalista que consulta periodicamente este blog atopou o artigo de onte. Dende o outro lado do teléfono, transmitíanos o seu asombro -no sentido negativo da expresión- ante  a barbaridade que evidenciaban as imaxes. As de hoxe son, se cabe, máis impactantes porque os primeiros planos son coma unha labazada na cara de quen ten unha mínima sensibilidade e sente rabia e indignación ante estas e outras agresións contra o medio ambiente.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán.

 

Publicado por: MontePituco | 01/08/2013

VERQUIDO DE RODAS NA PISTA DA VARIANTE

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante de Marín.

Son máis dun cento de rodas procedentes, tal vez, dalgún taller. Os autores deste verquido ilegal non teñen excusa; actuaron de xeito irresponsable e incívico. E ogallá os axentes de Medio Ambiente da Xunta aos que se lles notificou esta grave incidencia abran unha investigación para dar cos culpables e se lles impoña unha sanción exemplar.

Este feito tan lamentable lémbranos outras agresións aos nosos montes: Xeve, Poio… neste último caso, a comunidade de montes Rega dos Agros foi obrigada a facerse cargo da retirada dos neumáticos a pesar de ser os promotores da denuncia e as vítimas do verquido no terreo veciñal. Aos responsables destas falcatruadas deberíalles pesar na conciencia, se a tiveran, por facer pagar a xustos por pecadores.

La Voz de Galicia: “Investigan un vertido de ruedas a una finca de Xeve

Faro de Vigo: “Medio Ambiente da un mes a Rega dos Agros para retirar los vertidos del monte“.

No propio Monte Pituco téñense localizado tamén depósitos de lixo non só con rodas, senón tamén con outros materiais de refugallo: “Sanción polo verquido nas Presas“.

Nesta ocasión, os neumáticos están ciscados pola pista de servizo da Variante de Marín, nun lugar que se atopa por debaixo da ponte próxima á arboreda que hai antes do cruce do Regueiriño, en dirección a Louredo.

Dende Defende o Monte Pituco queremos agradecer a preocupación e a sensibilidade do veciño que tomou estas imaxes, e que nos fixo partícipes desta situación que denunciamos publicamente a través do bloque.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante de Marín.

 

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante de Marín.

Verquido ilegal de rodas na pista de servizo da Variante de Marín.

Vista da Variante de Marín dende un lugar próximo ao punto onde está o verquido ilegal.

[Fotos cedidas polo denunciante]

Publicado por: MontePituco | 31/07/2013

PLENO DE XULLO (II)

No cuarto punto da orde do día tratouse unha moción de Mar-In para regular a taxa polo uso do espazo público que ocupan os caixeiros automáticos dos bancos. O concelleiro de Facenda sinalou que a cantidade que se fixaba era de 402,45 euros. Francisco Veiga anunciou o voto a favor dos socialistas e explicou que o documento viña sendo unha copia do que había, para este tipo de casos, na páxina da FEMP. “Aquí aplícase un criterio estatal, pero poderíase aplicar o criterio que fixemos para as terrazas”, precisou Veiga quen, ademais asegurou que o cálculo favorecía as entidades que tiñan máis cuota de mercado.

“Sorpréndeme que faga esa intervención agora”, replicoulle Isabel Martínez Epifanio, posto que o dictame fora apoiado por unanimidade na comisión. E, bromeando, engadiu: “Éntranme ganas de pedir que quede sobre a mesa”, en alusión a que a observación de Veiga chegaba fóra de prazo. Pero Veiga aparece cos deberes feitos cando lle cadra e como lle cadra: para o caso debeu botar en conta que quedaba como diola deixando caer esa brillante idea no pleno, cando o momento oportuno tería sido cando se decidía a cuantía da taxa.

Santos explicou que o Concello tiña “liberdade” para poñer a cuota que quixera e non se opuxo á posibilidade de que se aparcara a moción que os demais grupos querían “darlle unha volta”. Pero finalmente houbo votación e aprobouse por unanimidade.

A seguinte moción, tamén de Mar-In, trataba sobre a reforma da lei do aborto e fora dictaminada desfavorablemente -como era de esperar- na comisión correspondente. Neste sentido, Isabel Martínez comezou a súa intervención dando por feito que se rexeitaría cos votos do PP, como así foi. Dirixíndose a Marián Sanmartín, a edil de Mar-In lamentou que os argumentos da concelleira popular foran “de tipo relixioso” e que trataba un “tema delicado”. Para a voceira de Mar-In, a moción pretendía aclarar que, aínda que “ningunha muller está obrigada a abortar, a lei debería garantir unhas mínimas condicións sanitarias para a que quixera facelo”. Dito en román paladino, iso significaba que se prosperaba a reforma da lei por parte do PP “abortarían os ricos, pero fóra de España, e os pobres aquí, pero como cadrara”.

Quixo destacar Isabel Martínez que no Consello Municipal da Muller tamén se votara este tema e que o resultado fora de 8 votos a favor sobre 5 en contra (entre eles o da Asociación de Amas de Casa, Virxe do Porto e a Asociación de Mulleres Marroquís, malia que unha representante deste colectivo, segundo explicou a edil de Mar-In, recoñecera ali publicamente que acompañara a unha muller a que lle practicaran un aborto). “Ninguén está libre de ter alguén cercano que poida pasar por esta circunstancia”, explicou Isabel Martínez, na súa defensa da moción.

Marián Sanmartín criticou que a moción estaba feita “a base de recortes de prensa”, matizou que o seu rexeitamento non se debía a motivos relixiosos, senón á “diversidade cultural” do concello, e amosouse partidaria de “esperar a ter o borrador da lei para pronunciarse”.

Desde o Psoe, Carmen Villanueva criticou que a negativa do PP a aprobar a moción fose “radical, por motivos religiosos”. Tamén argumentou que o Consello da Muller é “para algo máis que poñer lazos” e, aínda que non se coñecía a proposta da nova lei, espetoulle á concelleira do PP: “su ministro me asusta”.

Eran xa as 10 da noite cando Pilar Blanco comezou a súa intervención, na que se remontou á lei do aborto do 2003. Adicoulle ao PP calificativos que xa traía ensaiados da casa, como “hipocresía e dobre moral”, que impoñía a súa moralidade “influido pola Conferencia Episcopal”. E foi especialmente crítica con Marián Sanmartín, á que acusou de “despachar nun minuto un tema tan importante” e de actuar “con desprezo e falta de respecto”.

Isabel Martínez seguiu explotando ese último argumento: que a intervención da concelleira deixara “moito que desexar”, que a súa actitude “antidemocrática” era unha “falta de respecto” á democracia e ao Consello da Muller, un órgano colexiado do Concello.

Despois de que o o PP tumbara a moción que votaron a favor Mar-In, Bng e Psoe, varias persoas que asistían ao debate, como as voceiras da Asociación de Mulleres O Abeiro e de Anova, marcharon da sala resoplando.

O seguinte punto seguiu redundando no mesmo tema da reforma da Lei do Aborto. E, como non, todo o redundante procede do Bng. Pilar Blanco tratou de xustificar a duplicidade do asunto argumentando que “o texto da moción era igual ao do Consello da Muller”, pero que decidiran presentalo igual “porque non tiñamos a seguridade de que se fora presentar a anterior”. Logo, ante a evidencia de que fora presentado e debatido, non puido o Bng retirar a súa moción ou pactar con Mar-In para que se xuntaran as dúas?

María Ramallo explicou que o PP, como grupo, ía ser “coherente”, posto que no Congreso xa non apoiaran a lei do 2010. “Non somos todos da Conferencia Episcopal, hai diferentes sensibilidades”, insistiu a alcaldesa, que simplemente apuntou que o PP estaba “en contra de que non se modifique a lei” como pedía a oposición, posto que ademais fora un compromiso electoral. Por último, precisou que o posicionamento do PP non era ningún desprezo a ningún órgano, “e menos do concello”.

Carmen Villanueva cuestionou a suposta coherencia dos populares, aos que acusou de facernos “volver atrás” coas súas medidas, “quitando derechos a las mujeres”.

Por último, Isabel Martínez advertiu que coa reforma do PP aumentarían os embarazos non desexados: “Resúltame difícil de aceptar que me fale de coherencia unha muller”, lamentou a voceira de Mar-In.

A votación tivo o mesmo resultado que no punto anterior e a moción foi rexeitada polo PP.

Publicado por: MontePituco | 30/07/2013

NA PRESENTACIÓN DE ‘ARTE RUPESTRE EN GALICIA’

Antonio de la Peña y Buenaventura Aparicio, na presentación de "Arte rupestre en Galicia" no Museo de Pontevedra.

Buenaventura Aparicio, Fernando Carrera e Antonio de la Peña son os autores do libro “Arte rupestre en Galicia”, publicado por Cumio, que vén de presentarse no Museo de Pontevedra. O director do Museo, Carlos Valle, explicou que esta obra non é unha simple reedición da “Guía de petróglifos de Galicia” que Aparicio e De la Peña xa publicaran en 2011. A diferencia do traballo anterior, neste volume suprimen algún elemento rupestre ao aire libre para darlle paso a un novo apartado adicado á arte parietal, é dicir, as pinturas e gravados que se conservan no interior das cámaras megalíticas.

Este traballo é o resultado da confluencia de coñecementos destes tres expertos: Antonio de la Peña no campo da prehistoria e da arqueoloxía, Ventura Aparicio no eido da antropoloxía, e Fernando Carrera como restaurador. Tamén lembrou que na “prehistoria” do Museo de Pontevedra se erixen os alicerces deste tipo de traballos encamiñados á investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico: Casto Sampedro foi o presidente da Sociedad Arqueológica de Pontevedra fundada en 1894.

“Na transición entre os séculos XIX e XX preocuparse polos gravados rupestres era algo revolucionario”, explicou Carlos Valle, que aínda marcou otro fito significativo: a Exposición Rexional de 1909 celebrada en Santiago na que os debuxos de Enrique Campo Sobrino -que enlazaban cos escritos de Ramón Sobrino Buhigas- tiveron moita aceptación.

Por último, anunciou para dentro dunhas semanas a apertura do primeiro andar do Edificio Sarmiento, onde se están acomodando os fondos arqueolóxicos do Museo -incluidos algúns ortostatos- para que permanezan expostos ao público.

"Arte rupestre en Galicia", de Antonio de la Peña, Buenaventura Aparicio e Fernando Carrera (Cumio).

Buenaventura Aparicio agradeceu a asistencia, entre o público, de Ramón Patiño, arqueólogo e director do grupo García Alén. Tamén fixo un recoñecemento público do labor de Antonio de la Peña, autor de máis de 500 calcos de petróglifos realizados nas últimas décadas nas que o arqueólogo percorreu montes de toda Galicia.

“Somos un país con síndrome de trastorno bipolar”, afirmou Aparicio, en alusión ao carácter extremo do bo e mais do malo que se tercia na idiosincrasia dos galegos e galegas. “Pero en clave positiva”, quixo destacar que nos últimos 10 anos disparouse a difusión da arte rupestre, en boa parte grazas á contribución dos afeccionados, que actuaron “sen medios, sen apoios e coa Administración mirando de esguello”.

Por iso, guías coma estas son “un instrumento moi útil”, explicou Ventura Aparicio, para achegarse a estas manifestacións artísticas. No caso do libro “Arte rupestre en Galicia” está en castelán, coa idea de abarcar un público que vai máis aló dos lindes administrativos de Galicia.

Aparicio tamén fixo unha oportuna reflexión dirixida aos concellos “que se lamentan do custe que supón o mantemento do patrimonio arqueolóxico”. Efixo unha comparación moi gráfica para facerse entender: “Se non deixamos caer a Catedral de Santiago”, tamén a conservación dos petroglifos debería ser un investimento abondo xustificado. Pola “enorme rendibilidade social e económica” que reporta, porque se trata de elementos que aportan “prestixio” e atraen a un”público selectivo e de calidade, porque estas “delicatessen culturais” serán un factor “estratéxico” de desenvolvemento no futuro, porque son un tipo de expresión artística e cultural que “nos define máis que ningún outro pobo” e fai que nos recoñezamos nela. Nese sentido, Ventura Aparicio insistiu en que “paga a pena todo o esforzo que fagan os concellos” na posta en valor destes xacementos.

Pola súa parte, Antonio de la Peña agradeceu a colaboración do Museo de Pontevedra, ao que se referiu como “herdeiro directo” da Sociedad Arqueológica. En canto ao obxectivo deste libro, precisou que os autores actúan como “divulgadores”.

E ante a ausencia de Fernando Carrera, que se uniu ao grupo ao remate do acto, referiuse a el como un “referente” académico na arte megalítica pintada a nivel peninsular; unha persoa das que contribúen a “facer país”, destacou entre os seus eloxios a quen, coa súa achega, permite que se dea a coñecer unha faceta pouco coñecida da arte rupestre galega: pinturas que, grazas ao carbono 14, pódense datar en torno aos 4.000 anos a.C. e que lamentablemente, en casos como o do dolmen do Coto dos Mouros, en Rodeiro, estase deteriorando porque chove dentro da cámara funeraria, que ademais está rodeada de vexetación. “Temos que facérnolo mirar”, lamentou Antonio de la Peña ao referirse á indiferenza que percibe ante a degradación progresiva do noso patrimonio prehistórico, tan digno de protexer e dar a coñecer.

Por último, interviu Cándido Meixide, o coordinador desta edición, para salientar que estes bens posúen un gran potencial turístico e que por iso cómpre poñelos en valor.

“Arte rupestre en Galicia” xa forma parte da nosa biblioteca, a carón da “Guía dos petróglifos de Galicia”. Grazas aos autores, especialmente a De la Peña e Aparicio, que coñecen e seguen a situación na que están os conxuntos arqueolóxicos do Pornedo, a problemática urbanística que lle afecta a este espazo. Por iso a dedicatoria de Ventura Aparicio cobra un valor especial:

“Para Monte Pituco, para que non decaian na súa loita por defender o Pituco. Pontevedra, 30/07/13”.

"Para o Monte Pituco, para que non decaia na súa loita por defender o Pituco. Pontevedra, 30/07/13".

Publicado por: MontePituco | 25/07/2013

DOLOROSO 25 DE XULLO

Crespón negro no Monte Pituco polas vítimas do accidente ferroviario.

Este é o templo da dor,

columnas de angúria

elevadas cara ao ceo,

altares de sabas limpas

a repetir ofrendas

de vida e morte,

corredores silenciosos

onde se moulan ideas

que conducen ao desespero,

batas brancas para oficiar

unha loita sen cuartel, desigual,

contra o irremediábel,

olladas enfermas

que imploran unha dose

de esperanza ante todo

e unha nube despaciosa

de recordos e medos

pousada na cabeceira

de todas as camas

en cada habitación.

[Xosé Emilio Ínsua: “Hospital”]

En solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario acontecido en Santiago, e cos seus achegados. Crespón de loito tamén no Monte Pituco.

Publicado por: MontePituco | 22/07/2013

PLENO DE XULLO DE 2013 (I)

O pleno de xullo comezou coa aprobación, cos votos maioritarios do PP, dunha moción a prol do mantemento do partido xudicial de Marín.

Toda a oposición votou en contra. O Psoe pedía que quedara sobre a mesa “ou que se faga unha moción ben fundamentada”. Na súa liña, o Bng -que non deben ter avoa porque sempre están botándose flores- argumentou que esa moción do PP trataba o mesmo tema que xa abordaran eles mesmos nunha moción presentada no pleno de xuño na que os populares “votaron en contra, aínda que beneficiaba a Marín”. Pilar Blanco criticou que a moción do PP estaba “mal feita”, que a pretensión do PP era “lavar as mans traizoando os intereses de Marín”.

Máis práctica foi Isabel Martínez Epifanio ao xustificar o seu voto negativo: no mes pasado non se coñecía o borrador da lei “e agora si”. Para a edil de Mar-In “instar á Xunta non compromete a ninguén” e, ao igual que o Psoe, propuxo que a moción quedara sobre a mesa “para estudar a fondo o texto que se presenta para a súa aprobación no Congreso”.

Na súa réplica, a concelleira Beatriz Rodríguez expuxo que “a intención da moción está clara, igual que a lei” e, dirixíndose ao Psoe e ao Bng, matizou que “non serían partidos xudiciais, senón tribunais de instancia, que non se confunda”. A edil Carmen Villanueva ría mentres a do PP daba en ler unhas declaracións do que fora ministro socialista de Xustiza, Francisco Caamaño, dicindo que “os partidos xudiciais son caducos”.

“Me encanta que se agarre a nuestro ministro de justicia porque del suyo no quiere ni hablar”, apuntou Carmen Villanueva. Mais semellante “dardo” non parecía ter moito sentido: o que pretendía Beatriz Rodríguez era reforzar a súa argumentación a prol da moción do PP cunhas declaracións de Caamaño que lle daban a razón. Cousas do directo. A concelleira do Psoe volveu insistir en que a moción do PP “non terá ningún efecto” e deu por feito que “dentro de 5 anos o PP non estará gobernando no Concello e non terán que enfrontarse” ás consecuencias que, segundo Carmen Villanueva, tería esta reforma da lei por parte de Gallardón.

Pilar Blanco non dixo nada novo máis aló de seguir coa machada da “traizón” do PP a Marín no pleno anterior.

No seu último turno, Isabel Martínez dixo a única verdade de todo este debate baleiro -coma case todos-: “Todos queremos que non desapareza o partido xudicial de Marín”. Nese sentido, insistiu en que “instar” á Xunta “non é nada”, que o que cumpría era “esixir o que nos corresponde” e volveu instar ao “consenso, ou polo menos intentalo”.

A oposición perdeu a votación.

No seguinte punto -sobre a aprobación dun novo regulamento orgánico da Corporación- tamén gañou o PP. Entre uns e outros botaron unha hora turrando.

A alcaldesa explicou que o obxectivo dos cambios era “axilizar os debates e regular aspectos non contemplados” para que o tratamento dos asuntos fose “máis dinámico”, garantindo o “labor de control” da oposición. María Ramallo remarcou que nesta reforma do regulamento “non se inventa nada” e que con algunhas desas novas normas funcionan os plenos de Vigo, Redondela, Salvaterra, Mos, Nigrán ou Baiona, de dimensións semellantes a Marín. María Ramallo tamén destacou que quería conseguir “que non se pervirta” a dinámica dos plenos e que coa aplicación dos cambios propostos rematarían os “debates tediosos” e “melloraríase o ritmo” das sesións.

En representación do Psoe tomou a palabra Muradas. Na súa inmensa veteranía en materia corporacional, quixo salientar que o regulamento que o PP ousaba modificar levaba 12 anos vixente, servira a 3 corporacións e fora aprobado “por unanimidade con felicitación expresa do PP, que endexamais presentou ningunha queixa”.

Se por Muradas fose, o regulamento da Corporación que el contribuiu a cociñar podería seguir vixente ata o día do xuízo final, que aí seguiría el, inasequible ao desalento, ben pegado ao seu escaño municipal, dándolle lustre verbal e soleira argumental a todo o debatido e por debater.

Para Muradas “os plenos acaban ás 12 da noite, salvo que se trate algo importante” e, dende as 8 da tarde, 4 horas parécelle un tempo “nada esaxerado” para un pleno.

Non sabemos en que plenos vive Muradas. Dende que comezou esta lexislatura é practicamente imposible que un pleno remate á medianoite. Mes si e mes tamén -salvo rarísimas excepcións- as sesións rematan pasadas as 12:30 da madrugada, e algunha tense extendido ata case a 01:00. Igual Muradas desconecta cando dan as 12; de feito non é raro que contra o tramo final do pleno se levante e se ausente, volva, saia, entre e vaia danzando de dentro para fóra. Así fáiselle levadeiro o resto do pleno a calquera. Pero cando o que se están debatendo son pataqueiradas, para o público cada minuto vale por 10. Esa non é maneira de rematar unha semana: aturando discusións e pataletas dialécticas que non levan a ningures, intervencións caprichosas que raian a tomadura de pelo, rogos e preguntas disfrazados de segundos, terceiros, cuartos ou enésimos turnos de palabra para seguir rizando o rizo do patético. Iso é no que dexenera esa media hora ou tres cuartos de hora interminables que para Muradas non existen, como se estivera de corpo presente e alma ausente, ou abducido nalgún lugar do espazo-tempo.

Muradas seguiu coa súa protesta: que se trataba dun regulamento “novo, non modificado”, criticando a supresión das comparecencias, das interpelacións -esas que lle daban un “toque de distinción a este concello”-. E pensar que no tempo que levamos indo aos plenos nunca fomos testemuñas de ningunha interpelación desas. Non estarán Muradas&Cia -que son políticos de tan altas miras, como todo o mundo sabe- soñando con estar no Parlamento galego, no Congreso dos Deputados?

“Usted que es diputada provincial, copie de Louzán, aunque no sea santo de mi devoción”, espetoulle Muradas a Ramallo.

Muradas tamén se amosou moi indignado pola reducción do tempo para rogos e preguntas; ese apartado no que o concelleiro socialista ten fama de lucirse sacando o seu catálogo de clásicos, ou poñendo a súa puntilla particular e reabrindo debates referentes a puntos anteriores da orde do día que xa se deran por finiquitados. Máxime coa parsimonia que Muradas -que xa está de volta e media- lle imprime ás cousas que lle interesan.

“Recortar los tiempos es su obsesión”, díxolle Muradas a María Ramallo. A de María Ramallo e a de calquera persoa con dous dedos de fronte. Por non dicir da prensa, que cando dan as 10 e pico da noite marchan os redactores despavoridos a aporrear as súas teclas, cun feixe de apuntes nos que o 90% son argumentos repetidos, repetitivos e reiterativos.

“Ni media hora nos da para controlar y fiscalizar su labor”, protestou Muradas, que a renglón seguido xa anunciou cal sería a estratexia do seu partido porque, feita a lei, feita a trampa: “Habrá que utilizar otros medios, obligará a convocar plenos extraordinarios”. O que nos faltaba por oír: na época da austeridade, da reducción do desmesurado déficit público, Muradas xa se declara en rebeldía contra a reforma do regulamento e non oculta a súa intención de xerarlle máis gastos ao Concello. Acudirán Muradas e os demais concelleiros socialistas a esas sesións extra sen cobrar, ou a vaquiña polo que vale?

Sinceiramente, para quen acusa ao PP de “cinismo e oportunismo”, xa se retrata augurando “tejemanejes” que, o que pretenden é todo o contrario do que María Ramallo prometía con este cambio do regulamento: “Que non se pervertira” o funcionamento do pleno.

Dende o Bng pediuse que a proposta do PP quedara enriba da mesa. Xosé María Vilaboa fixo un discurso con palabras tan grosas como “recorte dos dereitos constitucionais” ou “consenso democrático”. Na súa intervención queixouse de que co novo regulamento que o PP levaba querendo cambiar dende febreiro, procuraba “que a oposición non fixera o seu traballo”.

Chamou a atención que dixera que o Bng estaba “de acordo en reducir os tempos de debate”, sendo esa precisamente unha das críticas que acababa de facer Muradas, a “obsesión” do PP por reducilos. Semella que Bng e Psoe non se puxeran de acordo na interpretación dese detalle. Tamén chama a atención que a estas alturas -o ecuador- da lexislatura, o Bng siga sen asumir o resultado electoral que colleitou en boa parte pola súa cuestionada actuación no mandato anterior. Por iso dá certa mágoa que se sigan utilizando argumentos do tipo: “vostedes entenden o consenso coa súa maioría absoluta”, o que denota que deberían `hacérselo ver’ nalgún especialista. Porque así é a política e as regras do xogo do que son partícipes: o que máis votos ten, gaña. E se o Bng se queixa de que o PP “non acepta ningunha proposta da oposición” será porque ao PP non lle interesa darlle cancha e porque se poden permitir o lema ‘yo me lo guiso, yo me lo como’.

“O único que quería era sumar os tempos para que en hora e media se liquidara o pleno”, expuso Vilaboa. Pois case coma no anterior Goberno local, cando os plenos comezaban ás 8 e como moi tarde, ás 10 e pico ou 11 da noite xa estaba ‘cada mochuelo en su olivo’.

A Isabel Martínez haille que agradecer que fora explicando en que consideraba que lles afectaba negativamente o novo regulamento: como por exemplo, que se lles obriga a formular rogos e preguntas “4 días antes de que se nos convoque, sen saber que temas veñen a pleno”. Coincidiu con Vilaboa en que a xunta de voceiros “non funciona” e que o Goberno local tiña unha “boa ocasión” para regular o funcionamento dese órgano.

Tamén cuestionou os motivos do PP para aprobar a reforma do regulamento: “que a xente que vén ao pleno cánsase e que o pleno dura moito”. Polo menos, a concelleira de Mar-In recoñeceu algo: que os concelleiros son “pesados”; aínda así, quixo aclarar que a asistencia do público era voluntaria. E menos mal, porque como método coercitivo, a asistencia ao pleno non ten prezo. Se estivese contemplado no catálogo de sancións do código penal, a cidadanía andaría dereita coma unha vela só por non arriscarse a semellante tortura chinesa. Por máis que, todo hai que dicilo, o pleno ofrece momentos impagables: de risa, de desesperación, de mascaramento e desenmascaramento dos membros da Corporación, de aprendizaxe, de acceso directo á información municipal, como cura de humildade, como terapia de shock…

No turno de réplica, María Ramallo foi contestando as observacións de Muradas, Vilaboa e Isabel Martínez. Ao primeiro, que se extrañara porque a exposición da reforma do regulamento facíaa a propia alcaldesa, en vez de Santos Costa , díxolle: “Espero que non lle moleste que interveña eu”.

A todos en xeral tratou de convencelos de que este cambio “non é un capricho, como pretenden facer ver”, senón que nos concellos era habitual que o regulamento da Corporación fose “evolucionando e adaptándose”. Dirixíndose a Muradas, falou de “inmobilismo” e retrucou: “nada é para sempre”.

En alusión a Vilaboa, queixouse de que “aquí o consenso é non ter en conta o equipo de goberno que, co número de concelleiros que temos, deberíasenos ter en conta”, engadiu. Tamén destacou que o PP tiña “outra actitude” cando estaba na oposición, argumentando que agora “parece que o principal debate é que non fale eu”.

Unha das cousas nas que lle hai que dar a razón é que no anterior mandato o ex-alcalde Veiga adoitaba pechar cada punto da orde do día coas súas conclusións; cousa que se lle critica a María Ramallo, sobre todo cando é Pilar Blanco a que actúa como ponente dunha moción do seu grupo e non consinte, por nada do mundo, que María Ramallo diga unha soa palabra máis unha vez que ela remata de falar.

“Recordo cinco alcaldes e sempre se fixo”, expuxo María Ramallo na súa defensa do turno da alcaldía. “Louzán intervén sempre despois de cada diputado e ninguén lle chamou a atención”, engadiu.

Tamén leva razón a alcaldesa cando critica que hai turnos de rogos e preguntas “que ocupan máis que os temas da orde do día”, ao considerar “suficiente” adicarlle 40 minutos a cada asunto.

En canto ás peticións para regular a xunta de voceiros, María Ramallo explicou que “nunca estivo regulada neste Concello nin tampouco noutros do noso contorno” e que “non é obrigatorio”.

E rematou apelando a que a reforma sirva para que o debate no pleno “sexa rico, que non sexa denso, nin excesivamente redundante”. Amén!

Pero Muradas, sempre atento a sacar punta de calquera detalle nimio, en canto viu que a alcaldesa botaba man do vaso de auga para tomar un grolo despois dunha segunda intervención un tanto intensa, espetoulle: “non me estraña que teña sudores”. A súa actitude lembra un lema lúdico-gastronómico: “E para comer, Lugo”. E para ter máis que dicir, Muradas.

“Si viene alguien y se aburre, que busque otros hobbies”, dixo Muradas en alusión ao público.

A xente que asiste aos plenos vai voluntariamente, por suposto. Algúns van mandados polo seu gurú político, ou para seren vistos e facer puntos; non hai máis que velos e escoitar o barullo que fan. Outros vamos para enterarnos -cando menos por riba- do que se coce no Concello; privándonos de estar coa familia e cos amigos un venres pola tarde despois de toda unha semana ao pé do canón. A diferenza dos que -coma Muradas- se permiten o luxo de subestimar a soberanía cidadá -recortando, como fixeron no seu pésimo mandato, a afluencia de público aos plenos e eliminando prazas de asento na época aciaga das protestas contra os micropolígonos-, os veciños non cobramos -nin en metálico, nin en especie- por exercer ese dereito, que xa bastantes poucos nos quedan. Se temos sede levamos a botella de auga da casa, non coma os membros da Corporación, que teñen a un funcionario carretando botellas de auga para que non se deshidraten mentres gastan cuspe máis en vano que outra cousa, segundo os casos. E se de falta de hobbies se trata, quizais habería que suxerirlle algunha a concelleiros de toda a vida que non se dan aparcado da lista electoral para cederlle o posto a xente con máis ideas e menos mala leche.

Da intervención de Muradas non paga a pena contar nada, máis aló dos seus chistes fáciles só polo feito de amosar a que dedica ese tempo precioso pagado xenerosamente co erario público. “No he visto a nadie que le reproche que hable”, díxolle a María Ramallo. Exemplo doutra das súas repetidas abduccións. E mirando para o banco dos populares, advertiulles con ironía: “Ahora la alcaldesa os va a remachar en todos los plenos”.

E como de perdidos ao río, Vilaboa tamén se puxo a falar de barcos: Que o Bng levaba dous anos pedindo o rexistro de facturas, os expedentes, pedindo a que información ten dereito a oposición, criticando que non se convocaba a xunta de voceiros para falar de Acuanorte e da Lei de Costas, e queixándose da “mala educación” dos delegados do PP.

Tamén aproveitou para botarlle en cara que nos dous anos de goberno do PP a alcaldesa se puxera un soldo de 8.000 euros, que sacara os militares a desfilar, que se adicara a ir a procesións, e que, coma na época de Franco, “se eliminen da rúa as persoas que non son do seu agrado”, en alusión á denuncia do Bng de que non se autorizara os peruanos a instalar postos de venda ambulante nas festas.

Vilaboa acusou a María Ramallo de “chantaxe” ao afirmar que o PP accedía a volver introducir as interpelacións no regulamento se a oposición votaba a favor da reforma.

Isabel Martínez Epifanio cuestionou a vontade de consenso do PP “despois de deixar claro nos medios que ían aprobar a reforma si ou si” e defendeu as alegacións feitas pola oposición argumentando que a propia Secretaría do Concello as apoiara porque eran “de sentido común”. A concelleira de Mar-In instou a María Ramallo a ser “máis xenerosa”, partindo da base -moi realistamente- de que “sufría con resignación o imperio do poder maioritario”.

No derradeiro turno de palabra, a alcaldesa precisou que a figura das interpelacións era “pouquísimo utilizada”, que en calquera pleno a oposición podía pedir a comparecencia “de calquera de nós, porque está recollido na normativa” e que Bng, Psoe e Mar-In “poden facer igual” o control ao goberno local. Volveu insistir en que nos plenos que se celebran en Poio, Pontevedra ou Vigo son aínda “máis estrictos” cos tempos. Sobre o tan cuestionado consenso, lamentou que “ou se acepta todo o que di a oposición ou o consenso non é posible”.

Non quixo que as acusacións de Vilaboa quedaran no aire: “Non cobro 8000 euros, o debate sobre o meu soldo non é este, e os señores Santos e Sanmartín cobran igual que cando estaban vostedes. Houbo un só desfile na rúa e aos veciños de Marín gustoulles. Asisto a procesións evanxélicas, católicas, actos da Memoria Histórica e todo ao que se me invite, non coma vostedes. E en cando a persoas que non son de agrado, siga por ese camiño, señor Vilaboa. Aquí estamos para atender a todos os veciños de Marín, esta é a diferenza”.

Na votación da reforma, Bng e Psoe votaron en contra; Mar-In abstívose. O novo regulamento aprobouse cos votos do PP.

Publicado por: MontePituco | 20/07/2013

NA VOZ SOBRE OS PETROGLIFOS PINTADOS DE XIZ

La Voz, 19 de xullo de 2013.

La Voz de Galicia (19 de xullo de 2013): Agresión a los petroglifos del monte Pituco

Publicado por: MontePituco | 19/07/2013

A PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO, SOBRE O MALTRATO AOS CABALOS

[Nunca cansaremos de difundir este VIDEO-DENUNCIA para que medre o rexeitamento social contra esta práctica ILEGAL: cabalos MALTRATADOS que percorren os montes galegos coas patas atadas con cadeas, cordas ou pexas]

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pide máis implicación das Administracións para que se erradique a práctica abominable dos propietarios de cabalos que os maltratan poñéndolles pexas, cordas ou cadeas nas patas para limitar os seus movementos e evitar que se despracen lonxe. Dende que a Agrupación de Protección Civil de Marín anunciou que colaboraría na liberación destes animais, son varios os equinos que puideron quitarse de enriba eses perigosos instrumentos de tortura.

A raíz desta noticia, os voluntarios de Protección Civil recibiron ameazas por parte de persoas que non teñen ningún interese en que os cabalos recuperen a plena liberdade. Afortunadamente, esta Agrupación contra co apoio dos colectivos sensibilizados coa defensa dos animais e da protección da natureza.

Malia que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que se pode facer moito máis para sancionar os responsables destes reprobables casos de maltrato, cómpre ter en conta as condicións de traballo dos voluntarios de Protección Civil, as limitacións coas que exercen o seu labor solidario, e os recortes en medios e persoal que moi probablemente lles estarán afectando, como a calquera servizo público.

Penosa situación dos cabalos ceibes, algúns cuxa mobilidade está seriamente limitada, con método de absoluta e mesquiña tortura

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera positivo pero insuficiente a retirada de pexas dos cabalos por parte da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil no Concello de Marín.

A plataforma quere sinalar que esa operación debe ser realizada por Inspectores Veterinarios dependentes do Servizo de Gandería da Consellaría de Medio Rural coa colaboración do SEPRONA, xa que esta práctica ilegal afecta a nivel estatal ao R.D. 348/2000 de 10 de marzo, polo que se incorpora ao ordeamento xurídico a Directiva 98/58/CE relativa á protección dos animais en explotacións gandeiras que, no seu artigo 3 de Obrigas dos propietarios e criadores, dita a estes a “adoptar as medidas adecuadas para asegurar o benestar dos animais con vistas a garantir que estes non padezan dores, sufrimentos e danos inútiles” e impón as mínimas condicións físicas para os animais axustadas ao contido do Anexo do antedito Real Decreto, que no número 4 -baixo o epígrafe “Liberdade de movementos”- determina que “non se limitará a liberdade de movementos propia dos animais, de maneira que se lles cause sufrimentos ou danos innecesarios, tendo en conta neste sentido a especie, o seu grao de adaptación e domesticación, así como as súas necesidades fisiolóxicas de conformidade coas experiencias adquiridas e entre elas a produtiva e o avance dos coñecementos científicos ”.

Esta norma non só é aplicábel no concello de Marín senón tamén nos concellos de Vilaboa, Moaña e Bueu, como municipios así mesmo afectados por esta práctica a nivel comarcal.

Cabe salientar que ademais das pexas de madeira está a aumentar o uso, ilegal e lesivo, de cordas nas patas dianteiras de moitos exemplares de cabalos, impedindo a mobilidade natural do animal, producindo -alén de malformacións e mutilacións nas extremidades inmobilizadas- en moitas ocasións, accidentes viarios ou mesmo causándolles a morte ao non poder fuxir nos lumes.

Estas prácticas non se producen só no verán senón durante todo o ano, sendo denunciadas pública e/ou adiministrativamente desde hai anos por veciños e colectivos sociais a nivel local e comarcal, mesmo desde esta Plataforma. Ademais de contravir a lexislación europea e estatal en materia de protección gandeira tamén se está contravir a nivel internacional a Declaración Universal dos Dereitos do Animal, proclamada en 1978 e aprobada posteriormente pola UNESCO e a ONU.

A Plataforma congratúlase de que o Parlamento galego aprobase finalmente en abril deste ano unha “Proposición non de lei” contra da utilización das pexas nos cabalos. Mais lamenta que as autoridades autonómicas e locais foran permisivas durante tanto tempo con quen confunde a tradición coa tortura animal, comezando a actuar por imperativo xudicial a través de denuncias civís na fiscalía provincial. Polo que desde a plataforma esiximos que agora se cumpra na realidade e na súa integridade.

Por outra parte, alerta que é cada vez máis frecuente atopar mandas de cabalos á beira da estrada da PO-313 Marín-Moaña, polo que é necesario tanto unha maior sinalización de precaución nela como unha correcta identificación (microchip) da propiedade dos cabalos ante posibles accidentes.

A plataforma quere suliñar que os cabalos non son salvaxes, senón que están en réxime de gandería extensiva e teñen propietarios, e polo tanto estes teñen as súas responsabilidades, pero moitos deles son contrarios a esa identificación para evitar responsabilidades, tanto pola utilización ilegal das pexas como polos danos económicos que os cabalos poidan producir en cultivos ou por accidentes viarios.

Cabalo coas patas atadas con cordas (imaxe tomada en 2010 na arboreda do Pituco).

FARODEVIGO

Protección Civil recibe numerosas muestras de apoyo a su campaña contra los cepos de los caballos

Vecinos, agrupaciones ecologistas, culturales e instituciones respaldan a la agrupación local

Redacción 13.07.2013.Los voluntarios de la agrupación local de Protección Civil de Marín están recibiendo numerosas muestras de apoyo y solidaridad, por parte de vecinos, agrupaciones ecologistas e incluso instituciones públicas, por la campaña que han iniciado para liberar de cepos, “trancas” y ataduras a los caballos criados en régimen de semilibertad. Los reconocimientos y muestras de solidaridad están llegando a la agrupación que gestiona Roberto Agulla, una vez que los voluntarios han denunciado que están recibiendo coacciones y llamadas “intimidatorias” por parte de propietarios del ganado equino. Algunos de estos ganaderos han amenazado a los miembros de Protección Civil, al conocer que están cortando las ataduras de los animales.

El propio concejal delegado de la Policía Local, Francisco Estévez, agradeció a los voluntarios la labor que están realizando y les reiteró el apoyo del Concello a esta iniciativa, que trata de frenar un maltrato sobre los animales que está penado por la ley.

Pese a las coacciones por parte de algunos ganaderos, los voluntarios continúan realizando batidas por los montes de la zona para liberar a los caballos.

Egua localizada no Monte Pornedo xunto con outros cabalos, o pasado mes de abril. Apréciase claramente a tranca que leva nunha das patas.

Publicado por: MontePituco | 18/07/2013

OBRAS NA ARBOREDA A CARÓN DA ESTRADA DE FIGUEIRIDO

As mesas e bancos da área recreativa do Pituco, reubicados na arboreda a carón da estrada de Figueirido.

O mes pasado unha veciña expresou a través das redes sociais a súa protesta pola falta de limpeza na arboreda a carón da estrada cara á Figueirido, á altura do Monte Pituco:

“Le pediría señora alcaldesa que hubiera más control en Arealonga (Monte Pituco) porque aparte de tirar ruedas en propiedades (cosa que se denunció, aunque no sirvió para nada), había que poner unas papeleras para los preservativos y toallitas que usan en el picadero del Pituco con vistas al mar. A veces hay que andar a saltos para no pisarlos -hay niños pequeños- y dejarse de tantos deportistas, coches oficiales y preocuparse por quien paga los impuestos”.

A primeira vez que a Comunidade de Montes de San Xulián limpou este espazo foi en abril de 2011, despois de ter presentado varios escritos tanto ao presidente da comunidade como ao Concello, urxindo que se adoptaran as medidas oportunas para atallar a situación de abandono e insalubridade galopante que presentaba.

Artigo de setembro de 2010: Noxo e vergoña

Artigo de abril de 2011: A área de descanso, desbrozada

Pasara máis dun ano e os responsables do mantemento desta arboreda non volveran tocarlle nin fixeran nada máis polo acondicionamento deste espazo. En xullo de 2012 DEFENDE O MONTE PITUCO volveu alertar o Goberno municipal da cantidade de maleza que facía impracticable o acceso a esta área de lecer e que mesmo resultaba desaconsellable para as familias con nenos que puideran mancarse ou resultar feridos por algún animal que se acubillara na zona.

Artigo de xullo de 2012: A área de descanso, en estado de abandono

Tamén se demandou esa actuación urxente na asemblea da Comunidade de Montes e, finalmente foi en agosto cando a directiva da Comunidade de Montes cumpriu coa súa obriga procedendo a unha nova campaña de limpeza da área de lecer.

Artigo de agosto de 2012: Desbroce da área de lecer

O problema da Comunidade de Montes é que carece de iniciativa, de capacidade de observación para atallar os problemas das áreas que lle competen. A conservación desta arboreda a carón do Monte Pituco non se pode limitar a un desbroce anual, feito in extremis e despois de reiteradas peticións por parte da veciñanza ou dos usuarios. Tiña que partir da directiva estar atentos ás necesidades da parroquia. Mais, como as “pedras” -porque así é como se refiren ao patrimonio rupestre existente no monte veciñal-, esta área de descanso non dá de comer.

Non dá de comer pero incide na imaxe de San Xulián, igual que o estado de conservación dos elementos arqueolóxicos. E en ambos casos, esa imaxe é negativa pola falta de interese, de sensibilidade e a nula implicación da Comunidade de Montes, máis empeñada en taxar o valor dos terreos para facer caixa co canon da Brilat ou co polígono industrial proxectado no PXOM.

O caso é que dende agosto de 2012 a arboreda estaba acadando novamente altas cotas de asilvestramento. A sorpresa chegou cando os veciños nos decatamos de que o mobiliario que había instalado na área recreativa do Monte Pituco, por riba da Variante, fora completamente desmantelado e se estaba reubicando nesa outra área de lecer a carón da estrada.

As mesas e bancos da área recreativa do Pituco, reubicados na arboreda a carón da estrada de Figueirido.

Entre o material desmantelado do Pituco está o que parece ser o antigo asador.

Os "restos" da fonte que nunca botou auga.

Obras na arboreda para reubicar o mobiliario desmantelado da área recreativa do Pituco.

Na reubicación do mobiliario estase utilizando maquinaria pesada.

As mesas e bancos da área recreativa do Pornedo, trasladados á arboreda a carón da estrada.

Loxicamente, para instalar as mesas e bancos de pedra “reciclados” houbo que “facer sitio” no espazo dispoñible. E o único xeito de acomodalos foi ocupando a superficie que estaba sendo invadida outra vez pola vexetación. Foi a única repercusión positiva porque, como apuntamos no artigo anterior, para DEFENDE O PITUCO é unha mala noticia a desaparición da área recreativa que había no monte, creada expresamente para “darlle sentido” a un recheo artificial consentido pola Comunidade de Montes con motivo da construcción dese vial.

Os traballos de instalación do pouco que queda desas mesas, bancos, fonte e asador duran toda a semana. Haberá que agardar a que rematen os traballos para comprobar que non se “despistou” ningunha peza e que, efectivamente, ese material segue a disposición dos usuarios nesa nova ubicación. A fonte vai precisar dunha importante reparación; en canto ao asador, as mesas e os bancos, todo parece indicar que están sendo instalados directamente na terra, sen ningún tipo de cimentación.

Ademais de instalar o material "reciclado", tamén se desbrozou a arboreda.

O desbroce era unha tarefa moi necesaria na arboreda a carón da estrada do Pituco.

A arboreda luce un mellor aspecto despois de ser desbrozada.

A clave non está en que haxa máis bancos nin máis mesas, senón na capacidade da Comunidade de Montes de San Xulián para garantir a conservación dese espazo. Se nada facían cando había tres ou catro mesas -con algún que outro desperfecto- cos seus respectivos bancos, non sería descabellado aventurar que nada farán co dobre de dotación. A natureza segue sendo teimuda e, por máis que lles fastidie aos directivos da Comunidade, a vexetación segue medrando e abríndose paso por enriba de mesas, bancos, valados ou postes de pedra.

Tamén cómpre ter en conta que, ampliando a capacidade para que máis usuarios veñan sentar, merendar ou pasar o rato a este espazo, hai que redobrar tamén os servizos de atención a eses usuarios. Servizos? Que significa esa palabra para a Comunidade de Montes?

Dende hai anos, DEFENDE O MONTE PITUCO vén criticando que esta área de esparcemento carece de algo tan básico como bidóns de lixo ou contenedores. Que o único sistema para depositar residuos é unha bolsa de plástico pendurada do que antano foi unha papeleira. Que as fontes non só teñen unha pinta espantosa senón que as billas perden auga, que a hixiene brilla pola súa ausencia. Que non hai alumeado. Que carece de medidas de seguridade para evitar que un meniño poida caer polo terraplén da parte con vistas á ría. Son moitas as deficiencias. E para solventalas non cómpre unha directiva con medio millón de euros no banco, senón persoas responsables e comprometidas; que traballen máis e aparenten menos; que pensen no ben común por riba do lucimento persoal; que sexan coherentes en vez de ocupar un cargo para instrumentalizalo.

No seu día DEFENDE O MONTE PITUCO tamén cuestionou a falta de rigor no panel instalado diante da arboreda. Un “aparcadoiro” é un lugar destinado para aparcar ou estacionar, segundo a definición da Real Academia Galega. A denominación máis acaída sería a que empregamos neste artigo: área recreativa, espazo de lecer, arboreda. O texto legal que se cita apelando á limpeza por parte dos usuarios non corresponde con ese tema senón que se refire ao tránsito de vehículos motorizados e á vixiancia contra incendios. O que fixo a Comunidade de Montes foi un “corta-pega” do panel no que se avisa da prohibición de circular polo Alto do Pornedo, e que se fixo extensible tamén, por arte de birlibirloque -tamén chamada lei do mínimo esforzo- á prohibición de tirar lixo.

Non é por sermos “tocanarices” puntillosos, senón por reivindicar algo tan simple e á vez tan complexo como a importancia do traballo ben feito.

"Aparcadoiro" segundo a RAG: "lugar destinado para aparcar".

Publicado por: MontePituco | 17/07/2013

A FRAUDE POLO DESMANTELAMENTO DA ÁREA RECREATIVA DO PITUCO

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

O pasado luns a área recreativa do Monte Pituco foi desmantelada baixo a supervisión dun directivo da Comunidade de Montes de San Xulián. Non queda nada das mesas, nin das pezas dos bancos que non foran roubadas nos últimos tempos, nin da fonte, que non debeu chegar a botar nunca nin gota de auga e que tamén levaba tempo destrozada.

O único que quedan son as toxeiras que medraron nesta área recreativa, completamente abandonada pola Comunidade de Montes, que levaba moitos anos -practicamente desde que se instalou- sen facer ningún traballo de mantemento, nin de reparación, nin de reposición do material sustraído.

Tras levantar as pezas de pedra -cousa que permitiu descubrir que non había nin a máis mínima base de cimentación, senón que as lousas foran literalmente chantadas na terra- descubrimos con disgusto que tamén deixaron atrás restos do lixo que se foi acumulando polos usuarios desaprensivos e maleducados que fixeron uso deste espazo e que, ante a ausencia de bidóns para depositar residuos, deixaron tirados envases, latas, botellas e outras inmundicias.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

O desmantelamento desta área recreativa é unha mala noticia, aínda que aparentemente se poida “xustificar” polo mal estado no que se atopaba esta instalación. A Comunidade de Montes tamén podería aducir que, coa retirada do material ‘supervivente’ dos actos de vandalismo, a zona deixaría de ser o punto de encontro de pandillas e xente sospeitosa.

En ambos casos son excusas de mal pagador.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

Na última asemblea da Comunidade de Montes a directiva presumiu de que as contas tiñan un balance positivo cercano ao medio millón de euros. Semellante capacidade económica -que procede basicamente do cobro de expropiacións, non tanto da xestión sostible dos recursos forestais, como lle correspondería a unha Comunidade de Montes- permitiría non só reparar os desperfectos que sufriu este espazo nos últimos anos, senón ampliar con máis mesas e asentos a área recreativa, dotala de servizos como auga, alumeado e papeleiras para cumprir a función para a que foi creada.

Porque velaí está o quid desta lamentable cuestión. Cando no ano 2002 comezaron a realizarse as obras da Variante de Marín dende o Monte Pituco ata Ardán, orzamentadas en case 22 millóns e medio de euros, a Comunidade de Montes de San Xulián decidiu ceder terreos. Terreos que lle foron expropiados e polos que recibiu unha suculenta cantidade. E ademais da compensación económica, a Comunidade de Montes recibiu outros beneficios.

Un deles foi a instalación desta área recreativa, que no seu día “vendeuse” como algo estupendo, un “luxo” para a parroquia e para os habitantes da zona que, por outra parte, nada diso pediron, máis aló de que a empresa constructora os indemnizase polos cuantiosos danos que sufriron as vivendas debido ás cargas explosivas coas que fixeron tremer toda a contorna durante o tempo que duraron as obras. Os habitantes da Pena, do Caeiro e doutras partes da parroquia non estaban convencidos do suposto “éxito” desa área recreativa e sempre foron escépticos sobre o tempo que duraría en condicións óptimas, como así se demostrou co tempo, habida conta da desidia da Comunidade de Montes e do seu desinterese no necesario mantemento que ía requerir unha propiedade desas características, nun lugar apartado da estrada principal.

Aínda por riba, descubriuse que co recheo de terra sobre o que se instalou ese mobiliario sepultárase un gravado rupestre que non estaba catalogado, mais si localizado. Xan Montenegro foi quen deu a voz de alarma ante semellante atentado ao patrimonio arqueolóxico, mais non lle fixeron caso a pesar das súas denuncias ante a Dirección Xeral de Patrimonio e as queixas aos responsables da obra e a quen as consentiu de forma interesada. Varios arqueólogos ratificaron as advertencias de Xan Montenegro á vista das probas documentais que reunira, mais xa era tarde porque a terra cubrira a superficie orixinal.

Imaxe do petroglifo desaparecido baixo a terra botada para facer a área recreativa do Pornedo.

Faro de Vigo, 26 de xuño de 2011. Artigo de Álvaro Arizaga sobre Xan Montenegro.

Unha terra, por certo, de orixe máis que dubidosa, porque nos anos sucesivos o terraplén adxacente a esa área recreativa foise enchendo de herbas da Pampa; especies foráneas e invasoras que antes diso non existían no Monte Pituco e que agora son un auténtico problema sobre o cal a Comunidade de Montes actúan puntualmente de cando en vez, mais non de forma definitiva, na medida en que todo canto se fai é rozar as plantas, cando a única técnica efectiva para erradicalas é arrincalas de raíz.

DEFENDE O MONTE PITUCO volve insistir en que o desmantelamento desa área recreativa é unha mala noticia. Porque se priva a ese espazo, que foi creado artificialmente, da función para a cal foi creado. E iso é un fraude. A Comunidade de Montes tiña a responsabilidade de garantir que esa área recreativa funcionase como tal, pero nunca deu mostras de exercer a súa competencia.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

Cabe pensar tamén que, co desmantelamento desa área recreativa do Pituco, a Comunidade de Montes actúa en connivencia co Concello de Marín e coa Xunta, ao ter constancia de que a zona está afectada polo polígono industrial proxectado no PXOM.

Nese caso, cómpre lembrarlle á Comunidade de Montes, ao Concello, á Xunta e a todas as entidades ou particulares interesados en que prospere a execución dese polígono, que o PXOM de Marín no que respecta á clasificación do Monte Pituco como chan industrial, está “sub iudice” en base ao recurso interposto por DEFENDE O MONTE PITUCO contra esa decisión política. E que calquera con intereses contrapostos debería actuar co respecto, a responsabilidade e a prudencia suficiente ata que os tribunais se pronuncien.

O desmantelamento da área recreativa do Monte Pituco é unha mala noticia, e DEFENDE O MONTE PITUCO vaille solicitar á Comunidade de Montes de San Xulián -apelando á súa boa saúde financeira- que volva instalar novas mesas e asentos, que vele polo bo estado deste espazo, que sexa fiel aos motivos polos que se creou este recheo, e que non afonde no fraude ao desvirtuar a “natureza” deste lugar.

A área recreativa do Pornedo, cando aínda estaba en condicións.

Esta área recreativa constaba de unha fonte, sete mesas con asentos e un asador.

Imaxe da área recreativa de Pornedo antes do seu actual estado de abandono (foto, Lukas Santiago).

Imaxe da área recreativa cando estaba en condicións óptimas.

A fonte da área recreativa, cando aínda estaba enteira.

Detalle da fonte que nunca botou auga.

Área recreativa a carón do Monte Pornedo.

A imaxe do abandono: a fonte fora destrozada, os bancos roubados, o terreo enchérase de maleza.

Estado actual da área recreativa do Pornedo, a causa das accións vandálicas e da deixadez da Comunidade de Montes no mantemento da zona.

O declive da área recreativa foi en aumento ante a pasividade da Comunidade de Montes.

Os primeiros desperfectos na área recreativa do Pornedo.

[Fotos: Defende o Monte Pituco e comisión técnica do proxecto Sete Camiños]

 

 

 

 

Publicado por: MontePituco | 16/07/2013

O MONTE PITUCO NA GUÍA TURÍSTICA DO DIARIO DE PONTEVEDRA

"Pontevedra Guía Turística 2013" do Diario de Pontevedra (páxs 60-61).

Hai uns días o Diario de Pontevedra distribuiu unha Guía Turística 2013 con información de todos os concellos da provincia. Nas tres páxinas adicadas a Marín chama moitísimo a atención unha serie de instantáneas con información telegráfica: festas de interese, gastronomía, praias… Un deses apartados destacados trata sobre “Lugares con encanto” entre os que cita o Lago de Castiñeiras, Monte Castelo… e o Monte Pituco!

O titular sería algo así:

“Unha guía turística inclúe o Monte Pituco entre os lugares de interese do Concello de Marín”

Resulta, por tanto, inexplicable, incongruente, ilóxico, paradóxico, surrealista, estrambótico e grotesco (por poñer uns cantos calificativos) que o Concello de Marín teña catalogado como chan industrial un espazo natural que se gaba de incluir nunha publicación á que teñen acceso milleiros de persoas, en plena tempada turística, recomendando a súa visita.

"Pontevedra Guía Turística 2013" do Diario de Pontevedra (páxs 60-61).

En DEFENDE O MONTE PITUCO estamos encantados con semellante promoción, enormemente satisfeitos de que quede constancia publicamente de que o Monte Pituco é un enclave digno de ser visto e admirado. Que mellor argumento para cuestionar a propia política municipal e mesmo autonómica, que ten condenado o Monte Pituco a converterse no día de mañá nun páramo de cemento, asfalto e naves de formigón.

O texto cita expresamente que “os nosos montes ofrécennos diferentes vistas sobre a ría” e recomenda aos visitantes dar “unha volta polos xacementos arqueolóxicos”. Por riba, nun apartado titulado “Atractivos”, esta guía refírese á Lagoa de Castiñeiras como “unha das paisaxes con máis beleza do municipio, enmarcada nunha zona natural protexida.

Verdadeiramente o Concello recoñece nesta publicación o que DEFENDE O MONTE PITUCO vén proclamando: que o Monte Pituco é un Espazo Natural Protexido pola súa pertenza ao Montes do Morrazo, como consta nas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento; que a súa importancia dende o punto de vista paisaxístico é incuestionable, polo que a urbanización da zona causaría un impacto visual brutal e irreversible en toda a ría; que o polígono industrial previsto non respecta a área de cautela dos gravados rupestres -Pornedo I e II, Sete Camiños, Pinal de Caeiro- catalogados como Bens de Interese Cultural…

"Pontevedra Guía Turística 2013" do Diario de Pontevedra (páxs 60-61).

En resume: unha guía turística que moi probablemente contou coa supervisión do Concello de Marín, clasifica o Monte Pituco como un dos “lugares con encanto” do municipio. Ou mellor aínda, se os servizos municipais non tiveron nada que ver na redacción do texto, significa que un axente independente ten argumentos e criterios obxectivos para considerar que o Monte Pituco reúne as cualidades que o converten nun lugar con encanto.

Un “zas en toda a boca” para os políticos que, co seu voto, aprobaron semellante infamia no PXOM de Marín.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO e a comisión técnica para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños seguiremos adiante co intenso traballo de promoción cultural e turística desta zona. Todos os colectivos profesionais e asociacións que visitan o Monte Pituco e os demais lugares que conforman esta ruta quedan marabillados pola súa riqueza e hai unanimidade en desaprobar e criticar a falta de sensibilidade do Concello e das entidades “interesadas” na destrucción do Pituco.

Publicado por: MontePituco | 15/07/2013

‘IGNORANCIA OU VANDALISMO’ TAMÉN NO PORNEDO

Gravados rupestres do Pornedo, agredidos con xiz.

Non é a primeira vez que o conxunto rupestre do Pornedo se tingue de cal. Denunciámolo en xuño de 2012 ante a Dirección Xeral de Patrimonio cando descubrimos que alguén repasara o contorno dos gravados con xiz. Este pasado fin de semana volveu acontecer e, inmediatamente lembramos un artigo publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos ao rexeitar unha acción similar nos petróglifos de Auga da Laxe, en Vincios. Nese texto titulado “Ignorancia ou vandalismo?” detállanse os principais motivos polos cales cómpre erradicar estas prácticas.

Con máis frecuencia da desexada atopámonos con agresións ao noso patrimonio cultural xa sexa arqueolóxico, etnográfico ou monumental. Tamén se dá o caso co patrimonio común do mobiliario urbano e o privado que podemos ver ao pasear por calquera das rúas e parques da nosa contorna, e o patrimonio natural leva a cotío agresións que resulta difícil entender nun mundo que chamamos civilizado.

Mentres todo isto sucede vemos como se gasta moito diñeiro de fondos públicos na reparación destes danos e na reposición dos bens afectados, sen que se acaden resultados satisfactorios e, o que é peor, sen que se mellore o seu estado ou se neutralicen as agresións. Parece como se a nosa sociedade entendese que é normal que se estrague o público, porque é de todos, e alguén se encargue de repoñelo porque é a súa obriga. E se imos paseando e vemos algo deteriorado ou roto, o primeiro comentario que a moita xente lle vén á cabeza non é contra o vándalo que fixo a desfeita, senón contra o concello ou institución que ten a obriga de mantela.

Así é a nosa sociedade, malia que nos pese e tentemos agochar as nosas debilidades e fraquezas con desculpas e desviacións cara ao outro. A culpa sempre é do outro. Dun ente superior que está por riba e que ten que apandar con todo o que nós, o conxunto da sociedade, facemos mal.

Vén esta pequena reflexión introdutoria para falar das agresións ao noso patrimonio arqueolóxico máis próximo. Neste caso concreto a un dos patrimonios máis desprotexidos, os petróglifos.

Temos a sorte no Val Miñor de ter unha gran concentración de petróglifos nos nosos montes. Non só temos moitos, senón que tamén son dos mellores de Europa e de moita importancia científica pola súa variedade e conservación. Achegan datos para a comprensión da nosa historia e a nosa orixe e son unha das pezas fundamentais do noso patrimonio material máis antigo.

A pesar do grande avance que se deu nos últimos tempos na escolarización, na divulgación da nosa cultura e na educación en xeral, atopámonos con que aínda hoxe hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte exposta ás inclemencias do tempo, que por iso mesmo, ao non estar recollida nun museo, debe ser coidada con esmero e protexida por todos nós, os visitantes, veciños e propietarios dos terreos nos que se atope.

É de todos, é o noso patrimonio cultural e foinos legado polos nosos devanceiros que os puxeron aí hai milleiros de anos, non sabemos exactamente con que fin, pero seguramente con moito máis respecto que o que hoxe lle estamos dando en moitos casos. Se non fose así, non terían chegado ata nós pasado tanto tempo.

Estase a dar o paradoxo de que petróglifos gravados hai catro mil anos nunha rocha nos nosos montes, chegaron ata nós en perfecto estado e unha vez descubertos e posto en coñecemento de todos a súa localización, son destruídos ou deteriorados con impunidade por calquera que pasa e que, como diciamos ao principio, coida que o que é de todos pode ser manipulado de calquera xeito, e danado sen o mínimo pudor.

Onte puidemos comprobar como, unha vez máis, o espectacular petróglifo de armas de Agua da Laxe, en Vincios, era riscado co que parece xiz de cor branca e azul. A superficie dos gravados foi perfilada con xiz para que se vise mellor ou para fotografala. Non sabemos con que fin exacto, mais o que si sabemos é que non é a primeira vez e este episodio tense repetido varias veces nos últimos anos.

É probable que o autor ou autores deste suceso descoñecesen que o petróglifo non se debe tocar e moito menos gravar por riba del. Ao facelo estamos afectando o risco orixinal e, sen querelo, modificando a súa propia aparencia e a propia base na que está gravado, é dicir a pedra de granito groso. Algo tan elemental suponse que é sabido pola xente e que non fai falla repetilo, mais a realidade estanos a demostrar teimudamente que non é así.

Os autores non se pararon a pensar que se cada visitante que se achega ata Agua da Laxe a ver os petróglifos e para observalos mellor se pon a riscalos, en pouco tempo o que verían os últimos en achegarse sería algo moi distinto ao que gravaron hai 2500 anos os seus autores primitivos. Tampouco tomaron conciencia de que é unha obra de arte singular que ninguén debería manipular, como non se lle ocorre a ninguén ir ao Museo Marco de Vigo ou ao Prado en Madrid a pintarlle por riba a calquera obra das que se expoñen en ditos museos.

Se alguén coida que estamos a esaxerar podemos pórlle un exemplo que os nenos máis cativos entenden perfectamente cando se lles explica. Na catedral de Santiago por riba do santo dos croques, a xente apoiaba a súa man mentres batía coa testa contra a do santo mentres pedía algún favor ou encomenda. Calquera que se achegue a Santiago pode ver por que o Cabildo da catedral prohibiu expresamente tocarlle ao santo e apoiar as mans nas columnas. O desgaste da pedra é tan notorio que, de seguir así, en pouco tempo non habería columna. Outro exemplo máis próximo podemos telo no chanzo das casas dos nosos avós, nas escaleiras das nosas solainas onde en moitas delas se ve como o paso dos anos e das chancas que antes se usaban, as máis das veces ferradas para evitar o desgaste das solas, foi desgastando e acuncando o vello granito patrucial.

Podemos crer que foi a ignorancia a que levou os visitantes ao fermoso panel de armas de Agua da Laxe, a que fixo que nun acto irreflexivo riscasen con xiz a pedra. Non por iso quedan eximidos da responsabilidade do mal feito. Se, pola contra, o que os levou a riscar a pedra foi un acto de egoísmo -podemos pensar niso ao ver dous tipo de xiz nos gravados e no propio feito de levar xiz cando se van ver os gravados- estamos ante un acto que podemos cualificar de vandálico, fose quen fose o que o fixo. Aí non caben eximentes nin desculpas.

Estamos xa ben andado o século XXI e en todo o Val Miñor podemos presumir de ter ademais dun bo clima e fermosas praias, dúas serras espectaculares que están cheas de retallos de historia e dunha natureza moi fermosa. Temos institutos, escolas e mestres e case poderíamos dicir que, cremos que en todos, os nenos saben o que é un petróglifo, grazas ao labor dos seus mestres e profesores. Tamén en tódolos concellos o saben, e o IEM ven dende hai 12 anos facendo, chegado este tempo de verán, visitas guiadas, de noite e de día, para que tódolos veciños e visitantes poidan apreciar as nosas xoias arqueolóxicas entendendo mellor os porqués da súa orixe e a súa importancia.

É un labor de todos axudar a que o noso patrimonio se valore e se respecte, e tamén cremos que podemos presumir del e do privilexio de gozar del todo o ano. Coidémolo entre todos, fachendeemos del e ensinémosllo aos que nos visitan, pero ante todo fagamos pedagoxía e divulguemos a necesidade de respectalo e, se alguén aínda non sabe como e cando hai que velos, fagamos de mestres e expliquemos que mellor ao caer a tarde cando o sol está baixo e non incida directamente neles, ou pola mañá cedo, e mellor pola noite ou ao escurecer, cunha lanterna ou un foco para pórlle luz rasante e poder admiralos en todo o seu esplendor.

E se non, tamén poden chamar ao IEM onde sempre atoparán alguén disposto a orientalos. Pero por favor, a estas altura de século, nin ignorantes nin vándalos. Hoxe non sabe quen non quere, e é vándalo aquel que non respecta, polo tanto non merece respecto. Agardemos que non se repita o incidente.

Gondomar, 28 de xuño de 2013

Seguindo as indicacións dos arqueólogos e expertos que xenerosamente nos brindaron asesoramento e que criticaron duramente esta acción, foille notificada a agresión ao Seprona. O motivo era abondo xustificado: “o carbonato cálcico pode producir descomposición química do granito”, explicaron as nosas fontes. De modo que dous axentes persoáronse hoxe no Alto do Pornedo para levantar acta dos feitos e remitirlle un informe a Patrimonio.

Ao igual que o IEM, a comisión técnica do proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS está a disposición de colectivos sociais, centros escolares e particulares que queiran saber máis sobre este patrimonio. Divulgar, divulgar e divulgar. Educar, concienciar, conservar.

DEFENDE O MONTE PITUCO vén reivindicando dende hai tempo que se adopten medidas para mellorar a situación destes Bens de Interese Cultural. A pelota está no tellado da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián, como titular do terreo comunal. Súa é a responsabilidade de autorizar cando menos a limpeza destes petroglifos catalogados. A Lei de Patrimonio é moi clara:

“Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están OBRIGADOS a CONSERVALOS, COIDALOS e PROTEXELOS debidamente para aseguraren a súa INTEGRIDADE e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración”.

Gravados rupestres do Pornedo, agredidos con xiz.

Publicado por: MontePituco | 11/07/2013

FOTODENUNCIAS: ANTES – DESPOIS

Paga a pena o tempo adicado a patear polo Monte Pituco, tomando nota do bo, do malo e do mellorable. Como tamén compensan as horas empregadas procesando toda esa información, difundindo os valores naturais e culturais deste espazo, reivindicando os argumentos incuestionables a prol da súa conservación e rexeitando a súa destrucción para instalar un polígono industrial, denunciando as agresións que sofre.

Pasaron cinco meses dende que na pista forestal do Monte Pituco foron depositados dous enormes sacos cheos de restos de obra e lixo da posible limpeza dalgunha finca. DEFENDE O MONTE PITUCO ten hoxe a satisfacción de anunciar que naquela longa lista de fotodenuncias vergoñentas xa se pode tachar ese grave verquido ilegal, que acaba de ser retirado xusto no momento no que a vexetación medrara tanto que xa estaba comezando “consolidarse”.

Pasaron 5 meses dende que apareceron os sacos cos restos de obra ata que por fin foron retirados.

Un dos males endémicos do Monte Pituco radica no ‘vicio’ de certa xente cómoda e sen cultura por vir tirar á pista forestal restos de obras menores que se deberían depositar nun punto limpo. Aproveitan que a pista está nun estado deficiente, co firme de terra moi irregular a causa dos torrentes de augas pluviais e do paso dos vehículos, e xustifican o depósito deses refugallos coa excusa de que contribúen a “achandar” o terreo. A súa acción é contraproducente, porque o que cómpre é reparar eses desniveis co material que corresponde, non con fragmentos de lousas, ladrillos, bloques, cemento e o que cadre que vaia polo medio: ferros, latas, botes de plástico, madeiras con puntas oxidadas… Acaba sendo un perigo para os vehículos que seguen pasando, para os que practican deporte ou sendeirismo, para o gando que transita pola zona.

Por riba, ao “consentir” este tipo de verquidos e non perseguir os infractores, cada vez era máis frecuente atopar montóns de escombro xa non só no medio da pista, senón nas canalizacións laterais polas que deberan discurrir as augas pluviais. En definitiva, un bucle de despropósitos.

Por iso tamén é unha boa noticia que un deses verquidos fora retirado, polo que agora cómpre outra medida inmediata para evitar que ese oco sexa cuberto indiscriminada e impunemente por máis residuos: acondicionar a superficie da pista foresal, compactar o terreo e acondicionar tamén as marxes da pista para favorecer que coas próximas chuvias non se volva deteriorar o firme.

Retirados tamén uns restos de obra ciscados na pista forestal do Monte Pituco.

A lista de fotodenuncias é longa; ogallá sexa posible ir riscando máis deficiencias que se subsanan. E para iso é fundamental a implicación dos comuneiros e da veciñanza no coidado do monte de tod@s.

Publicado por: MontePituco | 08/07/2013

PLENO DE XUÑO (III)

Máis tarde que cedo, na propia semana na que se celebrará o pleno de xullo, cómpre repasar os temas pendentes da sesión do mes pasado.

Coa maioría do PP rexeitouse unha moción do Bng en defensa do servizo de salvamento marítimo. Pilar Blanco criticou que o PP non apoiara a proposición non de lei dos nacionalistas no Congreso e que se tardara catro meses en traer a moción ao pleno dende a súa presentación en febreiro. “O PP privatizou o salvamento”, afirmou Blanco, responsabilizando os populares da morte dunha percebeira en Oia en decembro do pasado ano “polos tempos de espera” do helicóptero que acudiu ao fallido rescate.

O concelleiro Francisco Estévez replicoulle que os profesionais do mar “nunca estiveron obrigados a pagar o rescate”, non así no caso das embarcacións, e máis concretamente, nas de recreo, que son susceptibles de saír ao mar aínda con aviso de temporal. “No se ha privatizado el servicio de helicóptero, ya estaba privatizado”, quixo matizar o edil popular.

Para o Psoe “os argumentos do PP non serven”. Luz Santiago instou a Estévez a ler o Real Decreto “para que vea lo que hay que pagar”, e cifrando a tarifa en 2.200 euros a hora dende a base. “Ese dinero es de todos los contribuyentes, no suyo y hay que distribuirlo”, explicou a concelleira do Psoe, que lle reprochou ao PP os recortes “en seguros del mar, de mal tiempo, en protección a las mariscadoras… y no es tanto dinero” en comparación con facturas que o Psoe considera “prescindibles”.

Mar-In votou a favor da moción do Bng a pesar de que “podería discrepar”, pero “tal e como foi tratada, vouna apoiar”, anunciou. A edil independente coincidiu coa súa homóloga do Psoe en que os recortes non só afectan aos servizos de salvamento, senón tamén a sanidade, loita contra incendios… E sorprendeu coas súas críticas ao concelleiro do PP: “Esta moción foi á comisión do mes anterior e pediu que quedara aparcada para chegar a un consenso, e iso que vostede era o consensuador, o bo da corporación do PP”. Como a costeira do bonito xa comezara, Isabel Martínez engadiu que “a touro pasado, non tiña sentido votar a moción”.

Trala segunda intervención do Bng, que non aportou nada novo máis que consumir tempo e gastar cuspe, Estévez leu o texto da lei para deixar claro que “el salvamento de la vida es gratuito” e, en contestación a Mar-In, matizou que a costeira do bonito adiantárase un mes. En canto ás críticas contra o seu papel de “consensuador”, Francisco Estévez precisou que a súa intención era acadar un consenso que non foi posible porque a oposición pedíalle que “apoiara todo” o contido da moción.

Antes de votar o contido da moción aínda houbo que aclarar unha das múltiples cuestións de orde de Muradas, empeñado pleno sí e pleno tamén en liar o palangre coas súas interpretacións sui generis do regulamento das sesións.

O seguinte punto, outra moción do Bng, contaba coa asistencia de varios veciños e veciñas de Tiro Naval Janer, que lle solicitan ao Concello a instalación dunha parada de autobús nesa rúa. Pilar Blanco, salvadora dos desvalidos onde as haxa, explicou que, como o goberno local “non atendeu as súas demandas, recorren a nós”, os do Bloque, que somos o partido do pobo, faltoulle dicir. Para Pilar Blanco, o dictame desfavorable da Policía Local non é un argumento sólido abondo para xustificar a negativa do Concello. Así que aí estaba o Bloque, para enfrontarse con quen fixera falta con tal de conseguir algo en beneficio dos veciños.

…Que llo digan aos veciños da Brea, se a vontade inicial do Bng era a favor do pobo ou a favor do poder. Tamén os defensores do Monte Pituco podiamos comentar a facilidade do Bloque para embarullar e enfrontar a uns veciños con outros con tal de quedar ben e aparentar unha solidariedade ficticia.

Dada a dramatizar e sobreactuar, Pilar Blanco aferrouse ao factor humano: “Téñena tomada cos veciños de Tiro Naval Janer, persoas maiores e con problemas de mobilidade”, laiouse, apelando ao concelleiro de tráfico a que “repense” a decisión. E como mostra de boísima vontade por parte do Bloque, amosouse disposta a que a moción quedara “sobre a mesa para buscar unha solución”.

Estaba claro que ía ser un pleno movido para Estévez Salazar: todos a por el, semellaba ser a consigna. Explicou o concelleiro do PP que “cuando llegaron los escritos de los veciños tratamos de buscar una solución, aún en contra del informe policial negativo”. Ata o punto de desprazarse ao lugar con responsables de Mombús e da propia Policía Local, onde chegaron á primeira conclusión de que era “imposible” compracer a petición da veciñanza. Estévez rematou a súa primeira intervención insistindo en ser “o primeiro en querer unha parada en Tiro Naval”.

“No acabo de ver el problema”, espetoulle Muradas, que lle reprochou que tivera deixado “morta” a parada fronte á Praza de Abastos. E ante a posibilidade de que a creación da parada en Tiro Naval puidera causar algunha retención de tráfico, Muradas veu dicindo algo así como ‘que se fastidien e agarden’, que dende o seu punto de vista había que “apostar polo transporte público”.

Máis pragmática, Isabel Martínez preguntouse “quen é Mombús para negarse a establecer unha parada” onde o Concello puidera determinar que se fixera. Tamén cuestionou o informe da Policía Local: “Retención porque para un bus? E cando era trolebús, non había retención?”. A edil de Mar-In foi partidaria de retomar a proposta máis adiante para revisala novamente.

Ao ver que a intervención da súa predecesora fora máis conciliadora, Pilar Blanco volveu á carga: “O único que ve problemas é vostede, faga a proba, estableza temporalmente a parada e se hai atasco renunciamos a ela”.

Pero, o papel do Bloque non era defender os veciños? Con que criterio se pon a defender a concelleira do Bng un tema do que non está segura e no que non cre ao 100%? Se funciona poña a parada, e se non, sáquea. Por que nese momento os veciños e veciñas de Tiro Naval Janer por que se terían dirixido a Pilar Blanco para recriminarlle esa posición tan elástica?

“Deixe de pasear cos de Mombús que non son os que gobernan aquí”, rematou dicindo Pilar Blanco.

Foi un segundo turno o da voceira do Bloque que tiña moita chicha para deixala en evidencia pero, máis que consensuador, o concelleiro de Tráfico é un nulo polemizador. Ademais de reiterar que propoñía aparcar a moción, o único ao que foi capaz de sacarlle punta foi ao comentario de Muradas sobre a supresión da parada na Praza de Abastos: “Usted ya quitó la parada en Exequiel Massoni”. Muradas non tiña nin idea: “Es que no soy usuario del transporte público”.

Pero non quederamos no seu anterior turno de palabra en que apostaba por esa fórmula? Otro que tal baila. Blanco & Muradas, argumentos chapuzas a domicilio.

A alcaldesa meteu baza para expoñer que xa que a ponente da moción pedía que quedara sobre a mesa, e que o concelleiro de Tráfico estaba conforme, que se votara nese sentido. Non sen antes pedir respecto para os informes que emiten os servizos municipais: “Non se pode ser despectivo cos informes cando non son do agrado de todo o mundo e se critiquen cando non din o que se quere”.

Finalmente o Bloque, Mar-In e o PP votaron a favor de deixar a moción a un lado, deixando solos aos do Psoe que votaron en contra. Daquela, o grupo de veciños de Tiro Naval marchou e a sala de plenos quedou case baleira de público.

Publicado por: MontePituco | 07/07/2013

BEN POR PROTECCIÓN CIVIL

Faro de Vigo, 7 de xullo de 2013.

[Faro de Vigo: “Protección Civil liberará de ´trancas´ a los caballos y denunciará a sus dueños“]

É unha gran noticia. Nas moitas ocasións nas que localizamos cabalos con pexas, cadeas e cordas atadas ás patas invadíanos unha enorme sensación de impotencia. Por máis que tomaramos imaxes dos animais, das marcas que tiñan no lombo -ás veces desfiguradas para dificultar a súa identificación- e dos instrumentos de tortura cos que cargaban; por máis que lle notificaramos ás asociacións de defensa dos dereitos dos animais e ao Seprona a súa presenza no monte; por máis que denunciaramos esta situación no blogue do Monte Pituco e nas redes sociais… non abondaba.

Os cabalos seguían o seu camiño, a pasos curtos e saltos precarios, abríndose paso entre as toxeiras ou atravesando perigosos desniveis.

Protección Civil de Marín fará posible o que os visitantes do monte non somos quen de facer, sen os medios materiais necesarios, sen os coñecementos ou a axuda precisa: liberalos desas pexas, cadeas e cordas para que poidan desprazarse con máis liberdade e seguridade. Noraboa a esta agrupación de voluntarios pola sensibilidade, un agradecemento que cómpre facer extensivo ás entidades -Concello e Policía Autonómica- que respaldan a iniciativa. Ogallá o seu traballo comece a dar resultados positivos moi pronto para que o seu exemplo se traslade a outras zonas da provincia e do resto de Galicia onde tamén persiste esta lacra.

Cómpre que siga habendo colaboración cidadá para que, sexa no Monte Pituco, en Cotorredondo ou onde se localicen casos deste tipo, se lle trasladen a Protección Civil para que actúe e se investigue a autoría destes delictos de maltrato animal.

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías