Publicado por: MontePituco | 13/06/2012

SEGUE MEDRANDO A HERBA DA PAMPA

O pasado mes de abril realizáronse traballos de desbroce a carón do Pornedo, especialmente perceptibles no voluminoso recheo que foi acumulado anos atrás na ladeira do monte a raíz das obras da variante, e que está infestado de herbas da Pampa; unha especie invasiva que foi acaparando terreo de maneira progresiva en toda a zona, sen dúbida, porque a terra que se depositou nese espazo xa viña “contaminada” con raíces e sementes desta planta, que non fixo máis que agromar e irse extendendo.

No artigo titulado “Desbroce da herba da Pampa” dábase conta das advertencias que xa formulaban dende a Mancomunidade de Montes de Pontevedra sobre a ineficacia desa medida -unha simple corta das ramificacións- para a erradicación da planta. Se a intención fora eliminar as herbas da Pampa, os traballos terían que ter sido máis drásticos, actuando individualmente en cada unidade para arrincala totalmente de raíz, o que tería requerido un esforzo maior en medios técnicos e humanos. Pero en contrapartida, o resultado a estas alturas sería practicamente definitivo.

Pasaron dous meses desas labores de desbroce superficial, e as herbas da Pampa xa están agromando outra vez, tan vizosas coma de costume.

Pasará pouco tempo para que volvan medrar e lucir o aspecto xa coñecido, cos seus penachos ceibando milleiros de sementes que seguirán colonizando parcelas de monte que ata agora se viñan librando desta praga foránea. Como xa se ten actuado anteriomente contra a proliferación de árbores e arbustos de mimosa, ogallá a Administración, coa mediación e colaboración da comunidade de montes, puidera implicarse tamén na solución desta problemática, ante o avance crecente desta herba.

E se non, como xa ten acontecido noutros espazos naturais, terán que ser os colectivos veciñais e ambientais -máis organizados e concienciados- os que tomen a iniciativa.

Publicado por: MontePituco | 12/06/2012

E AÍNDA NON RETIRARON OS COLCHÓNS!

A finais do pasado mes atopamos tres colchóns tirados na beira da pista que conduce ao Pornedo. Dos pasos que se deron para notificarlle a incidencia ao Concello de Marín e solicitarlle a un dos responsables municipais a retirada destes materiais, xa se informou cumpridamente no artigo titulado “Colchóns tirados no Monte Pornedo“, o 29 de maio.

Pasaron dous días, un tempo abondo prudencial no que a brigada municipal ben puido terse desprazado ao Pornedo para cargar os colchóns nun vehículo e poñelos a disposición da empresa que se ocupa da recollida e tratamento de refugallos, pero alí seguían. E do mesmo xeito, tamén se deu conta dese retraso no compromiso adquirido dende a Concellería de Medio Rural, ou de Medio Ambiente, en caso de ter delegado unha na outra: “Os colchóns seguen no Pornedo“. 

Pero van aló 15 longos días. Como era de esperar, aos colchóns non lles saíron patas, nin ás, nin motor autopropulsado e, por tanto, seguen no mesmo lugar onde os chimpou algún veciño ou veciña que non entende o significado de palabras como civismo, educación ou decoro.

Coincidindo co pleno municipal do 8 de xuño volvéuselle reiterar a petición aos responsables das concellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente, incidindo nunha circunstancia engadida que xustifica máis aínda a urxencia da actuación da brigada municipal: Cando hai dúas semanas se cursou o primeiro aviso, os colchóns eran perfectamente visibles a certa distancia do punto onde se atopan, dende o propio camiño.

…Debido ao tempo trancorrido, a maleza medrou e xa oculta en boa medida os refugallos. Sería inadmisible que, por deixadez, se acabe consolidando este verquido. Por iso, dende DEFENDE O MONTE PITUCO, ante o desleixo da Comunidade de Montes, que a estas alturas non debe ter nin idea deste feito tan lamentable, volve apelar novamente á sensibilidade do Concello, para que proceda -á maior brevidade posible- a recoller os colchóns, antes de que os devoren os fentos e as silvas, antes de que apodreza e se convirta nun foco de infección, e sobre todo, antes de que sirva de “reclamo” para que outros inimigos do monte vaian botar máis lixo e rematen por converter a pista nun vertedoiro ilegal.

Publicado por: MontePituco | 11/06/2012

AS DÉBEDAS DO CONCELLO DE MARÍN

DEFENDE O MONTE PITUCO aparca por un día a súa habitual liña argumental, a prol da defensa do monte común e da conservación do patrimonio natural, histórico e cultural deste espazo, para adicarlle esta fiestra a unha reportaxe de Carmen Villar publicada no diario Faro de Vigo co titular “Agarra el dinero… y aguanta”, sobre a precaria situación que atravesan empresarios de toda Galicia asfixiados polos impagos das Administracións Locais. Entre eles atópase a responsable dunha empresa de artes gráficas radicada en Marín. A Tania Amado, da Imprenta Logo Tif, o Concello adebédalle varias facturas de febreiro de 2010 e a afectada alude a unha cantidade de 3.000 euros máis IVA, que marcou o principio do afundimento do seu negocio ata o punto de ter que prescindir do seu único empregado. “Non podo sobrevivir sen o diñeiro desa factura”, lamentou Tania Amado, que confía na efectividade do plan gubernamental que permitirá que 179 concellos galegos -entre eles o marinense- poidan poñerse ao día cos seus sufridos e resignados proveedores.

A reflexión é ben simple; basta sacarlle algo de lustre á memoria. Non queda tan lonxe a expresión que fora acuñada na pasada lexislatura pola anterior concelleira de Facenda -quen lembra o seu nome, do desapercibida que pasou?- para dicir que os orzamentos municipais non ían nin para adiante nin para atrás porque estaban en “stand-by”. E mentres, os pequenos e medianos comerciantes, a velas vir, agardando que o Goberno municipal dispuxera as partidas necesarias para xestionar as necesidades da vila.

 

Publicado por: MontePituco | 10/06/2012

PLENO DE XUÑO (I)

A política, esa forma de relación entre grupos sociais que, levada a bo termo, dá froitos positivos para facilitar as condicións de vida da cidadanía, mellorar os servizos existentes e crear outros novos, modelando colectivamente un contorno máis habitable e creando no presente as condicións para que as xeracións vindeiras reciban en herdanza o mellor mundo posible. (Definición de colleita propia).

…Trabúcase quen renega da política, pois son algúns pésimos políticos -e por extensión, pésimas persoas- os que perverten o sistema, traizoan a nosa confianza e devalúan a calidade desa democracia que tanto se vanaglorian de defender coa boca tan chea coma podre. Os plenos municipais do Concello de Marín son un exemplo -por desgraza non o único nin o último- deste estado de decepción permanente no que vivimos os electores. E algo non funciona ben cando na orde do día ten máis peso, en tempo adicado e mais en contidos, o apartado final de rogos e preguntas que os puntos precedentes, nos que se supón que pesamos nunha balanza o resultado da xestión municipal ao longo do mes anterior.

Agora que estamos de cheo no anestesiante ambiente dun Mundial futboleiro, poderíase comparar o apartado de rogos é preguntas coa tanda de penaltis dun partido no que os concelleiros da oposición, uns con máis mala idea e mala fe que outros, se adican a chutarlle balóns a unha alcaldesa-porteira que trata de encaixar os menos goles posibles. Pero os espectadores sentados nas gradas do estadio, ou nos asientos para o público do salón de plenos, non deberían deixarse levar polas xogadas efectistas. Cómpre agardar ao control antidoping, onde os máis deses que fan alarde de ser bos co balón (ou coa palabra), non superan a proba do algodón, sacando a relucir aí a súa inmensa roña moral, a súa absoluta falta de talla política.

O BNG presentou unha moción urxente referente á situación do castro da Subidá, coa queixa de que o Goberno local “por capricho” non lle dera trámite dende a data da súa presentación, o pasado 20 de marzo, e “se metera nun caixón”. Pilar Blanco calificouno como unha mostra da “degradación da democracia interna” do Concello. Todos os grupos votaron a favor da urxencia da moción e a voceira nacionalista leu o texto da proposta.

Explicou Pilar Blanco nese escrito que un dos aspectos do Proxecto Arela é a “difusión e conservación do patrimonio arqueolóxico do Concello”. Aplicando esta máxima ao castro da Subidá, o obxectivo da súa recuperación é “frear o deterioro” que presentaba, adecuar o contorno ao seu uso público e instalarlle elementos informativos, ademais de mellorar a accesibilidade coa creación dunha senda peonil. Pilar Blanco constatou que actualmente o castro xa é accesible e que representa unha “fonte de beneficios” para o Concello. Non obstante, a zona demanda unha “actuación continua” para o seu mantemento. En definitiva, fixo unha defensa desta actuación pola importancia que representa “transmitir o valor deste ben patrimonial”, ao considerar que esta forma de cultura tamén pode contribuir á xeración de emprego.

Relacionado cos restos prehistóricos da Subidá, tamén traeu a colación a situación do centro de recepción de visitantes dos petroglifos de Mogor, do que reclamou o seu remate. Ademais, pediu que se complete a sinalización do castro, para que todos os visitantes que acudan a Marín saiban como chegar, que se habilite unha canteira próxima como aparcamento para vehículos, que se elimine unha praca de cemento que hai preto do acceso ao castro porque rompe a estética do contorno, que se acometan labores de limpeza periódicas e que se realice con persoal “especializado” unha campaña de difusión, argumentando que “hai medios de sobra” para facelo. Para o BNG de Marín, rematou Pilar Blanco, o patrimonio arqueolóxico é “un recurso cultural, social e turístico, de carácter non estacional, para a creación de emprego”.

Visto e oído semellante discurso, un non pode menos que quedar coa boca aberta, cos ollos como pratos e cos oídos distorsionados, na máis absoluta incredulidade, incapaz de darlle creto a un alarde de desfachatez tan descarado e insultante. Porque arrogarse a preocupación pola conservación do patrimonio arqueolóxico marinense, e erixirse en defensor dos vestixios históricos do Concello en aras de obter un rendemento social e económico, carece de toda credibilidade vindo de quen vén: o BNG de Marín, un grupo municipal que -cando tiña responsabilidades de Goberno- NEGOUSE a apoiar unha proposta denominada “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, que engloba un conxunto ben interesante de elementos arqueolóxicos perfectamente acreditados e catalogados pertencentes aos municipios de Marín, Vilaboa e Pontevedra; dos cales os situados no ámbito territorial marinense atópanse, curiosamente, onde o BNG de Marín defende a instalación dun POLÍGONO INDUSTRIAL que arrasaría unha zona privilexiada con todo o seu valor paisaxístico e patrimonial.

Nin Pilar Blanco como ex-concelleira de Medio Ambiente, nin Xosé María Vilaboa como ex-concelleiro de Urbanismo, nin Esther Crespo como ex-concelleira de Cultura, son os máis indicados para lamentarse do fea que queda unha explanada de cemento nos arredores do castro da Subidá cando están a favor de arruinar con asfalto e formigón o contorno do conxunto rupestre do Pornedo, de desafectar toda esa zona -que actualmente está catalogada como Espazo Natural Protexido no ámbito dos Montes do Morrazo- para chantarlle unha morea de naves empresariais.

Negáronse a apoiar a creación dun simple roteiro que puxera en valor estes valiosos petroglifos e nin sequera se dignaron en contestar os escritos cursados pola comisión técnica para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Mais, por riba, Esther Crespo tivo a inmensa insolencia de apuntarse á andaina que se organizou polo Pornedo e por outros puntos do Espazo con motivo dunha actividade do Clube Ciclista de Marín, en abril de 2011.

Coherencia e principios, poucos; electoralismo e demagoxia, a mans cheas. Velaí o dobre raseiro do BNG de Marín para medir o tratamento que merece o patrimonio arqueolóxico marinense. Mogor e Subidá teñen unha importancia innegable e merecen todos os coidados e campañas de difusión que se poidan desenvolver. Pero habendo unha demanda social a prol da recuperación duns gravados rupestres que, como os de Pornedo, Pinal de Caeiro, Sete Camiños ou A Carrasca, atópanse en condicións precarias, é onde se evidencia a verdadeira actitude deste grupo municipal, discriminatoria e sectaria.

Trala exposición de Pilar Blanco, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos Costas, comentou que o Grupo de Goberno está “sensibilizado” con este asunto e anunciou o apoio do PP a esta moción.

A continuación tomou a palabra o voceiro socialista, Francisco Veiga, que contou que recentemente fora pasear ata o castro da Subidá, e mesmo tomara fotos do asentamento, do que destacou a súa “indubidable calidade”, e do que se atreveu a afirmar que é aí onde se atopa “a orixe de Marín”. Remontouse á súa anterior (e sempre añorada) etapa como alcalde para lembrar que o castro estaba delimitado e, aínda que non había sinalización, “víase o que había”. Agora, pola contra, queixouse de que está “cheo de maleza”. Nese sentido, reclamoulle ao Goberno local que actuara para poñer “a disposición da xente de Marín e da xente de fóra un recurso arqueolóxico” tan importante, argumentando que sería “imperdoable” deixalo estragar. Sen deixar de rememorar o tempo no que sostiña o bastón de mando, Veiga recalcou que a intención de recuperar o castro da Subidá era “cambiar o turismo de sol e praia para buscar un turismo que pervivira”, aproveitando que en Marín se conservan vestixios da cultura megalítica.

E dito isto, comezou a patexar coma as galiñas cando extenden o cosco polo chan, presumindo do índice de visitas do ecoparque de Cadro, da construcción do albergue e da creación da ruta BTT; relacionando sen xeito nin dereito estes recursos cos parques arqueolóxicos de Campo Lameiro e Ponte Caldelas. Logo cuestionou que non houbera cartos para completar as obras pendentes e, pola contra, se fora financiar unha concentración motorística sen que a oposición soubera canto se vai gastar”, poñendo esta actuación como exemplo do “secretismo” co que actúa o Goberno local. “E dar a coñecer as orixes de Marín, na Idade de Pedra, deixámolo sen dar a coñecer”, concluíu Veiga.

…Impresionante, señoras e señores. Para mexar e non botar gota. Para picarse cun alfinete e non sangrar. O ex-alcalde de Marín facendo unha defensa exacerbada do patrimonio arqueolóxico marinense do que el mesmo non só é un perfecto ignorante, senón do que ademais deu publicamente mostras reiteradas de DESPREZO, en connivencia cos seus antigos socios de goberno municipal na anterior lexislatura.

Porque o voceiro socialista, mal que lle pese que DEFENDE O MONTE PITUCO llo restregue unha e outra vez, NEGOUSE a visitar os elementos arqueolóxicos -eses que con tanta vehemencia defende agora- situados no Alto do Pornedo. Pasou olimpicamente dos múltiples escritos que, dende DEFENDE O MONTE PITUCO e a comisión do Espazo Sete Camiños, se lle enviaron para que se dignara en coñecer o irrefutable valor patrimonial dun contorno que o Goberno local que el presidía quería converter nunha inmensa chaira de cemento.

Francisco Veiga pasea, cámara de fotos en ristre, polo castro da Subidá, e fai moi ben; pero os petroglifos do Pornedo -que por dereito figuran no Catálogo de Bens de Interese Cultural a carón dos de Mogor, de Campo Lameiro ou de Ponte Caldelas- seica non deben estar á altura do seu elevado nivel de coñecementos en materia de Prehistoria e Arqueoloxía. Os colectivos que vimos reclamando máis atención para os gravados rupestres de Pornedo non recibimos, de parte do señor Veiga, maior resposta que un fugaz rapapolvos malencarado ao pé das escaleiras do Concello e no pasillo da Alcaldía. E logo diso, o máis absoluto silenzo, o desdén. Os seus impolutos zapatos non pisaron endexamais a terra e as pedras milenarias onde historiadores incuestionables como José Torres Martinez sitúan o verdadeiro berce de Marín, San Xian dos Ancourados. Porque é xusto ao pé de conxuntos arqueolóxicos como o de Pornedo, onde habitamos os sucesores daqueles antigos poboadores.

“…Mucho antes pues de usarse el nombre de Marín fue designado nuestro puerto con el de San Giao dos Ancourados, aludiendo a la primitiva entidad parroquial de San Julián, sin duda la más antigua del Término Municipal que comprendía todo el valle sobre el que hoy se asienta la villa…”

[“Pequeña Historia de Marín”, Colección Tambo, 1983: José Torres Martínez. Páx. 129]

A retórica de Francisco Veiga cae en saco roto; non se pode ser máis contraditorio, cínico e falso. Por algo os marinenses lle retiraron a súa confianza e relegaron o seu arqueolóxico traseiro ao banco onde mellor encaixa: o da oposición. Ogallá sexa por moitos anos.

Na súa intervención, a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, advertiulle ao Goberno local que “coa sensibilidade só non vale, que hai que poñerse a elo”, se do que se trata é de manter en boas condicións o castro. Santos Costa respostoulle que o Concello solicitará unha subvención de 55.000 euros á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para traballos de acondicionamento do castro da Subidá. A moción foi aprobada por unanimidade.

Publicado por: MontePituco | 06/06/2012

SOBRE O PROXECTO DO PORTO SECO, NO FARO

Faro de Vigo: “Lores negocia el apoyo de la Xunta a la propuesta de Leborei para la plataforma logística del puerto“.

“…El borrador que se expuso al público a principios de año del plan sectorial de suelos empresariales ya apuntaba a tres opciones para el “puerto seco”: las dos citadas de Tomeza-Bértola y Leborei y otra más en Marín. Todas ellas, según aquel documento, “chocan con dos problemas: la ralentización de la tramitación del planeamiento municipal (que afectaría sobre todo a las dos primeras opciones) y las dificultades de conexión con ferrocarril”, cuestión que se considera prácticamente irresoluble en el caso de Marín, que defiende la opción de Monte Pituco”.

Publicado por: MontePituco | 05/06/2012

DÍA DO MEDIO AMBIENTE INFORMATIVO E REIVINDICATIVO

5 de xuño, Día do Medio Ambiente

“Unha sociedade que decide organizarse sen unha ética mínima, altruísta e respectuosa coa natureza, está a trazar o camiño da súa propia autodestrución”.

Leonardo Boff (Brasil, 1938): teólogo, filósofo, escritor, profesor e ecoloxista.

Actividades de Vaipolorío con motivo do Día do Medio Ambiente.

Movilización convocada pola Plataforma contra as Fumigacións.

Viñeta do debuxante galego Xaquín Marín (ano 1995).

…OUTÓRGAME fértil olor a espiga, sabor extremado

e ardente.

Rógoche ofrenda de humidade e terra, laranxas

caídas, figos

e cipreses, boca entolecida

na frescura.

Entrégame tempos, esporas de fentos

na tardiña,

presaxios de natureza vizosa e ricaz, bandoleiros salvaxes.

Outórgame dondo leito de plumas e folerpas,

mazás de ouro, firmamento lixeiro…

Fragmento dun poema de Lucía Novas (Bueu, 1979)


Publicado por: MontePituco | 04/06/2012

AS BEIRARRÚAS, NA RECTA FINAL

Hai un par de meses, unha lectora do blog DEFENDE O MONTE PITUCO deixou un comentario nun artigo que titulamos “As beirarrúas de San Xulián toman forma“. Referíase á mensaxe que unha veciña de Marín lle transmitiu ao Concello de Marín e á alcaldesa a través dunha rede social:

“Quería preguntar como pode ser que unhas beirarrúas de nova construcción (as de San Xulián) poidan ter barreiras arquitectónicas e así vulnerar a normativa de accesibilidade para persoas con discapacidade. Se visitan as obras poderán observar que entre tramo e tramo de acera non existe unha rampa de baixada/subida; directamente as persoas que viaxen en cadeira de rodas teñen que facer malabares. A Lei 49/2007, no seu artigo 2, establece que se considerará unha infracción administrativa a vulneración do dereito de igualdad de oportunidades, non descriminacion E ACCESIBILIDADE. O Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia tamén regula esta cuestión. Penso que o deber do goberno municipal é esixir que nestas beirarrúas se retiren as barreiras arquitectónicas e así todos os veciños provistos de cadeira de rodas, que son varios, poidan pasear polas rúas de San Xulián sen ter que facer perigar o seu paseo”.

Como veciños desta parroquia, en DEFENDE O MONTE PITUCO vimos facéndolle un seguemento periódico á evolución das obras. As fotos que acompañan este artigo corresponden a esta pasada semana. Nelas pódese observar que, efectivamente, as beirarrúas dispoñen de rebaixes antideslizantes para facilitar a subida e baixada das cadeiras de rodas; así como unha textura e cor diferente no pavimento desas zonas rebaixadas, para facilitar o acceso das persoas con discapacidade visual. O que habería que comprobar é se a altura deses rebaixes non sobrepasa as medidas establecidas no decreto; porque de nada serviría dotar as beirarrúas dunha plataforma de acceso para cadeiras de rodas, se con respecto ao nivel do asfalto hai unha diferenza inasequible para que as persoas con mobilidade reducida poidan subir e baixar con comodidade.

[Preme na imaxe para ampliar]

…Para non pór a venda antes da ferida, quizais sexa oportuno deixar que as obras sigan progresando algo máis. E ir comprobando se o proxecto tamén contempla o asfaltado total ou parcial da estrada ou, en caso negativo, a aplicación de aglomerado adicional alí onde se dispuxeron os rebaixes para salvar o desnivel excesivo entre a beirarrúa e a plataforma viaria. Segundo as previsións da Deputación de Pontevedra, sería a finais deste mes de xuño cando rematarían os traballos, despois de tantos anos de espera por unha infraestrutura que se resistía a facerse realidade.

[Preme “Ler máis” para visualizar o resto das fotografías]

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 03/06/2012

SOBRE OS MENHIRES DO MORRAZO

Xosé Alberte Alonso Fernández señala que el menhir de Currás sí cumple con lo esperable de un calendario, prestando atención a dos ángulos y varias cazoletas -círculos excavados en la roca-. “A clave estaba na dirección leste oeste de cara ao solpor oceánico. Comprobei que, efectivamente, había unha correlación entre o sol e a pedra, cunha concavidade nun ángulo da croa”, explicó Alonso. Si su interpretación es válida, esta pedrafita marcaba los dos equinoccios de otoño y primavera, y los solsticios de verano e invierno. Lo comprobó yendo varias veces al monte y viendo qué pasaba al anochecer: “O sol enfilaba entre as dúas aristas só o 21 de marzo e o 21 de setembro, o resto do ano facíao noutra ubicación da pedra”.

Reportaxe de Marcos Gago en La Voz de Galicia (3 de xuño de 2012).

Publicado por: MontePituco | 02/06/2012

A MARCHA CONTRA ENCE DA APDR

“…Non sabes que nós queremos un monte autóctono e sustentábel, cunha explotación forestal baseada na biodiversidade e no respecto ao medio ambiente; queremos un desenvolvemento forestal que non alimente o abandono do monte, que non axude a prender lumes, que non espalle fumigacións, que non convirta o noso país nun deserto verde”.

Fragmento do manifesto da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra na Marcha contra Celulosas 2012.

[Preme “Ler máis” para ver o álbum de imaxes da Marcha da APDR]

Durante o traxecto dende a Alameda de Pontevedra, en plena autovía, púidose constatar a nova agresión visual que se lle está causando á ría coas obras do tramo final da variante de Marín.

Publicado por: MontePituco | 31/05/2012

OS COLCHÓNS SEGUEN NO PORNEDO

Que mágoa e, sobre todo, que decepción, que estes colchóns sigan tirados na pista do Pornedo a golpe de xoves, tres días despois de ter avisado o Concello -o pasado luns- desta agresión ambiental e de solicitarlle á Administración local a súa retirada. Confiabamos nunha actuación eficaz para evitar que outros desalmados volvan botar máis lixo neste espazo, “aproveitando” a presenza destes residuos voluminosos.

Ogallá a brigada municipal a instancias das Concellerías de Medio Ambiente ou de Medio Rural, saque de aquí este material antes do fin de semana. En caso contrario, será oportuno que DEFENDE O MONTE PITUCO lle notifique esta lamentable incidencia ao Seprona para que se tomen outras medidas, á marxe das consecuencias que poida supoñer para a Comunidade de Montes e o Concello de Marín.

Publicado por: MontePituco | 30/05/2012

O ‘POEMA-RIO DO GAFOS’

“Esta marabilla natural / que abrangue o río dos Gafos / non foi inaugurada por ninguén, / non houbo primeira pedra, / non ten placa conmemorativa. / Pregamentos telúricos, / sedimentos e clima / foron conformando a súa paisaxe maxestuosa: verde, pallosa, castaña, ocre, dourada; / reflectida no seu río de andar preguizoso / e augas cristalinas. / Así se mantivo / dende os seus antigos devanceiros. / Nin romanos nin franceses a turbaron, / mesmo os caciques recuaron / empacados como metoucos de millo pantasmais. / Non a estraguemos agora / que é un pazo de cultura, / un deleite para os ollos / e unha escola para os nosos fillos“.

Gonzalo Sancho: “O val do río Gafos”, no ‘PoemaRio dos Gafos”.

Poemas, acrósticos, artigos xornalísticos, crónicas históricas, apuntamentos etnográficos, impresións e experiencias… A Asociación Vaipolorío vén de presentar unha publicación que contén textos de estilos e  enfoques diversos, co denominador común de ter o río Gafos como protagonista e fonte de inspiración. De Vaipolorío non cómpre presentación ningunha: do prestixio deste colectivo dan boa conta as súas actividades, impulsando dende hai máis de dez anos un intenso e denodado labor a prol da recuperación ambiental deste cauce fluvial, involucrando na súa causa a organizacións sociais e institucións públicas, estudando, catalogando e dando a coñecer a fauna e a flora deste espazo, afondando nos aconteceres do pasado e da veciñanza que, ao longo de xeracións sucesivas, foi habitando nas súas ribeiras.

Este libriño de pouco máis de medio cento de páxinas é outro paso adiante -cun cariz literario e creativo nesta ocasión- na senda certeira coa que Vaipolorío unicamente persegue converter o Gafos nun referente da identidade moderna de Pontevedra, e seguir captando a complicidade da cidadanía na tarefa común de construírmos entre todos un mundo mellor; non en van, cómpre apostar pola acción a nivel local, mais cun pensamento global.

“Foron moitos anos que Pontevedra viviu de costas ao río Gafos…”

Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, no prólogo da obra.

…Tamén os marinenses vivimos moitos anos de costas ao monte. E dun tempo a esta parte é cando algúns nos decatamos de que non podemos prescindir deste espazo, no seu estado natural. Que nada -nin os cartos, nin as promesas de bonanza- compensa a perda irreversible deste patrimonio ambiental, histórico e cultural. Ogallá DEFENDE O MONTE PITUCO teña tantos folgos coma Vaipolorío; un bo espello no que mirarnos, tal como as augas -agora si, cristalinas- do Gafos.

“Aos amigos de Monte Pornedo, que con máis ilusión que medios, VAN CONSEGUIR ETERNIZAR ESE ESPAZO MAXESTUOSO. (Gonzalo Sancho).

Moitas grazas. Ogallá!

Publicado por: MontePituco | 30/05/2012

ESTA TARDE, NA CARBALLEIRA DO GAFOS.

Diversos autores participaron nunha interesante iniciativa literaria: crear versos inspirados no río dos Gafos. A Asociación Vaipolorío presenta o “PoemaRio dos Gafos”. A obra contén tamén artigos e relatos de ficción.

…Lean e andainen…

Publicado por: MontePituco | 29/05/2012

COLCHÓNS TIRADOS NO MONTE PORNEDO

“A necedade é a nai de todos os males”.

Cicerón.

A poucos días de que se celebre o Día Mundial do Medio Ambiente, cómpre volver denunciar outra inexplicable agresión ambiental no Monte Pornedo. Nesta ocasión a mostra da estulticia humana é un verquido de colchóns -tres, para ser exactos- na beira da pista que conduce ao Monte Pornedo, a carón do cruce para chegar ao adefesio de área “recreativa”. E habería que remarcar o carácter incomprensible desta acción, pois cabe preguntarse por que alguén se pode tomar a molestia de cargalos nun vehículo, virse meter ao medio do monte e chimpalos -con non pouco esforzo físico, á vista das dimensións de cada un-, habendo no Concello de Marín e en calquera dos municipios veciños, un servizo de recollida de enseres en desuso: cómodo para o usuario, totamente gratuíto, e respectuoso co medio ambiente.

Concello de Marín: 986 88 03 00 (centraliña)

Vaian por diante un par de preguntas retóricas: onde están os directivos da Comunidade de Montes que, con ter instalado un par de rótulos prohibindo os verquidos de lixo, igual consideran -erroneamente- que poden dar por cumprida a súa obriga de velar polo bo estado do monte? Algún deles pisa máis aló das baldosas da Casa de Montes, aínda que só sexa para comprobar que a montaña, as árbores, as pedras e os regatos seguen aí onde se supón que están?

DEFENDE O MONTE PITUCO solicitou a colaboración do Concello de Marín, a través das Concellerías de Medio Rural ou de Medio Ambiente, na retirada destes colchóns, que non deberían permanecer por máis tempo neste lugar: por hixiene, por imaxe, por prevención. Porque noutra época do ano máis calorosa, este material inflamable representaría un evidente risco de incendios. E porque non se pode consentir que esta falcatruada dea pé a posteriores actos de incivismo: primeiro uns colchóns e á semana seguinte uns cachotes de obra, e á posterior uns mobles vellos, e á outra os restos da limpeza dunha finca…

O pasado mes de setembro as brigadas municipais actuaron -aínda que con certa demora pola ineficacia da Comunidade- para recoller un bidón de grandes dimensións repleto de residuos contaminantes procedentes da limpeza de caldeiras, e que fora abandoado no medio da pista, xusto á mesma altura de onde estes días apareceron os colchóns.

VERQUIDO ALTAMENTE CONTAMINANTE, 26 de setembro de 2011.

TRES DÍAS DESPOIS, 28 de setembro de 2011.

OPERACIÓN BIDÓN, CULMINADA CON ÉXITO, 30 de setembro de 2011.

Afortunadamente, os responsables municipais xa teñen coñecemento do verquido e comprometéronse a mobilizar os seus recursos á maior brevidade posible para pór este material á disposición da empresa que se ocupa do seu axeitado tratamento.

STOP VERQUIDOS nos montes. Non máis BASUREIROS.

Publicado por: MontePituco | 28/05/2012

ROTEIRO POLOS MUÍÑOS DE LOIRA, CON RONSEL

Muíño de Loira.

O Grupo Cultural Ronsel organizou este fin de semana un interesante roteiro polo río Neibó-Loira para dar a coñecer unha parte dos 55 muíños catalogados neste espazo natural, algún cunha antigüidade que se remonta ao século XVIII. O Concello de Marín podería estar moi orgulloso de contar cun valioso patrimonio etnográfico-cultural vencellado ao medio fluvial que, polo descoñecemento da cidadanía -agás un público minoritario-, polo desinterés dos propietarios -afortunadamente non todos- ou a súa incapacidade económica, e pola inacción das Administracións -agora botarán man do argumento da crise para eludir a súa cuota de responsabilidade-, pasa totalmente desapercibido.

Por iso é tan necesario o labor de Ronsel: traballo de campo na recollida de datos, documentación, clasificación do material, xestións a nivel público e privado procurando a restauración e a posta en valor destes bens, promoción social… O traballo é arduo, pero prevalece o sentido do deber e o efecto gratificante de participar nunha causa tan nobre como a defensa da nosa historia, que é tanto como defender a nosa identidade. Dificultades haberá, unhas superables e outras insalvables, que atrancarán o camiño unha e mil veces, pero aí estará sempre o rastro innegable do esforzo por acadar o obxectivo.

Sexan muíños, sexan cruceiros, sexan mámoas e petroglifos, a súa conservación debería estar por riba de intereses particulares e/ou partidistas, se do que se trata é de recuperar un ben colectivo que, por riba xeraría valor engadido, riqueza e dinamismo.

…E comeza a andaina en Loira, na mesma desembocadura do río.

Desembocadura do río Loira.

O muíño de Liña ou de Franco mantense en pé, pero perdeu a súa función como tal, xa que, a raíz dunhas obras no cauce do río, foi privado da canle de auga directa que o alimentaba.

Muíño de Liña.

Aprendemos a diferenciar entre muíños de cubo e muíños de canle: os primeiros dispoñen no exterior dunha estrutura que lles permite acumular auga coa que obteñen a enerxía para o seu funcionamento, mentres que os segundos contan cun rego coa que encauzan a auga ao seu interior.

A carón da estrada están os muíños da Correxedora e de Clemente. Por desgraza, este último está totalmente cuberto pola maleza.

Muíño da Correxedora.

A broza oculta os restos do muíño de Clemente.

Muíño de Vilas.

A seguinte edificación é un perfecto exemplo de respecto á tradición: restaurado por fóra e acondicionado por dentro, o de Vilas permite apreciar como é un muíño de cubo.

Muíño de Vilas.

Muíño de Vilas.

Muíño dos Campos.

...Malia estar cheo de broza, aínda se pode apreciar a canle do muíño dos Campos.

Muíño dos Campos.

…Outros, como o de Garrido, en Seixo, son practicamente inaccesibles.

Restos do muíño de Garrido, Seixo.

Restos do muíño de Xandeira.

Se por algo se caracteriza este tramo do río é pola vexetación exuberante, a base de plantas de ribeira: fentos, hedras, ameneiros… Atopámonos nunha pequena e refrescante Amazonía marinense.

Vexetación frondosa na ribeira do Loira.

Muíño de Xandeira.

Os muíños de Xandeira e de Fixón atópanse neste frondoso treito do río. Un está en ruínas. O outro foi restaurado por integrantes de Ronsel, pero lamentablemente foi destruído pola acción irracional dos vándalos que “arrasaron”, literalmente, con todo o traballo de recuperación arquitectónica.

Muíño de Fixón. Destruído.

Interior do muíño de Fixón.

Muíño de Curxideira.

No interior do muíño da Curxideira gárdanse varias pezas antigas. Que oportuno sería musealizalo, aproveitando que a estrutura atópase en bo estado tras unhas obras de consolidación das paredes.

Pezas de muíño.

Esquema do muíño de cubo da Curxideira. Imaxe do blog de Ronsel.

A comporta estaba atrancada. Imposible avanzar sen mollar os pés.

Interior do muíño de Lenco de Abaixo.

…Atópase en mal estado, pero os integrantes de Ronsel auguran que tal vez se poida restaurar nun futuro máis ou menos próximo se os propietarios se poñen de acordo. Ogallá prosperara a proposta. Din os pescadores que o Loira foi un río moi troiteiro; unha cualidade que se debe, en parte, a que boa parte dos seus muíños estaban operativos. As mellores pezas  podíanse pescar nos remansos próximos: os peixes alimentábanse do gran moído que se coaba na corrente de auga…

Muíño da Ramallosa.

A carón das obras da variante atópase o muíño da Ramallosa.

Esquema do muíño da Ramallosa. Imaxe do blog de Ronsel.

Outro espazo de espectacular beleza é o contorno dos muíños de Maduro, do Buraco e da Potra, na subida cara ás Pedreiras. O muíño de Maduro -o único dos tres que se atopa en bo estado- destaca porque ningún outro en todo este treito posúe tres canles de auga. O de Buraco parece feito aproveitando a forma natural do terreo. Da estrutura queda só o dintel da porta, na que aínda se aprecian as marcas dos canteiros. O da Potra, cuberto pola vexetación, nun lugar extraordinariamente sombrizo, foi tamén vivenda.

Muíño de Maduro.

Muíño de Maduro.

Muíño de Maduro.

Restos do muíño do Buraco.

Restos do muíño da Potra.

Canle do muiño de Sanín.

Chegando á finca dos Evanxélicos de Marín atópase o muíño de Sanín, coa súa longa canle. Xa a carón desta propiedade que a veterana comunidade evanxélica posúe a carón do río, con algunhas árbores pintadas imitando o bosque do artista Agustín Ibarrola, atópase tamén o muíño da Pradeira. Desgrazadamente, non foi aínda restaurado, malia ser un exemplar de muíño ben xeitoso.

Muíño da Pradeira.

E por último nesta visita, o muíño Albeiro: venlle o nome a conto de que a pedra coa que se moía o gran tiña incrustacións brancas; a materia prima probablemente procedera da zona oriental de Galicia. Non en van, neste muíño moían trigo e centeo, e a fariña caracterizaríase por ter unha textura especial.

Muíño Albeiro.

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada,

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada.

AGRADECEMENTOS: Antón Pousada e Xosé Vilas, do Grupo Cultural Ronsel.

MÁIS INFORMACIÓN: Blog de Ronsel, apartado de MUÍÑOS.

Publicado por: MontePituco | 25/05/2012

FOL DE VELENO, ANUARIO DE ANTROPOLOXÍA E HISTORIA Nº2

Temos por diante nestes vindeiros días a lectura das 130 páxinas das que consta a segunda entrega do Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza “Fol de veleno”, editado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cómpre saudar a recente saída do prelo desta publicación que dirixe Rafael Quintía, compañeiro de DEFENDE O MONTE PITUCO na comisión técnica do proxecto para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Colaboran neste número diversos profesionais da arqueoloxía, da historia, da conservación do medio natural, da antropoloxía sociocultural e forense, da socioloxía, da docencia, especialistas en etnografía e mitoloxía, investigadores. Un elenco ben interesante, achegando artigos ben interesantes, tal e como consta no sumario que atopamos no blogue do director, Á sombra de Bouza Panda.

“Cada vez que empezamos un novo proxecto, ou que abrimos unha nova etapa nunha aventura editorial como é publicar unha revista de antropoloxía e historia cómpre facer balance do feito. Cómpre mira-lo pasado, cos pés no presente e a vista no futuro, para saber de onde se ven e onde se quere ir. Para corrixir erros e tentar ir mellorando día a día ata acada-la meta e os propósitos que nos marcamos cando nos lanzamos a esta empresa fascinante pero arriscada. Co paso dos anos un vai aprendendo dos erros e da inexperiencia pero, inevitablemente, tamén vai cometendo novos erros. Velaí a dinámica da aprendizaxe e da mellora continua. Mais, por sorte, os anos tamén van dando novos compañeiros de viaxe, novos folgos e ideas e, asemade, tamén van consolidando fieis apoios e vellas amizades e colaboradores. Así que hoxe é para min unha grande satisfacción inaugurar con este número de Fol de Veleno unha nova etapa desta modesta pero sempre dinámica cabeceira

O anuario “FOL DE VELENO” que hoxe teñen nas súas mans ten a súa orixe na publicación “Fol de Veleno”, un fanzine cultural e de opinión creado e editado polo que aquí escribe aló polo ano 2006. Aquel modesto fanzine que naceu co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno e asequible, ós distintos aspectos da cultura popular galega, así como de ser un foro libre para a crítica social, foi retomado no ano 2010 polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca para transformalo nunha revista de historia e etnografía, o que daría lugar a “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”, cuxo primeiro número saíu á rúa en outubro do 2010. Velaí o pasado, vexamos agora o presente. No ano 2011 a Sociedade Antropolóxica Galega recolle o legado deste proxecto editorial e decide facerse cargo da edición, financiamento e publicación de FOL DE VELENO, mellorando o seu formato, a súa extensión e os seus contidos para reconvertelo no anuario que hoxe presentamos.

“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da etnografía, da arqueoloxía, da historia e da antropoloxía galega poidan expo-las súas achegas e as súas investigacións. Ademais ofrece ós novos investigadores que traballan no eido da descuberta e da recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia unha canle onde publica-los seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ó ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores. Este é pois o futuro, e poden estar ben certos de que os que hoxe compoñemos o equipo editorial desta publicación loitaremos e traballaremos a reo, como ata agora viñemos facendo, para que esta nova etapa deste vello proxecto sexa o máis frutífera posible e cumpra e satisfaga tódalas expectativas que vostedes, amigos lectores, teñen depositadas nela. Non lles roubo máis tempo, pasen páxina pois, e mergúllense sen máis demora na descuberta dos interesantes artigos que lles agardan en “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”.

Editorial de Rafael Quintía no nº 2 do Anuario Fol de Veleno, reproducido no blogue Á Sombra de Bouza Panda.

 

Publicado por: MontePituco | 24/05/2012

QUEIXAS NA MOREIRA CONTRA A COMUNIDADE DE MONTES DE S.XULIÁN

Faro de Vigo: “Vecinos de A Moreira exigen mayor atención de la comunidad de montes”.

Publicado por: MontePituco | 23/05/2012

REPORTAXE SOBRE PEPITO MEIJÓN EN EL PAÍS

Reportaxe de Silvia R. Pontevedra en El País-Galicia: “El hombre que nació 4.000 años tarde“.

“…Era el hombre del saco. Una escultura de brazo fuerte, mate, gris, berroqueña, que se internaba en el monte, o se perdía en las rocas de la playa, buscando siempre las de más allá. Y desaparecía días, a veces bajo un puente o tras el muro del camposanto. Lo único que quería Pepito Meijón era piedra. Piedra para picar, porque solo escribiendo y dibujando en ella con la maceta y el puntero que llevaba siempre en el petate se comunicaba con el mundo”.

“…Pepito Meijón (1899-1980) no hablaba con nadie y murió sin explicarse. Cuentan que hubo un tiempo que asaltaba a las chicas, agazapado bajo uno de sus más importantes lienzos, el puente de la rúa Calzada, cercano a su casa. Pero otro vecino ilustre, Luis Almazán, asegura en un poema colosal que en una ocasión el propio Meijón dijo que “las piedras le habían gastado el falo”. Llegó un momento en que el cincel fue su único sexo, ya no había más apetencias. Y las sació en todas partes. Como un grafitero, pero siendo, como le han dicho, “petroglifero”.

“…Entre sus infinitos elementos cósmicos, sus animales, sus mensajes religiosos, apocalípticos, megalíticos, repetía muchas veces las esvásticas (símbolo primitivo y universal, antes que nazi), y las referencias a Franco y la Falange, no se sabe por qué, porque opinar, de palabra, no opinaba”.

“…Lo llamaban loco, pero 32 años después de su muerte, en Marín aún surgen admiradores de José Meijón Area que se encienden en el debate, que piden respeto para el artista incomprendido y misterioso, que reivindican su espíritu y aseguran que no era un demente, sino un hombre que vino al mundo, por error, 4.000 años después de lo debido”.

O nome de Pepito Meijón volveu estar de actualidade estes días a raíz dun desprendemento de terras a carón do regato de Xesteiras, que deixou ao descuberto unha lousa vertical de pedra gravada con múltiples esvásticas que se lle atribúen ao “petroglifeiro” marinense por antonomasia. Quizais porque daquela se puideron considerar figuras escandalosas, ignorando que a cruz gamada, moito antes que emblema nazi, tivo outros significados benévolos -como por exemplo símbolo indio do Sol-, o caso é que o penedo permanecía tapado baixo toneladas de terra, pedras e vexetación.

DEFENDE O MONTE PITUCO súmase a quen reivindica -de momento máis coa boca pequena que publicamente- o recoñecemento á singularidade deste persoeiro. Noutra localidade, noutra rexión, mesmo noutro país, unha personalidade pintoresca como a de José Meijón tería merecido cando menos un estudo da súa vida e da súa obra, a catalogación do seu legado, e algún tipo de acción de posta en valor como recurso cultural ou mesmo turístico. Pero se por algo se caracteriza Marín é pola falta de iniciativa ou, peor aínda, a ausencia de apoio a quen ten iniciativas. Iniciativas que, ante a desidia, se perden no esquecemento ou, no mellor dos casos, migran a outros territorios máis fértiles onde atopan a receptividade que se lle nega na vila propia.

Non obstante, en DEFENDE O MONTE PITUCO vimos difundindo dende hai xa tempo a proposta -ambiciosa, mais ao mesmo tempo realista- da comisión técnica que impulsa a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: un roteiro que abrangue os concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa, percorrendo diferentes elementos prehistóricos (petroglifos e mámoas) catalogados, vestixios etnográficos e, tamén -porque forman parte do patrimonio contemporáneo- as singulares marcas rupestres que Pepito Meijón -cincel e maceta en ristre- deixou en diferentes partes do monte.

Ogallá esta reportaxe que vén de publicarse en El País tivera a difusión oportuna para xerar máis coñecemento arredor deste veciño que, tolo ou lúcido, deixou literalmente unha pegada imborrable na paisaxe marinense. E ogallá que non caia en saco roto o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que lle brinda a José Meijón o recoñecemento que, por necesade ou ignorancia, lle negan outros.

[MÁIS INFORMACIÓN: “RESPECTO PARA PEPITO MEIJÓN“]

Publicado por: MontePituco | 22/05/2012

22 DE MAIO, DÍA DA BIODIVERSIDADE

Nada pola web da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia, nada pola de Verdegaia, nada pola páxina da Federación Ecoloxista Galega, nin na de Amigos da Terra. Ningunha das principais organizacións ambientais do país celebrou, aínda que fora discretamente, o Día Mundial da Biodiversidade, este 22 de maio.

Mais aquí no Alto do Pornedo seguimos reivindicando a notable valía da fauna e da flora deste espazo, o mérito extraordinario da natureza ao facer deste balcón sobre a ría un lugar privilexiado para gozar do mar e da montaña a un tempo. Por iso cómpren todos os esforzos posibles e imposibles para poñer en valor o patrimonio natural do contorno, onde por riba temos a fortuna de contar con importantes vestixios da Prehistoria que desgrazadamente aínda non reciben a consideración que merecen: descoñecemento? ignorancia? desinterés interesado, máis ben.


No ámbito do Pornedo está un dos valores faunísticos máis importantes -se non o principal- de Marín: a saramaganta rabilonga, á que se unen varias especies de aves rapaces. Hai plantas endémicas. Miradoiros paisaxísticos nos que dá gusto estarricarse para ser un privilexiado espectador do abrente ou do solpór. Quen non teña un ápice de sensibilidade para aprecialo, padece un serio trastorno dos sentidos.

DEFENDE O MONTE PORNEDO!

Os apartados de FLORA e FAUNA aos que se accede no menú superior actualízanse periodicamente con novas achegas de plantas ou criaturas que habitan no Pornedo. A galería de imaxes está aberta á participación das persoas que frecuentan este monte nas súas andainas, cámara en ristre, e queiran enriquecer esta páxina coa súa amable contribución. Construamos entre tod@s un catálogo de biodiversidade. Tamén se agradece a opinión dos expertos en Bioloxía que desexen facer apuntamentos sobre as características destes seres vivos, ou puntualizar a información bibliográfica coa que se acompañan as imaxes. Grazas.

Publicado por: MontePituco | 21/05/2012

…O LOBO A COIDAR DAS OVELLAS?

A incoherencia persoal, ou a comenencia política -dito sexa noutras palabras- depara ás veces situacións insólitas, desas que cando se repara nelas, cómpre fregar os ollos ou peliscar un brazo como xesto de incredulidade. Aconteceu hai uns días en Pontevedra, onde unha representación da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común foi convocada na sé provincial do PSdeG-PSOE para comentar os termos nos que a Xunta está tramitando a nova Lei de Montes de Galicia. Os responsables da Organización xa foran recibidos en Santiago pola executiva nacional do BNG, que lle deu o seu apoio á manifestación do vindeiro 9 de xuño contra esta normativa; una movilización que, finalmente, parece que se vai convocar co lema “Por unha LEI de Montes XUSTA na DEFENSA do monte VECIÑAL”.

…Faltáballes a xuntanza coa dirección dos socialistas a nivel autonómico, pero os misterios das axendas son inescrutables, de xeito que os representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común foron citados finalmente no local da executiva provincial de Pontevedra, onde os seus interlocutores foron a voceira municipal no Concello de Forcarei, Ana Doval, e …ATENCIÓN! o voceiro municipal de Marín e responsable da secretaría provincial de “Economía sostible”, Francisco Veiga, que como “todo o mundo” sabe, é tan “defensor” a ultranza da sostibilidade, que a máxima expresión do seu compromiso coa ecoloxía e o medio ambiente pasa por apoiar a construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, incluido no Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo, nun enclave de máxima intervisilidade ou impacto paisaxístico, en plena fachada litoral.

Quen programara este encontro, unha de dúas: ou tiña un despiste monumental sobre o rol que desempeñou (en pasado) Veiga á fronte da alcaldía marinense en relación á desfeita que pretendía acometer no Alto do Pornedo, ou verdadeiramente non tivo o menor reparo en que se exhibira á vista da opinión pública a doble moral, a hipocresía e a falta de seriedade do político marinense, que agora pretende erixirse no defensor do monte veciñal, cando o único monte veciñal que se preciou de defender foi o Monte Carrasco de Pontevedra, onde a Xunta proxecta construir un novo hospital (se público, ou privado, xa é fariña doutro costal).

Afortunadamente para a Organización Galega de Comunidades de Montes, o PSdeG vai apoiar as reivindicacións deste colectivo para que a nova Lei de Montes “recoñeza os montes veciñais como titularidade comunitaria, protexa e non usurpe os montes veciñais, e permita un monte veciñal multifuncional e sustentable”.

Temos memoria e non esquecemos o desprezo de Veiga, a súa intolerable falta de diálogo con DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo). Mentres el ignoraba as numerosas peticións de entrevista que se lle cursaron e desdeñaba os argumentos incuestionables que se expoñían a prol da conservación deste espazo, outras entidades escoitaron e acabaron apoiando o que -por razón e dereito- tanto se recalcaba. Entre elas, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que hai exactamente DOUS ANOS, deulle o seu respaldo a Defende o Monte Pituco e á comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños en contra do polígono industrial nesta ubicación.

“Que no IV Congreso Galego de Comunidades de Montes celebrado en O Carballiño (Ourense), con datas do 22 ao 23 de maio do ano 2010, foi APROBADA POR UNANIMIDADE unha resolución de APOIO á creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no Concello de Marín, e á CONSERVACIÓN DO MONTE fronte ao proxecto de creación dun polígono industrial nese entorno”.

 Francisco Veiga, o inimigo do Monte Pornedo.

…Aí vén o lobo a coidar das ovellas…

 

Publicado por: MontePituco | 19/05/2012

MANIFESTACIÓN CONTRA A LEI DE MONTES

A Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común convoca, para o vindeiro 9 de xuño en Santiago de Compostela, unha manifestación de protesta contra a Lei de Montes de Galicia, nos termos nos que actualmente está sendo tramitada pola Xunta. A xunta rectora da Organización reúnese hoxe en Pontevedra para iniciar a campaña previa a esta movilización, e que conleva a organización de asembleas informativas en diferentes localidades. Os motivos que se aducen para rexeitar a Lei de Montes son os seguintes:

1.‐ Sitúa os montes veciñais en man común no ámbito das titularidades privadas cando o monte veciñal e unha titularidade comunitaria (nin privada, nin pública).
2.‐ Deixa o monte veciñal fóra de todo tipo de protección diante dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de planificación dos concellos.
3.‐ Define os termos forestal e monte como sinónimos, cando o forestal e só un aspecto do monte.
4.‐ Permite a forestación das terras agrarias.
5.‐ Deixa os concellos como competentes para retirar o gando dos montes veciñais que non estean nin autorizados, nin identificados. Cando, para que esta medida fose eficaz, a retirada do gando tiña que facela a Administración Autonómica.
6.‐ Obriga a investir o 35% de todos os ingresos en mellora do monte, sen ter conta o que define os plans de ordenación de cada monte.
7.‐ Obriga, cada seis meses, a presentar o xustificante destes investimentos, e se nonn se fai, as comunidades de montes son castigadas sen dereito a recibir subvencións.
8.‐ Facilita a usurpación dos montes veciñais a favor das empresas naqueles montes veciñais que non sexan xestionados de forma multifucional, onde a Administración Autonómica e xuíz e parte.
9.‐ Non condona as débedas dos consorcios e dos convenios.
10.‐ A Administración Autonómica deixa de facer os deslindes dos montes veciñais.
11.‐ Non acepta compensacións económicas as comunidades de montes por ser sumidoiros de CO2.
12.‐ Non acepta a implantación dun canon para aquelas servidumes que ten o monte veciñal (tendidos eléctricos e outros), que foron instalados nos monte veciñais antes de que estes fosen devoltos os veciñanza comuneira.
13.‐ Derroga, na practica, a vixente lei de prevención de defensa contra os incendios forestais, sobor de todo no que fai referencia as distancias de seguridade e a de permitir forestar en réxime de monocultivo forestal mais de 50 has.

(Fonte: páxina da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común).

En resume, tres son as principais demandas de cambio na elaboración desta lei:

-Que recoñeza os montes veciñais como titularidade comunitaria.
-Que protexa e non usurpe os montes veciñais.
-Que permita un monte veciñal multifuncional e sustentable.

A manifestación conta co apoio da Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, da que participan a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia ADEGA, a Federación Rural Galega FRUGA, e a Confederación Intersindicar Galega CIG.

MÁIS INFORMACIÓN:

Borrador da Lei de Montes.

Alegacións á Lei de Montes.

Publicado por: MontePituco | 18/05/2012

18 DE MAIO, DÍA DA FASCINACIÓN POLAS PLANTAS

18 de maio de 2012, primeiro Día da Fascinación polas Plantas.

“…As flores se enguedellan.

O Sol perdeu vergoña.

O vento só é un bico

no abalo das corolas…”

Antón Cortizas, de “Nos páramos da lúa” (1996).

Publicado por: MontePituco | 18/05/2012

XORNADA SOBRE DESENVOLVEMENTO RURAL, EN BORA

A Casa de Cultura do Salgueiral, na parroquia pontevedresa de Bora, vai acoller unha xornada de traballo o vindeiro 2 de xuño de 09:30 a 14:15 horas, co lema “O rural que queremos: experiencias e propostas para a súa custodia e posta en valor. Asociacións, empresas e veciños para a dinamización do rural”.

Tal e como explica a páxina de Anias, a empresa de xestión sociocultural que organiza esta sesión, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, o obxectivo é reunir a representantes de diversas iniciativas privadas, sexan con ou sen ánimo de lucro, para que conten e compartan co público a súa experiencia de traballo, encamiñada a “activar e potenciar os recursos económicos e o tecido social do rural”.

Así, as entidades que participarán son: Hifas da Terra, unha empresa de Bora que se adica á produción ecolóxica de cogomelos; Ancares de meu, unha cooperativa que organiza rutas turísticas pola montaña lucense; a Fundación Fragas do Mandeo, que custodia a biodiversidade da bisbarra coruñesa das Mariñas; e o colectivo ecoloxista galego Amigos da Terra.

Son unhas xornadas de balde e abertas ao público, previa inscrición: por email ao enderezo aia@anias.es anotando o nome completo, DNI e teléfono de contacto, ou por teléfono chamando ao número 986 86 45 98.

PROGRAMA DA XORNADA

9:30h. Recepción e acreditación dos participantes á xornada

9:40h. Presentación e apertura das xornadas: Jose Bravo, presidente da Comunidade de Montes do Salgueiral; Bernardo Quinteiro, presidente da Asociación de Veciños do Salgueiral; Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

10h. Presentación de paneis de traballo: as asociacións, as empresas e os veciños. Modera: Jose Bravo

10:05h. Esteban Sinde, director da área de medio ambiente da empresa Hifas da Terra (Bora, Pontevedra).

10:25h. Amigos da TerraCentro de Educación Ambiental As Corcerizas (San Mamede, Ourense).

10:45h. Pausa-café

11:15h. Amelia Amigo, Gertrudis Pardo, Mariló Ramos y Elba González de Ancares de Meu (Cervantes, Lugo).

11:35h. Fernando Bandín, da Fundación Fragas do Mandeo (Oza dos Rios, Betanzos, A Coruña).

11:55h. Conclusión. Rolda de preguntas.

12:15h. Inicio mesas de traballo. Coordina Anias. Creación das mesas de traballo para analizar diversos aspectos traballados durante a xornada co fin de ofrecer un espazo de relación e debate creativo e dinámico.

13:30h. Presentación das conclusións das mesas de traballo e peche da xornada a cargo de Demetrio Gómez.

14:15h Peche da Xornada (Xantar opcional na Taberna A do Bernardino).

Como chegar á Casa de Cultura do Salgueiral:

http://maps.google.es/maps?q=42.426074,-8.573391&num=1&t=h&z=18&vpsrc=6&vps=2&hl=es&abstate=near:actbar-saveto

Publicado por: MontePituco | 17/05/2012

17 DE MAIO: LETRAS & RECICLAXE

Segue campando a burricie no Monte Pornedo e en tantos outros montes convertidos no basureiro da ignorancia e da incultura. Que desbrozas unha finca? Chimpa o cosco na beira da pista. Que fas unhas obras? Arrebola os cascallos polo terraplén. Que fas limpeza na bodega? Bota os sacos co lixo entre a toxeira.

…E xa basta. Temos a sorte de dispoñer de medios e servizos municipais que, de balde, ou a cambio dunha cantidade económica asumible, recollen os materiais de refugallo e deposítanos onde non contaminan nin atascan os regos da auga, onde non afean a paisaxe nin perxudican a ninguén. Non é cuestión de ter máis ou menos sensibilidade co medio ambiente, é un simple xesto de responsabilidade social.

17 de MAIO, Día Mundial da RECICLAXE

Recicla. Reduce. Reutiliza

STOP Verquidos. Máis EDUCACIÓN

“O que todo galego choraría”

 

CHORA, TERRA, TEU PRANTO

das augas, e dos eidos, e dos ares,

as vivas páreas cósmicas da raza,

en mantelo de brétemas envoltas,

que noso fin ao noso orixe ligan.

Deita nas áurias leiras do hourizonte

labradas de solpores e de abrentes,

en adoas de luz a debullarse,

as sementes feridas de túa door.

Arpa de nobres cordas esquecidas,

ceiba teu son no curazón retido,

e fai acordes en total latexo

almas, paxaros, rios e paisaxes...

Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Poema publicado en “Pranto Matricial” (1955).

17 de MAIO, Día das Letras GALEGAS

2012, Valentín PAZ-ANDRADE

Publicado por: MontePituco | 11/05/2012

CURSO DE HORTA ECOLÓXICA

Ata o 23 de maio está aberto o prazo de inscrición -no Rexistro Xeral do Concello ou no Museo Manuel Torres- para o curso de horta ecolóxica que se celebrará no salón de actos da Biblioteca Pública Manuel Pazos, do 28 de maio ao 1 de xuño.

Publicado por: MontePituco | 10/05/2012

A PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO, CONTRA AS FUMIGACIÓNS

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alerta que a nosa bisbarra figura no mapa de fumigacións previsto pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón, e manifesta, nun comunicado, o seu rexeitamento contra esta medida adoptada para combater a praga do gurgullo do eucalipto.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia a campaña de fumigacións masivas de eucalipto con medios aéreos que a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL), na que está integrada ENCE, coa colaboración da transnacional química BASF, outras entidades (Mesa da Madeira, Asociación Forestal de Galicia, PROMAFOZ, Areeiro, Ecología y Espacio SL, Fitoaragón SL…) e a connivencia da Xunta (Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes) pretende levar a cabo por todo o territorio galego e, en especial, por varias zonas do espazo natural dos Montes do Morrazo máis as áreas naturais de Outeiro de Campolongo, Monte Cernello, Montes de Ardán, Monte Penizas, ata os Montes de Lourizán e Salcedo, e o propio LIC da Enseada de San Simón, chegando asimesmo ata as proximidades de varios núcleos de poboación humana a través de dúas áreas circulares que se sobrepoñen de 8 kilómetros de diámetro cada unha delas, denominadas “zonas de tratamento químico”, onde se concentran as masas máis densas e con maior afectación do gurgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus).

O produto denominado Cascade -co que se pretende realizar as fumigacións como método de eliminación do gurgullo- é altamente tóxico para a saúde humana e o medio ambiente porque contén como principio activo o Flufenoxuron, substancia biocida que foi catalogada recentemente como daniña pola Unión Europea, e da que se prohibirá a súa venda a partir do 1 de agosto deste ano.

Esa substancia agrotóxica é persistente e bioacumulable, está detrás da progresiva desaparición das abellas como especie produtora e polinizadora en Galicia, e ten efectos moi negativos no ambiente acuático, afectando dende os insectos ata a fauna insectívora (anfibios, réptiles, aves e mamíferos) dentro da rede trófica.

O espazo natural dos Montes do Morrazo, onde non todo é monocultivos de eucalipto senón que tamén existen carballeiras e sobreirais mesturadas con áreas de monte aberto e matogueira, contén unha biodiversidade faunística moi importante, con especies de interese comunitario protexidas pola Directiva de Aves e Hábitats a nivel europeo, endemismos ibéricos e vulnerables, ou en perigo de extinción.

Nel tamén están os nacementos dos ríos Lameira, Loira, Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, Freixa, Miñouva, Rio Maior e Toimil que, co seu leito e áreas de ribeira, poderíanse ver tamén afectados polas aplicacións masivas do produto.

O Outeiro de Campolongo e o Monte Cernello destacan pola súa importancia entomolóxica e da fauna insectívora.

Os Montes de Ardán destacan pola presenza de varias especies de fauna insectívora endémica e vulnerable.

Os Montes de Lourizán están rodeados por hábitats húmidos de interese comunitario.

Nas proximidades e no fondo da ría de Vigo, tamén resulta afectado o LIC Rede Natura da Enseada de San Simón, de grande importancia ornitolóxica, humidal e mariña, integrado no listado galego de espazos naturais protexidos da Rede Natura.

Tamén se poderían ver afectadas fincas con cultivos e zonas habitadas debido á gran dispersión da poboación humana no Morrazo, posto que un 60% das fumigacións aéreas (poden ser en avión, helicóptero ou por medios terrestres) tamén soen caer fóra e mesmo a kilómetros do seu obxectivo. Neste caso, os núcleos con mais poboación dentro das áreas de fumigación serían os de Marín, San Xulián, Mogor, O Campo, Piñeiro, San Adrián, Santa Cristina de Cobres, Bértola ou Figueirido; e os mais directamente afectados serían os rurais da Pastoriza, Miñán, Silvestre, Allariz, O Pereiro, Pardavila, San Lourenzo, Carballido, Sobreira, Vilar ou Postemirón, perto dos montes e con plantacións de eucaliptos polos seus arredores, que non foron tidos en conta pola cartografía das áreas afectadas. Por proximidade tamén se poderían ver afectados perifericamente os núcleos de Ardán, Seixo, Cela, Meira e Domaio.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo está en contra das fumigacións e denuncia os intereses economicistas, a costa do medio ambiente e da saúde das persoas, por parte da patroal pasteira en colaboración coa transnacional química, entidades madereiras e fitopatolóxicas e a Xunta, pretendendo vender o stock dun produto nocivo, con moratoria de fabricación, e data próxima de prohibición.

Detrás está a continuidade da política de fomento do monocultivo alóctono de eucalipto, responsable da praga do gurgullo, pero tamén da perda de biodiversidade, do cada vez máis patente déficit hídrico do solo, e da propagación de incendios forestais como especie pirófita, feito que sucedeu varias veces dende finais do século pasado ata a nefasta vaga de 2006, pasando polos pequenos focos que se producen ano tras ano e que supoñen, en xeral, unha grave lacra ecolóxica, grandes perdas económicas a nivel produtivo, e gastos económicos adicionais de fondos públicos en materia de extinción de incendios.

E por engadido, esa masa de eucalipto é a que está utilizando ENCE para contaminar a ría de Pontevedra dende hai 50 anos a través da transformación en pasta de papel nas instalacións que a empresa ten enriba das marismas de Lourizán, contravindo a Lei de Costas, a mesma que lle deu de plazo ata o 2018 para desmantelar o complexo do lugar.

Como alternativa, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda a substitución progresiva e paulatina dos monocultivos do eucalipto por plantacións forestais con outras especies que respecten a biodiversidade, seguindo unha reordenación baseada na prevención, na multifuncionalidade e na diversidade produtiva do monte; no seu uso social e cultural, e na solución ao seu abandono actual e, ao mesmo tempo, a xeración de emprego.

Tal día coma hoxe, hai un ano, dábase conta neste blogue da celebración do Día Internacional das Aves. Nesta xornada a efemétide pasou practicamente desapercibida nos medios de comunicación. DEFENDE O MONTE PITUCO quere seguir reivindicando a riqueza da biodiversidade deste enclave natural marinense pola presenza de diversas especies avícolas, especialmente aves rapaces asociadas a espazos abertos, que usan este contorno como lugar de paso na etapa migratoria, ou cando se atopan en fase de dispersión xuvenil.

Nas alegacións presentadas recentemente ao Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, DEFENDE O MONTE PITUCO presentou unha relación das aves identificadas nesta área, a partir dos informes dun experto nesta materia:

-Tartaraña cincenta (Circus pygargus). Visto en paso migracional.

-Curuxa das xunqueiras (Asio flammeus). Visto en paso migracional.

-Lagarteiro (Falco tinnunculus). Visto en dispersión xuvenil.

Tamén existen outras aves rapaces que residen e aniñan no contorno próximo do Monte Pituco durante a primavera e o verán:

-Miñato (Buteo buteo). Residente e nidificante.

-Miñato abelleiro (Pernis apivorus). Estival nidificante.

-Falcón pequeno (Falco subbuteo) Estival nidificante.

-Gabián (Accipiter nisus). Residente e nidificante.

-Avelaiona (Strix aluco). Residente e nidificante.

-Curuxa (Tyto alba). Residente e nidificante.

Sen contar as máis comúns ou habituais da zona, a avifauna do Monte Pituco complétase con estoutras especies de interese:

-Avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus). Estival e nidificante.

-Andoriña dáurica ( Hirundo daurica). Estival e nidificante.

-Abellaruco (Merops apiaster). En paso.

-Ouriolo (Oriolus oriolus). En paso.

O Monte Pornedo é un dos poucos espazos abertos que quedan no termo municipal marinense, unha característica que, unida á súa ubicación estratéxica, no saco da ría e no comezo da península do Morrazo, convérteo nun punto ideal para a observación das aves. A construcción dun parque industrial é incompatible coa presenza da fauna avícola salvaxe: a contaminación acústica, do aire e da auga, que derivaría da urbanización desta área e do tránsito viario, estragaría esta posibilidade de forma irreversible. POLÍGONO NON!

 

 

Publicado por: MontePituco | 08/05/2012

AS BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN TOMAN FORMA

“Las aceras de San Xulián empiezan, tras años de espera, a coger forma con la colocación de las primeras baldosas en el primer tramo. Muros de contención y cierres siguen en construcción”.

(Diario de Pontevedra, por Ángeles Pazos).

Publicado por: MontePituco | 07/05/2012

FUTURA ESCOLA DE PILOTOS EN SAN TOMÉ

San Tomé estrena este verano una escuela de pilotos de motos“.

(Reportaxe de Marcos Gago en La Voz de Galicia, 6 de maio de 2012)

Publicado por: MontePituco | 02/05/2012

AS PINTADAS NAZIS, NA VOZ

Publicado por: MontePituco | 30/04/2012

XESTAS POR MAIO

meigas fóra!

Quizá este laio de quiosque triste e solitário

non chegue á fondura do bosque

que como un sorriso sementamos

no fondo da Praza,

e aboiando cal leve pluma

se perda nas ondas repetidas do vento;

quizá ainda non é quen

de traspasar as murallas invisíbeis

que a técnica máis sofisticada

amaña para cada direción

á que dirixo a miña voz.

Quizá, quizá, quizá…

Xa non sei se a quentura

do aceno e da palabra

pode derreter tanto xelo amoreado nos lousados

ou se as árbores das nosas vidas

poden agromar na primavera

que vos deixastes roubar

—MAIO nace hoxe, mais con tanta choiva

xa o tedes esquecido—.

 Lois Diéguez: “Sete poemas e un maio”

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías