Publicado por: MontePituco | 22/07/2013

PLENO DE XULLO DE 2013 (I)

O pleno de xullo comezou coa aprobación, cos votos maioritarios do PP, dunha moción a prol do mantemento do partido xudicial de Marín.

Toda a oposición votou en contra. O Psoe pedía que quedara sobre a mesa “ou que se faga unha moción ben fundamentada”. Na súa liña, o Bng -que non deben ter avoa porque sempre están botándose flores- argumentou que esa moción do PP trataba o mesmo tema que xa abordaran eles mesmos nunha moción presentada no pleno de xuño na que os populares “votaron en contra, aínda que beneficiaba a Marín”. Pilar Blanco criticou que a moción do PP estaba “mal feita”, que a pretensión do PP era “lavar as mans traizoando os intereses de Marín”.

Máis práctica foi Isabel Martínez Epifanio ao xustificar o seu voto negativo: no mes pasado non se coñecía o borrador da lei “e agora si”. Para a edil de Mar-In “instar á Xunta non compromete a ninguén” e, ao igual que o Psoe, propuxo que a moción quedara sobre a mesa “para estudar a fondo o texto que se presenta para a súa aprobación no Congreso”.

Na súa réplica, a concelleira Beatriz Rodríguez expuxo que “a intención da moción está clara, igual que a lei” e, dirixíndose ao Psoe e ao Bng, matizou que “non serían partidos xudiciais, senón tribunais de instancia, que non se confunda”. A edil Carmen Villanueva ría mentres a do PP daba en ler unhas declaracións do que fora ministro socialista de Xustiza, Francisco Caamaño, dicindo que “os partidos xudiciais son caducos”.

“Me encanta que se agarre a nuestro ministro de justicia porque del suyo no quiere ni hablar”, apuntou Carmen Villanueva. Mais semellante “dardo” non parecía ter moito sentido: o que pretendía Beatriz Rodríguez era reforzar a súa argumentación a prol da moción do PP cunhas declaracións de Caamaño que lle daban a razón. Cousas do directo. A concelleira do Psoe volveu insistir en que a moción do PP “non terá ningún efecto” e deu por feito que “dentro de 5 anos o PP non estará gobernando no Concello e non terán que enfrontarse” ás consecuencias que, segundo Carmen Villanueva, tería esta reforma da lei por parte de Gallardón.

Pilar Blanco non dixo nada novo máis aló de seguir coa machada da “traizón” do PP a Marín no pleno anterior.

No seu último turno, Isabel Martínez dixo a única verdade de todo este debate baleiro -coma case todos-: “Todos queremos que non desapareza o partido xudicial de Marín”. Nese sentido, insistiu en que “instar” á Xunta “non é nada”, que o que cumpría era “esixir o que nos corresponde” e volveu instar ao “consenso, ou polo menos intentalo”.

A oposición perdeu a votación.

No seguinte punto -sobre a aprobación dun novo regulamento orgánico da Corporación- tamén gañou o PP. Entre uns e outros botaron unha hora turrando.

A alcaldesa explicou que o obxectivo dos cambios era “axilizar os debates e regular aspectos non contemplados” para que o tratamento dos asuntos fose “máis dinámico”, garantindo o “labor de control” da oposición. María Ramallo remarcou que nesta reforma do regulamento “non se inventa nada” e que con algunhas desas novas normas funcionan os plenos de Vigo, Redondela, Salvaterra, Mos, Nigrán ou Baiona, de dimensións semellantes a Marín. María Ramallo tamén destacou que quería conseguir “que non se pervirta” a dinámica dos plenos e que coa aplicación dos cambios propostos rematarían os “debates tediosos” e “melloraríase o ritmo” das sesións.

En representación do Psoe tomou a palabra Muradas. Na súa inmensa veteranía en materia corporacional, quixo salientar que o regulamento que o PP ousaba modificar levaba 12 anos vixente, servira a 3 corporacións e fora aprobado “por unanimidade con felicitación expresa do PP, que endexamais presentou ningunha queixa”.

Se por Muradas fose, o regulamento da Corporación que el contribuiu a cociñar podería seguir vixente ata o día do xuízo final, que aí seguiría el, inasequible ao desalento, ben pegado ao seu escaño municipal, dándolle lustre verbal e soleira argumental a todo o debatido e por debater.

Para Muradas “os plenos acaban ás 12 da noite, salvo que se trate algo importante” e, dende as 8 da tarde, 4 horas parécelle un tempo “nada esaxerado” para un pleno.

Non sabemos en que plenos vive Muradas. Dende que comezou esta lexislatura é practicamente imposible que un pleno remate á medianoite. Mes si e mes tamén -salvo rarísimas excepcións- as sesións rematan pasadas as 12:30 da madrugada, e algunha tense extendido ata case a 01:00. Igual Muradas desconecta cando dan as 12; de feito non é raro que contra o tramo final do pleno se levante e se ausente, volva, saia, entre e vaia danzando de dentro para fóra. Así fáiselle levadeiro o resto do pleno a calquera. Pero cando o que se están debatendo son pataqueiradas, para o público cada minuto vale por 10. Esa non é maneira de rematar unha semana: aturando discusións e pataletas dialécticas que non levan a ningures, intervencións caprichosas que raian a tomadura de pelo, rogos e preguntas disfrazados de segundos, terceiros, cuartos ou enésimos turnos de palabra para seguir rizando o rizo do patético. Iso é no que dexenera esa media hora ou tres cuartos de hora interminables que para Muradas non existen, como se estivera de corpo presente e alma ausente, ou abducido nalgún lugar do espazo-tempo.

Muradas seguiu coa súa protesta: que se trataba dun regulamento “novo, non modificado”, criticando a supresión das comparecencias, das interpelacións -esas que lle daban un “toque de distinción a este concello”-. E pensar que no tempo que levamos indo aos plenos nunca fomos testemuñas de ningunha interpelación desas. Non estarán Muradas&Cia -que son políticos de tan altas miras, como todo o mundo sabe- soñando con estar no Parlamento galego, no Congreso dos Deputados?

“Usted que es diputada provincial, copie de Louzán, aunque no sea santo de mi devoción”, espetoulle Muradas a Ramallo.

Muradas tamén se amosou moi indignado pola reducción do tempo para rogos e preguntas; ese apartado no que o concelleiro socialista ten fama de lucirse sacando o seu catálogo de clásicos, ou poñendo a súa puntilla particular e reabrindo debates referentes a puntos anteriores da orde do día que xa se deran por finiquitados. Máxime coa parsimonia que Muradas -que xa está de volta e media- lle imprime ás cousas que lle interesan.

“Recortar los tiempos es su obsesión”, díxolle Muradas a María Ramallo. A de María Ramallo e a de calquera persoa con dous dedos de fronte. Por non dicir da prensa, que cando dan as 10 e pico da noite marchan os redactores despavoridos a aporrear as súas teclas, cun feixe de apuntes nos que o 90% son argumentos repetidos, repetitivos e reiterativos.

“Ni media hora nos da para controlar y fiscalizar su labor”, protestou Muradas, que a renglón seguido xa anunciou cal sería a estratexia do seu partido porque, feita a lei, feita a trampa: “Habrá que utilizar otros medios, obligará a convocar plenos extraordinarios”. O que nos faltaba por oír: na época da austeridade, da reducción do desmesurado déficit público, Muradas xa se declara en rebeldía contra a reforma do regulamento e non oculta a súa intención de xerarlle máis gastos ao Concello. Acudirán Muradas e os demais concelleiros socialistas a esas sesións extra sen cobrar, ou a vaquiña polo que vale?

Sinceiramente, para quen acusa ao PP de “cinismo e oportunismo”, xa se retrata augurando “tejemanejes” que, o que pretenden é todo o contrario do que María Ramallo prometía con este cambio do regulamento: “Que non se pervertira” o funcionamento do pleno.

Dende o Bng pediuse que a proposta do PP quedara enriba da mesa. Xosé María Vilaboa fixo un discurso con palabras tan grosas como “recorte dos dereitos constitucionais” ou “consenso democrático”. Na súa intervención queixouse de que co novo regulamento que o PP levaba querendo cambiar dende febreiro, procuraba “que a oposición non fixera o seu traballo”.

Chamou a atención que dixera que o Bng estaba “de acordo en reducir os tempos de debate”, sendo esa precisamente unha das críticas que acababa de facer Muradas, a “obsesión” do PP por reducilos. Semella que Bng e Psoe non se puxeran de acordo na interpretación dese detalle. Tamén chama a atención que a estas alturas -o ecuador- da lexislatura, o Bng siga sen asumir o resultado electoral que colleitou en boa parte pola súa cuestionada actuación no mandato anterior. Por iso dá certa mágoa que se sigan utilizando argumentos do tipo: “vostedes entenden o consenso coa súa maioría absoluta”, o que denota que deberían `hacérselo ver’ nalgún especialista. Porque así é a política e as regras do xogo do que son partícipes: o que máis votos ten, gaña. E se o Bng se queixa de que o PP “non acepta ningunha proposta da oposición” será porque ao PP non lle interesa darlle cancha e porque se poden permitir o lema ‘yo me lo guiso, yo me lo como’.

“O único que quería era sumar os tempos para que en hora e media se liquidara o pleno”, expuso Vilaboa. Pois case coma no anterior Goberno local, cando os plenos comezaban ás 8 e como moi tarde, ás 10 e pico ou 11 da noite xa estaba ‘cada mochuelo en su olivo’.

A Isabel Martínez haille que agradecer que fora explicando en que consideraba que lles afectaba negativamente o novo regulamento: como por exemplo, que se lles obriga a formular rogos e preguntas “4 días antes de que se nos convoque, sen saber que temas veñen a pleno”. Coincidiu con Vilaboa en que a xunta de voceiros “non funciona” e que o Goberno local tiña unha “boa ocasión” para regular o funcionamento dese órgano.

Tamén cuestionou os motivos do PP para aprobar a reforma do regulamento: “que a xente que vén ao pleno cánsase e que o pleno dura moito”. Polo menos, a concelleira de Mar-In recoñeceu algo: que os concelleiros son “pesados”; aínda así, quixo aclarar que a asistencia do público era voluntaria. E menos mal, porque como método coercitivo, a asistencia ao pleno non ten prezo. Se estivese contemplado no catálogo de sancións do código penal, a cidadanía andaría dereita coma unha vela só por non arriscarse a semellante tortura chinesa. Por máis que, todo hai que dicilo, o pleno ofrece momentos impagables: de risa, de desesperación, de mascaramento e desenmascaramento dos membros da Corporación, de aprendizaxe, de acceso directo á información municipal, como cura de humildade, como terapia de shock…

No turno de réplica, María Ramallo foi contestando as observacións de Muradas, Vilaboa e Isabel Martínez. Ao primeiro, que se extrañara porque a exposición da reforma do regulamento facíaa a propia alcaldesa, en vez de Santos Costa , díxolle: “Espero que non lle moleste que interveña eu”.

A todos en xeral tratou de convencelos de que este cambio “non é un capricho, como pretenden facer ver”, senón que nos concellos era habitual que o regulamento da Corporación fose “evolucionando e adaptándose”. Dirixíndose a Muradas, falou de “inmobilismo” e retrucou: “nada é para sempre”.

En alusión a Vilaboa, queixouse de que “aquí o consenso é non ter en conta o equipo de goberno que, co número de concelleiros que temos, deberíasenos ter en conta”, engadiu. Tamén destacou que o PP tiña “outra actitude” cando estaba na oposición, argumentando que agora “parece que o principal debate é que non fale eu”.

Unha das cousas nas que lle hai que dar a razón é que no anterior mandato o ex-alcalde Veiga adoitaba pechar cada punto da orde do día coas súas conclusións; cousa que se lle critica a María Ramallo, sobre todo cando é Pilar Blanco a que actúa como ponente dunha moción do seu grupo e non consinte, por nada do mundo, que María Ramallo diga unha soa palabra máis unha vez que ela remata de falar.

“Recordo cinco alcaldes e sempre se fixo”, expuxo María Ramallo na súa defensa do turno da alcaldía. “Louzán intervén sempre despois de cada diputado e ninguén lle chamou a atención”, engadiu.

Tamén leva razón a alcaldesa cando critica que hai turnos de rogos e preguntas “que ocupan máis que os temas da orde do día”, ao considerar “suficiente” adicarlle 40 minutos a cada asunto.

En canto ás peticións para regular a xunta de voceiros, María Ramallo explicou que “nunca estivo regulada neste Concello nin tampouco noutros do noso contorno” e que “non é obrigatorio”.

E rematou apelando a que a reforma sirva para que o debate no pleno “sexa rico, que non sexa denso, nin excesivamente redundante”. Amén!

Pero Muradas, sempre atento a sacar punta de calquera detalle nimio, en canto viu que a alcaldesa botaba man do vaso de auga para tomar un grolo despois dunha segunda intervención un tanto intensa, espetoulle: “non me estraña que teña sudores”. A súa actitude lembra un lema lúdico-gastronómico: “E para comer, Lugo”. E para ter máis que dicir, Muradas.

“Si viene alguien y se aburre, que busque otros hobbies”, dixo Muradas en alusión ao público.

A xente que asiste aos plenos vai voluntariamente, por suposto. Algúns van mandados polo seu gurú político, ou para seren vistos e facer puntos; non hai máis que velos e escoitar o barullo que fan. Outros vamos para enterarnos -cando menos por riba- do que se coce no Concello; privándonos de estar coa familia e cos amigos un venres pola tarde despois de toda unha semana ao pé do canón. A diferenza dos que -coma Muradas- se permiten o luxo de subestimar a soberanía cidadá -recortando, como fixeron no seu pésimo mandato, a afluencia de público aos plenos e eliminando prazas de asento na época aciaga das protestas contra os micropolígonos-, os veciños non cobramos -nin en metálico, nin en especie- por exercer ese dereito, que xa bastantes poucos nos quedan. Se temos sede levamos a botella de auga da casa, non coma os membros da Corporación, que teñen a un funcionario carretando botellas de auga para que non se deshidraten mentres gastan cuspe máis en vano que outra cousa, segundo os casos. E se de falta de hobbies se trata, quizais habería que suxerirlle algunha a concelleiros de toda a vida que non se dan aparcado da lista electoral para cederlle o posto a xente con máis ideas e menos mala leche.

Da intervención de Muradas non paga a pena contar nada, máis aló dos seus chistes fáciles só polo feito de amosar a que dedica ese tempo precioso pagado xenerosamente co erario público. “No he visto a nadie que le reproche que hable”, díxolle a María Ramallo. Exemplo doutra das súas repetidas abduccións. E mirando para o banco dos populares, advertiulles con ironía: “Ahora la alcaldesa os va a remachar en todos los plenos”.

E como de perdidos ao río, Vilaboa tamén se puxo a falar de barcos: Que o Bng levaba dous anos pedindo o rexistro de facturas, os expedentes, pedindo a que información ten dereito a oposición, criticando que non se convocaba a xunta de voceiros para falar de Acuanorte e da Lei de Costas, e queixándose da “mala educación” dos delegados do PP.

Tamén aproveitou para botarlle en cara que nos dous anos de goberno do PP a alcaldesa se puxera un soldo de 8.000 euros, que sacara os militares a desfilar, que se adicara a ir a procesións, e que, coma na época de Franco, “se eliminen da rúa as persoas que non son do seu agrado”, en alusión á denuncia do Bng de que non se autorizara os peruanos a instalar postos de venda ambulante nas festas.

Vilaboa acusou a María Ramallo de “chantaxe” ao afirmar que o PP accedía a volver introducir as interpelacións no regulamento se a oposición votaba a favor da reforma.

Isabel Martínez Epifanio cuestionou a vontade de consenso do PP “despois de deixar claro nos medios que ían aprobar a reforma si ou si” e defendeu as alegacións feitas pola oposición argumentando que a propia Secretaría do Concello as apoiara porque eran “de sentido común”. A concelleira de Mar-In instou a María Ramallo a ser “máis xenerosa”, partindo da base -moi realistamente- de que “sufría con resignación o imperio do poder maioritario”.

No derradeiro turno de palabra, a alcaldesa precisou que a figura das interpelacións era “pouquísimo utilizada”, que en calquera pleno a oposición podía pedir a comparecencia “de calquera de nós, porque está recollido na normativa” e que Bng, Psoe e Mar-In “poden facer igual” o control ao goberno local. Volveu insistir en que nos plenos que se celebran en Poio, Pontevedra ou Vigo son aínda “máis estrictos” cos tempos. Sobre o tan cuestionado consenso, lamentou que “ou se acepta todo o que di a oposición ou o consenso non é posible”.

Non quixo que as acusacións de Vilaboa quedaran no aire: “Non cobro 8000 euros, o debate sobre o meu soldo non é este, e os señores Santos e Sanmartín cobran igual que cando estaban vostedes. Houbo un só desfile na rúa e aos veciños de Marín gustoulles. Asisto a procesións evanxélicas, católicas, actos da Memoria Histórica e todo ao que se me invite, non coma vostedes. E en cando a persoas que non son de agrado, siga por ese camiño, señor Vilaboa. Aquí estamos para atender a todos os veciños de Marín, esta é a diferenza”.

Na votación da reforma, Bng e Psoe votaron en contra; Mar-In abstívose. O novo regulamento aprobouse cos votos do PP.


Responses

  1. Unha vez mais quero agradecer a Montepituco as súas crónicas dos plenos, e felicitala pola pacencia que amosa, o ben que retrata ós nosos concelleiros e o acerto nas súas críticas.
    De novo, aprecio que Isabel M. Epifanio é a única edil que sabe facer unha oposición constructiva.
    O PSOE sigue na súa línea de “lixeireza mental e vanalidade política”
    O BNG tan impresentable e miserento coma sempre, coa súa tónica de “Fuche tu quen caghou no palleiro”.
    É así como pretenden botar ó PP do poder?.
    En canto ó inefable Muradas gustaríame facer dous cotilleos e espero que non vos pareza mal o meu desliz:
    Cando os investigadores do caso pokemon viñeron ó concello de Marín para pedir documentación de lexislaturas pasadas, Muradas era o único que “andaba dos nervios”. Por que sería?
    En canto ás súas palabras, reflectidas nesta crónica, decindo “Louzán no es santo de mi devoción”, todos opinamos que hai que ver o desagradecido que é este home, pois…Non foi Louzán o home que creou un posto de traballo específico para poder enchufar á filla de Muradas na Deputación? Inda porriba de sinvergonza, desagradecido.
    Vivir para ver.
    Saudiños e parabéns, Montepituco

    • Grazas, nesta semana veremos de darlle o pulo definitivo á redacción desta acta peculiar e particular, antes de que se nos adiante a próxima sesión. Máis que nada para que conste como “memoria” política do que se coce nestas soporíferas e exasperantes xuntanzas. Vivir para ver, totalmente de acordo!

  2. Anímovos a que googledes “louzán – muradas” e observedes. Logo buscade “muradas – pokemon” e observade.

    Agora xa podedes concluir.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: