Publicado por: MontePituco | 31/07/2013

PLENO DE XULLO (II)

No cuarto punto da orde do día tratouse unha moción de Mar-In para regular a taxa polo uso do espazo público que ocupan os caixeiros automáticos dos bancos. O concelleiro de Facenda sinalou que a cantidade que se fixaba era de 402,45 euros. Francisco Veiga anunciou o voto a favor dos socialistas e explicou que o documento viña sendo unha copia do que había, para este tipo de casos, na páxina da FEMP. “Aquí aplícase un criterio estatal, pero poderíase aplicar o criterio que fixemos para as terrazas”, precisou Veiga quen, ademais asegurou que o cálculo favorecía as entidades que tiñan máis cuota de mercado.

“Sorpréndeme que faga esa intervención agora”, replicoulle Isabel Martínez Epifanio, posto que o dictame fora apoiado por unanimidade na comisión. E, bromeando, engadiu: “Éntranme ganas de pedir que quede sobre a mesa”, en alusión a que a observación de Veiga chegaba fóra de prazo. Pero Veiga aparece cos deberes feitos cando lle cadra e como lle cadra: para o caso debeu botar en conta que quedaba como diola deixando caer esa brillante idea no pleno, cando o momento oportuno tería sido cando se decidía a cuantía da taxa.

Santos explicou que o Concello tiña “liberdade” para poñer a cuota que quixera e non se opuxo á posibilidade de que se aparcara a moción que os demais grupos querían “darlle unha volta”. Pero finalmente houbo votación e aprobouse por unanimidade.

A seguinte moción, tamén de Mar-In, trataba sobre a reforma da lei do aborto e fora dictaminada desfavorablemente -como era de esperar- na comisión correspondente. Neste sentido, Isabel Martínez comezou a súa intervención dando por feito que se rexeitaría cos votos do PP, como así foi. Dirixíndose a Marián Sanmartín, a edil de Mar-In lamentou que os argumentos da concelleira popular foran “de tipo relixioso” e que trataba un “tema delicado”. Para a voceira de Mar-In, a moción pretendía aclarar que, aínda que “ningunha muller está obrigada a abortar, a lei debería garantir unhas mínimas condicións sanitarias para a que quixera facelo”. Dito en román paladino, iso significaba que se prosperaba a reforma da lei por parte do PP “abortarían os ricos, pero fóra de España, e os pobres aquí, pero como cadrara”.

Quixo destacar Isabel Martínez que no Consello Municipal da Muller tamén se votara este tema e que o resultado fora de 8 votos a favor sobre 5 en contra (entre eles o da Asociación de Amas de Casa, Virxe do Porto e a Asociación de Mulleres Marroquís, malia que unha representante deste colectivo, segundo explicou a edil de Mar-In, recoñecera ali publicamente que acompañara a unha muller a que lle practicaran un aborto). “Ninguén está libre de ter alguén cercano que poida pasar por esta circunstancia”, explicou Isabel Martínez, na súa defensa da moción.

Marián Sanmartín criticou que a moción estaba feita “a base de recortes de prensa”, matizou que o seu rexeitamento non se debía a motivos relixiosos, senón á “diversidade cultural” do concello, e amosouse partidaria de “esperar a ter o borrador da lei para pronunciarse”.

Desde o Psoe, Carmen Villanueva criticou que a negativa do PP a aprobar a moción fose “radical, por motivos religiosos”. Tamén argumentou que o Consello da Muller é “para algo máis que poñer lazos” e, aínda que non se coñecía a proposta da nova lei, espetoulle á concelleira do PP: “su ministro me asusta”.

Eran xa as 10 da noite cando Pilar Blanco comezou a súa intervención, na que se remontou á lei do aborto do 2003. Adicoulle ao PP calificativos que xa traía ensaiados da casa, como “hipocresía e dobre moral”, que impoñía a súa moralidade “influido pola Conferencia Episcopal”. E foi especialmente crítica con Marián Sanmartín, á que acusou de “despachar nun minuto un tema tan importante” e de actuar “con desprezo e falta de respecto”.

Isabel Martínez seguiu explotando ese último argumento: que a intervención da concelleira deixara “moito que desexar”, que a súa actitude “antidemocrática” era unha “falta de respecto” á democracia e ao Consello da Muller, un órgano colexiado do Concello.

Despois de que o o PP tumbara a moción que votaron a favor Mar-In, Bng e Psoe, varias persoas que asistían ao debate, como as voceiras da Asociación de Mulleres O Abeiro e de Anova, marcharon da sala resoplando.

O seguinte punto seguiu redundando no mesmo tema da reforma da Lei do Aborto. E, como non, todo o redundante procede do Bng. Pilar Blanco tratou de xustificar a duplicidade do asunto argumentando que “o texto da moción era igual ao do Consello da Muller”, pero que decidiran presentalo igual “porque non tiñamos a seguridade de que se fora presentar a anterior”. Logo, ante a evidencia de que fora presentado e debatido, non puido o Bng retirar a súa moción ou pactar con Mar-In para que se xuntaran as dúas?

María Ramallo explicou que o PP, como grupo, ía ser “coherente”, posto que no Congreso xa non apoiaran a lei do 2010. “Non somos todos da Conferencia Episcopal, hai diferentes sensibilidades”, insistiu a alcaldesa, que simplemente apuntou que o PP estaba “en contra de que non se modifique a lei” como pedía a oposición, posto que ademais fora un compromiso electoral. Por último, precisou que o posicionamento do PP non era ningún desprezo a ningún órgano, “e menos do concello”.

Carmen Villanueva cuestionou a suposta coherencia dos populares, aos que acusou de facernos “volver atrás” coas súas medidas, “quitando derechos a las mujeres”.

Por último, Isabel Martínez advertiu que coa reforma do PP aumentarían os embarazos non desexados: “Resúltame difícil de aceptar que me fale de coherencia unha muller”, lamentou a voceira de Mar-In.

A votación tivo o mesmo resultado que no punto anterior e a moción foi rexeitada polo PP.


Responses

  1. De novo quérome reafirmar en que Isabel M.Epifanio é a concelleira que fai unha oposición mais constructiva e coherente. Poño de exemplo esta moción en contra da nova lei sobre o aborto: antes de presentala no pleno, buscou consenso no Consello da Muller e reuneuse coas asociacións femininas de Marín para facer unha proposta conxunta. Despois disto, presentou a moción para debatir no pleno.
    Pola contra Pilar Blanco, cando tivo o chivatazo do que andaba a facer Isabel Epifanio, tratou de “roubarlle a idea” presentando ela tamén a misma moción por sorpresa e sin consultar con ninguén.
    Esa é a diferenza entre unhas concelleiras e outras.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: