Publicado por: MontePituco | 17/07/2013

A FRAUDE POLO DESMANTELAMENTO DA ÁREA RECREATIVA DO PITUCO

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

O pasado luns a área recreativa do Monte Pituco foi desmantelada baixo a supervisión dun directivo da Comunidade de Montes de San Xulián. Non queda nada das mesas, nin das pezas dos bancos que non foran roubadas nos últimos tempos, nin da fonte, que non debeu chegar a botar nunca nin gota de auga e que tamén levaba tempo destrozada.

O único que quedan son as toxeiras que medraron nesta área recreativa, completamente abandonada pola Comunidade de Montes, que levaba moitos anos -practicamente desde que se instalou- sen facer ningún traballo de mantemento, nin de reparación, nin de reposición do material sustraído.

Tras levantar as pezas de pedra -cousa que permitiu descubrir que non había nin a máis mínima base de cimentación, senón que as lousas foran literalmente chantadas na terra- descubrimos con disgusto que tamén deixaron atrás restos do lixo que se foi acumulando polos usuarios desaprensivos e maleducados que fixeron uso deste espazo e que, ante a ausencia de bidóns para depositar residuos, deixaron tirados envases, latas, botellas e outras inmundicias.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

O desmantelamento desta área recreativa é unha mala noticia, aínda que aparentemente se poida “xustificar” polo mal estado no que se atopaba esta instalación. A Comunidade de Montes tamén podería aducir que, coa retirada do material ‘supervivente’ dos actos de vandalismo, a zona deixaría de ser o punto de encontro de pandillas e xente sospeitosa.

En ambos casos son excusas de mal pagador.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

Na última asemblea da Comunidade de Montes a directiva presumiu de que as contas tiñan un balance positivo cercano ao medio millón de euros. Semellante capacidade económica -que procede basicamente do cobro de expropiacións, non tanto da xestión sostible dos recursos forestais, como lle correspondería a unha Comunidade de Montes- permitiría non só reparar os desperfectos que sufriu este espazo nos últimos anos, senón ampliar con máis mesas e asentos a área recreativa, dotala de servizos como auga, alumeado e papeleiras para cumprir a función para a que foi creada.

Porque velaí está o quid desta lamentable cuestión. Cando no ano 2002 comezaron a realizarse as obras da Variante de Marín dende o Monte Pituco ata Ardán, orzamentadas en case 22 millóns e medio de euros, a Comunidade de Montes de San Xulián decidiu ceder terreos. Terreos que lle foron expropiados e polos que recibiu unha suculenta cantidade. E ademais da compensación económica, a Comunidade de Montes recibiu outros beneficios.

Un deles foi a instalación desta área recreativa, que no seu día “vendeuse” como algo estupendo, un “luxo” para a parroquia e para os habitantes da zona que, por outra parte, nada diso pediron, máis aló de que a empresa constructora os indemnizase polos cuantiosos danos que sufriron as vivendas debido ás cargas explosivas coas que fixeron tremer toda a contorna durante o tempo que duraron as obras. Os habitantes da Pena, do Caeiro e doutras partes da parroquia non estaban convencidos do suposto “éxito” desa área recreativa e sempre foron escépticos sobre o tempo que duraría en condicións óptimas, como así se demostrou co tempo, habida conta da desidia da Comunidade de Montes e do seu desinterese no necesario mantemento que ía requerir unha propiedade desas características, nun lugar apartado da estrada principal.

Aínda por riba, descubriuse que co recheo de terra sobre o que se instalou ese mobiliario sepultárase un gravado rupestre que non estaba catalogado, mais si localizado. Xan Montenegro foi quen deu a voz de alarma ante semellante atentado ao patrimonio arqueolóxico, mais non lle fixeron caso a pesar das súas denuncias ante a Dirección Xeral de Patrimonio e as queixas aos responsables da obra e a quen as consentiu de forma interesada. Varios arqueólogos ratificaron as advertencias de Xan Montenegro á vista das probas documentais que reunira, mais xa era tarde porque a terra cubrira a superficie orixinal.

Imaxe do petroglifo desaparecido baixo a terra botada para facer a área recreativa do Pornedo.

Faro de Vigo, 26 de xuño de 2011. Artigo de Álvaro Arizaga sobre Xan Montenegro.

Unha terra, por certo, de orixe máis que dubidosa, porque nos anos sucesivos o terraplén adxacente a esa área recreativa foise enchendo de herbas da Pampa; especies foráneas e invasoras que antes diso non existían no Monte Pituco e que agora son un auténtico problema sobre o cal a Comunidade de Montes actúan puntualmente de cando en vez, mais non de forma definitiva, na medida en que todo canto se fai é rozar as plantas, cando a única técnica efectiva para erradicalas é arrincalas de raíz.

DEFENDE O MONTE PITUCO volve insistir en que o desmantelamento desa área recreativa é unha mala noticia. Porque se priva a ese espazo, que foi creado artificialmente, da función para a cal foi creado. E iso é un fraude. A Comunidade de Montes tiña a responsabilidade de garantir que esa área recreativa funcionase como tal, pero nunca deu mostras de exercer a súa competencia.

A área recreativa do Pornedo, DESMANTELADA.

Cabe pensar tamén que, co desmantelamento desa área recreativa do Pituco, a Comunidade de Montes actúa en connivencia co Concello de Marín e coa Xunta, ao ter constancia de que a zona está afectada polo polígono industrial proxectado no PXOM.

Nese caso, cómpre lembrarlle á Comunidade de Montes, ao Concello, á Xunta e a todas as entidades ou particulares interesados en que prospere a execución dese polígono, que o PXOM de Marín no que respecta á clasificación do Monte Pituco como chan industrial, está “sub iudice” en base ao recurso interposto por DEFENDE O MONTE PITUCO contra esa decisión política. E que calquera con intereses contrapostos debería actuar co respecto, a responsabilidade e a prudencia suficiente ata que os tribunais se pronuncien.

O desmantelamento da área recreativa do Monte Pituco é unha mala noticia, e DEFENDE O MONTE PITUCO vaille solicitar á Comunidade de Montes de San Xulián -apelando á súa boa saúde financeira- que volva instalar novas mesas e asentos, que vele polo bo estado deste espazo, que sexa fiel aos motivos polos que se creou este recheo, e que non afonde no fraude ao desvirtuar a “natureza” deste lugar.

A área recreativa do Pornedo, cando aínda estaba en condicións.

Esta área recreativa constaba de unha fonte, sete mesas con asentos e un asador.

Imaxe da área recreativa de Pornedo antes do seu actual estado de abandono (foto, Lukas Santiago).

Imaxe da área recreativa cando estaba en condicións óptimas.

A fonte da área recreativa, cando aínda estaba enteira.

Detalle da fonte que nunca botou auga.

Área recreativa a carón do Monte Pornedo.

A imaxe do abandono: a fonte fora destrozada, os bancos roubados, o terreo enchérase de maleza.

Estado actual da área recreativa do Pornedo, a causa das accións vandálicas e da deixadez da Comunidade de Montes no mantemento da zona.

O declive da área recreativa foi en aumento ante a pasividade da Comunidade de Montes.

Os primeiros desperfectos na área recreativa do Pornedo.

[Fotos: Defende o Monte Pituco e comisión técnica do proxecto Sete Camiños]

 

 

 

 


Responses

  1. E agora, a onde vai parar todo ese material que quitaron de ahí?

    • Pois ese é, precisamente, o tema do seguinte artigo. As pezas das mesas e dos asentos estanse reubicando -todas ou parte, haberá que comprobalo- na arboreda situada a carón da estrada de Figueirido.

  2. […] recheo de terra consentido pola directiva da Comunidade da época. Como xa se informou no artigo “A fraude polo desmantelamento da área recreativa”, tomouse esta medida sen previo aviso, cun criterio feble e caprichoso, coa excusa de que o […]

  3. […] a carón da estrada EP-0019. Deste feito xa se informou neste blogue nos artigos titulados “A fraude polo desmantelamento da área recreativa do Pituco” e “Obras na arboreda a carón da estrada de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: