Publicado por: MontePituco | 09/08/2013

MÁIS RODAS, AGORA NUNHA CACHADA PARTICULAR NA ZONA DO PITUCO

Outro verquido ilegal de rodas, nunha cachada particular, a carón do antigo campo do Pituco.

Trala denuncia dun veciño de Marín da que nos fixemos eco no blog DEFENDE O MONTE PITUCO, dando conta dun verquido ilegal de neumáticos na pista de servizo da Variante, na zona de Lourizán, moi cerca do límite con Marín, hoxe volvemos dar conta doutra agresión ambiental das mesmas características, esta vez dentro do termo municipal marinense.

Nesta ocasión, unha veciña infórmanos de que hai un par de noites alguén botou unhas 50 rodas nunha cachada particular, situada en fronte do antigo campo de fútbol do Pituco, no lugar onde confluen as pistas da Laxe e da Arealonga.

A denunciante explicounos que xa lle notificaron o caso ao Concello de Marín, pero lamentou que os responsables municipais “non fan nada”.

Semella que neste punto xa se verqueron máis rodas con anterioridade, o que converte a zona nun auténtico punto negro de contaminación. Malia que se trata dun lugar con certo tránsito de vehículos durante o día, tanto de veciños da zona como de persoas que atallan por estas pistas para ir ao centro de Marín ou para enlzar coa estrada de Figueirido ou coa Variante, é durante a noite cando os desaprensivos aproveitan a ausencia de tráfico e a nula visibilidade para achegarse con vehículos de certo porte e bascular os neumáticos no medio da vexetación, de maneira que pasan desapercibidas agás para os propietarios dos terreos e os habitantes da zona.

Foron precisamente os veciños os que quitaron as rodas desta cachada e as apilaron na beira da pista. Á vista das imaxes e do aspecto que presentan os neumáticos, algúns deles levaban tempo tirados porque acumulan restos de terra e mesmo ferruxe no caso dos que non foron desprendidos da llanta. Outros, como nos explicou esta veciña, foron depositados esta mesma semana.

En total, a cantidade aproxímase ao centenar de rodas.

As concellerías de Medio Ambiente ou de Medio Rural deberían colaborar co traslado destes materiais a un punto limpo e investigar a autoría, que tal vez garde relación co verquido descuberto a semana pasada en Lourizán.

No lugar onde están corren o perigo de que alguén poida cometer unha falcatruada prendéndolles lume, ou ciscándoas polo medio da pista co conseguinte risco de que algún condutor teña un percance nun punto que carece de iluminación durante a noite. E ademais, nas proximidades hai un depósito de auga, co correspondente problema de salubridade que conleva a presenza deste material.

Este espazo virtual non só está para expoñer os motivos polos que DEFENDE O MONTE PITUCO se opón ao polígono industrial, ou para promocionar os valores naturais e culturais deste Espazo Natural Protexido; senón tamén para axudar aos veciños e veciñas de Marín ou da nosa contorna que teñan algunha preocupación relacionada co medio ambiente, co patrimonio, coas necesidades da comunidade local.

Agardamos que a plasmación desta queixa contribúa á pronta resolución deste problema, que o Goberno local e as autoridades a nivel autonómico actúen no ámbito das súas competencias. E que non se repitan estes sucesos. Sen dúbida, denuncialos, visibilizalos, é un paso para que os autores destes delictos ambientais non dean en pensar que as súas accións van quedar impunes. A concienciación social, unha vez máis, ten que ser o motor para erradicar estas prácticas vergoñentas.

Outro verquido ilegal de rodas, nunha cachada particular, a carón do antigo campo do Pituco.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: