Publicado por: MontePituco | 08/07/2013

PLENO DE XUÑO (III)

Máis tarde que cedo, na propia semana na que se celebrará o pleno de xullo, cómpre repasar os temas pendentes da sesión do mes pasado.

Coa maioría do PP rexeitouse unha moción do Bng en defensa do servizo de salvamento marítimo. Pilar Blanco criticou que o PP non apoiara a proposición non de lei dos nacionalistas no Congreso e que se tardara catro meses en traer a moción ao pleno dende a súa presentación en febreiro. “O PP privatizou o salvamento”, afirmou Blanco, responsabilizando os populares da morte dunha percebeira en Oia en decembro do pasado ano “polos tempos de espera” do helicóptero que acudiu ao fallido rescate.

O concelleiro Francisco Estévez replicoulle que os profesionais do mar “nunca estiveron obrigados a pagar o rescate”, non así no caso das embarcacións, e máis concretamente, nas de recreo, que son susceptibles de saír ao mar aínda con aviso de temporal. “No se ha privatizado el servicio de helicóptero, ya estaba privatizado”, quixo matizar o edil popular.

Para o Psoe “os argumentos do PP non serven”. Luz Santiago instou a Estévez a ler o Real Decreto “para que vea lo que hay que pagar”, e cifrando a tarifa en 2.200 euros a hora dende a base. “Ese dinero es de todos los contribuyentes, no suyo y hay que distribuirlo”, explicou a concelleira do Psoe, que lle reprochou ao PP os recortes “en seguros del mar, de mal tiempo, en protección a las mariscadoras… y no es tanto dinero” en comparación con facturas que o Psoe considera “prescindibles”.

Mar-In votou a favor da moción do Bng a pesar de que “podería discrepar”, pero “tal e como foi tratada, vouna apoiar”, anunciou. A edil independente coincidiu coa súa homóloga do Psoe en que os recortes non só afectan aos servizos de salvamento, senón tamén a sanidade, loita contra incendios… E sorprendeu coas súas críticas ao concelleiro do PP: “Esta moción foi á comisión do mes anterior e pediu que quedara aparcada para chegar a un consenso, e iso que vostede era o consensuador, o bo da corporación do PP”. Como a costeira do bonito xa comezara, Isabel Martínez engadiu que “a touro pasado, non tiña sentido votar a moción”.

Trala segunda intervención do Bng, que non aportou nada novo máis que consumir tempo e gastar cuspe, Estévez leu o texto da lei para deixar claro que “el salvamento de la vida es gratuito” e, en contestación a Mar-In, matizou que a costeira do bonito adiantárase un mes. En canto ás críticas contra o seu papel de “consensuador”, Francisco Estévez precisou que a súa intención era acadar un consenso que non foi posible porque a oposición pedíalle que “apoiara todo” o contido da moción.

Antes de votar o contido da moción aínda houbo que aclarar unha das múltiples cuestións de orde de Muradas, empeñado pleno sí e pleno tamén en liar o palangre coas súas interpretacións sui generis do regulamento das sesións.

O seguinte punto, outra moción do Bng, contaba coa asistencia de varios veciños e veciñas de Tiro Naval Janer, que lle solicitan ao Concello a instalación dunha parada de autobús nesa rúa. Pilar Blanco, salvadora dos desvalidos onde as haxa, explicou que, como o goberno local “non atendeu as súas demandas, recorren a nós”, os do Bloque, que somos o partido do pobo, faltoulle dicir. Para Pilar Blanco, o dictame desfavorable da Policía Local non é un argumento sólido abondo para xustificar a negativa do Concello. Así que aí estaba o Bloque, para enfrontarse con quen fixera falta con tal de conseguir algo en beneficio dos veciños.

…Que llo digan aos veciños da Brea, se a vontade inicial do Bng era a favor do pobo ou a favor do poder. Tamén os defensores do Monte Pituco podiamos comentar a facilidade do Bloque para embarullar e enfrontar a uns veciños con outros con tal de quedar ben e aparentar unha solidariedade ficticia.

Dada a dramatizar e sobreactuar, Pilar Blanco aferrouse ao factor humano: “Téñena tomada cos veciños de Tiro Naval Janer, persoas maiores e con problemas de mobilidade”, laiouse, apelando ao concelleiro de tráfico a que “repense” a decisión. E como mostra de boísima vontade por parte do Bloque, amosouse disposta a que a moción quedara “sobre a mesa para buscar unha solución”.

Estaba claro que ía ser un pleno movido para Estévez Salazar: todos a por el, semellaba ser a consigna. Explicou o concelleiro do PP que “cuando llegaron los escritos de los veciños tratamos de buscar una solución, aún en contra del informe policial negativo”. Ata o punto de desprazarse ao lugar con responsables de Mombús e da propia Policía Local, onde chegaron á primeira conclusión de que era “imposible” compracer a petición da veciñanza. Estévez rematou a súa primeira intervención insistindo en ser “o primeiro en querer unha parada en Tiro Naval”.

“No acabo de ver el problema”, espetoulle Muradas, que lle reprochou que tivera deixado “morta” a parada fronte á Praza de Abastos. E ante a posibilidade de que a creación da parada en Tiro Naval puidera causar algunha retención de tráfico, Muradas veu dicindo algo así como ‘que se fastidien e agarden’, que dende o seu punto de vista había que “apostar polo transporte público”.

Máis pragmática, Isabel Martínez preguntouse “quen é Mombús para negarse a establecer unha parada” onde o Concello puidera determinar que se fixera. Tamén cuestionou o informe da Policía Local: “Retención porque para un bus? E cando era trolebús, non había retención?”. A edil de Mar-In foi partidaria de retomar a proposta máis adiante para revisala novamente.

Ao ver que a intervención da súa predecesora fora máis conciliadora, Pilar Blanco volveu á carga: “O único que ve problemas é vostede, faga a proba, estableza temporalmente a parada e se hai atasco renunciamos a ela”.

Pero, o papel do Bloque non era defender os veciños? Con que criterio se pon a defender a concelleira do Bng un tema do que non está segura e no que non cre ao 100%? Se funciona poña a parada, e se non, sáquea. Por que nese momento os veciños e veciñas de Tiro Naval Janer por que se terían dirixido a Pilar Blanco para recriminarlle esa posición tan elástica?

“Deixe de pasear cos de Mombús que non son os que gobernan aquí”, rematou dicindo Pilar Blanco.

Foi un segundo turno o da voceira do Bloque que tiña moita chicha para deixala en evidencia pero, máis que consensuador, o concelleiro de Tráfico é un nulo polemizador. Ademais de reiterar que propoñía aparcar a moción, o único ao que foi capaz de sacarlle punta foi ao comentario de Muradas sobre a supresión da parada na Praza de Abastos: “Usted ya quitó la parada en Exequiel Massoni”. Muradas non tiña nin idea: “Es que no soy usuario del transporte público”.

Pero non quederamos no seu anterior turno de palabra en que apostaba por esa fórmula? Otro que tal baila. Blanco & Muradas, argumentos chapuzas a domicilio.

A alcaldesa meteu baza para expoñer que xa que a ponente da moción pedía que quedara sobre a mesa, e que o concelleiro de Tráfico estaba conforme, que se votara nese sentido. Non sen antes pedir respecto para os informes que emiten os servizos municipais: “Non se pode ser despectivo cos informes cando non son do agrado de todo o mundo e se critiquen cando non din o que se quere”.

Finalmente o Bloque, Mar-In e o PP votaron a favor de deixar a moción a un lado, deixando solos aos do Psoe que votaron en contra. Daquela, o grupo de veciños de Tiro Naval marchou e a sala de plenos quedou case baleira de público.


Responses

  1. “…Que llo digan aos veciños da Brea, se a vontade inicial do Bng era a favor do pobo ou a favor do poder. Tamén os defensores do Monte Pituco podiamos comentar a facilidade do Bloque para embarullar e enfrontar a uns veciños con outros con tal de quedar ben e aparentar unha solidariedade ficticia.”

    Falas ben, Montepituco. Tes toda a razón. De parte de quen está o BNG?
    Calquera sabe. Os veciños e veciñas da Brea aínda temos moi presente cando andaban enleando e querían enfrontarnos cos de San Xulián para crear división entre nós e que así perderamos credibilidade.
    E cando Pilar Blanco se dedicaba a transportar vellos “indefensos” na furgoneta dos servizos de limpeza para que non se cansaran no camiño hacia a casa de Cultura de Mogor. Así de paso deixaba quedar mal á súa socia de goberno Luz Santiago, que era a encargada de servizos sociais?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: