Publicado por: MontePituco | 30/07/2013

NA PRESENTACIÓN DE ‘ARTE RUPESTRE EN GALICIA’

Antonio de la Peña y Buenaventura Aparicio, na presentación de "Arte rupestre en Galicia" no Museo de Pontevedra.

Buenaventura Aparicio, Fernando Carrera e Antonio de la Peña son os autores do libro “Arte rupestre en Galicia”, publicado por Cumio, que vén de presentarse no Museo de Pontevedra. O director do Museo, Carlos Valle, explicou que esta obra non é unha simple reedición da “Guía de petróglifos de Galicia” que Aparicio e De la Peña xa publicaran en 2011. A diferencia do traballo anterior, neste volume suprimen algún elemento rupestre ao aire libre para darlle paso a un novo apartado adicado á arte parietal, é dicir, as pinturas e gravados que se conservan no interior das cámaras megalíticas.

Este traballo é o resultado da confluencia de coñecementos destes tres expertos: Antonio de la Peña no campo da prehistoria e da arqueoloxía, Ventura Aparicio no eido da antropoloxía, e Fernando Carrera como restaurador. Tamén lembrou que na “prehistoria” do Museo de Pontevedra se erixen os alicerces deste tipo de traballos encamiñados á investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico: Casto Sampedro foi o presidente da Sociedad Arqueológica de Pontevedra fundada en 1894.

“Na transición entre os séculos XIX e XX preocuparse polos gravados rupestres era algo revolucionario”, explicou Carlos Valle, que aínda marcou otro fito significativo: a Exposición Rexional de 1909 celebrada en Santiago na que os debuxos de Enrique Campo Sobrino -que enlazaban cos escritos de Ramón Sobrino Buhigas- tiveron moita aceptación.

Por último, anunciou para dentro dunhas semanas a apertura do primeiro andar do Edificio Sarmiento, onde se están acomodando os fondos arqueolóxicos do Museo -incluidos algúns ortostatos- para que permanezan expostos ao público.

"Arte rupestre en Galicia", de Antonio de la Peña, Buenaventura Aparicio e Fernando Carrera (Cumio).

Buenaventura Aparicio agradeceu a asistencia, entre o público, de Ramón Patiño, arqueólogo e director do grupo García Alén. Tamén fixo un recoñecemento público do labor de Antonio de la Peña, autor de máis de 500 calcos de petróglifos realizados nas últimas décadas nas que o arqueólogo percorreu montes de toda Galicia.

“Somos un país con síndrome de trastorno bipolar”, afirmou Aparicio, en alusión ao carácter extremo do bo e mais do malo que se tercia na idiosincrasia dos galegos e galegas. “Pero en clave positiva”, quixo destacar que nos últimos 10 anos disparouse a difusión da arte rupestre, en boa parte grazas á contribución dos afeccionados, que actuaron “sen medios, sen apoios e coa Administración mirando de esguello”.

Por iso, guías coma estas son “un instrumento moi útil”, explicou Ventura Aparicio, para achegarse a estas manifestacións artísticas. No caso do libro “Arte rupestre en Galicia” está en castelán, coa idea de abarcar un público que vai máis aló dos lindes administrativos de Galicia.

Aparicio tamén fixo unha oportuna reflexión dirixida aos concellos “que se lamentan do custe que supón o mantemento do patrimonio arqueolóxico”. Efixo unha comparación moi gráfica para facerse entender: “Se non deixamos caer a Catedral de Santiago”, tamén a conservación dos petroglifos debería ser un investimento abondo xustificado. Pola “enorme rendibilidade social e económica” que reporta, porque se trata de elementos que aportan “prestixio” e atraen a un”público selectivo e de calidade, porque estas “delicatessen culturais” serán un factor “estratéxico” de desenvolvemento no futuro, porque son un tipo de expresión artística e cultural que “nos define máis que ningún outro pobo” e fai que nos recoñezamos nela. Nese sentido, Ventura Aparicio insistiu en que “paga a pena todo o esforzo que fagan os concellos” na posta en valor destes xacementos.

Pola súa parte, Antonio de la Peña agradeceu a colaboración do Museo de Pontevedra, ao que se referiu como “herdeiro directo” da Sociedad Arqueológica. En canto ao obxectivo deste libro, precisou que os autores actúan como “divulgadores”.

E ante a ausencia de Fernando Carrera, que se uniu ao grupo ao remate do acto, referiuse a el como un “referente” académico na arte megalítica pintada a nivel peninsular; unha persoa das que contribúen a “facer país”, destacou entre os seus eloxios a quen, coa súa achega, permite que se dea a coñecer unha faceta pouco coñecida da arte rupestre galega: pinturas que, grazas ao carbono 14, pódense datar en torno aos 4.000 anos a.C. e que lamentablemente, en casos como o do dolmen do Coto dos Mouros, en Rodeiro, estase deteriorando porque chove dentro da cámara funeraria, que ademais está rodeada de vexetación. “Temos que facérnolo mirar”, lamentou Antonio de la Peña ao referirse á indiferenza que percibe ante a degradación progresiva do noso patrimonio prehistórico, tan digno de protexer e dar a coñecer.

Por último, interviu Cándido Meixide, o coordinador desta edición, para salientar que estes bens posúen un gran potencial turístico e que por iso cómpre poñelos en valor.

“Arte rupestre en Galicia” xa forma parte da nosa biblioteca, a carón da “Guía dos petróglifos de Galicia”. Grazas aos autores, especialmente a De la Peña e Aparicio, que coñecen e seguen a situación na que están os conxuntos arqueolóxicos do Pornedo, a problemática urbanística que lle afecta a este espazo. Por iso a dedicatoria de Ventura Aparicio cobra un valor especial:

“Para Monte Pituco, para que non decaian na súa loita por defender o Pituco. Pontevedra, 30/07/13”.

"Para o Monte Pituco, para que non decaia na súa loita por defender o Pituco. Pontevedra, 30/07/13".


Responses

  1. […] escoitar a voz e o discurso ameno e experto de Buenaventura Aparicio, de quen tanto aprendemos na presentación do seu libro “Arte rupestre en Galicia”, do que son tamén coautores Antonio de la Peña e Fernando Carrera, que lle adicaron a obra ao […]

  2. […] escoitar a voz e o discurso ameno e experto de Buenaventura Aparicio, de quen tanto aprendemos na presentación do seu libro “Arte rupestre en Galicia”, do que son tamén coautores Antonio de la Peña e Fernando Carrera, que lle adicaron a obra ao […]

  3. […] da presentación do libro: "Na presentación de Arte Rupestre en Galicia", de xullo de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: