Publicado por: MontePituco | 06/08/2013

ENCHENDO O ‘REFUGAFOS’

Na derradeira xornada da campaña de limpeza do río Gafos, organizada por Vaipolorío.

Esta pasada fin de semana rematou a campaña de limpeza do Gafos que vén organizando, dende hai trece anos, a asociación Vaipolorío. Na derradeira xornada quitáronse do leito do río e das súas beiras moitos restos de bolsas de plástico, fragmentos de cristal e algunhas botellas, potas de cociña e, entre os voluminosos, una caixa de cervexas, tubos e “pouco” máis. Uns cantos centos de quilos menos de lixo, entre esta xornada e as precedentes, que contaron coa participación de membros da asociación e voluntarios.

Colaborar na limpeza do río Gafos é tomar conciencia do desamparados que están os espazos naturais; é comprobar ata que punto hai xente sen escrúpulos nen principios que bota no río -ou no monte- o que lle estorba, habendo contenedores e puntos limpos onde ese lixo recibiría o tratamento oportuno; é atopar persoas que senten respecto polo medio ambiente e deciden adicar un pouco do seu tempo a actuar de xeito voluntario na súa mellora aínda que outros pasen de longo pensando no tolos que están e no tempo que perden.

Cando habitualmente percorremos o Monte Pituco bolsa en ristre, botando nela as latas, botellas, paquetes de tabaco ou envoltorios de plástico que atopamos polo camiño, mudamos de escenario por unhas horas para solidarizarnos con Vaipolorío e apoiar a súa causa a prol da defensa do Gafos e da promoción dos seus valores ecolóxicos.

Porque ademais de achegar un minúsculo gran de area na recuperación deste contorno fluvial, a visita ao Gafos serviu para aprender moitísimos sobre fauna e flora: atopar a “camisa” dunha libeliña, aprender a diferenza entre as libeliñas e os cabaliños do demo -que en portugués chaman cabaliños de deus, curiosamente-, saber da existencia duns minúsculos fungos que medran ao abeiro da humidade e que Vaipolorío está estudando coa axuda dos biólogos, coñecer a existencia da “tritonia”, unha planta de ribeira invasiva que foi arrincada para evitar a súa expansión…

E inspeccionar espazos tan interesantes como o Muíño do Toxal, coa súa presa, co seu pequeno paso de pedra; ou apreciar o traballo de recuperación da microtoponimia, que se plasmou nos numerosos postes sinalizadores que van bordeando o río.

Vaipolorío, que xa ten ás súas costas unha longa traxectoria e que por sorte conta cun amplo e merecido recoñecemento social, ten aínda moito traballo por diante: lidar coas Administracións -sen descartar a vía xudicial- para que se resolvan canto os graves problemas de saneamento do Gafos. Un río que, segundo vai chegando á zona (in)civilizada, vaise rodeando de naves industriais, arquetas da rede de sumidoiro que rebordan cando se atascan, provocando contaminación e mortandade na fauna fluvial.

Unhas Administracións -cos responsables políticos de turno- que non deberían ser insensibles nen culparse mutuamente para deixar correr o tempo. O “refugafos” estará sempre para lembrarlles que Vaipolorío está facendo o traballo que a eles lles corresponde.

Camisa de libeliña, no cauce do Gafos.

Fungos minúsculos que están estudando os biólogos do Gafos.

Flora do Gafos.

Plantas invasivas que foron arrincadas: tritonia.

Flora do Gafos.

Nave industrial a carón do río Gafos.

Postes sinalizadores coa toponimia do Gafos: Fonte Eiriña.

Poste sinalizador da toponimia do Gafos: Muíño do Toxal.

Presa do Muíño do Toxal, no río Gafos.

Negativamente sorprendente: a cantidade de arquetas de sumidoiro que hai ao longo do cauce do Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

No Muíño do Toxal, a carón do río Gafos.

Ameneiro do Gafos.


Respostas

  1. […] tamén o artigo titulado “Enchendo o Refugafos” (agosto 2013) sobre a campaña de limpeza do pasado […]


Deixar un comentario

Categorías