Publicado por: MontePituco | 17/08/2013

VISITA AO MUSEO MASSÓ DE BUEU

Museo Massó (foto, Concello de Bueu).

No concello veciño de Bueu o Museo Massó é unha interesante proposta de lecer para visitantes e tamén para veciños do Morrazo, moitos dos cales aínda descoñecen os seus contidos: nas súas tres salas atópanse pezas moi importantes vencelladas ao pasado mariñeiro da vila. Todo comezou a finais do XIX cando a familia Massó chegou dende Cataluña para transformar unha antiga salazón nunha moderna fábrica conserveira que, malia acabar sucumbindo ás transformacións e ás circunstancias do século pasado, deixou en Bueu un legado histórico e cultural de gran valor.

Na primeira sala pódense admirar vestixios romanos: moedas dos séculos I e II, un coitelo de metal co mango de óso, restos pétreos, cerámicas. Tamén hai materiais -bocois de madeira, pesos- que serven para recrear o proceso de transformación tradicional do peixe antes de comezara a aplicarse o proceso industrial. E moitos utensilios orixinais rescatados da vella fábrica: máquinas, grandes recipientes para a elaboración de salsas, láminas estampadas de latón coas que se facían as latas e os troqueis que se utilizaban para cortar as chapas, deseños gráficos das diferentes marcas comerciais de Massó, fotografías, recordos da participación da empresa nas feiras internacionais… mesmo materiais do consultorio médico que atendía o cadro de persoal -fundamentalmente feminino- da fábrica.

Museo Massó.

Nunha prolongación desta sala tamén se pode ver outra faceta de Massó: a que se adicaba á captura de baleas para producir aceite, para aproveitar as súas barbas na confección de varillas para paraugas, para vender moi caras as pedras dos seus riles que se utilizaban na industria cosmética francesa, para converter os seus cairos -colmillos- en pequenas esculturas e gravados coa habilidade do artista da familia: Antonio Massó.

Na sala da primeira planta o público atopará un patrimonio abraiante: unha biblioteca con exemplares incunables, obxectos de navegación antigos, maquetas de barcos de dimensións considerables, documentos históricos que para si quixeran os principais museos marítimos… todo este material, adquirido polos Massó, que tamén foron coleccionistas. Foi precisamente Marconi, o inventor da radio, quen lles suxeriu crear un museo que, nos seus inicios, só podían admirar as visitas ilustres.

Museo Massó (foto, Concello de Bueu).

Porque outra das curiosidades desta familia afincada en Bueu foi a súa relación con intelectuais e creadores da época, como o pintor Urbano Lugrís, que lles deseñou cartelería e murais.

Na última sala, na planta baixa, pódese ver o único exemplar de lancha xeiteira que se conserva, recuperada polo persoal da Escola de Carpintería ‘A Aixola’ de Marín. A partir desta embarcación, que se atopou afundida en augas de Carnota, púidose elaborar unha réplica. E canda ella, outros navíos de pesca tradicional: unha dorna e un bote polbeiro.

Museo Massó.

 

Esta visita vespertina ao Museo Massó, guiada por Francisco Alonso, rematou fóra das instalacións da antiga conserveira, no vello astaleiro de Purro, cando xa era noitiña. Hai un par de anos contabamos neste mesmo blogue o perigo que corría a conservación desta estrutura polo afán dalgúns veciños e dirixentes municipais por derrubala; algo que finalmente non conseguiron porque a Xunta decidiu incluilo no Inventario de Patrimonio Cultural. Os integrantes da Asociación Os Galos, impulsores da cultura marítima e dos encontros de embarcacións tradicionais, loitaron durante moito tempo para que se protexera e se rehabilitara. Precisamente, o noso veciño Xan Montenegro era un dos colaboradores deste colectivo.

O caso de Purro e o esforzo de Os Galos é o exemplo de que se pode mudar o destino dun patrimonio que estaba condenado a desaparecer inxustamente. Na actualidade, un equipo de técnicos está estudando os proxectos presentados a un concurso de ideas convocado polo Concello de Bueu para preservar este espazo e poñelo en valor. Entre os asistentes a esta interesante visita guiada, varias persoas de fóra de Galicia que amosaban o seu desexo de voltar a Bueu o ano próximo para ver o astaleiro de Purro convertido nun novo elemento da oferta turística da vila.

No astaleiro de Purro, pola noitiña.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: