Publicado por: MontePituco | 19/08/2013

PLENO DE AGOSTO DE 2013 (I)

1. Aprobouse por unanimidade a acta do pleno do mes pasado.

2. Ditame da comisión informativa de Turismo e Comercio sobre a modificación puntual do Regulamento de venda ambulante:

A concelleira Cristina Acuña explicou que a infracción que máis se repetía entre os vendedores era sobre a obrigatoriedade de poñer a tarxeta identificativa nun lugar visible para facilitar o labor de control. Non houbo máis intervencións neste punto, que se aprobou cos votos de PP, Psoe e Mar-In. O Bng abstívose.

3. Proposta do concelleiro delegado de Urbanismo e Facenda para a remisión ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente da “Documentación para a modificación do texto refundido do PXOM de Marín nos núcleos costeiros” para a adaptación e aplicación da D.T. 1ª da Lei 2/2013, de 29 de maio de protección e uso sostible do litoral e modificación da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, recabando o informe previsto na mesma.

A alcaldesa pediu o apoio dos outros tres grupos para aproveitar o que calificou como unha “oportunidade” e explicou que coa entrada en vigor da Lei de Costas o pasado mes de xuño, máis a aprobación do PXOM que catalogaba como solo urbano os núcleos do litoral, o Concello estaba en disposición de solicitarlle ao Ministerio o informe que acreditaba a consolidación dos servizos existentes.

Cenizo coma el solo, Francisco ‘arrastra-vogais’ Veiga queixouse de que co anterior Goberno central dérase un “paso de xigante” para solucionar este problema e que o Concello de Marín tiña “traballo adiantado”. Veiga criticou que antes eran os políticos os que “podían decidir” na reglamentación, mentres que “agora está en mans dos técnicos de Costas do Estado”, que poden tomar unha decisión no prazo de 18 meses. O concelleiro do Psoe acusou o Goberno local de que “non quixo seguir ese camiño e agora outros concellos como Moaña adiantáronnos”. Veiga insistiu en que o problema podía terse resolto facendo un anexo na Lei de Costas no que figurase unha relación destes núcleos do litoral marinense, algo que non foi posible pola “negativa total” do Pp de Marín, segundo dixo, e fixo constar que o seu partido non compartía “o método” seguido polo equipo de María Ramallo.

É o que ten a diferenza entre gañar as eleccións e gobernar, e perdelas e deixar de dirixir a batuta: que o partido que manda aplica os seus criterios que, por definición, non van ser os que marca a oposición.

A pesar de todo, Veiga rematou a súa primeira quenda dicindo que o Psoe apoiaría tanto a proposta como aos veciños dos núcleos, o traballo de Ramón Lueje, de Ignacio de Cabo e de Consultora Gallega.

Por contra, Vilaboa calificou de “retroceso” a situación actual, argumentando que “imos ter que volver xustificar a preexistencia dos núcleos” e que “no Pxom non se conseguiu todo o que se quería”. O concelleiro nacionalista ‘ilustrounos’ cunha das súas peroratas sacadas da Internet ou das hemerotecas; neste caso, da web do Ministerio, sobre os obxectivos da Lei de Costas. Despois de poñer moita énfase na lectura do texto, advertiu que o futuro dos núcleos marinenses non era “nada halagüeña” e augurou que “moitas vivendas non se van poder legalizar”.

Logo deu en trucar contra o “xogo político” do PP, a presentación da modificación da Lei de Costas, a presenza do senador Enrique López Veiga en varios concellos dando explicacións. “O Bng alegou o que estaba incluido dentro da Lei de Vivenda no Parlamento galego e o PP non quixo saber desa alegación”, criticou Vilaboa. “Pero máis tarde mandaron unha alegación que nunca chegou e se chegou non serviu para nada”, engadiu. Tamén coincidiu con Veiga en que “non se di por que a Moaña a meteron pola porta de atrás e Marín quedou fóra”. Para rematar a súa intervención instou á alcaldesa a que “os responsables políticos temos que ir a Madrid para explicarlles aos técnicos e a Costas” o caso dos núcleos “e a esperar que digan o que vai pasar”.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio lembrou que o Concello e os afectados dos núcleos levan 10 anos turrando con este tema que “nos ten cansos” e confiou en que sexa nesta lexislatura cando quede definitivamente solucionado. Aínda así, amosou a súa decepción porque a estas alturas “volvemos topar con Madrid, a lei marca uns prazos que hai que cumprur, e non sabemos como nos van tratar porque as persoas que terán que informar o documento non saben do tema”.

Na ronda de réplica, María Ramallo destacou que “estamos nesta situación porque houbo unha modificación da Lei de Costas” e insistiu en que “Moaña non é o noso problema, non é a nosa situación” porque, a diferenza de Marín, Moaña os propietarios de vivendas do litoral “non teñen título de propiedade, senón concesión”. E con respecto á crítica sobre a consolidación de Ence, argumentou que hai “milleiros de empresas” situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre ás que lles caducaba a concesión.

“É a primeira vez que se asimila a solo urbán os núcleos”, expuxo a alcaldesa, que rexeitou o “espirito do medo” que a oposición trataba de espallar. “O urbanismo non se acaba nunca, hai que adaptarse a novas normativas, é dinámico”, díxolle á voceira de Mar-In.

Para María Ramallo, “conseguiuse o máximo posible co planeamento e agora dannos a oportunidade porque cumprimos uns criterios”. E con respecto ás protestas da oposición, respostou que “se alguén tiña a variña máxica e puido arranxalo antes, non se fixo”. Apelou á seriedade e á coherencia e asegurou que “o que temos, témolo” no Pxom e que o que se fai trala modificación da Lei de Costas “é a maiores”. Por tanto, “medo, ningún; crítica política, non”, engadiu Ramallo.

Por parte de Veiga e Vilaboa, todo canto dixeron despois foi manido e redundante. O concelleiro socialista, deu en poñer un exemplo de parvulario: “Se teño que ir a Vigo, hai dous camiños: a autopista ou a estrada nacional. Vostede vai pola nacional”, criticou Veiga. “E se hai un problema na autopista, se hai que ir, vaise”. Porque ir p’a ná es tontería, faltoulle dicir, parafraseando a certo humorista.

Seguindo cos paralelismos insólitos e fóra de contexto, Veiga empeñouse en seguir comparando os casos de Moaña e de Marín, e de aí a establecer outra comparanza entre “leis feitas para ricos e para pobres”. E coma os cativos perrenchudos que se encaprichan do caramelo doutro neno, insistiu en que María Ramallo “negárase a presionar para que Marín fora incluida no anexo”, tal e como lle propuxera o Psoe. Cando caerá Veiga da burra e deixará de torturarnos coas súas quimeras: o PP non lle vai dar ningún chance. Principalmente por disparates como o que dixo para rematar a súa exposición: “Que é mellor, ter unha concesión ou que che tiren a casa, ou casas que non teñen a habilitabilidade necesaria”. Veiga, en estado puro.

Vilaboa xa quixo desmarcarse do que pedía o seu ex-socio do Psoe: “Nós non lle pediamos que Marín estivera nese anexo. Podía haber otro anexo onde estivera recoñecido Marín”, precisou o concelleiro do Bloque, que volveu repetir que “imos para atrás, que hai que volver presentar o informe, que o Ministerio ten dúbidas e por iso fai esperar a Marín… A ver se temos a sorte de que non nos contestan e se aproba por silencio administrativo”, engadiu Vilaboa.

Isabel Martínez xustificou o “medo” da oposición: porque Costas do Estado foi un dos atrancos -xunto con Patrimonio da Xunta- para avanzar na tramitación do Pxom. “Estamos esperando as ocorrencias de Costas e 18 meses é moito tempo”, lamentou a voceira de Mar-In, que fixo fincapé en acudir a Madrid “para explicar que somos diferentes ao Mediterráneo e ao resto de Galicia”.

Para finalizar o debate, María Ramallo repetiu por terceira vez que “Moaña non ten nada que ver con Marín, que é un erro insistir” nesa comparación. Tamén afirmou que “se non se modificara a lei, seguiriamos agardando” e, fronte ás críticas da oposición, concluiu que “a demagoxia e a elasticidade agárrano todo, pero eu prefiro ser coherente”. E, dirixíndose a Veiga, dixo: “Non entendo que sexa a solución da estrada nacional; é a solución de que temos os deberes feitos e podemos entrar nesa opción” do Ministerio.

Como a proposta carecía de dictame, houbo que ratificar a súa inclusión na orde do día e despois volver votar. En ambos casos, aprobouse por unanimidade.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: