Publicado por: MontePituco | 18/07/2013

OBRAS NA ARBOREDA A CARÓN DA ESTRADA DE FIGUEIRIDO

As mesas e bancos da área recreativa do Pituco, reubicados na arboreda a carón da estrada de Figueirido.

O mes pasado unha veciña expresou a través das redes sociais a súa protesta pola falta de limpeza na arboreda a carón da estrada cara á Figueirido, á altura do Monte Pituco:

“Le pediría señora alcaldesa que hubiera más control en Arealonga (Monte Pituco) porque aparte de tirar ruedas en propiedades (cosa que se denunció, aunque no sirvió para nada), había que poner unas papeleras para los preservativos y toallitas que usan en el picadero del Pituco con vistas al mar. A veces hay que andar a saltos para no pisarlos -hay niños pequeños- y dejarse de tantos deportistas, coches oficiales y preocuparse por quien paga los impuestos”.

A primeira vez que a Comunidade de Montes de San Xulián limpou este espazo foi en abril de 2011, despois de ter presentado varios escritos tanto ao presidente da comunidade como ao Concello, urxindo que se adoptaran as medidas oportunas para atallar a situación de abandono e insalubridade galopante que presentaba.

Artigo de setembro de 2010: Noxo e vergoña

Artigo de abril de 2011: A área de descanso, desbrozada

Pasara máis dun ano e os responsables do mantemento desta arboreda non volveran tocarlle nin fixeran nada máis polo acondicionamento deste espazo. En xullo de 2012 DEFENDE O MONTE PITUCO volveu alertar o Goberno municipal da cantidade de maleza que facía impracticable o acceso a esta área de lecer e que mesmo resultaba desaconsellable para as familias con nenos que puideran mancarse ou resultar feridos por algún animal que se acubillara na zona.

Artigo de xullo de 2012: A área de descanso, en estado de abandono

Tamén se demandou esa actuación urxente na asemblea da Comunidade de Montes e, finalmente foi en agosto cando a directiva da Comunidade de Montes cumpriu coa súa obriga procedendo a unha nova campaña de limpeza da área de lecer.

Artigo de agosto de 2012: Desbroce da área de lecer

O problema da Comunidade de Montes é que carece de iniciativa, de capacidade de observación para atallar os problemas das áreas que lle competen. A conservación desta arboreda a carón do Monte Pituco non se pode limitar a un desbroce anual, feito in extremis e despois de reiteradas peticións por parte da veciñanza ou dos usuarios. Tiña que partir da directiva estar atentos ás necesidades da parroquia. Mais, como as “pedras” -porque así é como se refiren ao patrimonio rupestre existente no monte veciñal-, esta área de descanso non dá de comer.

Non dá de comer pero incide na imaxe de San Xulián, igual que o estado de conservación dos elementos arqueolóxicos. E en ambos casos, esa imaxe é negativa pola falta de interese, de sensibilidade e a nula implicación da Comunidade de Montes, máis empeñada en taxar o valor dos terreos para facer caixa co canon da Brilat ou co polígono industrial proxectado no PXOM.

O caso é que dende agosto de 2012 a arboreda estaba acadando novamente altas cotas de asilvestramento. A sorpresa chegou cando os veciños nos decatamos de que o mobiliario que había instalado na área recreativa do Monte Pituco, por riba da Variante, fora completamente desmantelado e se estaba reubicando nesa outra área de lecer a carón da estrada.

As mesas e bancos da área recreativa do Pituco, reubicados na arboreda a carón da estrada de Figueirido.

Entre o material desmantelado do Pituco está o que parece ser o antigo asador.

Os "restos" da fonte que nunca botou auga.

Obras na arboreda para reubicar o mobiliario desmantelado da área recreativa do Pituco.

Na reubicación do mobiliario estase utilizando maquinaria pesada.

As mesas e bancos da área recreativa do Pornedo, trasladados á arboreda a carón da estrada.

Loxicamente, para instalar as mesas e bancos de pedra “reciclados” houbo que “facer sitio” no espazo dispoñible. E o único xeito de acomodalos foi ocupando a superficie que estaba sendo invadida outra vez pola vexetación. Foi a única repercusión positiva porque, como apuntamos no artigo anterior, para DEFENDE O PITUCO é unha mala noticia a desaparición da área recreativa que había no monte, creada expresamente para “darlle sentido” a un recheo artificial consentido pola Comunidade de Montes con motivo da construcción dese vial.

Os traballos de instalación do pouco que queda desas mesas, bancos, fonte e asador duran toda a semana. Haberá que agardar a que rematen os traballos para comprobar que non se “despistou” ningunha peza e que, efectivamente, ese material segue a disposición dos usuarios nesa nova ubicación. A fonte vai precisar dunha importante reparación; en canto ao asador, as mesas e os bancos, todo parece indicar que están sendo instalados directamente na terra, sen ningún tipo de cimentación.

Ademais de instalar o material "reciclado", tamén se desbrozou a arboreda.

O desbroce era unha tarefa moi necesaria na arboreda a carón da estrada do Pituco.

A arboreda luce un mellor aspecto despois de ser desbrozada.

A clave non está en que haxa máis bancos nin máis mesas, senón na capacidade da Comunidade de Montes de San Xulián para garantir a conservación dese espazo. Se nada facían cando había tres ou catro mesas -con algún que outro desperfecto- cos seus respectivos bancos, non sería descabellado aventurar que nada farán co dobre de dotación. A natureza segue sendo teimuda e, por máis que lles fastidie aos directivos da Comunidade, a vexetación segue medrando e abríndose paso por enriba de mesas, bancos, valados ou postes de pedra.

Tamén cómpre ter en conta que, ampliando a capacidade para que máis usuarios veñan sentar, merendar ou pasar o rato a este espazo, hai que redobrar tamén os servizos de atención a eses usuarios. Servizos? Que significa esa palabra para a Comunidade de Montes?

Dende hai anos, DEFENDE O MONTE PITUCO vén criticando que esta área de esparcemento carece de algo tan básico como bidóns de lixo ou contenedores. Que o único sistema para depositar residuos é unha bolsa de plástico pendurada do que antano foi unha papeleira. Que as fontes non só teñen unha pinta espantosa senón que as billas perden auga, que a hixiene brilla pola súa ausencia. Que non hai alumeado. Que carece de medidas de seguridade para evitar que un meniño poida caer polo terraplén da parte con vistas á ría. Son moitas as deficiencias. E para solventalas non cómpre unha directiva con medio millón de euros no banco, senón persoas responsables e comprometidas; que traballen máis e aparenten menos; que pensen no ben común por riba do lucimento persoal; que sexan coherentes en vez de ocupar un cargo para instrumentalizalo.

No seu día DEFENDE O MONTE PITUCO tamén cuestionou a falta de rigor no panel instalado diante da arboreda. Un “aparcadoiro” é un lugar destinado para aparcar ou estacionar, segundo a definición da Real Academia Galega. A denominación máis acaída sería a que empregamos neste artigo: área recreativa, espazo de lecer, arboreda. O texto legal que se cita apelando á limpeza por parte dos usuarios non corresponde con ese tema senón que se refire ao tránsito de vehículos motorizados e á vixiancia contra incendios. O que fixo a Comunidade de Montes foi un “corta-pega” do panel no que se avisa da prohibición de circular polo Alto do Pornedo, e que se fixo extensible tamén, por arte de birlibirloque -tamén chamada lei do mínimo esforzo- á prohibición de tirar lixo.

Non é por sermos “tocanarices” puntillosos, senón por reivindicar algo tan simple e á vez tan complexo como a importancia do traballo ben feito.

"Aparcadoiro" segundo a RAG: "lugar destinado para aparcar".


Responses

  1. […] Precisamente, o artigo alude á área recreativa de Pornedo, que se describe como “en estado de abandono”. Como se acaba de apuntar, o redactor descoñece que esta superficie foi remodelada en xullo de 2013 pola Comunidade de Montes de San Xulián, que se limitou a retirar as lousas utilizadas como mesas e asentos para reubicalas na arboreda situada a carón da estrada EP-0019. Deste feito xa se informou neste blogue nos artigos titulados “A fraude polo desmantelamento da área recreativa do Pituco” e “Obras na arboreda a carón da estrada de Figueirido“. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: