Publicado por: MontePituco | 08/08/2013

PLENO DE XULLO (III)

Mañá celébrase o pleno municipal de agosto e aínda faltaba dar conta de como rematou a sesión da corporación do mes pasado.

Eran as 22:30 horas cando se debateu unha moción do Psoe, Bng e Mar-In pedindo a retirada da reforma educativa que prepara Wert, ese ministro “un poco rarito”, como o calificou a socialista Luz Santiago, que criticou o Goberno local porque “había un acuerdo tácito conforme lo que se apoyaba en los Consellos da Muller y de Educación se apoyaba en los plenos, y lo han roto”.

Cando se tratan estes temas de ámbito estatal, a veciñanza que asiste aos plenos ten a sensación de estar asistindo a un debate no Congreso dos Deputados. Xa lle gustaría a máis dun/dunha, pero mal que lles pese, están nun humilde Concello de pouco menos que 30 mil habitantes. A cidadanía quedaríalle máis agradecida se, en vez de ler uns discursos farragosos que lles chegan por email dende a federación provincial, autonómica ou nacional do partido de turno, fixeran o esforzo de aplicar a repercusión desas políticas que eloxian ou critican á vida cotiá do veciño/a co que se cruzan pola rúa.

Na súa intervención, Pilar Blanco acusou o PP de ir “en contra do que pensa a sociedade”, insistindo tamén en que no Consello Educativo votouse en contra da Lei Wer.

A esas alturas do Pleno, o ambiente de dispersión mental dos concelleiros de todos os grupos era esaxerado, como mostra do aburrimento que eles mesmos experimentan despois de dúas horas e media de sesión: uns miraban o teito, otro rañaba nun brazo…

Isabel Martínez criticou que no Consello Escolar do 25 de xuño, cando se presentara a moción que agora se debatía no pleno, a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, dixera que “non tiña coñecemento da lei, algo que di moito dela”, engadiu a edil de Mar-In nun ton irónico. Entre as desvantaxes que enumerou se prospera a reforma educativa, Isabel Martínez advertiu que os consellos escolares perderían competencias, que pasarían ás direccións dos centros, nomeadas pola Consellería; que o ensino público quedaría desprotexido fronte ao ensino privado-concertado; que se subvencionaría a separación por sexos… E con estes datos, instou a Marian Sanmartín a mollarse, argumentando que agora “a disculpa non pode ser que non hai un anteproxecto, porque o hai”.

A réplica da concelleira de Educación foi tan penosa que debería pasar ao rexistro de infortunios argumentais. Unha concelleira con dedicación exclusiva -aínda non tendo experiencia previa no cargo- non pode pasar dous anos nunha Corporación e chegar ao pleno con respostas improvisadas e desafortunadas como as que deu, chegando ao extremo, por riba, de “pelexarse”, no sentido dialéctico da palabra, con outra edil da oposición por cuestións de índole persoal ou familiar.

Marián Santiago xustificouse dicindo que cando se celebrara o Consello descoñecía o tema, pero que agora que xa se informara, chegara á conclusión de que o actual modelo educativo parecíalle fracasado e por iso o PP cambiaba a lei “para probar, probar e probar…”

Con afirmacións deste calibre, non é de estrañar que a oposición se tronche de risa e que a cidadanía se enfade: as persoas non somos ratiños de laboratorio para que os políticos experimenten ao seu antollo con medidas que se lles ocorren peregrinamente.

E seguiu a concelleira de Educación, que cada vez metía a pata máis a fondo: “Nós non queremos queremos quitar o castelán das aulas, este cambio da lei pretende atallar o fracaso escolar, queremos garantir o ensino en todas as linguas cooficiais, deixen traballar no anteproxecto”.

“No se puede ser tan falsa”, espetoulle Luz Santiago no seu segundo turno. “En galego”, interrumpiuna Marián Santiago de xeito totalmente inoportuno, fóra de lugar e con ánimo provocador. “Yo le hablo como me da la gana, no sé gallego porque no lo protegieron cuando yo estudié”, contestoulle a concelleira socialista, visiblemente nerviosa polo tono da súa voz. O argumento podía ter certo cariz demagóxico, pero non paga a pena entrar máis a fondo, porque a esas alturas Luz Santiago xa non daba moito pé con bola, tiña os esquemas rotos o máis que conseguiu dicir foi unha serie de reproches que tampouco viñan a conto: “Usted será millonaria pero yo no” ou “ya puede estudiar uno que sea un ceporro con tal de ser rico”.

“A súa intervención defínea”, contestoulle Pilar Blanco, a quen a nova lei do PP non lle estraña porque “responde a implantar a súa ideoloxía: católica, recentralizar o poder, eliminar as linguas do Estado que son diferentes”.

Isabel Martínez intentou reconducir o debate en termos racionais, reiterando as ideas que xa comentara no seu primeiro turno e engadindo un dato interesante que cómpre ter en conta: “os centros vanse especializar e o rapaz que queira estudar outra cousa terá que ir a outro concello”. Iso é, precisamente, achegar a política ao cidadán, falarlle de como lle van afectar as decisións que toman os gobernantes. Outra cousa é filosofar sobre o divino e o humano, con argumentos de corta-pega.

Antes de que se votara a moción, aínda houbo uns segundos para otro rifi-rafe Marián-Luz. A do PP díxolle á do Psoe: “Os meus fillos van aos mesmo centro que os de vostede”. E a do Psoe contestoulle: “Igual que me expreso como me da la gana, también meto a mis hijos a estudiar donde me da la gana, igual que usted”.

Nunha palabra, patético.

A moción non foi aprobada porque o PP, votando en contra, aplastou os votos a favor de Psoe, Bng e Mar-In.

………………………………………….

O seguinte punto foi unha moción do Bng para rexeitar a creación das brigadas municipais contra incendios.

Pilar Blanco dirixiuse ao Goberno local para que facilitase información, xa que o Bng non tiña costancia de que Marín firmara o convenio coa Xunta. “Moitos concellos de todas as cores políticas rexeitaron o convenio porque as competencias son da Xunta e os concellos terían que sufragar o servizo”, explicou a voceira nacionalista, que puxo como exemplo que “ningún concello do Morrazo subscribira aínda” ese acordo, co cal os montes da bisbarra estaban desprotexidos e estas alturas do verán os traballos de prevención estaban “sen facer”. Pilar Blanco falou de “caos”, de “retroceso”, e criticou que había alcaldes que utilizaban eses convenios para “contratar a dedo” e tecer unha rede “clientelar”.

Marián Sanmartín explicou que o PP votaría en contra da moción e argumentou que este Marín non se ía adherir ao convenio porque “non se dispoñía dos informes necesarios e non temos experiencia previa con Grumires”. Puxo como exemplo o concello de Poio, gobernado polo Bng e o Psoe, onde curiosamente pediran máis dotación: “Veremos como mete o persoal, con dedo ou sen dedo”, chimpoulle Marían Sanmartín.

Dende o Psoe, Pazos Lamoso amosou a súa sorpresa porque había dous meses que preguntara por esta cuestión e non lle contestaran “e agora entérome pola moción do Bng”. Pois volvera ter preguntado, señor Lamoso, e así o Bng non lle tería pisado o tema, ou si llo pisaría de todos modos, habida conta da afección do Bng a presentar re-mocións das mocións que presentan os demais grupos da oposición.

“Deste tema sei un pouco”, dixo o concelleiro que en certa ocasión chegou a afirmar que o Monte Pituco era o sitio máis chan de todo Marín para instalar un polígono industrial. Como para fiarse da súa contrastada experiencia

Pazos Lamoso pensou que lles descubría aos demais a fórmula da coca-cola cando afirmou que con este convenio os concellos librábanse de pagarlle o 21% de IVE á empresa pública Seaga. Ou algo así, porque o edil socialista non se caracteriza precisamente por ser claro abondo nas súas explicacións. O que si se preguntou é que, no caso de que o convenio se asinara, tiña que vir a pleno. Na súa inmensa clarividencia, tamén deu por sentado que “caerán centos de demandas” no colectivo dos traballadores deste sector, e que á larga adherirse a este convenio era “caro” para os concellos porque se metían en competencias que non lles correspondían.

Lamoso recomendoulle á concelleira de Medio Ambiente que para o próximo ano non asine o convenio, porque no fondo traía como consecuencia “máis risco para o monte, os veciños e os traballadores”. E ante as críticas de alcaldes como os de Moaña e Cangas, o delegado territorial da Xunta tivera que “presionar para que contrataran, porque se non o plan caíalle”.

Isabel Martínez reprochoulle á concelleira de Medio Ambiente que la comisión dixera que estaba “esperando un borrador” pero coincidou co seu homólogo do Psoe en que firmar o convenio non era boa idea porque a xente que entraba a traballar nesas brigadas non tiña formación específica, nin medios e metíanse ao monte “mal ordenados”. “Cando hai mortos, é xente que non ten experiencia do que hai que facer no monte”, engadiu a concelleira de Mar-In, que tamén criticou que “se publicite que se queira adelgazar a Administración e pola porta de atrás se meta máis xente” con medidas deste tipo.

En canto ao exemplo de Poio, Isabel Martínez afirmou que o concello veciño fixera “ben” a selección do persoal, a diferenza de Forcarei, “que publicitou pero non asignou ben”. En definitiva, amosouse satisfeita de que Marín non asinara o convenio e pediulle ao Goberno local que o ano próximo tampouco o asine. “Poden ser vostedes do PP pero non teñen que dicir amén a todo”, concluiu.

Volveu tomar a palabra Pilar Blanco, facendo alarde de que ela tampouco ía ser menos que os demais interesándose polas brigadas e polo convenio moito antes que os outros partidos: “A secretaria é testemuña de que preguntei este tema e vostede dixo que non había nada; e agora di que non se vai asinar o convenio pero vai votar en contra da moción; e aínda por riba critica o concello de Poio…”

Sacou peito a voceira do Bng para afirmar que o alcalde de Poio “sabe bastante máis que vostede de selección de persoal”, tendo en cota que nos lumes de 2006 fora un dos municipios máis castigados, e pediulle “máis prudencia” á hora de criticar os demais.

Pero como do que se trataba era de deixar o PP en evidencia, botoulle en cara que mentres o Goberno local gasta 24.000 euros para instalar hinchables nas praias, os montes do Morrazo estaban en mans de 15 persoas de Seaga e non había cartos para contratar brigadas contra incendios.

Esta crítica non tiña sentido ningún porque se a moción precisamente era para rexeitar a contratación desas brigadas, non viña a conto reprocharlle ao Concello que non as contratara, precisamente. Así de enrevesadas son as lideiras do Bloque de Marín, capaz de criticar unha cousa e a contraria.

Marián Sanmartín aclaroulle á oposición que o Concello aínda estaba en prazo para asinar o convenio, se o tivera considerado oportuno. Pero tendo en conta que non había persoal municipal capacitado para ese traballo e que o orzamento que se lle pedira a Tragsa “íase de prezo”, porque a idea do Goberno local era “externalizar” ese servizo, finalmente optárase por non subscribir o convenio e agardar a coñecer a experiencia dos concellos veciños que si se adheriran.

“Se teñen dúbida en algo do que sei, axúdolles”, engadiu Pazos Lamoso, que aínda debe ter nostalxia do cargo que tiña na anterior lexislatura. O concelleiro que sitúa o Monte Pituco entre as maiores planicies de Marín e se acaso do mundo enteiro, non quixo quedar sen dar unha pequena charla sobre a orientación xeográfica de Marín, que se é distinta á de Poio, Cangas ou Honolulú. E que cando ardía en Marín tiñamos a inmensa sorte que os lumes eran máis suaves; que o bosque podía quedar chamuscado, pero con suavidade. Insistiu en que era un convenio “caro” e advertiulle ao Goberno local que como o ano próximo o asinen, “terédesme en contra”. Que medo!

A oposición votou a favor, pero a moción quedou rexeitada cos votos do PP.

…………………………………………………….

Ás 23:30 comezou o turno de rogos e preguntas.

No seu perfecto castelán, o exalcalde Francisco Veiga comezou a súa retórica:

“Los convenios tienen que venir a pleno”.

Preguntou polo expediente das festas, criticando que o Goberno local só informaba a través da prensa.

Preguntou se o Concello podía garantirlle aos veciños que as atraccións eran seguras, se houbera unha empresa supervisando que se cumprían as normas.

Aludiu ao tema de Acuanorte, que a financiación dos fondos Feder abarcaba os anos 2007-2013, pero como había un retraso e os fondos europeos cubrían o 43% do custe das obras, preguntou se o concello podía pedir unha prórroga porque, se non se podía xustificar, o concello tería que asumir todo o importe. “Están tomando alguna medida? Cuándo se va a conocer el nuevo trazado?”.

María Ramallo contestoulle en galego:

Sobre os convenios, que non facía falta levalos a pleno se non implicaban custe económico.

Sobre as atraccións, que se contratara unha inspección técnica previa á montaxe.

Sobre Acuanorte, que os fondos europeos cubrían o 70% das obras, non o 40. E que era Acuanorte a que tiña que pedir a prórroga, pero que aínda que estaban xustos de tempo, estaban en prazo.

Tamén lle trasladou información dunha pregunta pendente dun pleno anterior, referente a unha comunión que ao parecer se celebrara no pabillón da Cañota: non había solicitude previa, que se contactara coa familia a través do teléfono que figuraba no papel facilitado por Veiga, que contestaran que soamente quedaran para xogar un partido de fútbole e merendar, e que o pabillón fora o punto de encontro e xogaran alí.

Muradas preguntou polas sinais de tráfico na entrada das zonas peonís, se se presentara reclamación contra a empresa das obras en Ezequiel Massoni. Tamén insistiu na situación do caso Antalsis e criticou o “tufo a inseguridade xurídica” que apreciaba: “Le voy a preguntar en todos los plenos, no consiento que esa empresa intentara estafar al ayuntamiento de Marín”. Daquela comezou a botar un discurso, facendo constar que xa consumira os 3 minutos que lle correspondían polo novo regulamento do pleno.

E seguiu con máis rogos, preguntas e consideracións variopintas: o Arela, a liquidación do orzamento do que tiñan que “haber dado cuenta”, as carpas da alameda, a falta de sombra e un longo etc.

A alcaldesa contestoulle que as sinais chegaran onte. Sobre Ezequiel Massoni, que o prazo “pasouse”, que había que cuantificar a obra que había que realizar para reclamar ese importe no xulgado. En canto a Antalsis, replicou que o argumento de Muradas “non era exacto”: que o concello incautaría a fianza, que o expediente iniciárase en xaneiro, cando rematara a obra, e que dende entón emitíranse informes técnicos e xurídicos.

Para non variar, Muradas interrumpía as explicacións de María Ramallo, que nun momento dado, freou o concelleiro do Psoe: “Son as 12 menos cinco e aínda faltan máis da metade por preguntar”. Para rematar de replicar a Muradas, volveu botar man da retranca: “E aprenderemos a non podar”.

Lamoso, que sempre ten máis que dicir, quedou tan ancho ao afirmar que nos seus catro anos como concelleiro non lle pasara nada semellante ao da poda das árbores da alameda. Tamén se amosou contrariado porque as atraccións das festas ían taladrar unha superficie recén asfaltada, preguntou polo servizo de limpeza, e criticou que Ramallo comparara o que calificou como un “vicio oculto” dunha construcción, no caso da rúa Ezequiel Massoni, que se executara co Goberno anterior, e un “timo en toda regra”, no caso de Antalsis.

E por último, cometeu a gran metedura de zoca que deixou en evidencia o apampamento que abunda no Psoe: “Quiero felicitar a Enmacosa por el trabajo serio de inspección de las atracciones de las fiestas”… A risotada de María Ramallo foi inmediata. Apenas uns minutos antes, Francisco Veiga acababa de preguntar se o concello podía garantir a seguridade das atraccións. A Pazos Lamoso non lle pareceu nada ben que o deixara en cueiros: “A estas horas, los chascarrillos…”

Carmen Villanueva preguntou se a gardería do Colexio San Narciso tiña licenza, e queixouse de que Marín estaba “invadido de cagadas de cans”. A alcaldesa contestoulle que non tiña constancia da gardería e confirmou que, efectivamente, recibiran queixas sobre os excrementos dos cadelos nas vías públicas.

Pilar Blanco pediu que se limpara o manancial da fonte da Grela, preguntou polo prezo público para a ocupación da alameda, pola resolución de ocupación da alameda para as actividades de Mar-Marín. Tamén preguntou pola rampa da praia do Santo e por que se encarecera o proxecto de Acuanorte.

María Ramallo contestou que o prezo público da Alameda era o mesmo que en calquera outra zona e que se aplicaba a ordenanza. Que as carpas instaladas na Alameda tiñan autorización e non era necesaria resolucíón. Que non tiña coñecemento sobre a rampa da praia, que o baño na finca do Santo non se podía facer porque a propiedade do espazo non era municipal. E sobre o orzamento de Acuanorte, que o encarecemento se debía á ocupación de viais e á reposición dos mesmos.

Tamén na súa liña, Pilar Blanco quixo volver intervir para aclarar “nonsesabequé” dunha denuncia sobre o tema da praia e como María Ramallo non lle daba oportunidade para falar de novo, fixo coma sempre: acusar a alcaldesa de querer tapar e non querer dar explicacións.

Xosé María Vilaboa preguntou se estaban licitadas as obras do centro de saúde, sobre a sentenza do Tribunal Supremo que ordenaba levantar os recheos: “O plan especial legaliza os recheos?”. Pediu que se adecentara unha beirarrúa na esquina da Cañota, a carón dun edificio antigo que quedou a medio construir. Sobre ese mesmo caso, canto custarían eses traballos e se podían reclamarlle o importe ao promotor.

Tamén fixo unha batería de preguntas sobre a cafetería da praza de abastos, da que dixo que “non existe expediente”, que o que hai é un “cambio de titularidade”: se tiña licenza de actividade, licanza de obras, permiso de Patrimonio, cal era o horario da cafetería, se pagaba pola terraza… E tamén meteu baza no tema de Antalsis, acusando a alcaldesa de mentir: “Os papeis cantan, o técnico tardou 51 días en informar, e quen asumía a responsabilidade política pola caducidade”.

Sobre o centro de saúde, María Ramallo comentou que está adxudicada a redacción dos proxectos, e que agardaba que a finais deste ano houbera unha empresa asignada. Que non había ningún informe sobre o tema do porto, que consultaría co abogado do Estado. Sobre o edificio da Cañota, dixo que era unha desgraza que caducara a licenza e houbera veciños implicados que mercaran pisos nese inmoble; o concello estaba calculando o custe das obras para ver se cubrían coa fianza.

Que non tiña información nese momento sobre o tema da cafetería da praza. E sobre Antalsis rexeitou as acusacións de mentira: “Ao mellor vostede sabe de expedentes que lle caducaron a vostede”.

A intervención de Esther Crespo non valeu nin para espichala nun pau, con tres cuestións sen sustancia ningunha, tratándose dunha concelleira de San Xulián que nunca pregunta polas moitas cousas que habería que mellorar na súa parroquia: Que as actas da xunta de goberno estaban incompletas e faltaban follas, que os arcos do alumeado das festas na rúa Jaime Janer “parece que os foron buscar a unha chatarrería”, e cal fora o criterio para non permitir a venta ambulante aos ecuatorianos na avenida de Ourense.

A alcaldesa contestoulle que o concello quedara descontento da empresa que se fixera cargo do alumeado do Nadal e que cambiaran a outra; e sobre os postos ambulantes, que o Concello decidira non ocupar o paseo porque os vendedores ocupaban moitas prazas de aparcamento, que montaban as tendas contra a reixa do porto e que a imaxe non era favorecedora na entrada de Marín. Que lles ofreceran instalarse no parque Eguren ou no paseo Alcalde Blanco.

Por último, Isabel Martínez preguntou por que as luces do campo de fútbol estaban acesas de madrugada, que había baldosas levantadas en varias beirarrúas de Seixo, que había farolas avariadas en Ezequiel Massoni, que había un camiño en Loira intransitable e con ratas, que os veciños de Seixo se queixaban de que non pasaba a máquina barredora, que había veciños de Marín que se queixaban de que a vila estaba “chea de merda”, coas beirarrúas “asquerosas”, que as caravanas instaladas en República Argentina ocuparan a zona de calquera maneira…

A alcaldesa explicoulle que houbera un torneo de fúbol-7 de madrugada, que se avisaría a brigada para que se pasara por Seixo. Sobre a limpeza, recoñeceu que había queixas, malia que as brigadas estiveran limpando en distintas zonas; que se revisarían os problemas de salubridade na zona das caravanas; e que as lousetas levantaran nalgúns puntos polo calor de días pasados. A outra pregunta sobre as horas extra, María Ramallo admitiu que se estaban facendo máis horas extra porque se facían máis obras coas brigadas municipais para non contratar unha empresa.

A sesión rematou pasadas ás 00:35 da madrugada.

…………………………………………

A orde do día no pleno deste venres correspondente ao mes de agosto é o seguinte:

1.- Aprobación, se procede, do borrador da acta da sesión ordinaria celebrada o 12 de xullo.

2.- Expte.: 323/12 – Ditame da Comisión Informativa de Turismo e Comercio en relación coa modificación puntual do Regulamento de venda ambulante do Concello de Marín.

3.- Expte.: 385/13 – Proposta do concelleiro delegado de Urbanismo e Facenda para a remisión ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente da “Documentación para a modificación do texto refundido do PXOM de Marín nos núcleos costeiros” para a adaptación e aplicación da D.T. 1ª da Lei 2/2013, de 29 de maio de protección e uso sostible do litoral e modificación da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, recabando o informe previsto na mesma.

4.- Expte.: 461/08 – Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda en relación coa Addenda nº 1 ao Convenio subscrito para a construción e explotación da actuación “Nuevo abastecemento de agua a Pontevedra y su ría”.

5.- Expte.: 356/13- Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda en relación coa moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE, instando ao Concello a renunciar á solicitude de cambio de titularidade do trazado da estrada PO-11, no termo municipal de Marín, feita ao Ministerio de Fomento, o 17 de outubro de 2007.

6.- Posta en coñecemento das resolucións ditadas no mes de xullo.

7.- Posta en coñecemento da Corporación da Resolución da Alcaldía, de 12 de xuño de 2013, de aprobación da liquidación do orzamento do exercicio 2012.

8.- Expte.: 411/12 – Posta en coñecemento da Corporación da Orde do 19 de xullo de 2013 de aprobación definitiva do Plan Especial de Ordenación do Porto de Marín e Ría de Pontevedra.

9.- Expte.: 201/13 – Posta en coñecemento da Corporación da Resolución da Alcaldía, de 30 de xullo de 2013, de aprobación do Convenio de colaboración entre o IGVS e o Concello de Marín para o financiamento, en 2013, dos gastos de mantemento do ARI en Marín.

10.- Interpelacións, rogos e preguntas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: