Publicado por: MontePituco | 07/08/2013

SEGUNDA REUNIÓN SOBRE ACUAES (ANTIGA ACUANORTE)

Diario de Pontevedra, 7 de agosto de 2013.

La Voz de Galicia, 7 de agosto de 2013.

O director do proxecto da nova rede de abastecemento de auga que proxecta Acuaes -anterior Acuanorte- estivo na Casa de Montes de San Xulián para explicarlle aos veciños o proxecto alternativo no que están traballando. César Prieto comezou precisando que a Sociedade Estatal aceptara a alegación do Concello de Marín e que el mesmo atendera a moitos afectados que demandaran información. Tamén explicou que o proxecto orixinal redactárase en 2010, cando o PXOM aínda non estaba aprobado e que agora, habendo un planeamento urbanístico, parecíalle “razoable e lóxico” que os técnicos do proxecto se adecuaran aos novos condicionantes.

O novo trazado aproveitaría viais existentes: os de titularidade municipal habería que anchealos “temporalmente” para que as máquinas puideran traballar, pero que, ao remate da “cesión temporal”, os terreos reverterían nos seus propietarios.

“As afeccións van ser mínimas, agás para o novo depósito”, aclarou César Prieto, que precisou que se están barallando alternativas para a súa ubicación. Apuntou ao lugar do Casal, na zona de Cadro. Se no primeiro proxecto o depósito se localizaba próximo ao xa existente, César Prieto sinalou que a decisión respondía ao criterio de “agrupar infraestruturas para evitar ir poñendo cousas por todo o concello”.

En todo caso, e a falta dunha proposta definitiva, Prieto indicou que dependerá da presión e da cota, e que para unha obra desas características precisan unha zona “chan e despexada”. Tamén xustificou a necesidade da instalación dese segundo depósito porque “Marín abastécese dun só punto en Pontevedra”. E habendo o que calificou de “puntos de consumo fortes”, como o centro urbán e o porto, estaba probado que “no verán hai problemas de presión e non chega a auga en boas condiciósns”. A iso engadiu ademais que con dúas fontes de abastecemento “paralelas”, en caso de que unha fallara, o servizo estaba garantido coa outra.

Despois desta introdución, botou man do ordenador para amosar nunha pantalla, a través dun mapa de Google, por onde discorrería o novo trazado. Partindo do Pituco, baixaría pola estrada e, ao chegar á “cascada” que hai na curva entre A Pena e O Caeiro, subiría pola costa que xa enlaza coa pista de servizo da Variante de Marín, polo lado de abaixo.

A "cascada" pola que baixa a auga con forza dende o Pituco.

Chegando á parte de arriba de Macenlle, César Prieto sinalou que intentarían “non chegar ás casas”. Xa en Pardavila, cruzaría polos pilares da ponte. Continuaría na zona de Fixón, por camiños veciñais “moi estreitos”. O director do proxecto expuxo que habería algúns puntos nos que, malia que o camiño trazara unha gran curva, optarían por acurtar en liña recta, polo que lle solicitou aos veciños dos terreos afectados que foran “razoables”. Finalmente, a tubaría volvería ás proximidades da Variante, engancharía coa estrada provincial e, tras pasar pola Brea, chegaría ao final na estrada de Bueu.

O representante de Acuaes calcula que aínda tardarán uns 5 meses en ter un proxecto definitivo cunha relación de afectados. Que ao, rematalo, o proxecto sairía a concurso para as empresas interesadas en executar as obras. Someteríase a información pública e os veciños terían un prazo para presentar alegacións.

Para intervir nos viais, Acuaes xa lle solicitou permiso formal ás Administracións provincial e autonómica que, “en principio están a favor”, coa única condición de “non tocar a Variante”.

Unha veciña tomou a palabra para reiterar a súa oposición ao depósito previsto inicialmente no lugar de O Pozo, argumentando que os veciños non estaban contentos co depósito existente na actualidade, que perde auga. César Prieto explicoulle que o depósito podíase empermeabilizar e que as fugas “non van en contra da estabilidade estrutural do depósito”.

Otro veciño propuxo que se aproveitara a posta en marcha destas obras para “levar unha tubaría a cada parroquia”, aínda que despois foran o Concello ou a Xunta os que acometeran o resto da actuación para completar o trazado ata as vivendas.

O concelleiro Ramiro Gestido explicou que o proxecto que redacta Acuaes é “unha estrutura principal” dende a que logo podería ser posible subministrar a outros lugares. Pero Gestido, que dentro do Goberno local é o que coordina o proxecto, xa se pronunciou cunha frase un tanto lapidaria: “o que haxa que expropiar, expropiarase”.

Planos de Acuanorte coa tubería orientada ao Monte Pituco.

En canto ás alegacións que presentara DEFENDE O MONTE PITUCO no mes de abril e que non recibiran resposta, César Prieto anunciounos que Acuaes ACEPTARA a nosa alegación, de xeito que NON se construirá a conducción para o colector previsto no proxecto inicial.

Consultado o Concello por parte de Acuaes, o Goberno local de Marín indicoulle á Sociedade Estatal que a construcción do polígono industrial previsto no Pxom “non era unha prioridade”, polo que os técnicos optaron por non meterse en camisas de once varas e renunciar a esa canalización que subía polo Monte Pituco arriba ata máis o menos o acceso a onde estaba a área recreativa no recheo da Variante.

Non obstante, esta boa noticia ten un “pero”. Aténdose ás indicacións municipais ou ao propio Pxom, César Prieto díxonos que instalarían unha “T” que o día de mañá podíase utilizar ou non. Dende logo, en DEFENDE O MONTE PITUCO seguiremos loitando para que esa “T” nunca se use e que a tubería quede tal e como está polo tempo que dure esta infraestrutura.

Depósitos do manancial de Fontenla, pertencente aos veciños do Caeiro.

Outro aspecto sobre o que chamamos a atención do director do proxecto foi sobre a existencia dun depósito de auga que abastece aos veciños do Caeiro, tendo en conta que xusto no inicio da pista de servizo da Variante hai unha serie de tubarías que, dende o depósito, chegan ás vivendas. César Prieto explicounos que antes de que comecen as obras os técnicos contactarán cos habitantes de cada zona en xeral e da Pena e Caeiro en particular, para que detallen calquera observación que os operarios teñan que ter en conta antes de iniciar os traballos, evitando así desperfectos nas conduccións da auga do manancial do Pornedo e molestias para os usuarios.

E por último, fixemos moito fincapé nun aspecto patrimonial que tamén se puxo en coñecemento do concelleiro Gestido. Na pista de servizo da Variante, por riba das casas do Caeiro hai un conxunto rupestre catalogado, o petroglifo de Piñeiral de Caeiro, que cómpre que se “respecte”. E entrecomillamos o verbo “respecte” porque no seu día, cando se trazou o itinerario da Variante e dos seus viais de servizo, NON se respectou.

Petroglifos de Piñeiral de Caeiro (foto, Lukas Santiago)

Os gravados rupestres son Bens de Interese Cultural, contan coa máxima protección e hai unha Lei de Patrimonio que detalla cal debe ser o seu tratamento e conservación. As obras da Variante demostraron que, ante os intereses políticos ou económicos, non hai Lei de Patrimonio que valga, e que se a área de cautela dun petroglifo é de polo menos 200 metros, o de Pinal de Caeiro é a proba de que incumpriu flagrantemente. Aínda polo menos tiveron a “sensibilidade” -dixo sexa tamén entre aspas- de non levalo por diante cando as máquinas entraron no monte coma o exército de Pancho Villa.

O caso é que a pista de servizo da Variante pasa a poucos metros dese petroglifo catalogado e tanto o Concello como Acuaes van ser informados por DEFENDE O MONTE PITUCO da súa localización exacta para que os técnicos e os responsables da obra garantan que as obras NON van perxudicar este vestixio prehistórico. Como o propio César Prieto sinalou -sendo de agradecer a súa boa disposición- non sería lóxico que o Ministerio de Medio Ambiente faga unha obra que dane un elemento que o propio Ministerio debería protexer.

Posto que esta rede de abastecemento de auga é unha obra de interese xeral, e que a pista de servizo xa existe aínda que pase a carón do petroglifo catalogado, pensamos que o máis prudente é compatibilizar a instalación da tubaría coa preservación inexcusable do gravado rupestre. Seguramente vaia ser un traballo complexo e delicado, posto que o terreo ocupado para acometer as obras sería duns 15 metros de ancho, pero nesta reunión César Prieto asegurou que sería posible coidar do xacemento arqueolóxico dispoñendo ao seu redor dun valado de protección, ou algunha medida análoga. A propia Xunta, a través do Servizo de Patrimonio, debería ser a primeira en facer esta observación tan elemental en canto os técnicos de Acuaes lle remitan o proxecto para informalo e emitir o seu dictame.

En conclusión, DEFENDE O MONTE PITUCO agardará ao periodo de exposición do proxecto definitivo correspondente ao termo municipal de Marín, coa confianza de que o colector previsto anteriormente no Monte Pituco desaparecerá. E no periodo de presentación de alegacións formularemos por escrito as medidas que cómpre tomar para non danar a tubaría que conecta os tanques do depósito do Monte Pituco coas vivendas dos veciños, ademais de alertar sobre a presenza do petróglifo de Piñeiral de Caeiro.


Responses

  1. […] O resume daquel encontro co técnico pódese ler no artigo titulado “Segunda reunión sobre Acuaes“. […]

  2. […] [Ver o artigo titulado SEGUNDA REUNIÓN SOBRE ACUAES] […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: